Tempo  16 minutos

Coordenadas 103

Fecha de subida 4 de mayo de 2015

Fecha de realización abril 2015

-
-
188 m
135 m
0
0,2
0,4
0,76 km

Vista 1620 veces, descargada 9 veces

preto de Punxín, Galicia (España)

Esta pequena ruta permítenos visitar unha das estacións de arte rupestre da Idade de Bronce máis interesantes da provincia de Ourense, o petróglifo do Coto. Foi durante o transcurso das obras de construción da autoestrada AP-53 cando se localizou na parroquia de Santa Cruz de Arrabaldo, preto da capital ourensá, este novo xacemento do chamado Grupo Galaico da Arte Rupestre, inédito ata ese intre. Para evitar a súa perda procedeuse ó seu traslado e posterior posta en valor nunha pista de servizo a rentes da autoestrada. Estes traballos incluíron tamén a restauración, realizada pola empresa “Victoria Folgueira Conservación – Restauración” e a sinalización dunha pequena ruta con varios sinais de dirección e dous paneis explicativos. Para acceder á zona deberemos achegarnos ata Santa Cruz de Arrabaldo, unha vez alí colleremos a estrada á antiga estación de ferrocarril. Un quilómetro antes da estación e xusto ó pasar o túnel da autoestrada debemos tomar unha pista de servizo que nos conducirá ó bolo granítico cos gravados. A laxe posúe un amplo repertorio de gravados de tipoloxía xeométrica de gran valor artístico. Os motivos representados son cinco combinacións de círculos concéntricos (dous deles superpostos), círculos simples, un estraño motivo de forma rectangular dividido en catro partes por dúas liñas perpendiculares que se cruzan na parte central, sucos de saída en varias combinacións e multitude de coviñas distribuídas por toda a zona frontal da laxe, moitos delas sobre as propias combinacións de círculos. Cabe subliñar, pola súa singularidade, que as dúas combinacións de círculos concéntricos de maior tamaño, con catro e cinco círculos na parte central e superior da laxe respectivamente, presentan o último círculo de maior anchura recheo con liñas radiais que confiren unha gran plasticidade ós deseños. Estas dúas combinacións teñen tamén sucos de saída que parten dun destes trazos radiais do último círculo. Algúns autores levaron a interpretar estes gravados como posibles calendarios solares e outros sinalan que posúen características antropomorfas, sobre todo o gran motivo central do panel (con formas oculares). Tamén cabe sinalar a adaptación morfolóxica da combinación de círculos situada nun petón na parte inferior da laxe. Os paneis explicativos son sinxelos pero inclúen as características xerais dos gravados e un pequeno calco que facilita ós visitantes á localización dos diferentes motivos. Non obstante, bótase en falta información máis precisa sobre a localización e posición orixinal da laxe. De igual xeito, non entendemos a razón de que o calco non figure na mesma orientación que os diferentes motivos da laxe.
Agardemos que esta pequena referencia contribúa á difusión desta interesante mostra de arte rupestre ó ar libre nunha provincia na que veñen proliferando novos achados nesta última década. Estes rachan coa tradicional visión que sinalaba a escaseza deste tipo de xacementos nesta parte do territorio galego.
  • Foto de ACCESO RUTA PETRÓGLIFO DO COUTO
  • Foto de INICIO RUTA
  • Foto de PARKING
  • Foto de PETRÓGLIFO DO COUTO

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta