Tempo  unha hora 6 minutos

Coordenadas 202

Fecha de subida 18 de agosto de 2016

Fecha de realización agosto 2016

-
-
467 m
426 m
0
0,6
1,1
2,21 km

Vista 617 veces, descargada 16 veces

preto de Verín, Galicia (España)

Verín e San Lázaro conforman unha poboación case dobre, con multitude de casas señoriais e as súas correspondentes labras heráldicas, aderezado con casas vilegas e algún detalle modernista. Un convento, unha igrexa e unha capela completan os monumentos desta vella vila que nace a carón da Vía XIV, a vía romana que une Chaves e Baños de Molgas. Aínda podemos ver ata tres miliarios desa vía empotrados en casas da poboación.

A ruta comeza na vella esquina da Villa Peláez, unha casa con estilo ecléctico, vilega, construída no antiguo solar do convento da Mercé, onde estaba o cemiterio, en 1935. Aí había unha porta da desaparecida muralla. Se seguimos en dirección norte, chegaremos ao lugar onde estaba a porta máis importante da muralla citada, as Portas de Madrid, unha entrada monumental da que non nos queda nada. Baixando por esa rúa, e á vista do castelo de Monterrei, chegaremos a unha praciña onde poderemos observar os restos do Portón do Frade, unha entrada que xa non o é que daba servizo ao convento da Mercé, ainda que hai moitas décadas foi vendida como entrada a un solar para un escaiolista. Dende aquí podemos ver, un pouco máis adiante unha casa en ruínas que conserva unha labra que destaca, como outras, pola presencia da casa dos Acevedo e os Fonseca, de Monterrei. Pero se nos fixamos ben, os cinco números seguintes, aínda que moi modificados, son a mesma casa, o mesmo pazo. E onde remata hoxe hai un edificio moderno que tirou vinte metros máis de fachada dese vello pazo, un dos máis grandes que existiu en Verín.
Seguindo pola rúa da Cruz, desviarémonos para desfrutar da Praza da Mercé, onde se asenta a entrada principal ao convento do mesmo nome. A igrexa ten unha portada barroca, con torre ao estilo Obradoiro, e o convento, cun claustro visitable exquisito, ocupa todo o lateral oriental da praza, tendo hoxe a función de colexio pero que antiguamente foi cárcere e casa do concello. No lateral occidental hai unha boa fieira de casas tradicionais que lle dan a esta praza un bo carácter de conxunto vilego e un aspecto acolledor.
Volvendo pola mesma rúa pola que entramos á praza, cruzaremos a rúa da Cruz para meternos pola rúa do Pozo, abandoando o Verín “señorito” e adentrarnos no Verín “aldeán”. Nesta rúa aínda se conservan, afortunadamente varios exemplos da arquitectura tradicional da comarca, como son os corredores para secar o millo, casas pequenas, baixas, algunhas restauradas e con todo o aspecto de calquera aldea do entorno, ata chegar a praza do Cigarrón, máscara máxica herdada dos nosos antepasados.
Antes da praza do Cigarrón colleremos pola rúa Travesa para saír á Praza Maior, ou Praza de García Barbón, á esquerda, e Praza da Estrela, á dereita. Na praza da Estrela, aínda que pareza o mesmo espacio, non o é, e alí se asentaba a desaparecida capela da Nosa Señora da Estrela, da que ata cantigas populares se fixeron, e que na Idade Media foi a segunda parroquia do núcleo amurallado de Verín. A Praza García Barbón conserva varios exemplos de arquitectura vilega, con galerías no segundo piso, para o inverno, e corredores no primeiro piso, para o verán, con patios extensos nas súas traseiras. Ademais destas casas tamén temos, achegándonos á Rúa Lisa, o Pazo dos Acevedo, hoxe restaurante, onde observamos a súa labra e os seus soportais, os derradeiros da vila, con dereito a cadea... Como ocorre con moitos pazos, o edificio está partido en varias vivendas, e non se conservan da mesma maneira. Na esquina sur deste pazo poderemos observar un gran Miliario (pedra que marcaba as millas romanas), cortado á metade e pegado á columna dos soportais. Dende aquí, se nos fixamos ben, o urbanismo de Verín está marcado por dúas liñas perfectamente orientadas de Norte a Sur, e de Leste a Oeste, o que delata o seu pasado romano, pois ese urbanismo é o propio dun campamento militar (e tamén de varias urbes ou urbs, cidades), que tamén se nota na nada habitual cercanía ao río da poboación, a única de todo o val que está pegada ao Támega (as demais están convenientemente separadas polo risco de inundacións).
Collendo xa cara a rúa Maior, segue a concentración de arquitectura excepcional. Á esquerda da entrada da rúa hai unha casa deseñada polo prestixioso arquitecto Vazquez Gulías, unha sorte de palacete modernista feito en perpiaño, con torre rematada nun cono de tellas de cobre, unha marabilla non sempre valorada. Enfrente desta mesma casa, un pazo do século XV, moi abandonado, con porta carreira e dúas labras á vista, e outras duas na parte traseira. A arquitectura desta rúa é como a da praza, con galería e corredores de categoría, misturándose con restos de vellos pazos renacentistas das familias nobres de Monterrei. Un pouco máis adiante ábrese a rúa para chegar ao lugar da igrexa parroquial, un templo con restos románicos na parte traseira, marcas de canteiro medieval na fachada que non está á vista, e remozada no século XIX por obra de García Barbón. Garda no seu interior xoias como o Cristo da Batallas, do desaparecido convento dos Xesuítas, e feito, supostamente, por Gregorio Montañés e a súa escola. Enfrente da parroquia hai un edificio, hoxe de vivendas, que foi antiguo colexio de monxas, e a carón, o que tradicionalmente se lle chamou sinagoga, pero que non é máis que os restos doutro pazo desaparecido, con gárgolas e xanelas de arco conopial. Debaixo deste edificio atópanse os restos máis señeiros da fundación de Verín polo imperio romano, con dúas insulae, ou edificios de pisos con tendas no seu baixo. Seguindo pola mesma rúa hai tres edificios con labras heráldicas, algún millor conservado que outro, pero que inciden na nobleza desta rúa e os seus antiguos habitantes.
Ao final desta rúa, e no canto de ir directamente ao río, colleremos pola chamada rúa Elle, que nos levará ata a Adega dos Bazales, unha adega tradicional do século XIX, hoxe abandonada, e que está encima dos únicos restos visibles da muralla da vila. Todo o mundo pode ver o Baluarte de Elle, que aínda se conserva a pesares de que estivo a punto de desaparecer pola piqueta debaixo dun edificio moderno. Ese balurte é do século XVIII, pero por detrás, dentro da adega, hai restos moito máis antiguos dun torreón do século X, na época da repoboación do val do Támega por Odoario, e incluso máis adiante aínda se pode ver unha saetera, moi disimulada polos séculos de abandono.
Dende o baluarte podemos ver a actual ponte sobre o Támega, do século XVIII, e que substitúe a outra, medieval que coincidía no lugar do baluarte, uns cen metros máis abaixo da actual. Hoxe a ponte adoece da enfermidade actual do feismo, cheo de cables, ampliada a súa estrutura por cemento e ferros que algún día terán que desaparecer para devolverlle a súa vella dignidade.
En canto pasamos a ponte, adentrámonos no barrio de San Lázaro, un barrio con idiosincrasia propia e diferenciada do resto da vila, ata o punto de que non hai moitos anos todo o mundo dicía que Verín comezaba na ponte, non en San Lázaro. Abandonado por décadas de indolencia e maltrato urbanistico, aínda conserva parte do seu vello esplendor, destacando, principalmente a Casa do Asistente, ou delegado rexio en Verín, hoxe hospital de peregrinos que se atreven a facer o camiño por aquí. Na portada deste pazo hai unha labra espectacular, posiblemente unha das máis grandes e vistosas de toda Galicia, con multitude de detalles que ben poden entreter ao visitante durante bastante tempo. Por debaixo da labra discurre unha canle empedrada que desvía a auga do río cara un muíño, o dos Tresguerras, que está no mesmo barrio, uns 150 metros máis adiante e onde remateremos a ruta. Diante da casa do Asistente érguese a capela de San Lázaro, bonita e pequena, e que ten no seu interior unha das curiosidades máis interesantes de Verín, unha imaxe do Demo encadeado á virxe, e que se saca en procesión en setembro, nas festas do barrio. Diante da capela, un cruceiro moderno, que substitúe a outro que quebrou por unha mala maniobra dun camión. E a carón da capela, outra curiosidade, unha casa indiana, ou de estilo indiano, e que quixo ser a principios do século pasado un hospital, pero que exerceu como tal durante ben pouco tempo. Se subimos ao interior do barrio á dereita da capela, farémolo por unhas escaleiras de pedra que tapan outras escaleiras escavadas no penedo orixinal onde se asenta toda a parte alta do barrio. No alto poderemos ver varias casas con detalles fora de contexto, como columnas trilobuladas, medallóns cunha vaca e outros motivos, unha ménsula cunha escena de Jasón e os Argonautas..., todos son restos do desaparecido convento dos Xesuítas, que quedaba xusto encima do barrio, onde hoxe está o Parador de Turismo. Dende aquí, ademais, teremos unha das vistas máis bonitas e amplas de Verín. Baixando pola rúa, non polas escaleiras, sairemos á parte millor conservada do barrio, con dúas ou tres casas restauradas, rematando o paseo no segundo cruceiro novo do barrio de San Lázaro, xusto enfrente do canellón onde está o muíño citado dos Tresguerras, con labra heráldica, porta arcada e moi ben conservado.
Vila Pelaez
Restos muralla Verín
Lugar da porta monumental Puertas de Madrid, antigua muralla de Verín
Portón do Frade, vella entrada ao predio do convento da Mercé
Vello pazo con blasón de armas, familias de Monterrei, hoxe partido en varias vive.
Praza da Mercé
Vella Academia século XX
Pozo da Rúa do Pozo
Rúa do Pozo, o rural na vila...
Rúa Travesa
Praza da Nosa Señora da Estrela, lugar dunha igrexa desaparecida con ese nome
Praza Maior, con casas vilegas e pazos señoriais.
Pazo dos Acevedo, familia nobre de Monterrei
Pazo modernista do arquitecto Gulías
Miliario romano, cecais marcando o centro do Cardus e Decumanus do campamento militar, orixe de Verín
Pazo século XVIII con restos medievais
Rúa Maior
Restos pazo desaparecido con labra familias nobres Monterrei
Vello colexio de monxas Amor de Dios
Por tradición, sinagoga xudía. Debaixo hai restos de insulae romana
Igrexa parroquial de Verín, inicialmente románica, e reformada no XIX por García Barbón.
Rúa Maior 2
Pazo século XVI con labra de familias Acevedo e Fonseca
Casa vilega de Xesús Taboada Chivite, con capela posterior
Pazo con labra século XVIII
Casa Vilega Ponte
Casa-Adega tradicional
Baluarte muralla século XVII Verín
Ponte século XVIII río Támega, construído polo duque de Alba
Restos século X muralla medieval de Verín, vello torreón con troneira
Miliario romano da vía XIV
Canal do muíño dos Tresguerras
Casa do Asistente, século XVII, hoxe albergue de peregrinos.
Miliario Via XIV partido en dous
Capela de San Lázaro con cruceiro
Casa de estilo indiano, vello hospital
Vellas escaleiras barrio de San Lázaro
Casa con columnas lobuladas e outros restos do vello colexio dos Xesuítas, hoxe parador de turismo
Camiño Real, vella calzada medieval que leva ata Monterrei
Vistas de Verín
Máis restos do Colexio Xesuíta, escea do Vellocino de Ouro
Ruínas esmorecidas
Casa vilega San Lázaro
Muíño de Tresguerras con labra heráldica

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta