-
-
304 m
-10 m
0
16
33
65,5 km

Vista 1099 veces, descargada 35 veces

preto de Visma, Galicia (España)

Sáimos de ruta cun fermoso día de verán o 27 de agosto do 2016. Desde Coruña collimos todo o paseo ata Bens, desde onde nos incorporamos á carretera dirección Rañobre. Baixamos a Sabón, onde xa se pode seguir de novo por paseo e carril bici ata a praia de Barrañán. Unha vez alí saímos polas pistas do Sisalde, seguindo a ruta marcada ata Monteagudo.

Comeza alí a ascensión máis forte, ata o alto de Lendo. Nós tiñamos a idea de subir desde o lugar de Larín, mais xusto antes de chegar, por pistas, hai que ter coidado porque hai unha zona moi mal conservada, con demasiadas silvas e ortigas onde o paso é moi complexo. Recomendamos intentar unha aproximación distinta a esa pista, por outro lugar cercano. Despois de Larín a subida ata o alto é moi fermosa, con moi boas vistas do val de Laracha cara un lado, e a espectacular praia de Razo cara o outro. Xa preto do alto, paga a pena abrir unha sebe de pastor que está pechada (lembrade sempre volvela pechar) e subir ata o monolito que indica o punto máis alto, onde tivemos a sorte de ser acompañados por uns cabalos tranquilos.

Desde o alto de Lendo comeza o descenso ata Caión. Nós acercámonos a un outro alto preto de Corteo, onde se alza un xerador eólico. O alto ten un lugar privilexiado pero as vistas non son demasiado boas pola broza e as árbores baixas que están xusto no mirador. Hai unha baixada de descenso recto a Corteo e desde alí seguindo pistas e un tramo de estrada, chégase ata Caión polo Outeiro, desde onde se pode sacar unha boa foto da vila xunto a ermita dos Milagres.

Pola hora que era aproveitamos para comer unha ración de polbo e outra de raxo na terraza dunha agradable cantina xusto na praza de Caión. Unha vez repostas as forzas empredimos a volta de novo cara Coruña, desta vez en liña recta, subindo ata Alvite, e desde alí baixando ao Sorrizo polas pistas dos piñeiros do mar. Xa estábamos de novo xunto a Barrañán onde o itinerario foi o mesmo que na ida ata a chegada a Coruña, pero en sentido inverso.

2 comentarios

  • Foto de pvmllaneza

    pvmllaneza 03-ene-2019

    He realizado esta ruta  verificado  ver detalle

    La ruta está muy bien, el entorno es maravilloso pero hay caminos que a día de hoy son intransitables.

  • Foto de DonRodicio

    DonRodicio 06-mar-2019

    Xa cando a fixemos nós había unha parte complicada, xusto na subida ao monte Lendo, como indicaba no texto. Fóra dese sitio en particular, a maior parte das pistas creo que siguen en bo estado a dia de hoxe.

    Grazas por comentar!

Si quieres, puedes o esta ruta