Dificultade técnica   Moderado

Tempo  unha hora 33 minutos

Coordenadas 794

Fecha de subida 31 de octubre de 2016

Fecha de realización agosto 2016

-
-
245 m
11 m
0
2,6
5,2
10,33 km

Vista 716 veces, descargada 3 veces

preto de Xuño, Galicia (España)

Paseo en bici dende o camping Faga Balada (Xuño, Porto do Son) até o cumio do monte Tahume, un miradoiro único sobre a costa e moito máis.
Dado que non hai máis remedio que rodear a lagoa de Xuño e a de Muro, saímos por un camiño de terra que nos leva a estrada que vai de Xuño a Corrubedo por Seráns, desviándonos cara á praia para seguir as pasarelas de madeira sempre que sexa posible, combinadas con algunha pista de terra e mesmo algún paso no que pode ser recomendábel botar o pé á terra polo estreito do camiño e a abundancia de pedras moi irregulares.
O paseo de madeira é ben agradábel, cómodo para circular coa bici e transcorre paralelo á costa, separado do mar polas dunas. Dende pouco antes da praia de Seráns, o mar faise totalmente visíbel dende o paseo. Superada a cetaria chegamos á fermosa praia de Espiñeirido. Subimos de novo cara á estrada polo bar Paraíso e, unha vez na xeral volvemos cara atrás algo menos dun quilómetro até o indicador, perfectamente visíbel, da capela de san Bieito, onde comezamos a ascensión ao Tahume.
A subida é curta pero concentrada. Ten algún tramo de desnivel considerable, sobre todo ao pasar a capela e nos últimos seiscentos metros. Sálvase un desnivel de 200 metros en menos de 1,5 km. Trescentos metros despois da capela e a uns oitocentos do cumio, onda o cruzamento, temos un relanzo que nos permite coller folgos antes de afrontar a subida final.
A vista dende o cumio é realmente espectacular. Deixamos a bici onde remata o asfalto, ao pé da antena, e accedemos a pé ao cume. Cara ao mar, contemplamos Fisterra, o monte Louro, as praias das Furnas, de Areas Longas (Xuño e Basoñas), Seráns e Espiñeirido, a península de Corrubedo, as dunas e a enseada, Sálvora e Ons, as Cíes e cabo Silleiro... e fixándonos nos perfís dos montes enxergamos mesmo a serra da Groba e o Galiñeiro. Por suposto, moi próxima a nós e cara ao leste, a Curota (os Forcados).
Pero este fermoso monte tamén ten a súa historia, hoxe en día agachada ou desfeita.
Actualmente preside o monte, e é ben visíbel dende os arredores, unha grande antena de Seguridade Marítima. O que había aquí antes disto non é coñecido por moita xente. Eu, dende logo, quedei abraiado e, sobre todo, indignado, unha vez máis, cando dei coa información que comparte Manuel Gago no seu blog e que vos reproduzo a seguir
(http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2006/12/25/como-se-borra-o-pasado-o-castro-do-monte-taume/):
"O monte Taume, ou monte de San Bieito, ou Tombo Maior -dos tres xeitos se coñece a este lugar- ten un dos miradoiros máis espectaculares do Barbanza, sobre a metade norte da comarca. O monte está moi ben sinalizado para sendeirismo, e no miradoiro atópase un panel panorámico que permite identificar a fermosura da costa e das montañas. Pero non se dí nada do que hai uns metros máis arriba. Esta antena de Seguridade Marítima foi levantada, a principios dos 90, sobre un castro de dúas murallas que sobreviviu as condicións estremas deste lugar dous mil anos. Segundo as lendas que se contaban na veciña aldea de Olveira, recollidas por Xerardo Agrafoxo, os mouros marcharan do castro tras unha cruenta sucesión de guerras polo territorio, deixando un tesouro soterrado. O Estado encargouse de rematar a faena.
Saltándose as propias leis que crea, a Administración, a través do Ministerio de Fomento (de aquela Obras Públicas), destrozou este castro e o do Monte Enxa para as actuacións relacionadas co sistema de Vixilancia Marítima. Por suposto, non se fixeron as preceptivas excavacións arqueolóxicas. A salvaxada estatal fíxose de aquela co silenzo responsábel das administracións locais, os veciños, as asociacións da zona, a Xunta, o cal fai aínda máis desesperante o caso. Busquei os restos do desastre con pesar, e pouco atopei entre a elevada toxeira. Estes cachotes de mampostería dunha das dúas murallas que existían foron arrombados pola plataforma das antenas. E nin unha soa referencia na información turística do lugar. O lugar desapareceu para sempre."
Camping Fraga Balada
  • Foto de Praia de Espiñeirido
  • Foto de Praia de Espiñeirido
  • Foto de Praia de Espiñeirido
  • Foto de Praia de Espiñeirido
  • Foto de Monte Tahume
  • Foto de Monte Tahume
  • Foto de Monte Tahume
  • Foto de Monte Tahume
  • Foto de Monte Tahume
  • Foto de Monte Tahume
Cumio do monte Tahume

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta