Tempo  2 horas 35 minutos

Coordenadas 452

Fecha de subida 26 de noviembre de 2018

Fecha de realización noviembre 2018

-
-
276 m
7 m
0
6,6
13
26,59 km

Vista 70 veces, descargada 4 veces

preto de Verdeal, Galicia (España)

Atende aos lugares e obras máis notables de época medieval existentes no municipio, se ben a descrición que deles damos non se cingue soamente ao momento de fundación nin, tan sequera, ao período exclusivamente medieval; os comentarios fan un percorrido histórico e formal da peza ata o momento actual. A ruta proposta deixa fóra dúas pezas de interese, ambas situadas na Serra do Galiñeiro, para desa forma obter un trazado máis claro e coherente na parte baixa do municipio. Son, citadas de norte a sur: A Fortaleza do Galiñeiro e A Sepultura. Tamén algún petróglifo que determinados autores colocan nos séculos iniciais da nosa era e varios camiños.
Durante o percorrido daremos con varios puntos de posible abastecemento.
Waypoint

Recinto de Feira da Doce

Os primeiros datos da celebración desta feira danos os historiadores Carmen Pallares e Ermelindo Portela, os cales a sitúan na segunda metade do século XIII. O topónimo conservado, Feira da Doce, indícanos o día de celebración mensual, polo menos na súa última etapa. Hoxe o antigo recinto preséntase borroso e perdeu case todos os trazos identificativos. Só unha cruz sobre os muros do que a tradición popular di foi unha das casas das que en tempos deu fronte ao recinto e os restos dun peto de ánimas diante dunha edificación á que os veciños atribúen funcións públicas durante un tempo son vestixios da axuda e protección que como tantas veces os feirantes crentes buscaban no máis alá. A tradición memorística das xentes do lugar estende o recinto da feira ata un primeiro socalco de terreo emprazado a poñente, ocupado na actualidade por unha indescritible edificación. Esta feira a partir do XIX pasa á praza da Paradela, na vila, e posteriormente ao recinto de Secas ata que desaparece. Neste lugar é onde se funden o camiño real de Tui a Baiona co comercial que chegaba dende Tebra e as antigas terras de Riba de Miño, fragmento do medieval que proveniente de Portugal se coñece hoxe como da Nosa Señora do Norte; uns centos de metros despois os devanditos camiños vólvense separar na máis recente interpretación destes. A historiadora Elisa Ferreira fainos coincidir ata A Ponte de Mañufe.
Ponte

Ponte Alta da Paradela

O trazado peraltado e as marcas de canteiro que aínda conserva poderían indicar unha orixe baixo medieval, algo que non obstante parece querer desmentir a presenza e estereotomía da fábrica pétrea, aínda que isto tamén pode ser consecuencia dalgunha reconstrución. A día de hoxe non existen datos definitivos. Está constatada a súa existencia no XVII, cabendo a posibilidade, pode que remota, de que fose construída na primeira década do século cando Diego Sarmiento de Acuña constrúe a Porta do Sol e os tramos de vía necesarios para conectala cos camiños existentes. Tamén se coñece como A Ponte das Ánimas debido ao monumento de exaltación do purgatorio instalado sobre ela posiblemente a finais do XVIII ou principios do XIX, antes da apertura da PO-340 cando loxicamente empeza a perder uso. É de moito interese etnográfico o paso de pedra elevado sobre a zona inundable da beira norte do río para o paso de persoas.
Arquitectura religiosa

Igrexa de San Miguel de Peitieiros.

No interior localízanse varios perpiaños con marcas de canteiro que poderían ser testemuño dunha procedencia medieval, se ben é certo que este tipo de marcado do traballo en pedra se seguiu utilizando, con símbolos máis sinxelos e máis xeométricos, durante parte da Idade Moderna. Tamén na reconstruída portada principal existen restos románicos de orixe incerta. Antes da reconstrución, alá polos anos corenta do século pasado, a fachada, seguramente outra reconstrución do XIX, rematada en dobre espadana, tiña como porta un sinxelo paso rectangular sen o máis mínimo vestixio románico; logo, entra dentro do posible pensar que estes restos puidesen proceder de material almacenado a raíz dalgunha reforma anterior, quizais esa do XIX, reafirmando deste xeito a orixe medieval do templo; algún autor sitúao no XII. Aínda así, fontes orais da parroquia atribúen estes restos á portada da ermida de Santa María do Crasto, que en tempos parece existiu no Curuto, lugar que visitaremos nesta ruta; nada hai confirmado pero a dimensión das arquivoltas parece excesiva para a portada dunha pequena ermida. Outras fontes asignan esa mesma procedencia á peza que cobre o tímpano da actual portada, unha representación do Calvario con Cristo crucificado no centro e a Virxe e San Xoán nos extremos. En todo caso, unha parte importante da fábrica da actual igrexa, entre as que se contan as capelas do cruceiro e a maior coas súas bóvedas graníticas, é de traza barroca, pode que do XVIII conservando tamén no interior manifestacións artísticas dese período, das cales a cruz procesional, restaurada en 1742, e o retablo da Virxe do Carme son as de maior categoría. É destacable a solución dada á capela maior ou ábsida, con máis altura que a nave e tamén cun bo traballo de cantería, que dalgún xeito a emparenta coa igrexa de Mañufe. As cornixas dos brazos do cruceiro e da ábsida son todas distintas, circunstancia que debe entenderse como correspondente a distintas etapas de construción. A torre e campanario corresponden á reconstrución da fachada que unha galerna obrigou a realizar no XX.
Waypoint

Restos da necrópole medieval de Santiago

A actual parroquial, do XIX, ocupa o lugar de maior altura do barrio da Pedra na parroquia de Santiago de Morgadáns. Existe documentación que acredita a existencia doutro templo no mesmo lugar no século XII do que nada queda. Non obstante, aos pés do muro que pecha o cemiterio pre hixienista que rodea a parroquial, polo lateral de nacente, consérvanse restos de tres laudas procedentes do desaparecido cemiterio medieval. Unha delas, cunha cruz de Malta inscrita nun círculo gravada nunha das caras, atópase arrimada ao muro coa base parcialmente embebida na soleira de formigón do recinto de festas. Os demais restos, colocados en horizontal, forman parte do recheo baixo as escaleiras que a carón da anterior dan acceso ao adro dende o Camiño da Misa, de probable orixe medieval segundo a historiadora Elisa Ferreira.
Waypoint

Restos arqueolóxicos do castelo de Morgadáns.

Ao pé do Coto do Abade, pola cara sur, emprázanse as ruínas da antiga reitoral da parroquia. No cume existen restos arqueolóxicos do asentamento do medieval castelo rochedo de Morgadáns; só uns desbastes na rocha natural para asento dos desaparecidos muros. As vistas e o control territorial son de consideración. Ás terras deste castelo faise alusión en dous documentos dos séculos XII e XIII. Este coto sitúase na actual parroquia de Chaín, que nos séculos citados estaba integrada ou baixo xurisdición de Morgadáns.
Arquitectura religiosa

Igrexa de Santa Mariña de Vincios.

A edificación actual componse de tres partes: nave, ábsida e sancristía. A nave é a que conserva a totalidade dos restos románicos. Trátase dunha caixa de finais do século XII, ou quizais principios do XIII, de planta rectangular, á que en orixe se accedía por tres portadas situadas a norte, sur e poñente. Esta última é a principal, resolta mediante tres arquivoltas para arco de medio punto apoiadas sobre xambas rectas. Non existe a máis mínima decoración. Os accesos laterais, iguais entre si, redúcense a un oco rectangular ao exterior, rematado en arco de medio punto ao interior. Na parte alta da nave, nos muros norte e sur, consérvanse dúas seteiras de total austeridade resoltas con derramo interior. É posible que en ambos os dous muros se perdesen outras dúas como consecuencia de apertura, no século XIX, de respectivos ocos de maior tamaño aínda conservados. No muro piñón, sobre o arco triunfal, puido existir outra, segundo parece indicar o tapiado exterior. A nave remata en cuberta con estrutura de madeira asentada sobre cornixa en chafrán que descansa sobre liñas de canzorros a norte e sur, todos, agás dous, exentos de decoración e con forma de proa de barco. No vértice do muro piñón consérvase a cruz antefixa románica. A ábsida, parcialmente baixo terra, constrúese, pode que substituíndo a deteriorada románica, a mediados do século XVI por mandato do bispo Diego de Torquemada na visita pastoral que efectúa en 1567. Era entón párroco Gonzalo de Cortiñas cuxo apelido, e a data de remate (1568), quedaron gravados baixo un dos arcos faixóns ou perpiaño que sustentan a bóveda. Presenta planta rectangular e cuberta a dúas augas. O terceiro corpo, a sancristía, foi engadido no século XVIII en estilo barroco. Na primeira década do novo milenio leváronse a cabo obras de rehabilitación tuteladas pola Comisión de Patrimonio a consecuencia das cales, e doutras iniciadas en 1993, descubríronse e se restauraron as pinturas murais que cobren o cabeceiro da ábsida, unha representación de Cristo na Cruz sobre unha Última Cea, que viñeron completar ás atopadas sobre o arco triunfal, unha representación de Cristo Resucitado.
Ponte

Ponte de Guisande.

Xa existía a principio do século XV; cítase nun foro de 1419 respecto dunha herdade próxima a el e ao "rio de Vinzios". Elisa Ferreira fai pasar por este un camiño medieval que une Parada de Miñor con Santa Mariña de Vincios. Trátase dunha ponte alintelada, de tres tramos, emprazada uns metros ao norte da que actualmente está en uso, conformada a base de cepas de granito, con enganche superior para o taboleiro río abaixo, sobre as que descansan lousas do mesmo material. Ten as seguintes medidas: un taboleiro de rodadura formado por 16 lousas (dúas delas repostas) cun longo total de 6,00 m. e un ancho de 2,80 m. A altura sobre o leito do río é de 1,80 m. Actualmente está en desuso o cal implica descoido para o monumento e para o correspondente tramo de camiño. A mellor época do ano para contemplalo é o verán.
Waypoint

Arte rupestre en Xián

O mesmo camiño citado no punto anterior pasa aos pés do poboado fortificado de Xián. Trátase dun castro de magníficas defensas naturais a excepción da vertente norte, por onde seguramente estaría a entrada a unha primeira terraza reforzada por muralla. Dende esta accedíase á acrópole. As medidas totais aproximadas son 85 m. para o eixe norte-sur e 60 para o leste-oeste. Actualmente está invadido pola vexetación. Pero o motivo polo que o incluímos nesta ruta non é a súa esencia de poboado fortificado aínda que estivese habitado ata o medievo segundo apuntan Cuñarro e Costas Goberna, senón algúns dos gravados que aparecen na acrópole. Concretamente aqueles petróglifos horizontais formados por un cadrado que inscribe a un segundo e este a un terceiro dos cales o de maior tamaño alcanza os 30 cm. de lado. Os tres van unidos entre si por sucos a través dos vértices e dos centros dos lados. A criterio dos arqueólogos, o trazo en V dos sucos testifica pouca antigüidade. Sobre este particular volven Goberna e Fernández Pintos tempo despois. Ao seu entender puidera tratarse de taboleiros de xogo relacionados con variantes do grego e romano "alquerque de nove" ou xogo do muíño, recollido posteriormente no Libro dos Xogos de Afonso X O Sabio.
Waypoint

Fundas de Sarmento

No monte O Picoto mantéñense os topónimos "fundas" e "covas", que substitúen o medieval "grovam" citado nun documento do século XII. Os tres son indicio de transformacións artificiais na topografía do lugar. Estes pronunciados cortes na terra e depresións, aos pés da Mourisca, son vestixios conservados dunha mina romana a ceo aberto en busca de ouro, catalogada en 1997, que segundo o investigador Gustavo Pascual Hermida puido estar en activo ata o Baixo Medievo. O mesmo autor sitúa un castro mineiro na zona, o cal, sendo contemporáneo á explotación, sería o asentamento poboacional máis antigo próximo á vila. Un dos topónimos completos conservados na zona é o que dá título a este apartado.
Ponte

Ponte de Mañufe sobre o Río Miñor.

Foi levantada en 1140, segundo inscrición existente nun dos perpiaños dun chantón, e posiblemente parcialmente reconstruída con posterioridade. A primeira, segundo recolle a publicación "As pontes históricas de Galicia" asinada por tres enxeñeiros de camiños, puido ocupar o lugar doutra anterior de orixe romana. Esta tese tamén a defende a profesora Ferreira. É a máis antiga das conservadas no Val de Miñor. A obra ten unha lonxitude total de 42 m. e un ancho de plataforma de 3,20 m., salvando o río Miñor mediante tres bóvedas de medio punto e, segundo parece, dous ocos alintelados hoxe tapados. Como é habitual en toda ponte medieval, presenta perfil en lombo de asno, neste caso algo modificado por algunha intervención posiblemente da Idade Moderna, e na fábrica aparecen numerosas marcas de canteiro. Augas arriba, presenta tallamares en mal estado e algún antigo peitoril incrustado na fábrica. Sobre esta ponte, desvirtuada por unhas obras proxectadas pola Deputación Provincial na década dos sesenta do século pasado, que agora está previsto restaurar, pasa o Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago despois de separarse do central en Barcelos, ao que volve en Redondela.
Waypoint

Casa Forte de Moldes

A súa antigüidade remóntase ao século XIV, conservando numerosas "marcas de canteiro" na fábrica. Foi fundada polos Suárez de Deza, segundo testemuña o escudo de armas da fachada norte. Este brasón só se diferenza do da Torre de Tebra, no municipio de Tomiño, en que unha das flores de lis está substituída por unha cruz de Calatrava, quizais por pertencer a esa Orde o fundador. Álvaro Suárez de Deza, instaurador do morgado de Tebra, fixo constar no seu testamento, en 1566, que era propietario do couto de Moldes. Esta casa xa tiña convertida en leñeiro a antiga capela de san Brais no ano 1951. A tradición popular di que a devandita capela en tempos foi sede dunha antiga romaxe parroquial en conmemoración do mencionado santo cuxa procesión conmemorativa baixaba ata o cruceiro de Piquetes. Nas décadas finais do XX devolvéuselle o uso ao recinto, aínda ben só sexa como lugar de recollemento e meditación familiar. Un recinto que aínda conserva secuelas dos cambios a que foi sometido ao longo do tempo nos ocos de iluminación. A edificación principal, de planta rectangular, dúas alturas e localización dominante sobre o val, na segunda metade do século XX, foi baleirada e adecuada aos usos e necesidades do momento, para o cal a súa fábrica viuse sometida a modificacións hoxe dificilmente entendibles como pode ser a reconstrución case integral da fachada sur.
Arquitectura religiosa

Igrexa monástica de Santa Baia das Donas

É o único que se conserva do mosteiro fundado a mediados do século XII e abandonado a finais do XV, cando as monxas da orde beneditina se concentran en San Paio de Antealtares, en Compostela. Este mosteiro foi o que deu topónimo ao barrio e a súa condición feminina á parroquia. A primitiva igrexa foi de planta rectangular, dunha nave, con ábsida tamén rectangular. Logo, co paso do tempo, sufriría adicións. A nave en orixe tiña tres accesos: o principal e dous secundarios máis sinxelos e pequenos, actualmente tapiados, de probable comunicación co resto de dependencias do mosteiro na fachada meridional. Así mesmo, posuía seis ventás tipo seteira das que só se conservan cinco. Todas presentan derramo ao interior e rematan en arco de medio punto en aresta viva que apoia en dúas columnas cilíndricas monolíticas e lisas. Estas posúen bases de perfil ático, con poutas, e capiteis decorados con vexetación diversa agás tres historiados. Tamén a ábsida está dotada de iluminación natural a través doutras dúas seteiras en orixe similares ás anteriores, que non manteñen a proposta inicial. Ambas as dúas están entre senllas columnas entregas sobre as que descargan dous arcos faixóns ou perpiaños. Os capiteis correspondentes ao par occidental están barbaramente rasurados en tanto os dous orientais manteñen escultura historiada. No do norte aprécianse catro figuras que de esquerda a dereita poden describirse do xeito seguinte: un personaxe sentado cun libro aberto, outros dos personaxes, quizais tamén sentados, agarrando algo conxuntamente ou agarrándose entre si e, o último, un anxo coas ás abertas ao tempo que fai unha xenuflexión. O do sur presenta outras catro figuras: no centro aparece a Virxe co Neno no brazo esquerdo en tanto co dereito efectúa acción de bendicir, xesto que repite o neno; a ambos os lados cadansúa figura de longas vestimentas sosteñen a túnica da Virxe. Esta escultura dátase como do terceiro cuarto do século XII. Para finalizar a descrición da ábsida, mencionar que o teito foi resolto mediante bóveda granítica de canón, algo peraltada, sobre os arcos faixóns xa citados. Exteriormente a fábrica pétrea preséntase lisa sendo o punto de máximo interese a portada occidental. Compóñena tres arquivoltas en arco semicircular decorado, sobre dous pares de columnas as exteriores e sobre xambas a interior. O tímpano, formado por cinco doelas, presenta chafrán con bólas e carga sobre lintel liso. As columnas, todas cilíndricas lisas e monolíticas, son acaroadas con capiteis e bases entregas, estas de perfil ático e plinto decorado e aqueles con escultura vexetal (tres) ou historiada (un). Interiormente a portada mostra dúas arquivoltas. Toda a escultura aplicada esta moi erosionada. Os canzorros e cornixa románica, tanto da nave coma da ábsida, desapareceron con motivo das varias reformas ás que foi sometida a igrexa. Parte dos canzorros orixinais, tras unha casual localización de 24 unidades no Museo Diocesano de Tui, están instalados a xeito de testemuño nun muro lateral da nave. Como xa se dixo, a igrexa sufriu diversas modificacións ao longo do tempo, algo bastante habitual, sendo as de maior calado as efectuadas a partir do XVIII, despois de desvincularse do mosteiro. Entre elas cabe destacar a ampliación que sufriu na fachada norte a finais do XVIII ou inicios do XIX co fin de emprazar a sancristía e, seguramente en paralelo, unha nova capela, a do Cristo. A execución destas obras levou aparellada a apertura dunha porta no muro lateral do presbiterio, o tapiado dunha das ventás da ábsida e a apertura dun gran van baixo arco semicircular na parede da nave coa conseguinte mutilación da liña de impostas e a desaparición dunha seteira. A sancristía e a capela están teitadas con bóveda de canón en pedra e na primeira consérvase unha curiosa almofía granítica. De finais do XVIII tamén deben proceder o muro piñón de remate da fachada occidental e a torre-campanario levantada sobre a aresta noroeste.

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta