Coordenadas 105

Fecha de subida 9 de noviembre de 2018

Fecha de realización noviembre 2018

-
-
211 m
108 m
0
1,3
2,5
5,03 km

Vista 9 veces, descargada 1 veces

preto de Peitieiros, Galicia (España)

O principal motivo deste percorrido é o propio camiño. A ruta trazouse intentando visitar tramos de antigos carreiros e vías que de diferentes formas aínda garden parte do antigo carácter; non foi doado. Polo xeral, as intervencións destes últimos cincuenta anos foron moi agresivas co territorio e o patrimonio que o poboaba. Disto último decatarémonos ao observar os distintos núcleos de poboación que se asentan á beira do percorrido trazado. Entre os moitos camiños históricos da parroquia non fomos quen de encaixar na ruta o que pasando polo desaparecido cruceiro de Cristo María, Piñeiro e Os Amados conducía dende a igrexa ás partes baixas da parroquia e Gondomar.
Só no cruzamento da Area e no recinto de festas atoparemos local para abastecernos.
Igrexa. No interior localízanse varios perpiaños con marcas de canteiro que poderían ser testemuño dunha procedencia medieval, se ben é certo que este tipo de marcado do traballo en pedra se seguiu utilizando, con símbolos máis sinxelos e máis xeométricos, durante parte da Idade Moderna. Tamén na reconstruída portada principal existen restos románicos de orixe incerta. Antes da reconstrución, alá polos anos corenta do século pasado, a fachada, seguramente outra reconstrución do XIX, rematada en dobre espadana, tiña como porta un sinxelo paso rectangular sen o máis mínimo vestixio románico; logo, entra dentro do posible pensar que estes restos puidesen proceder de material almacenado a raíz dalgunha reforma anterior, quizais esa do XIX, reafirmando deste xeito a orixe medieval do templo; algún autor sitúao no XII. Aínda así, fontes orais da parroquia atribúen estes restos á portada da ermida de Santa María do Crasto, que en tempos parece existiu no Curuto, lugar que visitaremos nesta ruta; nada hai confirmado pero a dimensión das arquivoltas parece excesiva para a portada dunha pequena ermida. Outras fontes asignan esa mesma procedencia á peza que cobre o tímpano da actual portada, unha representación do Calvario con Cristo crucificado no centro e a Virxe e San Xoán nos extremos. En todo caso, unha parte importante da fábrica da actual igrexa, entre as que se contan as capelas do cruceiro e a maior coas súas bóvedas graníticas, é de traza barroca, pode que do XVIII, conservando tamén no interior manifestacións artísticas dese período, das cales a cruz procesional, restaurada en 1742, e o retablo da Virxe do Carme son as de maior categoría. É destacable a solución dada á capela maior ou ábsida, con máis altura que a nave e tamén cun bo traballo de cantería, que dalgún xeito a emparenta coa igrexa de Mañufe. As cornixas dos brazos do cruceiro e da ábsida son todas distintas, circunstancia que debe entenderse como correspondente a distintas etapas de construción. A torre e campanario corresponden á reconstrución da fachada que unha galerna obrigou a realizar no XX. Reitoral e campo de festas. Á parroquial de Peitieiros, de igual xeito que ás de Borreiros e Gondomar, accedeuse historicamente dende o nacente. Só a partir do momento en que se abre a estrada de Gondomar ao barrio da Area muda a xerarquía territorial nesta de San Miguel. A pequena praciña triangular creada entre a fachada da reitoral e os muros de peche do antigo cemiterio perimetral á igrexa foi lugar de reunión parroquial e campo de festas ata que coa construción do novo cemiterio van cambiando de uso os antigos campos de cultivo ante a fachada occidental da igrexa, tras a apertura dun mínimo sendeiro recto de porta a porta, rematando por converterse no novo torreiro con palco de música, hoxe desaparecido. Este lugar de encontro e os altos décimos que ingresaba a parroquial é o que xustificou a monumentalidade e o carácter urbano da fachada da reitoral; a máis importante dende o punto de vista arquitectónico do municipio inda que desgraciadamente mutilada por unhas desafortunadas reformas. Unha obra que forma parte das Casas Grandes do municipio. Unha edificación de filiación barroca que mostra como elementos máis destacados esa composición simétrica iniciada cun primeiro corpo central con dúas ventás de altura total, actualmente modificadas. Este corpo remata en pronunciada cornixa baixo beirado de tella; na planta baixa as adegas. A devandita cornixa continua, en pendente, sobre as dúas adicións laterais. Esta fachada queda aliñada co muro de pedra que pecha as que en tempos foron terras do igrexario. Neste muro, á dereita da casa segundo se ve, dous ocos: unha porta e un portal. Este dá directamente ao terreo da casa da que arrancan dúas escaleiras de acceso ao piso superior. Á porta chégase despois de subir sete chanzos con acceso por tres lados. O de remate ten planta cadrada a xeito de patamal que atravesa a porta e esténdese pola cara interior do muro para recoller unha das dúas escaleiras citadas anteriormente. Dende este punto continua a escaleira principal ata o primeiro andar. O portalón citado pecha superiormente en lintel rematado en cruz e pináculos; a porta en frontón triangular rematado en capia con moldura baixo a que aparece un aditivo vexetal que lembra unha flor de lis. A casa foi baleirada interiormente e intervida incorrectamente. Ancorada ao muro de peche da reitoral pero con acceso dende o recinto que rodea a igrexa existe unha pequena edificación con cuberta a dúas augas, a casa de novenas, que no lintel da porta ten gravado: HIZO ESTA OBRA . D RAFAEL ĐLPESO . ABBAD . D . ESTA FRA AÑO . Đ . 1730
É de biqueira e tanto fonte como presa aínda están en funcionamento se ben con intensidades moi distintas. En tanto a fonte ofrece servizo a diario, da que se serven varios veciños, a presa vai a empuxóns polo gran baixón de campos a cultivo. A presa recibe auga continua da fonte e ocasionalmente dos mananciais que existen ata O Pozo, tamén dos excedentes das presas emprazadas a partir dese punto en dirección ás faldras da Serra do Galiñeiro.
A partir da Costa da Freixa empezan as primeiras casas deste barrio. A maioría están reformadas, outras son novas, pero por veces aínda se mantén un ambiente tradicional arredor do camiño cercado por muretes de pedra. Inda quedan campos de cultivo e viñas que axudan a compoñer a paisaxe. Outros eidos preséntanse pechados en exceso, ben sexa con sebes naturais, mostrando deste xeito recursos e necesidades propios do espazo urbano que nos falan dos novos propietarios destas casas do rural.
Despois de pasar a desviación que conduce á Casa de María, con uso a turismo rural, volvemos atoparnos con outra desviación á dereita entre baixos muretes de pedra do país que comunica coa fonte de Curuxeiras; é: O Cruceiro. Nesta encrucillada formada polo citado camiño e o de Canelas, que dende a igrexa subía ao lugar do Xardín, situábase o actual cruceiro de Canelas cando a cruz de remate aínda era a que hoxe se ve no Cruceiro Abalado situado no recinto de festas da parroquial. Ata este punto chegaba a procesión o día da festa en honra á Virxe dos Milagres.
Haberemos de ter moito coidado durante o pequeno traxecto que a través da PO-341 teremos que camiñar para chegar ata aquí; carece de beiravías. Moi curiosa casa tradicional de planta rectangular, dous pisos, e cuberta a dúas augas cos muros pinchos rematados con capias. A fachada de poñente, a principal, ten un falso corredor de pedra no primeiro andar, con carpintaría de madeira pintada en gris, apoiado nun soportal alintelado sobre columnas octogonais na planta baixa, francamente bonito. Pero o máis atractivo e inusual é o patín. Este elemento arquitectónico pétreo ten o patamal, cuberto por tellado, para acceso á casa situado no ángulo sueste desta e para chegar a el existen dúas opcións: unha escaleira recta paralela á fachada oeste ou outra igual paralela ao testeiro sur; entre elas forman 90º. O dono desta casa foi irmán do propietario do muíño hidráulico situado no Carbón.
Este camiño perdeu moita intensidade de uso pero mantén un notable interese ambiental ao conservar o pavimento de terra compactada, a canalización de auga de regadío, aínda que o faga mediante medios tubos de formigón para mellor controlar o prezado líquido, e a fila de grandes carballos que o delimitan sobre un pequeno murete de terra por unha das marxes. Logo, a través do Camiño de Tallós, xiramos á dereita e regresamos ao asfalto.
Atractivo pequeno grupo de edificacións ao redor dunha das Casas Grandes da parroquia no barrio da Fonte. A Casa do Crego ten todas as características dunha "casa de curas" que tanto abundaron no Val de Miñor durante o Antigo Réxime. É unha peza con planta en forma de L, hoxe modificada e dividida en dúas propiedades, cun máis que aceptable traballo de cantería e elementos moi elaborados, como a gran solaina descuberta sobre ménsulas e a cornixa. No ángulo interior do L debeu posuír un bo patín que perdeu con motivo das reformas e divisións á que está sendo sometida. Ocupa un terreo alto e de abertas vistas actualmente minguado en superficie. A carón dela, na outra banda do camiño, un curioso e atractivo hórreo do tipo Pontevedra, con estrutura e cuberta de pedra; os claros están resoltos en madeira.
Restos dunha antiga capela de propiedade privada que perdeu o culto hai moito tempo. Consérvanse os muros da edificación e parte dos que pechaban e definían o recinto. O actual propietario acometeu sobre ela unha serie de obras de difícil defensa dende os puntos de vista ambiental e arquitectónico para convertela en vivenda. Similar criterio aplicouse aos traballos de urbanización do ámbito.
É curioso e evocador o nome deste barrio. Entendemos que debeu ter unha considerable importancia no contexto local o camiño que o cruza en dirección a San Martiño, deixando atrás A Tomada da Panxola, onde se celebra o curro de Morgadáns, e en menor medida, despois de pasar o arruinado muíño de herdeiros do Monte, seguir por un mínimo carreiro a Carballás e A Costa, tamén en Morgadáns. Hoxe o camiño da Rúa é da mesma humildade que o propio barrio, e de incerta saída, pero paga a pena achegarse ata a parte final, entre as últimas casas, aínda só sexa para contemplar como se debuxan na paisaxe a ría de Baiona e as Cíes en pleno Atlántico. Antes, no medio da campiña regada polo Miñor, a vila de Gondomar.
Para visitalo é necesario percorrer un pequeno camiño que logo haberemos de desandar, pero paga a pena. Contemplaremos como o tempo, o abandono e as malas intervencións relan pouco a pouco os núcleos tradicionais e tamén poderemos ver como as normas urbanísticas e os Plans Xerais de Ordenación en ocasións non son o axustados que deberían. Comprobarémolo cando cheguemos á altura dunhas novas casas que para obter licenza, segundo a lei de aplicación, tiveron que ceder terreos para ampliación da vía á que daban fronte feito que automaticamente mudou a escala do lugar. Entendemos o dos coches, pero quizais nestes lugares, núcleos tradicionais, para que o sigan sendo sería necesario adecuar, buscar solucións específicas e non aplicar xeneralidades. En todo caso paga a pena achegarse ao tramo final do camiño para contemplar a beleza da antiga sección deste; ancho para carro, peche entre muretes e pavimento totalmente de pedra.
Pequeno grupo de casas construídas con máis posibles que as do Mogallo. Estas, rehabilitadas con máis ou menos acerto, conservan algunhas das edificacións secundarias que as complementaron aínda que actualmente a súa presenza só sexa testemuñal unha vez perdido o uso. É o caso, por exemplo, dalgúns hórreos de certo mérito.
Neste lugar da parte baixa da Area denominada O Río aínda se conservan algúns campos cultivados entre viñas da modalidade de lata, quizais por pouco tempo. Inmediata ao regato, na parte máis fonda do lugar, emprázase a Fonte do Río. Trátase dun conxunto hídrico composto de fonte, lavadoiro público e presa de regadío. Para os tres se utiliza a mesma auga. Hoxe a fonte, situada ao fondo da boca pola que pasa o pequeno regato de auga, queda con difícil acceso ao diminuír as tarefas de mantemento e limpeza do murete da levada que dende a fonte daba servizo ao inutilizado lavadoiro de pedra. Este, construído, ou quizais ampliado, en 1958, sitúase baixo un posterior cuberto de formigón armado. A fonte, de biqueira de pedra moi baixa, emerxe dun muro de contención de terras. A presa, augas abaixo, embalsa as do Río para uns fins agrícolas agora practicamente desaparecidos.
Tras saír das tomadas e cruzar sobre pedras soltas O Río, un pequeno fío de auga, este camiño atravesa unha zona de campos de cultivo que xa non o son. A maior parte están abandonados, como tamén o están as distintas presas ou pozas de regadío que o acompañan. Despois de camiñar un bo treito por pavimento de asfalto podemos optar por seguir cara á Costa, onde nos atoparemos coas casas da aldea e a antiga escola unitaria proxectada polo arquitecto Desiderio Pernas Martínez na segunda metade do XX, ou torcer á dereita cara ao núcleo existente na parte alta de Curuxeiras, ou Cruxeiras, o último lugar da Gándara antes de atoparse coa Peroleira. Tomamos esta opción.
Asentamento algo disperso, de mínima densidade, no que se combinan casas da arquitectura popular con outras de recente construción. Entre as primeiras hai algunhas de certo interese, destacando a do patín-corredor emprazado en patio cuberto que ocupa a esquina nacente da encrucillada deste camiño coa estrada Gondomar-A Area. Esa, de 1898, é a última casa da Gándara no seu encontro co barrio da Peroleira. Nesta encrucillada emprazan algunhas voces o cruceiro xa comentado que os nosos informantes din existiu algo máis arriba.
Ata que no primeiro terzo do XX se constrúe a estrada de Gondomar a enlazar coa PO-341 no barrio da Area, este era un dos camiños máis estruturantes da parroquia. Unía a parroquial cos lugares do Xardín e A Gándara que á súa vez se conectaban con outros. Parte do trazado foi aproveitado pola citada estrada e agora, neste percorrido, ao tempo que deixamos á nosa dereita a Casa das Viñas e os seus "eidos de arriba e de abaixo" utilizaremos un pequeno treito dese aproveitamento para alcanzar o tramo final do orixinal que nos levará ata o antigo recinto de festas da parroquial, ante a reitoral. Este último tramo, a pesar das modificacións introducidas no pavimento e das reformas efectuadas nas casas que o bordean, aínda conserva un carácter particular.

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta