Tempo  unha hora 3 minutos

Coordenadas 192

Fecha de subida 21 de noviembre de 2018

Fecha de realización noviembre 2018

-
-
228 m
102 m
0
1,6
3,2
6,4 km

Vista 15 veces, descargada 0 veces

preto de Chaín, Galicia (España)

Neste percorrido, unha vez máis, inclúense elementos, obras e referencias de dúas parroquias referidos a distintos momentos históricos; tamén unha pequena mostra de arte rupestre prehistórica do tipo abstracto. Atoparémonos con patrimonio material, moitas veces mal intervido, e trataremos algo do inmaterial. Tamén teremos oportunidade de comprobar os esforzos realizados polo campesiñado para dominar o territorio con intención de obter unha maior rendibilidade económica, circunstancia hoxe en claro retroceso.
Durante o percorrido atoparemos tres locais de libre concurrencia.
Arquitectura religiosa

Recinto de festas, cruceiro e capela de San Roque

Capela e recinto. Sábese que en 1754 xa existía unha capela coa mesma advocación no lugar que posiblemente debido a problemas estruturais se volve construír dende os alicerces en 1821, data na que a parroquia estaba constituída en concello. Máis tarde sufriría varias reformas entre as que se conta a ampliación da cabeceira para acomodar a sancristía. Ten planta rectangular, moi sinxela, con cuberta a dúas augas. O recinto de festas é consecuencia duns movementos de terras co obxecto de obter unha plataforma practicamente horizontal. Para iso executáronse muros de contención en pedra, varias veces modificados. Tamén, polo lateral norte, colocáronse muretes de delimitación do recinto en pedra de granito complementados posteriormente con grandes bloques de formigón en masa que aínda se conservan. Neste recinto celébranse as festas na honra a San Roque e da Virxe do Libramento. Cruceiro. Hoxe cambiado de sitio, levantouse en 1845 e é o único de tradición histórica (existe outro en Vilas de 1993) nunha parroquia na que contabilizamos trinta e sete cruces altas ás que todos os veciños curiosamente chaman cruceiros. É unha peza completa con figuración ruda pero expresiva en anverso e reverso, que parece sufriu algún derrubamento a teor das varias roturas presentadas.
Waypoint

A Carballeira de San Roque

De sempre recórdase na parroquia a romaxe de San Roque asociada a unha carballeira. Esta, situada a pouca distancia do Facho, está dotada dunha serie de asadores, mesas de pedra, auga sanitaria e aseos por decisión e esforzo dos veciños e a Entidade Local Menor da parroquia. Nela, entre outras actividades, celebran o xantar os compoñentes da moi numerosa "Parranda de San Pedro", os cales partindo de Vilariño da Ramallosa todos os anos dende hai máis de cen chegan xuntos e camiñando, agora coa comida e a bebida en acondicionados tractores, formando unha tradicional comitiva de mulleres, homes e nenos para celebrar San Roque cada 16 de Agosto.
Waypoint

Camiño da Costa do Capitán.

É un camiño secundario que unía e, cando a maleza o permite, aínda une ao que dende A Carballeira baixa á desaparecida ponte do Carbón co que de Xende fai o propio coa ponte da Varga. A día de hoxe, todo o percorrido transcorre polo monte.
Waypoint

Camiño da Varga

Este tramo do antigo camiño que vindo dos Arcos, en Vincios, polo Monte dos Casás e O Souto pasaba pola Gándara de Chaín, baixaba por Viñó e San Roque, cruzaba o río pola Varga e continuaba polo Palame, en Peitieiros, en dirección a Couso, aínda se mantén perfectamente transitable. No percorrido de baixada ata o río crúzase con outros transversais invadidos pola maleza.
Waypoint

Camiño do Facho.

Forma encrucillada co citado no punto anterior no lugar de Hervillás. Dende aquí sobe, parcialmente empedrado, ata O Facho e logo descende pola Carballeira para atoparse coa Calzada de Belindre. Por aquí, Hervillás é o último núcleo habitado de Morgadáns, xunto co Facho, en dirección a Peitieiros. Apenas unhas poucas casas entre hortas e campos a millo e viña.
Waypoint

Fonte e lavadoiro de Xende.

Emprázase á marxe do xa comentado importante camiño noutros tempos. É posible que en orixe a súa cota fose inferior á do camiño pero nunca tanto como agora se presenta. A peza protagonista é o lavadoiro de dobre bancada alimentado por unha grande barbacá de pedra. Nótase que foi reconstruído hai un par de décadas. Ao seu carón un pequeno tanque recolle o chorro da fonte. Todo o conxunto está cercado por muros de contención executados en granito e cuberto por un pendello de formigón armado promovido pola Entidade Local Menor en 1959.
Waypoint

Presa do Fouco

Esta presa abastécese das augas do Regato, que por aí pasa. Rega, se ben con moita menor intensidade que noutros tempos, terras de Chaín, por debaixo do Fouco, e de Morgadáns, por Sabesuños e A Varga. Gran parte da superficie de terra regada en tempos pasados agora está a monte e cuberta de piñeiros.
Waypoint

Cruces e casas do Fouco

Unhas decenas de metros máis abaixo do desvío que a ruta propón en dirección a Pintor, á marxe dereita do camiño segundo baixada, se manteñen os restos semiarruinados dunha casa que mostra outra cruz sobre un pedestal ancorado ao muro pincho. Esta casa, deshabitada dende finais do XIX, foi propiedade no último terzo do XVIII de Miguel de Saavedra y Troncoso casado con María Antonia de Gonda y Vila, neta de Pedro Armida Roseiras, médico cirurxián veciño da parroquia de Chaín. Sobre a base da cruz aínda se conservan croios brancos a xeito de ofrenda. Á marxe contraria do camiño, uns metros antes, presidindo outra encrucillada, outra cruz alta.
Waypoint

New waypoint

Waypoint

Encrucillada de Pintor.

En tempos esta encrucillada tivo o seu interese dado que o camiño que chegaba do Fouco e seguía en dirección ao Pedrouco era totalmente estruturante para a parroquia e un dos principais de acceso a Gondomar. O outro sobe a parte alta de Pintor, en dirección á Eira de Cidáns. Na encrucillada, con clara intención de cristianizala, arrimada a un muro de contención, unha cruz debaixo dunha viña. A cruz é similar á que vimos en Xende. Ante este cruceiro, así o refiren os veciños, paraban os enterros no percorrido ao cemiterio, se ben este costume desapareceu hai moitos anos. Substitúe a outro máis antigo que existía no mesmo lugar o cal rompeu, igual lle sucedeu a este, a consecuencia do desprendemento do muro de contención de terras ao que se arrima. O doador, e a data da reconstrución, quedan recollidos no epígrafe existente no pedestal que transcribimos como segue: Rd. DE MANUEL GONDA 1916
Waypoint

New waypoint

Waypoint

Pintor

Outro de tantos núcleos tradicionais vido a menos. Ocupa unha topografía en pendente que tempo atrás serviu de localización a tradicionais casas de granito, cortes e hórreos, rodeadas de viña e campos de cultivo ao longo dun camiño empedrado. Hoxe todo cambiou para mal no edificado, nos cultivos, no territorio urbanizado e na ambientación. Non é admisible que un núcleo rural tradicional se converta nun depósito de coches abandonados.
Waypoint

Fonte e escaleiras da Santa.

A capela ocupa un lugar de amplas vistas en dirección sur ao que se chegaba por unha serpeante escaleira pétrea, construída ao espello da excelente solución da parroquial, dende A Fonte da Santa. Todo o recinto polos laterais sur e oeste, os de maior desnivel, están pechados por muros de pedra. Dende hai décadas a citada fronte sur está parcialmente ocupada por un palco que nunca se debeu construír. Pola contra, a carón deste un magnífico carballo dá complemento de sombra aos falsos plátanos que aínda quedan. As augas da fonte, hoxe seca, noutro tempo foron moi apreciadas. É coñecida a fe que lle tiñan "as rosaleiras", mulleres que dende as terras do Baixo Miño se desprazaban a celebrar a festa do Libramento, en San Roque de Morgadáns. Á chegada, antes de presentarse na capela de San Roque, subían ata a fonte para facerse co considerado líquido.
Arquitectura religiosa

Capela das Mercés e cruceiros

Capela. Non se coñece a data de fundación. Tampouco está claro se en orixe sería unha capela ou unha ermida. Só se sabe que a mediados do XIX era propiedade do abade Manuel Antonio Álvarez que en testamento datado en 12 de marzo de 1866, xa abolidos señoríos e morgados e practicadas todas as desamortizacións, doa a capela e terreo circundante á parroquia. Segundo isto podería pensarse que naceu a consecuencia da fundación dunha capelanía a cal a esa altura xa perdera a súa dotación e o poder recadador. Tras detida observación da fábrica pódese afirmar que a nave sufriu unha ampliación ou reconstrución, con posible desprazamento da cornixa, e o tapiado de dúas pequenas ventás en senllos muros laterais. A ábsida actual é posterior á nave. E a pedra da espadana e os remates, que parecen da mesma calidade e gran fino, é diferente á do resto da edificación. Por último comentar que o tipo de pedra dos dous escudos de armas que aparecen na fachada occidental é distinta das dúas citadas anteriormente. Entre as insignias mostradas por estes brasóns, cuxa colocación no muro parece algo artificiosa, están as dos Castro. Recentemente, a principios de milenio, a capela foi sometida a novas obras de reforma. Ocupa un lugar de amplas vistas en dirección sur ao que se chegaba por unha serpeante escaleira pétrea dende A Fonte da Santa. Todo o recinto polos laterais sur e oeste, os de maior desnivel, están pechados por muretes de pedra. Dende hai décadas a citada fronte sur está parcialmente ocupada por un palco que xa hai tempo debeu desaparecer. Pola contra, ao seu lado un magnífico carballo dá complemento de sombra aos falsos plátanos que aínda quedan. Cruceiros. O cruceiro das Mercés sitúase no Coto de igual nome, en Cidáns. Tamén se coñece como Cruceiro da Santa e Cruceiro da Piedade, ambos os dous con seguridade a partir do momento en que se incorpora a peza escultórica da plataforma. Actualmente, debido aos movementos de terras realizados ao longo do tempo no ámbito, a localización mostra acrecentada a dificultade de acceso que, entendemos, non debe ser compensada. É unha peza completa, a excepción de capitel, cuxas características máis distintivas, ademais da localización, son a peculiar imaxe de conxunto e o citado grupo escultórico da base. O primeiro vén dado polas proporcións, sobre todo do varal, que a media altura presenta unhas moi desgastadas caveiras nas catro arestas redondeadas. O segundo é o reverso dunha cruz dun outro cruceiro, unha Piedade, á que lle segaron os brazos para realzar a imaxe mariana. Como consecuencia do intento de roubo desta imaxe a finais dos anos setenta o Cristo morto que suxeita a Virxe perdeu a cabeza e os veciños decidiron ancorar a peza á plataforma. O estado erosionado de plataforma, pedestal e varal, principalmente, falan da súa antigüidade que podería chegar a principios do XVII. Fronte á fachada setentrional da capela existe outro cruceiro máis moderno.
Waypoint

Coto do Abade.

Ao pé deste coto, pola cara sur, emprázanse as ruínas da antiga reitoral da parroquia. No cume restos arqueolóxicos do asentamento do medieval castelo rochedo de Morgadáns; só uns desbastes na rocha natural para asento dos desaparecidos muros. As vistas e o control territorial son de consideración. Ás terras deste castelo faise alusión en dous documentos dos séculos XII e XIII.
Waypoint

Eira de Cidáns.

Lugar comunal que en tempos serviu, entre outras varias funcións, para reunir pola mañá temperán aos rabaños de ovellas das distintas casas da parroquia que logo un ou dous homes subían ata O Caldeirón, ao pé do Galiñeiro, para pastorear. Cando baixaban á noite xa estaban a esperar os distintos propietarios. Esta tarefa era rotatoria. Ata hai poucos anos tamén se utilizou como punto de encontro dun rito relixioso efectuado con motivo da procesión do día de conmemoración das Mercés que tras anos sen celebrar se recuperou este 2018.
Waypoint

Petróglifo Morxón

Unha vez pasado o campo de fútbol da Gándara, á marxe esquerda da estrada emprázase esta estación arqueolóxica que engloba varios petróglifos. Dous dos máis importantes ocupan a parte alta dunha rocha duns 6 m. de longo, 3 m. de ancho e 4 m. de altura e outra a rentes de terra, de 4x2,50 m. situada algo máis ao norte. Ambos os dous gravados rupestres son abstractos e ao igual que o de Regodagua forman paneis a base de círculos, liñas e coviñas. É importante que a luz sexa o máis rasante posible para que mediante as sombras se pronuncien os erosionados sucos gravados na pedra e dese modo poidamos ver, aínda sexa parcialmente, a composición.
Waypoint

Cruz da Gándara.

Bienvenido Salgueiro Fernández, da Presa, en Chaín, no ano 2007, facéndose eco de dicir dos seus antepasados, catalogou esta cruz como xurisdicional (antigo límite entre as parroquias de Chaín e Morgadáns). No Catastro de Ensenada (1753) respecto aos límites da parroquia de Chaín, cítase como marco nesta zona o Outeiro da Gándara, sen máis especificación, polo que non podemos asegurar a veracidade do comentario do informante. O pedestal atópase a poucos metros da encrucillada que forman o Camiño do Pantano co de Abilleira. Delfina Durán, do Pedrouco, (87 anos), receptora dun "acompañamento" relacionado con esta cruz, contóunolo o ano atrás citado da seguinte maneira: “Un home do barrio de Batizosa, na parroquia de Morgadáns, ante a inminente partida a América do Sul, decide ir despedirse dunhas poucas familias amigas que vivían no barrio de Pintor, en Chaín. Xa era de noite e elixe como camiño o do Regueiro, por onde circulan as augas de regadío. Ía ás escuras; aínda non existía luz eléctrica na parroquia e, distraído, botara a camiñar sen candil. Ao chegar onda a presa ve luces flotando ao lonxe, que sitúa máis ou menos no barrio a onde se dirixe. Asústase, éntralle congoxa, e para esquivar o medo, dando un pincho, escóndese no zapón. Entón, de súpeto, escoita unha voz oculta na escuridade que di: aquí cheira a vivo! Só calar a voz, sen poder explicalo, vese ante o cruceiro da Gandra, situado unhas decenas de metros máis adiante. E volve escoitar: - Bebeu moito ou bebeu pouco? - Bebeu moito!- Contestan máis voces. - Entón deixalo!. A seguir, sen ser moi consciente do que fai, visita os amigos. Tempo máis tarde despídese e regresa a casa angustiado e inda ausente. Séntese mal e métese na cama. Enferma. Ao cabo de poucos días en vez de embarcar cara a América parte en dirección ao Máis Alá”. Delfina non nos descubriu as súas fontes. Nin sequera nos quixo apuntar se foran físicas ou intanxibles. A nós nada nos custou escoitala e menos de nada reproducila.
Waypoint

A Batizosa

Este barrio de forte pendente emprázase por enriba de Gulfar, co que linda. É un lugar elevado e ben orientado no que se asentan unhas poucas casas. Unha delas, tradicional, mantén aínda reformada a súa orixinal volumetría e esencia construtiva ao exterior.
Waypoint

Os Padróns

Pasada a encrucillada do Cruceiro, en Gulfar, onde se mantén unha cruz, encamiñámonos aos Padróns. Aquí, entre outros, veremos outra cruz emprazada a media altura do barrio, xusto ao lado de dous bos hórreos do tipo Pontevedra. Algo máis adiante atopamos A Fonte da Lagoa, reformada en 1951 e cuberta con pendello de formigón en 1958 para facilitar o labor das mulleres da época no lavadoiro adxunto. A fonte vén de antigo e como outras moitas arrastra unha lenda que con pequenas variantes se repite noutras partes. Contan na parroquia que nela se apareceu un día a imaxe de San Roque e non sabendo os veciños moi ben que facer chegaron ao consenso de buscar o seu destino no azar. Para iso, mandaron traer un carro con dous bois sobre o que cargaron a peza. Unha vez segura fixeron que os bois, sen guía de persoa ningunha, se puxesen en marcha. Camiñaron sen rumbo fixo durante un tempo ata que de pronto pararon. Non volveron dar un paso, ante o cal os veciños entenderon que nese lugar habería de construírse a capela de veneración; a actual. Superada a fonte, na parte alta onde a ruta xira, atópase o máis baixo dos muíños do Padrón en aceptable estado de conservación. Pola parte de arriba da estrada mantense en similares condicións outro. O terceiro, situado entre ambos os dous, levouno a estrada. Estes muíños son de "particulares" e a auga que os alimenta chega dende a presa de Covellas.
Waypoint

Guillufe

Chegamos a este núcleo pola parte alta, camiñando polo carreiro que leva ao Seixidal de Morgadáns. Guillufe foi unha agrupación de arquitectura tradicional de interese que aínda mantén parte da esencia. O regato que baixa de Covellas, en Vilas, sepárao do camiño do Picouso. Á beira contraria da estrada PO-341, dentro do mesmo barrio, unha mostra de arquitectura indiana: a que foi casa-escola. Esta, promovida e sufragada por emigrantes da parroquia en Uruguai, ergueuse nos anos vinte; na planta primeira instalábase a vivenda do mestre. Nesta escola impartiu clase a partir de 1930 o mestre, escritor e membro da Real Academia Galega Vitoriano Taibo García, figura en base a cal se instituíu un importante premio anual de poesía que nas primeiras edicións foi entregado neste edificio, pasando posteriormente ao auditorio Lois Tobío de Gondomar.
Waypoint

Núcleo de Viñó

Este núcleo de carácter lineal e topografía tendente á horizontalidade forma unidade co de San Roque, ao que se une. En tempos reuniu interesantes mostras de arquitectura vernácula, especialmente casas con patín e hórreos, que non se soubo respectar e conservar. En todo caso, aínda queda algunha mostra testemuñal que tras o muro de peche ao camiño interpón un patio á casa creando un espazo a ceo aberto denominado no municipio eirado. Por aquí pasou o camiño procedente de Vincios en dirección a Peitieiros, Couso e Tui. Segundo Pallares e Portela este topónimo procede da segunda metade do século XIII. Nesa altura tiñan posesións nel os monxes brancos do mosteiro de Oia.

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta