Coordenadas 58

Fecha de subida 20 de septiembre de 2018

Fecha de realización septiembre 2018

-
-
82 m
3 m
0
1,1
2,3
4,58 km

Vista 87 veces, descargada 8 veces

preto de Belesar, Galicia (España)

Esta ruta lévanos polas terras máis occidentais do municipio, dende as cales o mar apenas dista uns centos de metros. Borreiros é a única parroquia do concello gondomarés que limita cos outros dous do Val de Miñor: Baiona e Nigrán. Esta característica única recóllese no presente percorrido. Unha pequena mostra de ambos os dous municipios forma parte das paisaxes abarcables dende algún punto do itinerario e os tres xúntanse para ofrecer un dos lugares máis belos e singulares de todo o Val: o esteiro e desembocadura do río Miñor. Ao longo da camiñada, entre outras, poderemos ver, escoitar, ulir ou tocar arquitecturas, paisaxes e vexetacións; tamén algunha pequena fauna, encontradizas e ocasionais persoas, a brisa salgada do mar,…. Toparémonos con case todo o imaxinado agás gastronomía: en todo o percorrido non hai nin un só bar, cafetaría, mesón ou taberna onde tomar un café a menos que nos desviemos minimamente do trazado establecido.
Arquitectura religiosa

Igrexa de San Martiño, cemiterio e cruceiro.

Igrexa. A primeira noticia dunha igrexa nesta parroquia fornécea Enrique Flórez na súa voluminosa obra España Sagrada, e corrobóraa o historiador Ávila y La Cueva, emprazándoa no ano 1170, cando o rei Fernando II a doa ao Bispo de Tui. Da edificación románica nada queda. A actual, polo menos a capela maior, foi construída en 1785 segundo indica unha inscrición exterior no cabeceiro: ESTA CAPILLA SE HIZO/SIENDO ABAD LIZENCIADO DON LOIS CAS/TRO AÑO DE 1785. A parroquial, con intervencións de influencia barroca, é basilical dunha soa nave con incorporación pegada ao muro setentrional da sancristía, unha capela e un pórtico aberto para reunións, que en tempos foi bastante habitual no Miñor. No muro meridional chama a atención a desigualdade da fábrica de granito, consecuencia das diferentes reformas sufridas polo templo, a gran porta tapiada en arco de medio punto e o reloxo de sol do ángulo sueste. A fachada de acceso é de traza moi contida composta en simetría sobre o eixe vertical e rematada en espadana de dous corpos e remate; o primeiro de dobre van e o segundo de van sinxelo. Os muros exteriores deste templo alcanzan un espesor de 1,30 m. Interiormente chaman a atención os varios nichos, as diferenzas de espesor nos muros e o teitume de todo o templo resolto a base de notable cantería de granito en forma de bóveda de canón. A nave e o presbiterio quedan separados por un arco triunfal apoiado en pilastras. Cemiterio. Ata finais de 1928 o cemiterio parroquial estivo emprazado no adro, segundo costume procedente do medievo. Nel aínda se mantén algunha tumba e varios panteóns. Tamén restos dun desaparecido vía crucis. Os cemiterios hixienistas xorden como idea de mellora da salubridade social en tempos da Ilustración pero non será ata a chegada do Estado Liberal cando se empecen a instalar decididamente. Este de Borreiros, como acabamos de ver, faino tarde, dos últimos do Miñor, e a súa nova localización tampouco podemos dicir que sexa o mellor dos exemplos do pretendido pola lei na "Novísima Recopilación". As obras máis destacadas son unha serie de panteóns de granito, próximos á igrexa, todos de estilo ecléctico, que pretenden poñer de relevo o estatus económico e social das familias promotoras, proxectados e construídos seguindo os criterios da época. Cruceiro de San Martiño. É un notable exemplar da arquitectura vernácula utilizada polo campesiñado nativo para atopar algunha resposta ás súas necesidades emocionais. Presenta todos os compoñentes aos que aspiran as pezas máis completas, isto é, plataforma, pedestal, fuste, capitel e cruz. A cruz, de sección octogonal e figurada en anverso e reverso, é destacable pola similar dimensión dos paus e os seus remates en moldura tórica con florón central, pero a peza máis característica deste monumento é a plataforma: a máis orixinal e monumental do Val, con permiso da plataforma-podio do cruceiro de Cartas, en Parada. Outra peza de interese é o pedestal. Nel unha lenda indica que o monumento foi trasladado de lugar en 1850. Refírese ao traslado que dende o lugar de orixe, polo que pasaremos neste percorrido, se fixo ao recinto da desaparecida feira de gando do lugar do Monteiro. Logo, finalizadas as feiras, báixase ao campo de festas, onde agora pero no extremo nacente, xusto diante da transformada Pousa. Cando se retira o peitoril que acoutaba o torreiro, nos anos oitenta do século pasado, o "calvario vello" trasládase para o lugar actual. É unha mágoa que este monumento anterior a mediados do XIX, xa citado no Catastro de Ensenada (1753) no seu lugar orixinal, non dispoña dun ámbito acorde á súa categoría, sen a contaminación visual que significan postes, cables, marquesiñas e demais elementos descontextualizados. Todos os cruceiros, petos de ánimas e hórreos construídos con anterioridade a 1901 foron declarados xenericamente Ben de Interese Cultural (BIC) polo seu excepcional valor na etnografía de Galicia. Son as únicas pezas do patrimonio etnográfico que reciben este tratamento.
Waypoint

Núcleo tradicional de San Martiño

Pequeno grupo de casas tradicionais e correspondentes edificacións adxectivas, bastante modificadas, executadas en granito país e pedra en escamas propia da parroquia. Ao lado contrario do camiño asfaltado que conduce ao Monteiro, unha tradicional carballeira de regulares dimensións.
Waypoint

Vista panorámica.

Dende este punto pode observarse unha notable perspectiva da parroquia presidida pola igrexa e, na distancia, os montes do Maúxo e Montecastelo, ao norte, e a Serra do Galiñeiro, a nacente, como límites do Val de Miñor. A perspectiva ten moito máis corpo durante a tempada na que as árbores perden as follas.
Waypoint

Mina e presa da Lagarteira

Camiño abaixo primeiro aparece a mina a man esquerda, logo, uns pasos máis alá, atópase a presa. O desnivel entre ambas as dúas permitía almacenar auga na presa para poder ser usada a vontade como regadío no estío. A falta de uso, propiciado pola desaparición da agricultura no lugar, determina o abandono de ambas as dúas pezas, as cales presentan danos notables. O muro de peche da presa está parcialmente executado con "pastas" de pedra de Borreiros.
Waypoint

Borreiros de Borreiros

Este barrio ten o mesmo nome que a parroquia da cal forma parte. Pequeno grupo de edificacións tradicionais, hoxe transformadas, que aínda conservan parte do seu orixinal carácter na disposición dos volumes, nos espazos exteriores de transición e nos materiais empregados na construción. É de destacar o tipo de pedra en escamas empregada, abundante e tradicional dalgúns lugares da parroquia. Tamén debe citarse a Casa Roade, indiana de principios do SXX, que aínda sen ser vernácula se integra no contexto e volumetricamente xerarquiza o conxunto. Por último resaltar a existencia de varios hórreos, denominados canizos no Val de Miñor, entre os que sobresaen dous tipo Pontevedra: un cos pinchos dos penais moi decorados e outro de maiores dimensións coa data 1824 gravada.
fuente

Fonte do Charco

No referente á tipoloxía dicir que se encadra dentro das coñecidas como de cano. Queda integrada no muro de contención dun socalco. Á esquerda do cano de pedra, vista de fronte, unha mesa-pousadoiro para depositar os recipientes. Baixo el a pía de recollida de auga para bebedoiro de animais tallada na pedra natural. E sobre el uns perpiaños tapando a boca da mina, que proporciona a auga, rematada por un lintel coa data 1905 gravada en baixo relevo. Dende este lugar existe outra máis que aceptable perspectiva do Maúxo, Montecastelo e Galiñeiro. Apenas unhas decenas de metros máis adiante no percorrido atoparémonos cun camiño que atravesa o territorio en dirección leste-oeste. Este antigo camiño, hoxe asfaltado, é a vella calzada real de Tui a Baiona pola que nós transitaremos ata o alto de Viso de Calvos. O citado cruzamento, ou encrucillada, aínda mantén o topónimo de "O Cruceiro" e nas súas inmediacións estivo emprazado orixinariamente o actual monumento de San Martiño antes descrito.
Waypoint

San Domingos de Guzmán

A imaxe mutilada de San Domingos de Guzmán e os restos das paredes pétreas sobre as que se asenta é o único que queda da antiga casa grande e capela de Mayres. A capela baixo esa advocación foi unha fundación testamentaria de 1719 feita por dona Marquesa Coma, viúva do capitán don Domingo de Mayres, e construiríase anexa á casa xa existente naquel tempo neste lugar de Viso de Calvos. Segundo o historiador Ávila y La Cueva, a mediados do XIX a capela estaba activa. No XX, cando se construíu a fábrica de gaseosas, inda quedaban as volumetrías pétreas da casa e a capela. A Esta chegábase subindo uns chanzos escavados na rocha natural que aflora no lugar.
Waypoint

Camiño das Escubichas.

Fronte ás ruínas citadas abandonamos a calzada a Baiona, que baixa en dirección a Sabarís, e encamiñámonos ao norte polo carreiro que, bordeando as Escubichas, separa as parroquias de Borreiros (Gondomar) e Santa Cristina da Ramallosa (Baiona). Este tramo de camiño, que seguiremos ata a Ponte da Ramallosa, forma parte do de peregrinación a Santiago pola costa, unha das distintas variantes do portugués, e da antiga calzada real ao Porriño no Val da Louriña.
Waypoint

Pazo de Cadaval e Ponte da Ramallosa

O pazo de Cadaval, segundo Espinosa Rodríguez, coñécese co nome do que fora administrador dos anteriores propietarios: os Flórez, de Baiona, descendentes dos baróns de Lonchín, que tamén o posuíran. En 1753 era propietario da casa don Bartolomé Losada, apelido representado nos escudos de armas da fachada sur xunto aos Rivera, Taboada e outros. A casa ten planta en forma de L e no eido, situado en lugar curioso e paisaxisticamente excepcional, conserva entre as edificacións adxectivas un hórreo tipo Pontevedra e un notable pombal de planta cadrada. Ponte da Ramallosa. É unha das máis fermosas pontes de orixe medieval de Galicia. Consta de dez ollos nos que se mesturan arcos de medio punto con outros oxivais. Na parte central e máis alta, ocupando un apartadoiro, consérvase un pequeno cruceiro ao pé do cal se mantén unha imaxe pétrea de San Telmo, en tempos policromada, sobre un retablo con representación do purgatorio tan propia dos petos de ánimas. Precisamente a tradición asigna a Pedro González Telmo a construción da ponte o que, de ser certo, suporía a súa orixe no século XIII e un estilo protogótico. Outras fontes, como o libro "Pontes Históricas de Galicia", editado polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, datan o monumento no século XV, ao amparo do auxe da vila real de Baiona, o que a emprazaría no gótico final. É curiosa a non existencia de marcas de canteiro na fábrica, tan propias das obras medievais. O monumento mantén o pavimento empedrado, ten tallamares augas arriba e augas abaixo e a maior parte dos peitorís fóronlle repostos durante o século XX. Nesta ponte aínda non hai moito tempo celebrábase un ancestral rito de fertilidade ás doce da noite: o bautismo prenatal, costume repetido noutros lugares similares que mestura e dilúe antigos ritos precristiáns de adoración ás ninfas e demais deidades da auga con outros católicos, algo habitual na etnografía de Galicia.
Waypoint

Bosque de ribeira.

Área que aglutina vexetación baixa, como xuncos e outras herbáceas, con árbores propias destas zonas húmidas, tales como amieiros, salgueiros e outros. Algo máis acá algúns carballos. Entre esta vexetación é habitual atoparse cunha fauna constituída principalmente por mamíferos de pequeno tamaño e, sobre todo, distintas e numerosas aves. Tamén aquí empezan, río arriba, as xunqueiras do Miñor. Pouco máis alá, en dirección nacente, o lugar coñecido como Burgovedro, do que só se conserva o topónimo.
Waypoint

Carballeira no Castro

Pequena superficie colonizada por carballos non moi vellos na parte máis baixa dun promontorio coñecido como O Castro, cuxa vexetación arbórea dominante é, incomprensiblemente, o eucalipto. O topónimo fai referencia a un asentamento prerromano, da Idade de Ferro, moi intervido, no que apenas se atoparon restos de cerámica en superficie segundo indican algúns arqueólogos.
Waypoint

Fonte de San Martiño

Antiga fonte na que en tempos se abastecía o barrio. Está construída en pedra de granito e a diferenza da do Charco a súa tipoloxía é de "cista". Os remanentes de auga embalsábanse nunha presa contigua aínda existente para a súa utilización en regadíos. Algo máis ao norte aínda se conserva o antigo lavadoiro de pedra ao que tamén chegaba a auga mediante un xogo de canles hoxe modificadas. Todo o conxunto está en desuso e semiarruinado.
Waypoint

A Pousa.

Fronte á cabeceira da igrexa, vello, transformado e abandonado recinto de festas por medio, atópanse os restos da antiga Pousa de San Martiño cercada por un muro de pedra de granito. Actualmente a casa, que sempre tivo unha presenza moi comedida, está bastante transformada.
Waypoint

Esteiro do río Miñor

En realidade a área visitada neste percorrido é a primeira parte ou, máis ben, inicio do citado esteiro, atravesado de sur a norte hoxe por dúas pontes. Este remata máis a poñente na barra de terra, inexplicablemente colonizada por un cámping, que acolle a praia Ladeiradando fronte á ría de Baiona. É unha zona paisaxisticamente moi variable, debido á periodicidade das mareas, e de gran diversidade e riqueza vexetal e animal, o cal lle confire un alto valor ambiental que o levou a ser incluído como Lugar de Importancia Comunitaria na Rede Natura 2000 da Unión Europea. Lugar ideal para, entre outras cuestións, observar diferentes especies de aves.

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta