Coordenadas 95

Fecha de subida 5 de noviembre de 2018

Fecha de realización noviembre 2018

-
-
102 m
13 m
0
1,2
2,4
4,79 km

Vista 30 veces, descargada 4 veces

preto de Verdeal, Galicia (España)

Atractivo percorrido pola parroquia de Vilaza con inicio e final en Gondomar. A primeira noticia de Vilaza ofrécea o documento de 1106 polo que D. Raimundo de Borgoña e Dona Urraca, futura reina de León e Castela, ceden este couto a Paio Gómez e a súa muller Dona Maior.
O percorrido inclúe o tránsito por lugares historicamente importantes para estas terras e a visita a pezas do patrimonio construído de notable interese. Unha vez máis, comprobaremos as dificultades polas que atravesa a Administración para o control e a axeitada conservación das distintas manifestacións do patrimonio cultural, da paisaxe e o medio ambiente. En todo caso, de igual xeito a como acontece nos demais percorridos, daremos con valores non citados e sempre co pracer de camiñar.
Todos os puntos de avituallamento se atopan no casco urbano.
Tramo que dende as inmediacións da Ponte de Rosas, pasando por Secas, saía en dirección ao Portelo, en Vilaza. Deste camiño, conservado en gran parte do trazado, saían dúas variantes dende Secas: unha en dirección á ponte do Bravo e outra en dirección oeste a enlazar co que dende o cruceiro de Mañufe sobe polo pazo de Fontán. Este, coñecido como Matavacas, era profundo e foi cortado en 1943 coa explanación do campo de fútbol das Gaiandas.
Esta parroquia, que foi couto no século XII e posúe numerosos e moi importantes pazos, non ten gran arquitectura relixiosa. A parroquial é unha edificación de traza humilde, tanto a nivel de planta coma nos alzados. A planta é un rectángulo con orientación nacente-poñente á que se lle pegou, na fachada setentrional, a sancristía. A capela maior, tamén rectangular, ten superior altura que a nave e cuberta a catro augas apoiada nunha cornixa perimetral de distinta moldura ao resto da edificación. Isto podería ser consecuencia das distintas etapas construtivas e reconstrucións sufridas. Sábese que a igrexa actual foi reconstruída sobre outra anterior, máis pequena, no XIX, sendo a fachada occidental, trazada nun esquemático cruzamento de estilos barroco e neoclásico, de 1821. Esta fachada é case igual á de Santa María de Chaín, levantada en 1860. Sobre a porta da reitoral consérvase o lintel da anterior datada en 1749, casualmente o mesmo ano en que se construíu a portada de acceso ao pazo de Piñeiro, en Peitieiros.
Do mesmo xeito que sucede coa igrexa parroquial, é de traza e dimensións modestas e ao igual que os demais do concello xurdiu ao amparo das medidas hixienistas do XIX, se ben a súa construción data de 1925. Repite o patrón tipolóxico clásico deste tipo de recintos, cun muro de granito delimitando un rectángulo bordeado de columnas de nichos ao redor dun espazo central para foxas en terra. Ao recinto accédese mediante portalón baixo lintel moldurado no que se pode ler: CEMENTERIO CATÓLICO. Do antigo cemiterio aínda se conservan unhas cantas lápidas e algunha modesta tumba no adro da parroquial. Entre elas a do Tenente Coronel José Salgueiro Fernández (1811-1885) nado na Rochela e propietario do pazo da Mourisca, en tempos territorio integrado na parroquia de Vilaza.
Sen dúbida, é o calvario máis importante dos poucos que existen no Val de Miñor e o segundo, entre os datados, máis antigo de Galicia. Aínda que xeralmente se situaban nunha zona alta e se correspondían coa última estación dun Viacrucis neste caso non é así. Sitúase á marxe esquerda do camiño que dende a parroquial subía a Pampillón, no que foi unha antiga carballeira. Acondicionado en 1996, o monumento, datado en 1668 nun dos pedestais (BENTo LVIS ME HCo A SV COSTA 1668), está formado por tres pezas. As dúas posteriores máis sinxelas e menos ornamentadas, con inscricións moi erosionadas, comparten simboloxía coa central. Esta, a principal, consta de todas as partes esixidas para a definición máis completa de cruceiro. Na cara frontal da base outra inscrición: CARITAS/SE PINTO Y ALAMBRO A/DEVOCION DE VICENTE/MOREIRA. SIENDO CURA D. DO/MINGO FERNANDEZ. AÑO/ DE 1904. Sobre esta, no chafrán: OMNIBUS. No fuste diversas referencias en relevo á paixón de Cristo e na cruz, sobre un orixinal capitel, un Cristo vivo e moi plano no anverso, cos pés paralelos e apoiados e coas mans cravadas; no reverso, unha cruz en baixo relevo que abrangue a totalidade dos paus da que dá soporte ao Cristo. En ambas as dúas caras, máis simboloxía da Paixón. En todo o monumento non se conserva resto ningún de policromía. Total, un monumento que pertence aos cruceiros da elite formada pola centuria de 1600, só 22 anos máis novo que o Cruceiro da Vila, en Gondomar.
Presa. Abasteceu de augas de regadío ás terras do pazo de Barreiro. O dobre aproveitamento da superficie en dous planos, o inferior para a auga embolsada e o superior para emparrado de viña armada sobre dous soportes pétreos que arrancan do interior da presa, dános idea do valor que en tempos tivo a terra para o campesiñado. É un curioso exemplar de peza constitutiva do ciclo da auga na vida campesiña. Cruceiro. Sinxela cruz alta asentada directamente sobre o muro que delimitou o terreo do pazo respecto do camiño. Preside unha encrucillada e ante ela, como sucedía tantas veces cando os defuntos saían dende as correspondentes casas en dirección ao cemiterio, paraban as comitivas fúnebres para recibir un responso.
Aínda que se publicou que a súa fundación podía proceder de finais do XVII ou principios do XVIII, parece ser que foi o clérigo D. Francisco de Arines Troncoso Bugarín, nacido en 1728, quen o construíu. Sobre el instituíu un morgado D. Remigio Ramón de Arines, señor do Pazo de Pampillón e irmán de D. Francisco. Hoxe, despois de ser fragmentada a propiedade polos descendentes directos do fundador, pasou a outras mans e está en tramitación un proxecto de rehabilitación integral. É un edificio con planta en forma de L transformado polos moitos engadidos e reformas. Na parte interior do L, a nordés, dentro do patio de respecto, emprázase o principal patín. Ao sueste a solaina sobre ménsulas, actualmente reforzadas con columnas. Nunha esquina do patio, próxima á portada principal e con acceso dende o patio e dende o camiño exterior, sitúase a capela, fundada en 1752 baixo a advocación de San Lois e San Xosé. O Pazo, que posúe diversas edificacións adxectivas, ocupa a parte máis alta dunha gran superficie de terreo en socalcos e mantén unhas composicións nos alzados moi propias do barroco, con zócolos, esquinais, recercados de ocos, cornixas e columnas resoltas en granito visto sendo o resto panos cegos encalados. A casa, en deficiente estado de conservación, conserva dous brasóns coas armas dos Arines, Troncoso, Ceta, Soutomaior, Acuña e outros.
Emprázase na Gándara ou na Gandra, ao pé do Barreiro, nun tramo do río Vilaza (citado en documento do século XII como Miñor) onde abundan os muíños hidráulicos, edificacións a cabalo entre a enxeñaría e a arquitectura, se ben todos en estado ruinoso. O conxunto está constituído por dous muíños rectangulares de gran lonxitude enlazados por canles para a auga, pontellas, cubos ou tanques, escalinatas, muretes e mesmo un lavadoiro baixo unha viña da modalidade en lata, tradicional da provincia de Pontevedra. Ademais existe unha vella casa, un hórreo e varios alpendres, todo en granito. Os muíños do grupo que nos ocupa son os de máis moegas e eran dos denominados de maquía. Á beira contraria do río, baixo un noiro de grande altura, unha fonte das de biqueira, que recibe o nome do lugar, á que se chegaba por un camiño paralelo ao río ou cruzándoo a través de poldras. Un pouco máis arriba as ruínas dun serradoiro de madeira que do mesmo xeito utilizaba a enerxía hidráulica. O lugar tamén se coñece como O Río. Foi unha paraxe moi concorrida por pintores de paisaxe e pescadores, estes cando era habitual sacar troitas de gran tamaño.
A moi pouca distancia do grupo anterior e en tempos formando parte da mesma paisaxe, próximos á ponte do actual camiño asfaltado, existen restos doutros dous dos denominados de herdeiros. Un, totalmente arruinado, foi propiedade de Manuel Moreira Alonso, natural da parroquia, médico e efémero alcalde de Gondomar a mediados do XIX. O muíño, con pórtico cuberto ante a porta de acceso, agora derruído e desaparecido, chegou a ter tres moegas. O outro dúas.
Fonte de tipo cabaliño, de boa labra, con lavadoiro e bebedoiro para animais, mandada construír en granito do país, baixo viña en lata, polo comandante retirado dos exércitos de Isabel II e defensor da restauración dos Borbóns durante o sexenio revolucionario José Salgueiro Fernández. Levantouse no ano 1867, case ao tempo que se abría a estrada Gondomar-Porriño (comezo en 1859) fronte á casa na que nacera na Rochela, a pouca distancia do pazo da Mourisca que rematará por mercar.
No monte O Picoto mantéñense os topónimos "fundas" e "covas", que substitúen o medieval "grovam" citado nun documento do século XII. Os tres son indicio de transformacións artificiais na topografía do lugar. Estes pronunciados cortes na terra e depresións, aos pés da Mourisca, son vestixios conservados dunha mina romana a ceo aberto en busca de ouro, catalogada en 1997, que segundo o investigador Gustavo Pascual Hermida puido estar en activo ata o Baixo Medievo. O mesmo autor sitúa un castro mineiro na zona, o cal, sendo contemporáneo á explotación, sería o asentamento poboacional máis antigo próximo á vila. Un dos topónimos completos conservados na zona é o que dá título a este apartado
Pasando polo citado barrio e cruzando o río de Vilaza comunicaba dende hai séculos, e aínda o fai, os das Gaiandas e Ameixeira.
A pouca distancia dos muíños, uns 120 m. augas arriba do acueduto, emprázase esta pequena ponte peonil. Cada un dos dous tramos alintelados está formado por outras tantas lousas apoiadas en estribos con esporón. Nunha das lousas, partida no ano 2016, tiña gravado en baixo relevo: AVE MARÍA. Existe constancia da súa existencia na primeira metade do XVIII, aínda que moi probablemente sexa anterior.
Ponte. Onde actualmente se sitúa un paso peonil en aceiro e madeira existiu antes outro de pedra derrubado en 1937 por unha enchente do río. Del consérvase un debuxo executado polo historiador Espinosa Rodríguez no ano 1897. Constaba dun arco apuntado no centro, que daba paso a toda a canle, e dous aliviadoiros alintelados, un a cada lado, con alzado xeral en forma de lombo de asno, transmitindo unha imaxe que lembra ás pezas do medievo. O citado autor cualificouno de románico sen citar fonte nin referencia documental ningunha. A profesora Elisa Ferreira fai pasar por esta zona do río un camiño medieval de entrada á Paradela de Gondomar. Lavadoiro. Foi un dos lavadoiros comunais, públicos, da vila. A súa procedencia debe ser o século XIX. O enxeñeiro Ramiro Pascual recólleo no plano do “Proyecto de Reforma y Ensanche de la Villa de Gondomar" asinado en xuño de 1900.
A este recinto trasládase no ano 1883 a feira que se viña celebrando na Paradela. Para iso formalízase un contrato de arrendo co propietario do terreo o cal é anulado en 1885 polo que, tras diversos trámites entre os que se baralla retornar á Paradela, o concello en 1892 faise definitivamente cunha superficie no lugar de máis de 3.000 m2 que se amplían en 1911 e en 1925. Na década dos corenta acondiciónase e urbanizase, mellorándoo e substituíndo algunhas especies arbóreas nos sesenta. Na década dos noventa, tras a case desaparición da feira de gando, que durante os seus últimos anos se traslada ás Cercas, por onde agora está a Estación de Autobuses, transfórmase no actual parque público.
Foi unha encrucillada de catro camiños que sofre transformación no primeiro terzo do século XX coa apertura da estrada que comunicou o lugar de Feira de Secas, en Gondomar, coa Areíña, en Vilaza. O cruceiro, que pasou topónimo ao lugar, en realidade debeu ser unha cruz alta xa que os únicos vestixios lembrados son os do pedestal asentado directamente no chan, sen plataforma. Emprazábase na súa etapa final na parcela ocupada actualmente pola vivenda seriada situada máis a sueste da urbanización, lugar ao que debeu ser trasladado dende o centro da encrucillada. O pedestal posuía unha inscrición que ninguén recorda como para poder transcribir.
Antigo camiño de carro, de considerable pendente, que comunicaba as terras próximas á Igrexa coa parte alta da parroquia e co Barreiro a través do Guadarrama.
Non se coñece con exactitude a data de fundación dos muíños deste barrio se ben se sabe que xa existían a mediados do XVIII sendo nese momento, a dicir do Catastro de Ensenada, os máis importantes da vila. Os muíños, con varios pés de trituración, dispuxeron dende o inicio de vivenda para o muiñeiro que máis recentemente foi torpemente ampliada para dar acubillo a familias diversas Trátase dunha peza arquitectónica que inicialmente constaba de inferno, tremiñado e primeiro andar, construída totalmente en granito. Alimentouse sempre da auga da Levada do Bravo que xusto antes del ten unha desviación para abastecer o gran cubo enterrado e trapezoidal, de pavimento inclinado, encargado de impulsar os tres rodicios que sempre tivo. Foi un muíño de maquía e, de xeito distinto ao habitual, os compoñentes dos mecanismos de abastecemento de gran e recollida da fariña mostran un intento, relativamente recente, de incorporar a industria a procesos artesanais: a moega e resto de compoñentes de fornecemento e control de gran están construídos en ferro soldado; a caixa da moa en morteiro de cemento coloreado. O muíño aínda conserva un guindastre para retirada e repicado das moas; dos poucos do municipio. Augas arriba do peirao destes muíños, non lonxe, na leira Os Chasquiños, quedan os restos do muíño do Galeón.
A Levada do Bravo transportaba auga para o regadío das terras inmediatas á presa propia e ás da marxe dereita do río Miñor ata o antigo morgado de Baludío, en Mañufe, por onde hoxe se conservan as reconvertidas escolas Hispano-Americanas Pro-Val Miñor. É posible que o antigo morgado estivese detrás da súa fundación se ben sobre isto non temos datos. O acueduto, do século XVII, está formado por un arco central de medio punto, dous laterais tipo carpanel e dous aliviadoiros en lintel. Nas pilas centrais aparecen senllos tallamares augas arriba. A canle pétrea ten unha sección de 0,80x0,45 m. e unha lonxitude de 42,00 m.

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta