Coordenadas 99

Fecha de subida 6 de noviembre de 2018

Fecha de realización noviembre 2018

-
-
110 m
10 m
0
1,5
3,0
5,98 km

Vista 85 veces, descargada 5 veces

preto de Gondomar, Galicia (España)

Arquitectura religiosa

Igrexa de San Bieito

A actual construíuse integramente no XIX e sufriu reformas e ampliación en altura na transición ao XX. Máis tarde incorporóuselle unha capela na cara norte. Presenta un ecléctico estilo historicista, con torre campanario na rúa central da fachada occidental rematado en agulla octogonal. Hai algunhas décadas, para o seu demérito, perdeu os encalados exteriores e interiores. Emprázase sobre unha plataforma amparada por muros de contención de terras realizados en granito, algúns dos cales probablemente sexan coetáneos ao templo e outros de cando o arquitecto Jenaro de la Fuente se encarga de ensanchar, segundo proxecto redactado en 1889, as escalinatas e o modesto camiño de acceso que aberto pouco máis de 25 anos antes chegaba a elas. Aínda non se atopou documentación ao respecto que o certifique pero o máis lóxico é pensar que a anterior igrexa ocupase o mesmo lugar, máis ou menos, se ben con menores dimensións. Inda sendo moi estraño, daquela unicamente se conserva na actual unha imaxe barroca de San Gregorio, do século XVII, que é a peza de imaxinaría máis relevante do templo. Outra versión, transmitida por tradición oral, asigna a orixe desta imaxe a un pequeno templo ou capela, totalmente desaparecido, situada nas Senras, en Bade. De ser certa esta tese aínda complicaría máis a explicación de falta de antecedentes recentes daquel templo ao que o primeiro conde de Gondomar, no seu testamento, cede un vaso de prata dourada que lle regalara o rei de Francia para que se utilice de custodia; ou ao que a súa nai, tamén no seu, vinte e nove anos antes, en 1596, asigna certa cantidade de aceite anual para as lámpadas do Santísimo Sacramento. Agás a localización dalgunhas pedras reutilizadas nos actuais muros, que queremos entender dunha igrexa precedente, nada sabemos dela nin do antigo cemiterio que habería de acompañala. As únicas noticias dun templo anterior achégaas un documento medieval conservado en Tui e citado neste traballo varias veces a través do cal o conde de Galicia D. Raimundo e a entón infanta Dona Urraca ceden as súas propiedades en Vilaza no ano 1106. Nel fálase da igrexa da Paradela de Gondomar que, polo tanto, e no grao de sinxeleza que fose, sería canto menos románica, e sitúaa nun lugar que aproximadamente coincide co actual. Non obstante a advocación recollida aínda non era San Bieito senón San Salvador, isto é, Cristo, advocación propia do santoral hispano antigo anterior á crise do século VIII. En consecuencia, a advocación actual é posterior a 1106 e niso quizais puido ter intervención o mosteiro beneditino de Donas, fundado a mediados do século XII e activo ata finais do XV.
Waypoint

Antigo camiño do Cardal

Chamábase así ao tramo que dende as inmediacións da Ponte das Ánimas, onde remata o curioso paso elevado, unía coa praza da Paradela, integrante do antigo camiño que enlazaba este lugar coa estrada real de Tui-Baiona. Nesta ruta para chegar ata el haberemos de baixar polo camiño que dende a fonte de San Bieito pasa ante as ruínas da casa dos Freiría, do século XVIII, que na súa marxe esquerda aínda existen, para logo torcer a dereita, máis tarde a esquerda e logo continuar pola Rúa das Pereiras ata o encontro con aquel, agora convertido en rúa. Este camiño antes da apertura das estradas a Peitieiros e Chenlo seguía recto en forma de sendeiro pola cabeza da Poza, unha presa de regadío situada entre as citadas estradas, en dirección ao do Cardal.
Ponte

Ponte Alta da Paradela

O trazado peraltado e as marcas de canteiro que aínda conserva poderían indicar unha orixe baixo medieval, algo que non obstante parece querer desmentir a presenza e estereotomía da fábrica pétrea, aínda que isto tamén pode ser consecuencia dalgunha reconstrución. Está constatada a súa existencia no XVII, cabendo a posibilidade, pode que remota, de que fose construída na primeira década do século cando Diego Sarmiento de Acuña constrúe a porta do Sol e os tramos de vía necesarios para conectala cos camiños existentes. Tamén se coñece como "Ponte das Ánimas" debido ao monumento de exaltación do purgatorio instalado sobre el posiblemente a finais do XVIII ou primeira metade do XIX, antes da apertura da PO-340 cando loxicamente empeza a perder uso. É de moito interese etnográfico o paso de pedra elevado sobre a zona inundable da beira norte do río para o paso de persoas.
Waypoint

Vexetación de ribeira

Ao longo deste tramo baixo do río imos atoparnos con vexetación autóctona de xeración espontánea tal como loureiros, salgueiros, algún carballo e outros varios. Esta liña vexetal vai serpeando, ao mesmo tempo que o fai o río, entre campos de cultivo, principalmente millo. Durante o traxecto atoparémonos coa ponte que dá continuidade sobre o río ao camiño do Barando procedente da Áspera.
Waypoint

Muíño hidráulico do Quintas

Sitúase no lugar da Margarida. É un muíño dos denominados de canle, dunha soa moega, con tellado a unha soa auga, aínda en funcionamento; dos poucos do municipio que o están, se ben sometido a reformas pouco atinadas. A auga que lle subministra a forza motora chégalle a través dunha canle de pedra duns 21,00 m. de lonxitude dende a inmediata Levada do Beco a cal, ademais de abastecelo, rega os campos ao seu paso ata O Cotro e, hai tempo, ata a Ponte de Ánimas. Esta levada, que toma augas dun pequeno peirao do río que baixa de Morgadáns, é unha das escasas que inda funcionan no municipio.
Waypoint

Pousa das Cernadas

A finais do XVI vivía nesta casa da parroquia de Chaín o escribán da citada parroquia D. Álvaro Tan Saavedra, casado con dona María Salgado, de Baiona, herdeira do morgado que sobre a casa fundara o capitán Alonso Pereira de Castro. Mediante documento notarial elevado na parroquia de Peitieiros, en 1780, o daquela propietario do morgado, D. Antonio Benito Salgado y Saavedra, presbítero e veciño de Vila Vella de Redondela, afora de por vida a “don Domingo Antonio de Oya, prebítero y cura de la feligresía de San Miguel de Oia, a don Juan Antonio de la Fuente, su cuñado, casado con dona María Francisca de Oya, y a don José Antonio de Oya, también presbítero, todo el lugar que se nombra de Cernadas, sito en la feligresía de Chaín y villa de Gondomar, que se compone de casas altas de sótano y sobrado, con su cocina, corrales, eirados y sus residios, con todo el labradío, parra, montes y molino junto a ellas (…)”. Na actualidade a casa, brutalmente transformada, conserva un gravado en baixo relevo coas armas dos Salgado no lintel da porta da adega. Tamén conserva parte do antigo muíño hidráulico citado no XVIII.
Waypoint

Vistas panorámicas.

O camiño bordea polo nacente as terras da pousa de Cernadas, abastecidas polas augas do Regueiro, continuando logo a Zapa. A metade de percorrido mantéñense unhas edificacións tradicionais de planta baixa na marxe esquerda do camiño e fronte a elas arranca un segundo camiño entre muretes que conduce, trescentos metros mais alá aproximadamente, a un alto que ocupou a antiga pousa brasonada de Vista Alegre, na Torre, existente a finais do XVI segundo parece desprenderse dun documento testamentario. Dende o punto sinalado no plano abránguese unha ampla panorámica que engloba a finca matriz de Cernadas e o barrio do Avelar, por diante do Picoto, á dereita, de fronte vese O Toucido de Arriba e máis á esquerda os de Sequeirós, Bade e A Estrada coroados pola masa forestal do Pazo do Conde cercada por decadentes muros. Como fondo, a Serra da Groba.
Waypoint

Etnografía. Cruz alta sobre presa de regadío.

Esta cruz sitúase nunha encrucillada de antigos camiños xa citados no XVIII, xusto sobre a canle de saída das augas da presa do Regueiro, baixo un carballo de moi considerable porte. A presa regou as terras de labradío en dirección a Cernadas, as da citada pousa e aínda algunhas máis alá. Segue en uso parcial. A cruz antiga rompera por accidente e foi reconstruída polos veciños no ano 2011. Pola súa localización, a inicial puidese ter relación con algún rito ou costume vinculado á presa, á auga.
Waypoint

Fraga do Loureiro.

As augas do Regueiro crean un pequeno brañal, na parte baixa do Loureiro, totalmente colonizado por vexetación autóctona entre a que destaca a abundancia de loureiros e carballos; baixo eles vive a correspondente fauna. Algo máis arriba sitúanse as casas e edificacións complementarias que configuraron a antiga aldea. Hoxe a maioría están acondicionadas co lóxico fin de mellorar as condicións hixiénico-sanitarias e de confort pero as obras fixéronse sen o suficiente acerto e polo tanto o conxunto perdeu o auténtico carácter; o seu principal valor.
Waypoint

Vistas Panorámicas

Fermosas vistas afastadas das parroquias de Peitieiros e Couso cercadas nas súas cotas máis altas polos montes da Serra do Galiñeiro en dirección ao Aloia, en Tui.
Waypoint

Presa do Avelar.

Esta presa do Avelar ultimamente utilízase pouco e, en consecuencia, case non se limpa. Cando se facía, segundo contan os veciños, era frecuente en certa época do ano ver como se axitaba a contorna coa chegada de parrulos silvestres
Waypoint

Casa brasonada do Avelar

Tamén coñecida como Avellal, foi fundada polos Pereira, que enlazaron entre outros cos Ocampo y Coronel, neste barrio de Gondomar. Xa existía a principios do XVIII. Foi unha casona en forma de L, tipoloxía moi utilizada pola fidalguía, con dúas plantas e unha escaleira pétrea no ángulo interior. Sobre esta, incrustado na parede, estivo dende o principio un grande escudo que agora, tras pasar un tempo depositado no chan, figura no frontal. Sufriu varias mutilacións e transformacións como consecuencia da fragmentación da propiedade. Posúe un notable hórreo tipo Pontevedra. Esta importante casa foi cabeza de morgado e as súas terras que alcanzaban as abas do Picoto cortadas pola estrada a Chenlo na década dos trinta.
Waypoint

Fundas de Sarmento.

No monte O Picoto mantéñense os topónimos "fundas" e "covas", que substitúen o medieval "grovam" citado nun documento do século XII. Os tres son indicio de transformacións artificiais na topografía do lugar. Estes pronunciados cortes na terra e depresións, aos pés da Mourisca, son vestixios conservados dunha mina romana a ceo aberto en busca de ouro, catalogada en 1997, que segundo o investigador Gustavo Pascual Hermida puido estar en activo ata o Baixo Medievo. O mesmo autor sitúa un castro mineiro na zona, o cal, sendo contemporáneo á explotación, sería o asentamento poboacional máis antigo próximo á vila. Un dos topónimos completos conservados na zona é o que dá título a este apartado
Waypoint

Vistas panorámicas sobre a Vila

Vista da vila dende o punto de arranque ao pé do Picoto do camiño que pasando polo Pedrouco se dirixía a Santa María de Chaín e San Roque, en Morgadáns, antes de que se construíse nos anos trinta e inicio dos corenta do século XX a actual estrada a Chenlo. Este mesmo camiño a pouca distancia do punto indicado no plano tiña unha derivación á Áspera e pouco despois outra ao Avelar, cuxas terras cortou a estrada; algo máis arriba aínda había unha terceira baixada, pola Brea, a Zapa.
Waypoint

Camiño Vello.

Así é como tamén se coñece o antigo camiño da Áspera, topónimo documentado xa no século XIII. Foi este unha derivación do desaparecido camiño a Chaín pola faldra sur do Picoto. Despois da encrucillada co que pola Torre sobe a Morgadáns, citado como medieval pola historiadora Ferreira Priegue, baixaba, e aínda o fai, por diante do pazo aí existente e enlazaba co camiño do Barando en dirección ás ribeiras do río que baixa de Morgadáns. No encontro existe unha ponte que o cruza reposta nos anos setenta do XX.
Waypoint

Pazo da Áspera de Gondomar.

Pequeno pazo fundado posiblemente a finais do XVIII por descendentes do de Piñeiro, en Peitieiros. Recibe o nome do lugar de asentamento na parroquia de Gondomar. Ten planta en forma de L, estrutúrase en dúas alturas sendo a primeira a principal, e ao vento nordés péchase en patio mediante muros de contención de terras do terreo, en granito, dende o que arrancan as escaleiras pétreas que dan acceso ao patín-corredor que percorre o ángulo interior do edificio. Este corredor cóbrese mediante a prolongación do tellado apoiado en sete columnas oitavadas asentadas sobre a varanda cega que o pecha. O escudo de armas da casa está tallado en mármore.
Waypoint

Camiño do Cotro.

Antigo camiño que dende a ponte das Ánimas e pasando por este barrio chegaba á igrexa. Actualmente o seu antigo trazado está parcialmente desaparecido se ben aínda é detectable entre leiras.
Waypoint

Antigo campo de festas, fonte de San Bieito e cruceiro da vila.

Campo de festas. A este mester dedicouse todo o recinto situado ante o cabeceiro da Igrexa, que nas primeiras décadas do XX aínda non contaba cos bancais que agora presenta. Péchase polo norte coa casa que foi do Araña. Esta casa con traza habitual na Idade Moderna quizais puido ser a antiga reitoral, dato aínda sen confirmar. Neste lugar tamén se celebrou en tempos a feira de "porcos e las" de San Bieito e inda se seguen a celebrar as poxas de Santo Antonio todos os 12 de xullo pola tarde. Era o único acceso posible á igrexa antes de que se abrise no XIX a actual rúa escalonada dende o barrio da Paradela ata a fachada occidental do templo. A veciñanza coñéceo como O Adro. Fonte. Emprazada a moi pouca distancia do cruceiro, forma grupo cun lavadoiro público que en tempos tivo un uso intenso. A fonte, moito máis antiga, sométese a obras de embelecemento e mellora en 1943, converténdose nunha das chamadas "de cabaliño". O corpo principal remata nun frontón truncado, no que aparece tallado en relevo a mitra e o báculo de San Bieito, coroado todo por unha cruz latina. A auga do cano recóllese nunha cuncha pétrea que a desvía ao lavadoiro situado no extradorso. Na base outro tanque de pedra fai as funcións de bebedoiro para animais. Foi unha das dúas "milagreiras" que posuíu a vila. En realidade xa o era antes da citada reforma, cando non pasaba dunha fonte con biqueira pétrea asomando na boca da mina embutida no muro aínda hoxe conservado á súa esquerda. Cruceiro. Segundo inscrición do pedestal este monumento, coñecido tamén como cruceiro de San Bieito, foi fundado en 1646. É unha peza completa con cruz figurada en anverso, un Cristo crucificado, e reverso, unha Piedade. Sitúase no que foi antigo campo de festas referido pola veciñanza como O Adro.

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta