Tempo  3 horas 12 minutos

Coordenadas 147

Fecha de subida 8 de noviembre de 2018

Fecha de realización febrero 2018

  • Valoración

     
  • Información

     
  • Fácil de seguir

     
  • Entorno

     
-
-
296 m
36 m
0
2,5
4,9
9,8 km

Vista 61 veces, descargada 8 veces

preto de Couso, Galicia (España)

Esta é unha ruta moi particular ao estar a maior parte do seu percorrido suxeito ás marxes de distintas canles de auga: os ríos de Peitieiros e de Couso ou Rasas. Isto propicia unha paisaxe natural cuxo principal protagonista é o líquido elemento e outro construído no que tomando como base a auga queda constancia dos enxeños do campesinado para domesticar e rendibilizar a natureza ao longo do tempo.
Esta ruta, de case 10 km., é susceptible de ser dividida en dous, tamén circulares.
As dúas iniciaríanse e rematarían na parroquial e mentres a primeira, dirixíndose cara ao norte, volvería á parroquial a través da antiga estrada Real unha vez alcanzado a ponte de Couso, a segunda, tamén a través da mesma estrada enlazaría coa citada ponte para logo facer o tramo restante en dirección sur.

O territorio de Couso, a parroquia, aínda que morfolócicamente integra o Val de Miñor, administrativamente non formou parte desta comarca ata que no ano 1836 inclúese no Concello constitucional de Gondomar. Antes, durante o Antigo Réxime, no político e gobernativo dependía de Salceda de Caselas e no xurídico de San Miguel de Pexegueiro.
Os únicos puntos de abastecemento da ruta emprázanse na contorna da Retorta-As Laxes.
Waypoint

Igrexa de San Cristovo, cemiterio e casa veciñal

Igrexa. Segundo Ávila y La Cueva a primeira noticia desta igrexa data de 1156. A actual, atendendo á inscrición da ábsida (1731) foi construída, polo menos parcialmente, no primeiro terzo do XVIII. Máis tarde, como sempre sucede, veríase sometida a múltiples reformas e ampliacións. Entre as últimas han de citarse a sancristía e o baptisterio da fachada norte unidos por un pórtico cuberto que apoia nunha columna central oitavada. Tanto a nave como a ábsida son de planta rectangular. Entre as reformas deben citarse o tapiado da porta da fachada setentrional, as de restauración de 1906 citadas na inscrición do muro sur e a substitución da antiga espadana, de dobre van, pola torre-campanario cadrada actual. É unha edificación sinxela, sen apenas adornos, na que destaca a porta en arco de medio punto. Entre a imaxinaría sobresaen dúas pezas barrocas: San Xoaquín e Santa Ana. Cemiterio. De todos os existentes no municipio, é o que menos se adapta, xunto co de Borreiros, ao concepto de cemiterio hixienista como nova tipoloxía para lugar de enterramentos imposta definitivamente a partir da chegada do Réxime Liberal. Existe un recinto valado ao sur da igrexa que convive cunha serie de nichos e panteóns situados arredor desta polos ventos norte e nacente. Entre os panteóns, de finísima cantería e variada arquitectura ecléctica, atópanse algúns promovidos por indianos da parroquia. Os mesmos indianos que sufragaron maioritariamente a actual torre campanario e levaron a termo outras accións filantrópicas. Casa veciñal. Emprázase fronte á antiga casa de novenas, construída en 1846, dando cara ao recinto de festas en cuxa marxe contraria, precedida dun cruceiro e un falso calvario formado con restos do desaparecido viacrucis da parroquia, atópase a que foi casa reitoral. Construíuse para servizo e esparexemento da veciñanza a mediados da década dos noventa do século pasado.
Waypoint

Camiño ao Porto

Chegamos a el despois de camiñar pola Cañota un tramo da estrada asfaltada que arranca nas Boucias, onda a parroquial. É un antigo carreiro que baixa ao lugar do Porto. Hoxe, aínda que mantén o pavimento de terra, presenta sección de maior anchura para ofrecer máis doado servizo aos tractores que sacan madeira do monte. Este camiño cruza o regato que, co mesmo nome do lugar, separa esta parroquia de Couso da de Peitieiros a través dunha moi recente pequena ponte de formigón sobre aros metálicos. Non obstante, o máis probable é que en tempos o paso do río para carros, dada a pouca profundidade e mínimo caudal, se resolvese mediante unhas lousas de pedra asentadas no propio leito deste, segundo dá a entender o topónimo do lugar. A nosa ruta xira á esquerda antes de cruzar a ponte. Este río na súa totalidade coñécese como de Peitieiros.
Waypoint

Muíño do Porto

Muíño fora de uso que veremos na outra beira do río. Emprázase no mesmo lugar do Porto pero na parroquia de Peitieiros. É unha peza de pequenas dimensións, con cuberta a unha soa auga, que no tremiñado dispuxo dunha soa moega sobre un corpo de trituración (pé e moa) cuxa forza hidráulica lle chegaba a través do eixe ou touzo dende o rodicio situado no inferno. Conserva o cubo, de sección cadrada, ao que chegaba a auga da levada por un tramo final realizado totalmente en granito asentado sobre un groso muro do mesmo material. O cubo ou pozo era o sistema utilizado para os abastecidos por canles de mínimo ou irregular caudal. Ao lado da porta de entrada aínda mantén parcialmente o antigo pousadoiro utilizado como axuda nas tarefas de carga e descarga. Non existe ningunha simboloxía de protección. Foi un muíño dos denominados de herdeiros (único grupo de campesiños que moían nel) e tamén se coñeceu como das Rasas.
Waypoint

Ponte da Banda.

Tras un tramo de río encaixado entre muros de cachotaría de granito aparece esta sinxela pero fermosa pequena ponte peonil resolta totalmente en pedra. É unha tipoloxía tradicional de paso moi utilizada na arquitectura vernácula. Neste caso componse de tres vans resoltos a base de lousas planas para a calzada asentadas en estribos a ambas as dúas marxes do río e cepas centrais. Non supera os oitenta centímetros de ancho.
Waypoint

Paso de poldras

En distintos puntos desta ruta mantense o nome común "poldras" asociado ao topónimo do lugar pero rara vez a constatación física do paso. Foi esta unha das solucións construtivas empregadas polo campesiñado para cruzar canles de pequeno caudal. Consistía na aliñación dunha serie de pedras, máis ou menos traballadas, colocadas en sentido perpendicular ao da corrente que, emerxendo da auga, servían para que as persoas puidesen cruzar sen mollar os pés. Os animais facíano en paralelo a través do leito do río. Cando, como neste caso, as pezas están exentas de todo traballo de cantería e non se fincan no leito da canle o máis correcto sería citar a solución como "pasadoiro". Neste caso o topónimo completo é Poldras do río da Gandra. É usual que estas canles de pequena entidade vaian tomando nomes distintos á medida que cruzan diferentes paraxes, que é o que sucede neste caso.
Waypoint

Ponte do Candal.

O único valor desta ponte é facer posible a circulación de vehículos automóbiles sobre o río no lugar, comunicando as parroquias de Couso e Peitieiros. Poucos metros augas arriba existe outra, antiga e tradicional, a base de lousas de pedra, ampliada en anchura, que coa construción desta viu diminuído o seu uso.
Waypoint

Ponte dos Amados.

Neste lugar existiu ata non hai moitas décadas unha ponte alintelada de lousas de pedra que foi substituída pola actual. O razoamento, como tantas veces, foi un mal entendido concepto de modernidade
Waypoint

Antigo muíño hidráulico das Rasas

A pouca distancia da ponte, á marxe dereita dun tramo de camiño que aínda conserva parte do antigo pavimento de pedra marcado coas rodeiras ou rilleiras do continuo pasar de carros, emprázanse os restos deste muíño. Aquí o río vai moi profundo e encaixado e entre a vexetación destacan notables exemplares de loureiro. O muíño, dunha moega e tellado a unha soa pendente, hoxe desaparecido, perdeu a canle que o abastecía. Na xamba dereita da porta de acceso ao tremiñado conserva en baixo relevo unha das cruces que a miúdo se gravaban con fins protectores. Debido á pronunciada pendente do terreo, o inferno ten unha altura considerable.
Waypoint

Campo de birlos celta

Atópase lixeiramente apartado do percorrido. Este xogo-deporte tradicional, protexido pola lei galega de Patrimonio, ten o seu máximo arraigamento e presenza dentro de Galicia no Val de Miñor e terras de Tomiño. Aínda así, non coñecemos ningún recinto de xogo resolto con gusto e esmero; case sempre se aproveitou algún espazo residual de terra comunal para instalar a boleira. Este da Carballisa foi construído coa chegada do século XX, remodelado moito tempo máis tarde, e estivo en activo ata a primeira década do XXI. Nel, como en todos os demais, competiuse por bos galos, carneiros, viños do país e outros trofeos; logo apareceu a Federación. Foi na primeira década deste século cando se construíu a edificación anexa e, aínda manténdose como punto de reunión para a veciñanza, o motivo pasou a ser soamente festivo-gastronómico.
Waypoint

Ponte de Couso

Esta ponte non ten especiais valores arquitectónicos e foi reconstruída parcialmente (peitorís e consolidación puntual da fábrica desestabilizada por unha enchente do río Rasas ou de Couso) arredor do cambio de milenio. Algúns anos despois pavimentouse con asfalto o tramo de vía que dende As Laxes chega a el. A súa fábrica está executada en cachotaría ruda de gran tamaño na que incorpora un único ollo rectangular de desenvolvemento vertical pechado superiormente por 10 lousas de grande espesor. Non se coñece a súa orixe que á forza ha de estar vinculada ao da vía servida se ben esta, o camiño, aquí parece tivo anteriormente distinto trazado. Aínda existen vestixios topográficos que dan a entender que á altura do actual tanque de auga, segundo baixada de As Laxes, o camiño xiraba levemente á esquerda para baixar en dirección ao río e cruzalo, sen saber como, non hai evidencias, facer o propio coa Levada do Conde e volver á traza actual antes de atoparse coa PO-340. Esta tese parece queda referendada polos lindeiros recollidos nalgunha escritura de propiedade de terreos confinantes. Documentos do arquivo histórico de Baiona recollen os moitos problemas que presentaban calzadas e pontes no século XVI. É coñecida a ameaza de derruba por rotura do único arco da ponte de Veiga a principio do citado século, no camiño de Tui, o que obrigaba dende cinco anos atrás a cruzar polo río, pero aínda non fomos quen de situala no territorio. Apenas cruzada en dirección poñente atopámonos coa Levada do Conde abastecida polo tamén Peirao do Conde situado uns cen metros río arriba.
Waypoint

Pontillón do Candal

Moi humilde paso sobre non menos humilde canle de auga, sobre todo en verán. Consta dunha lousa de granito que, para salvar o desnivel existente entre as marxes do regato, remata pola cara sur con dous descontrolados chanzos do mesmo material.
Waypoint

Presa do Conde.

O lugar debe estar transformado. Neste punto do río Couso ou das Rasas desvíase a auga que abastece a Levada do Conde seguramente dende inicios do XVII se ben a súa existencia esta constatada no XVIII. Regaba as terras de Randufe, Bade e o condado ata o río que baixa de Morgadáns, nas Cercas, ademais de subministrar enerxía hidráulica ao serradoiro e os dous muíños do Roque, ao de Covellas e aos dous de Veigadraga. Na repartición de augas para regadío ao condado correspondíalle a de todos os sábados e domingos. Ademais o condado tiña un mínimo continuo que se correspondía co que pasaba por unha pedra furada colocada nunha arqueta de desviación emprazada despois dos muíños de Veigadraga. A levada aínda se utiliza parcialmente.
Waypoint

Muíños hidráulicos do Candal

Son dous, colocados de tal xeito que a auga dun, ao saír do inferno, abastecían o outro. Están arruinados; tan só se mantén en pé a fábrica de pedra. O de abaixo foi dos denominados de canle, dunha moega, tivo cuberta a unha soa vertente e posuíu pousadoiro que aínda conserva. Na contorna da porta conserva cruces de protección. O de arriba tamén é dunha moega, tivo cuberta a unha auga, conserva signos de protección na porta pero, a diferenza do anterior, é de cubo ou pozo. Deixando os muíños á nosa esquerda, a ruta segue pola arruinada levada que os abastecía de auga.
Waypoint

A Ponte

Formou parte dun camiño que desapareceu do sistema viario da parroquia. Daba paso sobre o río ao que vindo das Vacarias pasaba pola Feira e A Areiña en dirección á Torre e aos Remedios. É unha peza que recorda a Ponte de Couso. Neste caso a fábrica está mellor tratada, o alintelado do oco descansa, aínda sexa parcialmente, sobre mochetas e o ancho da plataforma de paso é de 2,00 m., aproximadamente, máis peitorís, inferior á ponte citada. A día de hoxe necesitaría obras de consolidación da fábrica para evitar a súa inmediata derruba. Tamén de limpeza da terra e vexetación que colmata o paso alintelado da antiga levada que a cruza.
Waypoint

Muíño do Cabo.

Último dos exemplares arruinados e fóra de uso que conservan a súa estrutura pétrea nesta ruta antes de chegar á PO-341. É unha peza dos tipoloxicamente coñecidos como de canle, de planta rectangular con cuberta a unha soa pendente, e dunha moega no tremiñado. Aínda conserva os gravados cruciformes de protección. Está arruinado.
Waypoint

Muíños do Ferreiro.

Neste caso tamén son dúas unidades, ambos os dous reconstruídos parcialmente en ladrillo, rectangulares con cuberta a unha vertente, unha moega e da tipoloxía denominada de cubo. Están arruinados e a levada totalmente destruída.
Waypoint

Muíño do Casal

Tras cruzar a través da ponte pétrea en arco de semicircunferencia a estrada PO-341, que a través de Peitieiros, Chaín e Morgadáns comunica cos Arcos, en Vincios, e xirar á dereita, tras camiñar un treito en paralelo a unha canle de auga, chegamos a este atractivo muíño. A localización nun terreo con pronunciada pendente aprovéitase para colocar unha canle pétrea descuberta, que abasteceu de auga o rodicio do inferno, e obrigou a enxeñar unhas escaleiras de acceso colocadas a partir da levada. Aínda mantén restos da cuberta de tella a unha vertente sobre estrutura de madeira, o antigo pousadoiro e algunhas cruces de protección. Tivo unha moega. Necesita consolidación estrutural para evitar a derruba.
Waypoint

Pontella do Casal

Humilde paso pétreo dun só van. É de uso peonil e servía como lugar de paso ata os muíños para as xentes dos barrios da Torre e Os Remedios.
Waypoint

Muíño da Rañada

É o máis importante, dende o punto de vista monumental, de todos os existentes nesta ruta. É un muíño de cubo ao cal chegaba a auga a través dunha canle pétrea elevada sobre piares de pedra combinados con lenzos macizos do mesmo material. A zona alintelada funcionaba como paso e achegamento ao muíño, desembocando nun espazo a ceo aberto ante a porta de acceso a este no que se conserva, aínda que desestabilizado, o primitivo pousadoiro. Ten cuberta a unha auga, mantendo parcialmente a antiga estrutura de madeira e parte da tella, unha mesa-pousadoiro interior de pedra, e foi dunha moega da que só se conservan as pedras de moenda. Nas xambas da porta ten seis cruces de protección, tres en cada unha, e unha sétima no lintel. Neste tamén existe unha lenda que non fomos quen de transcribir. Sería importante consolidar a estrutura.
Waypoint

Cruceiro da Fraga

Ocupa unha encrucillada poboada de casas. Igual que tantas outras veces, os veciños chaman cruceiro ao que non pasa de cruz de alto varal. Isto vén dado porque a parte antropolóxica do monumento, a que realmente lles interesa ás xentes do rural, queda igual de cuberta por ambas as dúas manifestacións. Trátase dunha peza composta de plataforma con tres chanzos e pedestal que perdera a cruz na década dos cincuenta do século pasado. Recentemente, en 2010, a Comunidade de Montes en Man Común de Couso restituíuna.
Waypoint

Vistas Panorámicas

Excepcionais vistas do peche montañoso do Val de Miñor polo vento norte. Empezan a poñente, no Atlántico e polo tanto fóra do Miñor, coas Illas Cíes. Logo móstrase dominante o Montecastelo e, por detrás, aparece o Maúxo co Alba para continuar coas Gallas do Galiñeiro e, na mesma Serra, O Curutiño. Aos pés destas montañas aparecen os asentamentos poboacionais das parroquias de Camos, Vilaza, Vincios, Chaín e Morgadáns.
Waypoint

Peto de ánimas da Bastida.

Sitúase na encrucillada formada pola calzada real e o camiño que comunica As Vacarias coa Feira. O corpo máis importante, dende as ópticas artística e simbólica, deste monumento construído en 1822 é o segundo, o retablo, cuxo sólido capaz, incluíndo o remate, mide 0,57x0,43 m. en planta e 1,10 m. de altura. A representación do purgatorio consiste en só tres almiñas comúns entre lapas. É un traballo ben executado, en alto relevo e con restos visibles de policromía. A composición ten forma triangular pola parte superior acompañando dalgún modo ao falso tellado pétreo de dobre pendente que pecha o conxunto. Ao pé das lapas, sobre a segunda meseta do pedestal, sitúase o peto para as esmolas. Diante delas, rodeando a meseta, aparece unha minúscula reixa de fundición de ferro que parece ser posterior. Tamén é posterior, esta con toda seguridade, a peza de ferro forxado ancorada ao muro, á esquerda do monumento segundo se ve, ideada para colocar candeas. O peto aínda ten culto.
Waypoint

As Laxes

A pouco de pasar na Retorta a encrucillada do camiño que sobe á Feira, onde en tempos se celebrou unha de gando, chegamos ao barrio das Laxes. Nel, un cruceiro. En realidade é outra cruz alta á que din cruceiro polo mesmo razoamento exposto para a da Fraga. Foi derrubada por un vehículo a motor hai uns corenta anos e recomposta pola Comisión organizadora das festas de san Cristovo daquel verán aproveitando parte doutra de moito menor sección do antigo viacrucis da parroquia para facer o remate. Está colocada na encrucillada que forma a antiga estrada real de Tui a Baiona co camiño que baixa á parroquial nas Boucias. Despois deste barrio xa non hai casas no camiño real ata chegar á Feira da Doce, en Gondomar.

1 comentario

  • Foto de civiguez

    civiguez 19-jun-2019

    He realizado esta ruta  verificado  ver detalle

    Ruta muy bonita, pero en este momento está totalmente llena de maleza en algunos puntos del recorrido, casi no se podía pasar de tanta zarza, los molinos totalmente en ruinas, una pena que no se restauren y se mantenga la senda un poco limpia pues la ruta cómo dije es muy bonita.

Si quieres, puedes o esta ruta