Coordenadas 57

Fecha de subida 15 de noviembre de 2018

Fecha de realización noviembre 2018

-
-
128 m
38 m
0
1,1
2,2
4,42 km

Vista 19 veces, descargada 2 veces

preto de Chaín, Galicia (España)

Esta ruta propón un percorrido pola parte baixa da parroquia de Morgadáns arredor do abundante patrimonio etnográfico que posúe. Tamén inclúe unha pequena parte de Peitieiros e Chaín. O único punto de abastecemento está próximo á capela de San Roque.

A mediados do século XVI, en 1553, esta parroquia é herdada por D. García Sarmiento de Soutomaior, segundo da casa de Salvaterra e Sobroso, pai de Diego Sarmiento de Acuña, I Conde de Gondomar. En 1579 don García funda na cidade de Toro un morgado encabezado pola casa principal e terras de Gondomar no cal algúns autores inclúen a Morgadáns. O certo é que durante o antigo réxime Morgadáns no político e gobernativo dependerá do Procurador Xeral do Partido de Val de Miñor e no xurídico e contencioso do Xuíz de Baiona, onde o Correxidor representaba o rei. En todo caso, o I Conde de Gondomar no testamento deixa noticia do que entende como inxerencias da real vila no referente á xurisdición da parroquia por se algún descendente quere continuar o preito que el non puido rematar.
Coa chegada do réxime liberal, Morgadáns, que se constituíra en concello durante o Trienio Liberal, pasa a integrar o Concello constitucional de Gondomar en 1836, confirmado por R.O. de febreiro de 1837.
Capela e recinto. Sábese que en 1754 xa existía unha capela coa mesma advocación no lugar que posiblemente debido a problemas estruturais se volve construír dende os alicerces en 1821, data na que a parroquia estaba constituída en concello. Máis tarde sufriría varias reformas entre as que se conta a ampliación da cabeceira para acomodar a sancristía. Ten planta rectangular, moi sinxela, con cuberta a dúas augas. O recinto de festas é consecuencia duns movementos de terras co obxecto de obter unha plataforma practicamente horizontal. Para iso executáronse muros de contención en pedra, varias veces modificados. Tamén, polo lateral norte, colocáronse muretes de delimitación do recinto en pedra de granito complementados posteriormente con grandes bloques de formigón en masa que aínda se conservan. Neste recinto celébranse as festas na honra a San Roque e da Virxe do Libramento. Cruceiro. Hoxe cambiado de sitio, levantouse en 1845 e é o único de tradición histórica (existe outro en Vilas de 1993) nunha parroquia na que contabilizamos trinta e sete cruces altas ás que todos os veciños curiosamente chaman cruceiros. É unha peza completa con figuración ruda pero expresiva en anverso e reverso, que parece sufriu algún derrubamento a teor das varias roturas presentadas.
Nesta encrucillada de vellos camiños á igrexa parroquial, a Gondomar e á Peroleira, en Peitieiros, sitúase esta sinxela cruz de alto varal. Como tantas veces aconteceu en tempos onde non existía luz eléctrica e as encrucilladas tiñan un alto valor nas crenzas do campesiñado en referencia ao mundo dos mortos, din sucedeu aquí un episodio que o señor Durán, veciño de San Roque, con 92 anos, relatounos do seguinte xeito: “Hai moitos anos, morrera un home na parte alta de Morgadáns. A familia decide que baixe o fillo maior a Gondomar na busca dun ataúde. Era de madeira escura e estaba parcialmente cuberto cunha tea negra. Atardecía. Carga o ataúde sobre as costas e arrástrao en dirección a Morgadáns aliviando o esforzo mediante paradas. Cando chegou a Belindre xa estaba sen folgos e fixérase noite pechada. Ía sobre a terceira poldra, ante o cruceiro, cando sente que alguén o prende por detrás. Sen atreverse a mirar, porfía por liberarse. Quédanlle poucas forzas, pero o medo axúdalle a non desfalecer. Cre escoitar que lle din algo, pero non acerta a entender o que. Por un intre crese protagonista dun acompañamento; pensa que pode ser o pai. Fai un último esforzo e, por fin, consegue soltarse e cruzar o resto de poldras a toda velocidade para chegar á casa sen necesidade de facer ningún outro descanso. Ao día seguinte, á alba e acompañado do irmán, decide visitar o lugar por se o aparecido inda segue alí. Non atoparon a ninguén, pero ao achegarse puideron ver o pano negro enredado nunhas silveiras”.
De sempre recórdase na parroquia a romaxe de San Roque asociada a unha carballeira. Esta, situada a pouca distancia do Facho, está dotada dunha serie de asadores, mesas de pedra, auga sanitaria e aseos por decisión e esforzo dos veciños e a Entidade Local Menor da parroquia. Nela, entre outras actividades, celebran o xantar os compoñentes da moi numerosa "Parranda de San Pedro", os cales partindo de Vilariño da Ramallosa todos os anos dende hai máis de cen chegan xuntos e camiñando, agora coa comida e a bebida en acondicionados tractores, formando unha tradicional comitiva de mulleres, homes e nenos para celebrar San Roque cada 16 de Agosto.
Pasada A Carballeira, ao leste do Facho, arranca un camiño en tempos importante e hoxe case sen uso en dirección ao río que baixa da cara a solpor da Serra do Galiñeiro. Despois de atravesar unha considerable extensión de monte, cuxa vexetación dominante é o piñeiro, atravesaba o citado río pola chamada Ponte do Carbón, desaparecida hai uns trinta anos; non se repuxo. Neste lugar actualmente está o punto de captación de auga sanitaria que abastece a vila de Gondomar. A citada ponte, de varios tramos de lousas de granito sobre cepas, comunicaba coa parte baixa da Peroleira, en Peitieiros, unha zona con magnífico bosque autóctono, atravesado por unha senda de aproximadamente 400 m. de lonxitude, cuxas principais especies arbóreas son o loureiro, o carballo e o castiñeiro. Ao fondo do noiro, o río. Baixo as árbores, cogomelos.
Pequena presa tipoloxicamente similar a tantas outras construídas con intención de embalsar e desviar auga para muíños hidráulicos ou levadas de regadío. Esta consta dun muro de granito a base de perpiaños colocados perpendicularmente á corrente do río amparados augas abaixo mediante unha fábrica de contención en pendente, executada en cachotaría, pola que esvara a auga non desviada da canle. Esta presa levantouse para abastecer os muíños de Manuel da Pousa e de Joaquín da Boia. Nesta zona o río vai parcialmente encaixado entre muros de cachotaría de granito
Forman un grupo etnograficamente interesante polas solucións construtivas empregadas para a distribución das augas, que chegan por unha mesma canle, e pola adaptación das pezas arquitectónicas á topografía territorial. O de Manuel da Pousa tamén se coñecía como o do Puíme; é o segundo augas abaixo. Ten cuberta a unha auga, con restos da estrutura de madeira aínda visibles, inferno con dous compartimentos e tremiñado con dúas moegas. É un muíño de cubo e sobre o lintel da porta de acceso conserva gravada unha cruz protectora. O veciño augas arriba é o de Joaquín da Boia, en realidade Joaquín Domínguez. Boia é un lugar de Peitieiros. Tamén este é un muíño de cubo co inferno dividido en dous compartimentos. Tivo dúas moegas no tremiñado, conservando senllos pés, e presenta cuberta a unha auga tras unha reforma visible na fábrica de pedra. Aínda se observan restos de tella sobre a madeira. Non ten signos visibles de protección.
Está totalmente arruinado, con parte das paredes derruídas; verémolo ao outro lado do río, na parroquia de Peitieiros. Foi un exemplar de canle, dunha moega, con cuberta a dúas augas. Nos restos da fábrica de pedra, na peza da xamba dereita que arranca do limiar da porta de entrada aínda conserva escondidas baixo o mofo varias cruces de protección. Seguramente, no resto de pezas caídas ao seu arredor existirán máis. Debe citarse a fermosa fraga na que se empraza.
Muíño. Totalmente arruinado, cunha considerable parte da fábrica desaparecida entre a que se conta o oco de entrada e os posibles signos de protección. Foi dos coñecidos como de canle, cuxa levada arrancaba máis arriba da desaparecida ponte do Carbón. Tivo unha moega e a cuberta foi a dúas vertentes desiguais. Ponte. A actual de formigón substitúe a outra orixinal de lousas de pedra. Por ela pasa á parroquia de Peitieiros o antigo camiño que procedente de Vincios cruzaba pola Gándara e baixaba por debaixo dos muíños dos Padróns, Viñó, San Roque, Xende e a cara occidental do Facho para unha vez atravesado o río cruzar Peitieiros en dirección a Couso.
Así se chaman os muíños hidráulicos que se sitúan nun lugar cuxo topónimo compite e comparte territorio co de Muíños Novos, aínda este abranguendo unha área maior. O motivo é a existencia no lugar, a moi pouca distancia dos muíños, dun desaparecido serradoiro de madeira movido tamén mediante enerxía hidráulica obtida do mesmo río que alimenta aqueles: o que baixa de Morgadáns. Os muíños, rehabilitados con fondos parroquiais no período 2003-04, unha vez perdido o uso tradicional, funcionan como aula etnográfica e divulgativa. Os fondos parroquiais foron achegados pola Comunidade de Montes como promotora da iniciativa, que finalmente decidiron colocar unha placa conmemorativa ancorada ao muíño de abaixo a través da cal agradecen a colaboración mostrada por: Os herdeiros, a empresa Construbesa Miñor e o arquitecto da obra. Son dous exemplares dos denominados, como queda dito, de herdeiros, con cuberta a unha vertente, o de arriba, e dous desiguais, o de abaixo, procurando acompañar a pronunciada pendente do terreo. Segundo indica o seu nome, viñeron substituír ou complementar outros anteriores que non necesariamente haberían de estar neste mesmo sitio. Son da tipoloxía de canle e dunha moega por unidade. Só o de abaixo ten cruces de protección: tres no interior da xamba dereita e outras tantas ao seu exterior; no lintel, tombada, unha sétima. Ten un considerable atractivo a contorna de emprazamento que aos citados muíños suma a pronunciada escaleira de pedra que lles dá servizo, a fonte de dobre biqueira, o pequeno pío para lavar roupa e, fronte a eles, o cubo cilíndrico que aínda se conserva da serra ancorado ás paredes de granito da edificación.
Substitúe dende as décadas finais do XX un pequeno pontillón tradicional de pedra que comunicaba ambas as dúas marxes do río. A idea de dar servizo ao tráfico automóbil foi a xustificación do cambio.
Tradicional núcleo da parroquia de Chaín que se presenta seguindo o trazado do camiño. Actualmente non existe ningunha edificación histórica do grupo coñecido como Casas Grandes pero sábese que no barrio viviu dende o primeiro terzo do século XVII o tudense Marcos de Saavedra, casado na parroquial de Peitieiros con Beatriz Sánchez Troncoso, descendente do pazo de Piñeiro e enterrada tras morrer en 1668 na sepultura que a familia tiña no interior da igrexa de Chaín. Neste barrio tamén se emprazou a pousa de Vista Alegre. Pola Torre fai pasar a historiadora Elisa Ferreira o camiño medieval que uniu Gondomar con Morgadáns e o Val da Louriña a través de Chenlo.
Comunicaba Morgadáns, partindo de San Roque, onde se atopaban a Calzada de Belindre e o Camiño de Viñó, coa vila de Gondomar pasando por Xende, O Fouco, A Torre, O Toucido e A Áspera. Achegábase á vila, dende A Áspera, primeiro a través das Fundas na parte sur do Picoto. Máis tarde pasando pola parte alta do camiño do Cotro. Nos dous casos o punto de remate era "O Adro", detrás da igrexa.
Neste lugar, á marxe esquerda do camiño segundo subida, mantéñense os restos semiarruinados dunha casa que mostra outra cruz sobre un pedestal ancorado ao muro pincho. Esta casa, deshabitada dende finais do XIX, foi propiedade no último terzo do XVIII de Miguel de Saavedra y Troncoso casado con María Antonia de Gonda y Vila, neta de Pedro Armida Roseiras, médico cirurxián veciño da parroquia de Chaín. Sobre a base da cruz aínda se conservan cantos rodados brancos a xeito de ofrenda. Á marxe contraria do camiño, uns metros máis arriba e presidindo a encrucillada que forma co procedente de Pintor, outra cruz alta.
Lugar de Morgadáns no que se conserva unha encrucillada de tres camiños que en tempos foron estruturalmente importantes para a parroquia: un comunicaba con Peitieiros, outro con Vincios por Chaín, e o terceiro con Gondomar, a este os veciños chámanlle camiño vello. A devandita encrucillada está presidida por unha cruz alta que pasou ao lugar o topónimo de O Cruceiro. A primeira que chegamos a coñecer, aínda se mantén no lugar o pedestal gravado, é de 1854; non sabemos se antes existiu outra. A actual, réplica case exacta da anterior, é recente e colocouse por iniciativa da Entidade Local Menor da parroquia ao ser imposible recompoñer a primitiva tras varias roturas.
A día de hoxe non temos datos que certifiquen a data de fundación deste como núcleo rural construído pero si os suficientes para asegurar que no século XVIII a súa presenza debía ser notoria, e francamente importante dentro da parroquia no XIX. Na primeira metade do XX e finais do XIX sofre os efectos da emigración e das novas vías de comunicación parroquiais con Gondomar e a partir dos anos sesenta comeza a xeral degradación e destrución, aínda en marcha, do importante patrimonio etnográfico que posuía, principalmente a tipolóxica casa con patín e corredor. Xunto ao contiguo de Viñó, lugar xa citado nun documento do século XIII (1266) polo cal un matrimonio cede unhas propiedades en Baredo ao mosteiro de Oia a cambio de casa con viñas e predio neste barrio de Morgadáns, formou un conxunto de alto valor ambiental, cuxa espiña dorsal situábase no ámbito dominado pola capela e a pousa brasonada, que non se soubo nin se quixo preservar. Precisamente a fundación da capela foi a que con seguridade deu nome ao novo barrio definíndose así límite co inmediato de orixe medieval.
Fonte. Antiga fonte de biqueira de traza moi humilde. Como case sempre sucede, as súas augas son moi consideradas polos veciños máis inmediatos. Foi sometida a obras de discutible acerto e cando se asfaltou o camiño ao que dá fronte deixárona totalmente enterrada. Peto. Preside unha encrucillada e hai moitos anos que perdeu o culto. Construíuse en 1883 e moito máis recentemente, nos oitenta, foi sometido a algunhas reformas entre as que se atopan a reposición da cruz de remate e os desproporcionados pináculos. Non conserva restos de policromía do retablo nin tampouco sabemos se este estivo pintado sobre madeira. Quizais poida ter algunha relación coa fonte próxima seguindo un patrón moi utilizado pola igrexa católica. Encáixase no muro de contención de terras do recinto de festas da capela.

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta