Tempo  36 minutos

Coordenadas 118

Fecha de subida 20 de noviembre de 2018

Fecha de realización noviembre 2018

-
-
262 m
112 m
0
1,1
2,1
4,22 km

Vista 5 veces, descargada 0 veces

preto de Morgadáns, Galicia (España)

A proposta é unha camiñada a través da área máis identitaria da parroquia. Un territorio que rodea o secular asentamento da igrexa matriz de Santiago o Maior no antigo e tradicional barrio da Pedra. Foi esta unha parroquia etnograficamente paradigmática dentro do Val de Miñor que por ofuscación e descoñecemento duns e desleixo e permisividade doutros acabou por perder gran parte dos valores patrimoniais. É desexable que as malas prácticas sobre o patrimonio construído e o total abandono das labores agrícolas, coa conseguinte expansión de vexetación incontrolada, non se ceben co que queda.
Precisamente esta última acción é a que pode ocasionar que aumente exponencialmente a dificultade de tránsito dunha parte deste percorrido. Sucederá no tramo paralelo ao río, ao principio, nun lugar de notable beleza, cando a maleza invada as ribeiras.
Durante o percorrido non atoparemos lugares de abastecemento.
Ocupa o lugar de maior altura do barrio da Pedra. Existe documentación que acredita a existencia doutro templo no mesmo lugar no século XII do cal nada queda. Non obstante consérvanse no ámbito laudas pertencentes ao cemiterio medieval. A principios do XVIII a capela maior do antigo templo presentaba defectos de estabilidade que propician un recoñecemento técnico por parte do mestre en cantería e arquitectura Serapio Lorenzo, de Cotobade. Na década dos sesenta do mesmo século Juan Fernández, escultor de Baiona, executa un retablo para a citada capela. Case un século despois, en 1853, decídese substituír o templo debido á ameaza de ruína que presenta. Dous anos máis tarde xa se construíra o actual nun estilo ecléctico de base clasicista con ecos historicistas do barroco. A nave, rectangular, está dividida en catro tramos mediante arcos faixóns ou perpiaños sobre pilastras e teitada con bóveda de medio punto construída en granito, circunstancia que obrigou aos muros de peche a ter un espesor de 1,60 m. A cabeceira, orientada a nacente, remata en ábsida de maior altura ca nave. Ao muro setentrional péganse unha capela e a sancristía. A fachada principal componse a partir dunha rúa central rematada en espadana de dobre corpo bordeada por balaustrada de pedra. No arranque sitúase a porta de acceso, rectangular con arco alintelado, cuberta cun falso dosel granítico. No interior conserva tres retablos dos cales o de maior interese é o barroco dedicado ao Sagrado Corazón e formando parte deles algunhas pezas de imaxinaría de contrastada calidade e interese, seguramente procedentes do templo anterior, como as de Santo Amaro, San Bieito, San Pedro e, sobre todo, a de Santiago Apóstolo, do século XVII, sentado con libro e bordón. No adro do templo mantéñense en aceptable estado de conservación os restos pétreos do anterior cemiterio da parroquia e inmediato e el a casa reitoral brasonada cedida no século XVIII polo cura párroco Andrés Arias Saavedra Villamil y Bolaño. Aos pés do muro que pecha o primitivo cemiterio polo lateral de nacente, consérvanse restos de tres laudas procedentes do desaparecido cemiterio medieval. Unha delas, cunha cruz de Malta inscrita nun círculo gravada nunha das caras, atópase arrimada ao muro coa base parcialmente embebida na soleira de formigón do recinto de festas. Os demais restos, colocados en horizontal, forman parte do recheo baixo as escaleiras que ao lado da anterior dan acceso ao adro dende o Camiño da Misa.
É unha casona de pedra, de carácter tradicional, cun balcón mirando a nacente cara ao campo de festas. A súa localización é inmediata ao recinto pechado do primitivo cemiterio, sobre cuxo muro se apoia. As Entidades Locais Menores foron creadas ao amparo do Estatuto Municipal de 1924, formulado por Calvo Sotelo durante a ditadura de Primo de Rivera. No mesmo barrio da Pedra pero a menor cota, xusto onde desemboca o camiño do Lameiro procedente de Gonda, consérvanse os restos dunha sinxela pero atractiva casa de carácter vernáculo, cun característico patín, que a tradición local considera foi sede do Concello en que se constituíu a parroquia durante o Trienio Liberal. Esta casa, e o barrio enteiro, necesitan consolidación e aplicación de sentido común.
Pola función ha de ser entendido como unha peza hixienista e debido ao financiamento da súa construción pode tratarse de indiano. Veu a substituír o que dende o medievo se asentou dentro e arredor da igrexa; os trámites de construción inícianse en 1912 e a obra entrégase en 1919. Tivo carácter municipal ata que a principios do novo milenio o concello de Gondomar o transfire á Entidade Local Menor de Morgadáns. Está cercado de muro de pedra, con enreixado de ferro forxado no lateral de acceso, e presidido por unha capela ecléctica, na actualidade sen uso, centrada no recinto, xusto fronte á porta de acceso. Como curiosidade, indicar que é un dos do municipio cun anexo independente para disidentes da relixión católica. Recintos similares existen en Mañufe e Donas.
Como tantas veces, non pasa de ser unha cruz de alto varal á que por razóns antropolóxicas as xentes da parroquia chaman cruceiro. Posiblemente formou parte dun antigo viacrucis que unía a parroquial coa capela de San Roque. Tampouco ten nada que ver co cemiterio, agás a súa proximidade, aínda que se cite así pois a súa construción, segundo lenda gravada no pedestal, é anterior: de 1862
É posible que no lugar existise outra anterior (as xentes da parroquia refírense a ela como "a ponte romana", indicio de que a súa existencia vén de lonxe) pero o actual entendemos non debe ser anterior á Idade Moderna. Baseamos a nosa tese unicamente en criterios tipolóxicos xa que non dispoñemos de datos históricos. Son estes: o correcto trazado de arcos, a horizontalidade da plataforma de rodadura e que presente tallamar nas dúas frontes, solución serodia. Contra esta hipótese están as marcas de canteiro con forma de símbolo matemático de infinito que aparece nalgúns perpiaños; na Idade Moderna as marcas adoptaban ser de xeometría pura. Serán pezas reaproveitadas do anterior?.
Lugar de gran beleza e emblemática presenza tradicional. O muíño, construído en pedra de granito, inicialmente constaba de tremiñado, con dúas moegas, e inferno, de dous compartimentos. Posteriormente engadiríaselle un andar de ladrillo revestido e pintado en branco con cuberta a dúas augas, as mesmas que o orixinal. Cada mecanismo de trituración correspondente ás moegas estaba acondicionado, repicado, para distinta moenda: nun pasaba millo e no outro centeo. No lugar é unha constante a presenza do granito que ademais do referido para o muíño, empregouse nos muros que encaixan o río, na sinxela ponte de dous tramos e cepa central que o atravesa, nos postes colocados en distintas fileiras formando viña da modalidade en lata arredor do muíño, no muro de contención de terras da cortada vertical que cae sobre o río, na fonte que se incrusta neste, na canle e levada de 40 m. de lonxitude sobre plinto macizo do mesmo material, na canle de augas sobrantes e na execución do atractivo cubo en forma de pirámide truncada e invertida que subministraba enerxía aos rodicios. Un sitio cuxa beleza completaban a auga e a vexetación, hoxe, polos cambios sociais que impón a vida, atópase abandonado e decadente. O muíño foi dos chamados de particular. Dende este lugar ata A Fonte da Igrexa a ruta pode aumentar o seu grao de dificultade cabendo a posibilidade de ter que camiñar polo leito do río se a vexetación das ribeiras non está controlada. Xusto onde se atopan os ríos que baixan de Vilas e Prado, nunha paraxe de gran beleza, consérvanse as ruínas doutro muíño: o do Casás, que así se chama o lugar e tamén o correspondente tramo do río de Vilas. A el accedíase pola Quiringosta, tivo cuberta a dúas augas, foi de herdeiros, de canle, dunha moega, e no lintel mantén gravada a data 1788. Ante a porta de acceso inda se conservan tres grosos piares de sección cadrada, levantados en tambores, que serviron de soporte á prolongación dunha viña en forma de lata situada na ribeira.
A fonte emprázase á esquerda do antigo Camiño da Misa que dende Vilas baixa á parroquial, despois de cruzar o río procedente de Prado sobre un pontillón de pedra en dirección á parroquial. Forma grupo de forte carácter etnográfico co Muíño da Igrexa, dos citados como de herdeiros e inda en funcionamento por un particular gusto que teñen os propietarios por estas fariñas, a cruz alta que o acompaña, un lavadoiro comunal de granito, agora cuberto cun pendello de formigón, e a citada ponte de pedra. O conxunto, complementado co regato, as viñas e os campos de herba que os rodeaban deberon ofrecer unha espléndida composición paisaxística en tempos, minorada actualmente pola abundante maleza que inunda o ámbito como consecuencia do abandono das tarefas agrícolas e, máis que nada, polo desmesurado muro de contención de terras executado coa intención de obter nunha cota moi superior un recinto de festas máis amplo. Ante a cruz segundo costume paraban as comitivas fúnebres camiño da parroquial e o cemiterio. Por último dicir que existe a lenda local de que nas panasqueiras próximas celebraban as bruxas as súas festas. Está estendida na zona a crenza de que neste lugar se reunían as "comadres", segundo a lúa e o mes, unha vez ao ano en “aquelarre”. Unha vez máis, a cruz está vinculada a ritos e crenzas de lugares con presenza de auga.
Sobre o nome deste barrio e camiño, que coincide co tramo final do Camiño da Misa procedente de Vilas, contounos o señor Chamadoira, con 84 anos, a seguinte lenda en 2007: “Un matrimonio, con casa no lugar, tiña unha filla en idade de merecer namorada dun rapaz que non lles agradaba. Os mozos co paso do tempo deciden casar polo que o rapaz, seguindo o costume, pídelle a man da amada aos futuros sogros obtendo por resposta unha rotunda negativa. A rapariga ante a imposibilidade de consumar o amor decide ingresar nun convento. Doída, desprázase a Baiona coa intención de recluírse nas Dominicas e cando xa estaba de novicia entran na vila os franceses. Ante isto, as monxas foxen para Gondomar e refúxianse no Pazo do Conde. A irregular situación fai que en pouco tempo lles falten os alimentos e vendo a imposibilidade de atopar outros recursos a nosa heroína decide subir á casa dos pais en busca dunha broa de pan de millo; faino todas as semanas do mes, máis dunha vez por semana. Os labregos que a vían subir referíanse a ela como . Co tempo as monxas deixan o pazo e retornan a Baiona. Cando isto acontece xa o camiño quedara nomeado, sen pretendelo, pola novicia”. Non é a nosa intención dar carácter de veracidade a esta lenda, unha de tantas, pero por curiosidade quixemos saber se relixiosas de Baiona, ou dalgún outro sitio, estiveran algún tempo no pazo. Non atopamos datos que confirmen a estanza destas en tempos da invasión napoleónica pero si está documentado que no ano 1657, en tempos do II Conde, cando a guerra de Restauración portuguesa, este cedeu o pazo para que se refuxiasen nel trinta e nove relixiosas de Baiona que escapaban da ruína que ameazaba o seu convento como consecuencia de danos causados por piratas ingleses, segundo publicou Fernández de Córdoba. Estas relixiosas pertencían ao convento das dominicas de Nosa Señora da Anunciación, fundado en 1547. Deste tipo de topónimos como indicio de camiño medieval e mesmo romano di a catedrática de historia medieval Ferreira Priegue: “camino empedrado con piedra blanca que, tal vez por ser traída de otras partes, ha llamado la atención y se ha reflejado en la toponimia. Las obras romanas transportan con frecuencia de muy lejos su piedra, que detona en el paisaje.” Ferreira fai pasar un camiño medieval polo lugar. Neste barrio aínda quedan restos de dous muíños emprazados ao pé da ponte de Camiño Branco da PO-341. Ao outro lado da ponte a fonte de igual nome.
A partir da Fonte da Igrexa, río arriba, podemos dicir que se inicia esta fraga continuando con certa unidade ata o lugar de Louradelo, tamén referido como O Alargo de Delvino, no antigo Camiño "tumbal" de Bouzas. Quizais a día de hoxe sexa válido dicir que remata no lugar onde estivo emprazada orixinalmente a cruz alta que actualmente se sitúa no recinto de festas da parroquial de Santiago, a cal se coñece polos citados nomes. A fraga, como é lóxico, conta maioritariamente con árbores propias destas zonas húmidas de Galicia entre as que aquí cabe destacar castiñeiros, carballos e loureiros. O río a esta altura só suma os regatos de Prado e Murxido e as varias regueiras que os abastecen; falta o que baixa de Vilas que empatará uns metros máis abaixo como xa vimos.
Ruínas do que non fai moitos anos foi un singular enclave de arquitectura tradicional de forte carga etnográfica. Tendo como material ambiental o río e a vexetación autóctona que o rodeaba, estaba composto polos restos dun serradoiro movido por enerxía hidráulica, unha ponte de acceso similar a que existe para chegar ao muíño do Durán, desaparecida non hai máis dun lustro, e dous muíños fariñeiros dos cales o máis próximo ao río foi de gran mérito. O máis pequeno dos muíños do Groño, de herdeiros, é de canle, dunha moega, e arredor da porta ten diversos gravados entre os que se contan varias cruces. O de maior tamaño tiña dúas moegas con dedicación exclusiva e distinta de millo e centeo. Foi de particular e de maquía. Sobre o tremiñado alzábase outra planta, con cuberta a dúas augas e atractivo xogo de ocos na fachada cara ao río, na que se emprazaba un forno de pedra para cocer pan para "a casa". Neste andar durmía o muiñeiro. Todo estaba construído en granito.
En realidade as xentes do lugar a este chámano Camiño de San Martiño, debido á ermida que con esa advocación existiu no lugar coñecido actualmente como Outeiro de San Martiño ou Alto de San Martiño, en dirección ao Aloia; aínda se conservan os alicerces e parte do arranque dos muros. Non moi lonxe da ermida quedan os topónimos Alto da Penitencia, Cruceiro de Arriba e Cruceiro de Abaixo. Os primeiros datos coñecidos desta ermida son de 1529, sobre a que se volve en 1754 citándoa situada nun monte. Antes de chegar á ermida, nunha zona baixa á marxe dereita do camiño segundo subida, pola Tomada da Panxola, ao acubillo dun enorme liquidámbar celébrase o curro de Morgadáns todos os terceiros domingos de xuño. Un ancestral acontecemento de cargado carácter ritual no que os protagonistas son os équidos salvaxes que poboan A Serra do Galiñeiro, coñecidos na zona como burras, cabalos do monte ou garranos.
Rodeado de piñeiros, que mesmo trepan por el, atópase este enterramento colectivo ou túmulo megalítico que recibe o nome do monte onde se asenta. En realidade sería necesario realizar prospeccións arqueolóxicas para saber se no interior garda un dolmen, isto é, unha estrutura funeraria realizada con grandes pedras ou megálitos. As mámoas son monumentos procedentes do Neolítico, período no que o ser humano pasa dunha etapa recolectora e de nomadismo, propia do Paleolítico, a outra máis sedentaria na que aparecen a agricultura e a gandaría. Ten unhas dimensións aproximadas de trinta metros de diámetro e dous de altura. Na parte superior mostra un considerable cráter que denota violación na busca de supostos e case sempre inexistentes tesouros. A procedencia destes enterramentos encádrase entre finais do V ou principios do IV milenio a.C. e o II milenio a.C.
Sitúase nun altiplano do Barreiro ao que se chega por medio dunhas escaleiras de granito de desigual labra. A plataforma de asentamento ten unha considerable superficie totalmente horizontal pechada por bosque de piñeiros polos laterais norte e nacente e totalmente aberta a sur e poñente. Por estes últimos ventos as terras contéñense con muros de granito de cachotaría concertada de moi boa factura. Dende este alargo obtéñense magnificas vistas sobre o Val de Miñor con puntos focais nas vilas de Baiona e Gondomar. É a última estación dun viacrucis que se celebra dende antigo o día de venres santo. A procesión comeza na parroquial aproximadamente as 21:30 h. e remata nesta cruz, á que os veciños adornan para a ocasión con flores naturais. Non atopamos referencia ningunha respecto de que a actual cruz formase parte dun calvario. Ninguén entre os consultados na parroquia recorda a existencia das outras dúas cruces o que nos leva a pensar que o nome con que se coñece lle vén pola súa condición de última estación e pola altura que ocupa respecto ao lugar onde se empraza a primeira. Non pode ser entendida como cruceiro, pois non ten cruz independente como remate do varal. É unha sinxela cruz de marcado carácter monumental.
Neste barrio emprázase a Casa do Cura da Capela. Foi fundada a finais do XVII polo arcipreste do Val de Miñor e cura párroco de Morgadáns Antonio González de Saavedra y Villamil, quen rematará por fundar unha capelanía colativa con advocación ao Apóstolo Santiago, dotándoa dos bens e rendas necesarios, que finalmente será determinante entre a veciñanza para a onomástica da casa. O primeiro capelán desta foi o máis atrás citado Andrés Arias Saavedra, cura da parroquia a partir de 1719, un ano despois de morrer o seu tío. Á entrada da casa, en cuxa fachada se conservan dous escudos, un coas armas do fundador, armas que se repiten no escudo do portalón da pousa levantada por algunha rama da familia en San Roque en 1838, existen os restos dunha cruz alta datada en 1702. Ao pé desta flúe a Fonte do Cura da Capela fronte á cal se atopan os camiños de San Martiño e os "tumbales" de Murxido e Bouzas, os dous primeiros coincidentes dende o desaparecido cruceiro da Medoña, próximo á voluminosa mámoa alí existente. Ambos os dous pasan ao pé do Calvario situado no Barreiro e daban fronte a unhas covas, xa desaparecidas, construídas para usos adxectivos das casas. Gran parte do camiño que comunica a igrexa a través do Lago co Barreiro, e máis alá, estivo en tempos pavimentado en pedra, actualmente oculta baixo o asfalto.
A Costa é unha parte alta de Enteviñas e ata aquí chega un camiño empedrado parcialmente que partindo da Rúa, en Peitieiros, tras deixar atrás os muíños do Monte, pasa con trazado de pouca entidade pola Casa Vella, onde non hai casa ningunha. Dende este lugar abránguense amplas vistas do Val de Miñor totalmente invadido por arboredo. Só ao final da vista sae da mancha verde a baía de Baiona acoutada por Monte do Boi e Panxón. Algo máis alá Monteferro e as Cíes. Antes, no medio do verde, Gondomar.
Durante esta ruta, entre as casas dos distintos núcleos tradicionais, é bastante común atoparse con hórreos do tipo Pontevedra, isto é, con estrutura de pedra e claros resoltos en madeira ou ladrillo pintado, nos que abundan dúas características zonais: unha, o pináculo ou espiga que acompaña á cruz transfórmase en reloxo de sol; e dous, os beirados de tella dos costais remátanse sobre unha cornixa de pedra que sobresae por enriba das soleiras ou linteis superiores. Pois ben, neste núcleo de Carballás é difícil localizar algún entre as tradicionais e maltratadas casas. Ata este lugar chega a outra variante do camiño que dende A Rúa, en Peitieiros, pasa polos muíños do Monte.
Neste núcleo tradicional cuxo evocador topónimo está case escurecido sitúase unha cruz monumental ameazada por construcións que hai dez anos non existían. Sitúase sobre un muro de cachotaría de granito presidindo a encrucillada formada por un camiño secundario de baixada a Queimaliño co antigo que comunicaba coa parroquia de Peitieiros atravesando o río Touteiras. Está rodeada de vellas casas tradicionais e edificacións adxectivas mal intervidas. Formando parte do grupo, na mesma encrucillada, atópase a fonte coñecida como Pozo do Couto.
Tras pasar Queimaliño e cruzar baixo a ponte da PO-341, entramos en Gonda. Posiblemente este barrio, emprazado por enriba dos Eidos, sexa o que na parroquia conserva máis enteiras as manifestacións de arquitectura vernácula. Desapareceron pavimentacións de pedra, emparrados sobre os camiños, colorido nas carpintarías de madeira exterior e mesmo as propias carpinterías de madeira, perderon uso e arruináronse moitas das edificacións secundarias, secaron algunhas fontes e desapareceron as levadas de regadío, transformáronse con pouca fortuna algunhas casas,… Aínda así, mantén algúns exemplares de arquitectura doméstica a ter en conta e un ambiente xeral que faino pintoresco.
Teñen pouca xustificación as malas intervencións e as graves alteracións de altura que sufriron algunhas casas ao longo do Camiño do Lameiro, principalmente no tramo máis próximo a este barrio. Pouco queda do que sen dúbida foi unha das barriadas de carácter vernáculo e valor etnográfico máis importantes do municipio e do Miñor. Presidido dende o medievo pola parroquial, a el chegaban os distintos camiños que estruturaban a parroquia: Camiño da Misa (dende Vilas) polo Camiño Branco, Camiño Tumbal de Bouzas (dende Prado), Camiño Tumbal de Murxido, Camiño ao Aloia por San Martiño, Camiño do Lameiro procedente de Gonda e O Couto e Camiño de San Roque pola Calzada de Belindre. Case ao final do primeiro terzo do XX rodéao pola parte alta a estrada PO-341. Este barrio, hoxe maioritariamente abandonado, segue sufrindo un progresivo deterioro que afecta a edificacións principais, secundarias, camiños, canalizacións de auga e demais compoñentes urbanísticos e arquitectónicos a través da imposición de novas escalas, descoidados materiais e inoportunos cromatismos que se suman á desacertada elección formal e construtiva tomada á hora de incorporar instalacións e dotacións. Unha inadmisible destrución do patrimonio cultural.

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta