Tempo  51 minutos

Coordenadas 156

Fecha de subida 20 de noviembre de 2018

Fecha de realización noviembre 2018

-
-
447 m
343 m
0
1,7
3,3
6,69 km

Vista 14 veces, descargada 1 veces

preto de Morgadáns, Galicia (España)

Estas terras altas de Vilas e Prado, parroquia de Morgadáns, situadas en plena Serra do Galiñeiro, de igual xeito que os barrios do Crego e A Rega, na Portavedra de Mañufe, ao pé da Serra da Groba, foron secular territorio de pastoreo no cal se concentraba unha notable cabana ovina e caprina. Hoxe as cousas cambiaron moito e esta actividade pasou a ser case testemuñal.
Dende sempre, a desprotección propiciada pola altura e a severa climatoloxía condicionaron o tipo de cultivos, sen afectar demasiado ao millo, gramínea moi demandada en tempos no lugar segundo testemuñan a gran cantidade de hórreos aínda existentes, pero si ao cultivo da vide. Actualmente a superficie cultivada diminuíu sensiblemente, de xeito similar ao acontecido no resto do municipio, pero aínda son detectables as zonas intervidas polo campesiñado, os socalcos, intentando competir en beleza coa inmediata rotundidade natural da Serra. Unha Serra pola que era habitual ver “garranos”, équidos salvaxes en liberdade que agora polo acontecer dos tempos abundan menos. Non atoparemos puntos de abastecemento.
Sitúase no Pouso, unha pequena plataforma de pouca elevación que ofrece amplas vistas sobre O Galiñeiro. É de planta rectangular e non presenta valores arquitectónicos dignos de mención. Na fachada norte ten pegado un cubículo para sancristía. A súa construción é consecuencia do interese dunha comisión de veciños que conseguen celebrar a cerimonia de inauguración o 29 de maio de 1994, último domingo do mes no que todos os anos terán festa en honra a María Auxiliadora. Un ano antes Manuel González Dasilva, un dos compoñentes da comisión precursora, elaborara en pedra de Fonte da Prata o cruceiro do Pouso que coloca a pouca distancia e doa o barrio.
Tras unha pequena camiñada pola vía asfaltada que sobe da Batizosa, xirando á dereita, polo antigo Camiño de Covellas, chegamos ao Sarulo, un lugar practicamente despoboado. Ante unha das poucas edificacións existentes, levantada non hai moito sen maiores pretensións nin tampouco vulgaridades, unha reconstruída cruz de pedra que ademais de polo topónimo do lugar tamén se coñece como Cruz da Legua de Ramos. Á marxe contraria do camiño unha "tomada" cercada por muros de granito e cuberta de vexetación arbórea exclusivamente autóctona.
Lugar de certa extensión dentro da aldea atravesado polo Camiño da Misa, en torno ao cal se asentan as casas e demais edificacións complementarias, acompañadas de dúas cruces: O Cruceiro de Abaixo e O Cruceiro de Arriba. A primeira emprázase a pouca distancia da encrucillada que con este camiño forma o que en tempos chamouse "de Covellas", por pasar por ese lugar, utilizado polos campesiños para baixar a Gondomar atravesando San Roque. A segunda nun alargo existente ante a tenda-tasca que durante moitos anos rexentou "A tía Joaquina"; aínda se conserva a casa co local na planta baixa. Neste alargo, cando a aldea non dispoñía das actuais comunicacións para vehículos a motor, celebráronse durante anos os seráns que con pandeiretas, e viño subministrado pola citada tasca, reunían a rapazada do lugar e algún que outro non tan rapaz.
Topónimo que nos fala de tarefas comunais realizadas neste lugar noutra época. Aproveitamos para recordar a gran eira de pedra que non hai máis de 15 anos existía unhas decenas de metros máis arriba, no lugar coñecido como A Tomada Nova, que sen máis foi desmontada polo propietario. Un espazo que décadas atrás, cada ano, recibía o mallo. Unha testemuña que deixou de ser. É esta unha encrucillada integrada no primeiro tramo do Camiño da Misa, callada de edificacións tradicionais con distinto uso, todas construídas con granito da zona, das cales só unha desmerece o contexto. Entre as edificacións cóntase a escola unitaria, hoxe sen uso, construída na segunda metade do XX que sen ser unha obra de arquitectura anónima tradicional non desmerece o conxunto.
Engloba unha considerable superficie de terras disposta en bandexas ou socalcos onde se concentrou a maior produción agrícola do barrio. Estas cando estaban en produción recibían auga de regadío da Presa, situada na parte alta do barrio, a través dun sistema de canles parcialmente conservado que non debemos confundir cos distintos regueiros naturais, como o que atoparemos antes de chegar ao Eido Vello, o cal haberemos de cruzar a través dunha humildísima pontella consistente nunhas lousas de granito apoiadas directamente en ambas as dúas marxes do rego.
Concentración de humildes casas construídas orixinalmente en cachotaría de granito do lugar asentado en seco, de igual xeito que todas as da aldea, e tella cerámica do país. Ocasionalmente as cubertas tamén foron vexetais e de pedra, principalmente nunhas edificacións de pequeno tamaño, moi abundantes en Vilas e Prado, cuxo destino é servir de cortes ou almacéns complementarios á casa. Nesta barriada do Eido Vello xa só queda unha casa habitada, estando todas as demais abandonadas e arruinadas. A maioría posuían hórreo con estrutura de granito e resolución de beirado segundo costume propio da zona mediante o cal as tellas desaugan valéndose da alargadeira que lles ofrece unha cornixa de granito.
Na encrucillada dende a cal arranca o camiño que nos conduce a esta paraxe existe outra vella cruz alta que foi lixeiramente desprazada de lugar e ancorada ao terreo mediante base de formigón. A devandita cruz pasou ao lugar o topónimo de O Cruceiro. A Portela inclúe un pequeno grupo de casas sen particular interese no que se deixan ver as consecuencias de querer chegar co coche a todas partes.
Neste lugar, próximo a Estourás, coinciden dúas edificacións de uso gandeiro: unha de cría de visóns, xa sen actividade, e outra de gando vacún, aínda en funcionamento. Chégase ata aquí dende a parte alta da Portela deixando á nosa esquerda unha pequena e illada corte de pedra e logo, monte a través, facendo o mesmo co Coto da Cruz do Morto. Camiñaremos sempre en paralelo ao peche metálico que delimita as terras de pastoreo para as vacas da granxa. A área valada pode verse incrementada ata a estrada durante algún tempo a causa dunha renovación forestal promovida pola Xunta. En dirección noroeste, dende este lugar, vese con toda claridade a pétrea e próxima nudez dos cumios da Serra do Galiñeiro. Ao carón da granxa, cerca da estrada e a non moita distancia da mámoa ou enterramento megalítico alí conservado asociado a material campaniforme, existiu en tempos unha cruz de mala morte que pasou ao lugar o topónimo que dá título a este punto. Conmemoraba a morte dun feirante, "o Prin", asasinado nese punto por uns asaltantes co obxecto de roubalo cando, camiñando dende O Porriño, se dirixía á feira de Gondomar. Practicamente no mesmo lugar atópase o Outeiro da Cruz do Morto con presenza de sete ou oito prehistóricos muíños naviculares.
Descritivo topónimo que utilizamos xenericamente, e polo tanto con pouca corrección, para referirnos á maior parte desta chaira. Esta planicie, situada a uns 454 m. sobre o nivel do mar, é un gran xacemento arqueolóxico de enterramentos megalíticos; o maior campo de enterramentos rituais prehistóricos do Val de Miñor. Inicialmente foron nove túmulos pero en 2001 Anta da Moura xa só contabilizou sete mámoas que segundo Cuñarro e Goberna teñen medidas variables entre os 8 e os 26 m. de diámetro con alturas de 0,50 m., a menor, e 1,50 m. a máis alta. Todas as mámoas están violadas e, a dicir dos arqueólogos, algunhas posúen ortostatos que en casos foron utilizados para o muro de peche do adro da inmediata capela. Os túmulos están parcialmente cubertos por vexetación. Estímase que estes enterramentos megalíticos en Galicia proceden do arco temporal que vai de finais do V ou principios do IV milenio a.C. ao II milenio a.C.
Segundo documentos do arquivo municipal de Gondomar, a capela foi construída a instancia dos veciños tras obter estes o visto bo de instancias superiores. Erguerase nun lugar duns "10 ferrados" doados para a causa pola Corporación municipal no ano 1864. É de planta rectangular e na fachada norte posúe un anexo para a sancristía. A nave ten cuberta a dúas augas coa fachada principal rematada en espadana de dobre van para dúas campás. A sancristía cóbrese a tres vertentes. A capela oriéntase segundo o costume atendendo á dirección leste-oeste pero, estrañamente, coa porta principal situada na fachada nacente, xusto ao contrario do habitual. Ante a porta sempre tivo unha cruz alta á que os veciños chaman cruceiro. Este é o punto de xiro nas procesións de conmemoración. San Xosé de Prado é anexo da parroquial dende 1904.
Neste barrio resisten malamente as ruínas de dous muíños hidráulicos de herdeiros, o Muíño da Riba e o Muíño da Baixo, dos tres que posuíu Prado, e se conservan os restos dunha "casa de curas" coñecida actualmente como Casa do tío José de Bouzas cuxos propietarios, no ano 2007, contáronnos varias lendas entre as que se atopa a seguinte "visión de morte prevista" relacionada cun cruceiro próximo ao lugar de Cerdeira: “Pasaba da media noite e viña eu polo camiño en dirección a Cerdeira cando de pronto vin ao lonxe, rodeando á casiña das Visentas, unha luz moi intensa que alumeaba todo o lugar. Atemorizado parei uns segundos e cando xa comezara a camiñar con paso acelerado puiden ver claramente como un vulto empezou a desprazarse rodando sobre o muro que fecha o eido da nomeada casa. A miña anguria ía en aumento polo que decidín achegarme á casa dos meus pais que se encontraba a pouca distancia para facer noite, a pesar de que a miña muller me eperaba na nosa de Bouzas. Saín á carreira e ao pasar por diante do cruceiro a visión cesou. Ao pouco tempo, na casa das Visentas onde vivía unha familia moi numerosa, chamou a morte e pouco a pouco foi levando varios dos seus membros. Tempo máis tarde souben que a familia padecera de tuberculose.”
Foi un camiño principal de comunicación coa parroquial para as xentes de Prado. O seu nome imponllo o primeiro lugar da aldea que toca vindo dende a parroquial de Santiago: Bouzas. O de "tumbal" puxéronllo as xentes do lugar porque era o utilizado polas comitivas fúnebres para transportar os defuntos ata as tumbas dos cemiterios primitivo, na igrexa, e actual. O transporte facíase a pé e parando ante as numerosas cruces, hoxe desaparecidas, que marcaban o percorrido, para rezar responsos e pregarias pola persoa morta. O tortuoso ritual desapareceu coa chegada dos tanatorios. Hai poucos anos ampliouse e asfaltou o antigo camiño. Ao sur de Prado, nunha zona máis baixa, aséntase outra aldea á que se chega polo camiño que arranca de Cerdeira. Chámase Murxido, queda aos pés da arruinada capela de San Martiño, e cruzándoo dende o arranque en Cerdeira ata rematar na parroquial discorre o Camiño tumbal de Murxido, que con tal acepción podería dicirse que empeza no propio Murxido.
Neste lugar, situado na Ladeira do Lapido, dende hai anos, existe unha granxa dedicada á cría e comercialización de visóns.
Excepcionais vistas do Val de Miñor e a ría de Baiona en pleno Atlántico. Para obter unha perspectiva totalmente despexada será necesario saír minimamente do camiño e na Chan da Pedra Alta subir ao pequeno coto de rocha natural. Algo máis adiante repítese a perspectiva, agora dende outro ángulo e sen saír do camiño.
Último grupo de casas co que nos imos atopar nesta ruta. Entre as de interese destaca a que se atopa na encrucillada. Ten un patio pechado con muro de pedra ao que se accede por un portalón situado no chafrán. Este patio está pavimentado con lousas de granito e dende el arranca unha escaleira pétrea con varanda cega do mesmo material que dá acceso á casa. A planta baixa forma un soportal alintelado sobre columnas. Ao exterior nada transcende. Camiñando pola ruta prevista, agora estarémolo a facer por un tramo dunha das ramificacións iniciais da aldea de Vilas que conducen ao Camiño da Misa. A poucos metros atoparémonos cunha reconstruída cruz alta que substitúe a outra máis antiga subtraída do lugar.
O topónimo vénlle ao lugar de ser en tempos o utilizado polos campesiños como localización dun touro semental para os correspondentes apareamentos. No mesmo lugar estivo situado durante séculos un sepulcro medieval coñecido pola veciñanza como A Cama da Moura. A peza, ante o temor a que puidese ser roubada, como sucedeu un tempo antes coa cruz próxima, e despois de que fora derrubada por unha pá escavadora cando abría unha pista forestal, foi trasladada a unha finca da Coutada, onde se conserva actualmente.
Con este nome coñécese o camiño que se inicia polo Sobreiro, en Vilas, e baixa ata a igrexa da parroquia. É o camiño "tumbal" desta aldea o cal, por debaixo do Pouso, recolle outras ramificacións do mesmo para logo continuar nun só trazado a través da Tomada do Roque, onde hai unha cruz alta, ata chegar á parroquial. O último tramo recibe o nome específico do barrio que atravesa: Camiño Branco, do que xa falamos con motivo da ruta DA PEDRA A CARBALLÁS. Este tramo intégrao Elisa Ferreira no camiño de orixe medieval que dende Gondomar chegaba por Chenlo ao Val da Louriña.

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta