Coordenadas 86

Fecha de subida 22 de septiembre de 2018

Fecha de realización septiembre 2018

-
-
111 m
2 m
0
1,0
2,0
4,01 km

Vista 64 veces, descargada 4 veces

preto de A Ramallosa, Galicia (España)

Se nos decidimos a efectuar esta ruta percorreremos parcialmente dúas parroquias. Empezaremos e finalizaremos na zona máis baixa, á beira do Miñor, en Borreiros, e á metade de percorrido alcanzaremos o punto de máxima cota coincidindo co barrio do Cruceiro, en Donas. Ao longo do trazado atoparémonos con abundante etnografía, topónimos de claras resonancias poboacionais, belas vistas, vellos camiños e tamén, infelizmente, intervencións territoriais e construtivas pouco afortunadas moi presentes no territorio galego. Ao pé da capela de comezo e remate un pequeno mesón pode abastecer as nosas necesidades de bebida e comida.
Arquitectura religiosa

Capela da Virxe da luz e recinto de festas

Capela. Sitúase no barrio da Xunqueira. Segundo inscrición conservada nunha das doelas do arco da fachada occidental, foi construída no primeiro terzo do XVIII: ANO DE 1723. A lenda completa, que seguramente nos achegaría datos de interese, é de difícil transcrición debido ao seu alto grao de erosión. En todo caso, é posible que a orixe da obra estea relacionada coa fundación dunha capelanía por parte dalgunha familia economicamente forte da parroquia, costume que tivo o seu apoxeo entre os séculos XVI e XVIII. A capela, inicialmente de planta rectangular con ábsida de menor altura separada da nave mediante arco triunfal de medio punto, ten pegada no muro norte a sancristía. Nalgún momento a nave sufriu un incremento de altura que se revestiu en pedra coa chegada do cambio de milenio. A fachada occidental, rematada en pequena espadana dun só van, conserva a estereotomía da antiga portada parcialmente tapiada. Consistía nun gran arco semicircular apoiado sobre xambas rectas rematadas en peaña moldurada. É posible que en orixe a capela non tivese portas cubrindo esta portada, sendo o interese por colocarlla a razón que xustifica o tapiado parcial. Campo de festas. Aos pés da capela esténdese o recinto de festas en dirección norte, cara ao río Miñor. Este torreiro queda acoutado en ambas as dúas marxes lonxitudinalmente por respectivas liñas de plátanos de sombra e no centro conserva, aínda regularmente intervido, o antigo palco de música.
Waypoint

Xunqueira do río Miñor

A alta cantidade de xuncos que se concentran nesta área próxima á desembocadura do río Miñor rematou por converterse en topónimo, no nome do barrio: A Xunqueira. É un lugar curioso dende a óptica da paisaxe e variable debido ás grandes oscilacións na cantidade de auga embalsada, motivado polas mareas. Tamén é un bo lugar para observar distintas especies de fauna principalmente avícola.
Waypoint

O Burgovedro

Non está clara a procedencia do topónimo aínda dando por aceptado o seu significado de asentamento poboacional. Algúns historiadores, pode que con argumentos un tanto fantasiosos ou pouco contrastados, que se repiten de publicación en publicación, entenden que neste lugar puido emprazarse unha primeira versión de Erizana antes de que Alfonso IX a refundase, lle dese carta foral e lle mudase o nome en 1201 polo de Baiona. Quizais o máis probable sexa que en tempos fose un simple asentamento ao que se terminou por chamar "Burgo Vello" para diferencialo doutro posterior, O Burgo, próximo á citada vila pero sen ser ela, pois esta habería de estar xa constituída.
Waypoint

Vexetación de ribeira

Área que aglutina vexetación baixa, como xuncos e outras herbáceas, con árbores propias destas zonas húmidas, tales como abeleiras, amieiros, salgueiros e outros. Entre esta vexetación é habitual atoparse cunha fauna constituída principalmente por mamíferos de pequeno tamaño e, sobre todo, distintas e numerosas aves.
Waypoint

Estrada real de Tui a Baiona por Gondomar.

Pequeno tramo dun dos camiños máis importantes que durante o Antigo Réxime atravesaba a, aínda sen selo para a Coroa, provincia de Tui. Hoxe o tramo móstrase moi transformado, ampliado e pavimentado con asfalto para dar servizo ao tránsito de automóbiles, o que afectou drasticamente o seu antigo carácter.
Waypoint

Lavadoiro público dos Carreiros.

Este tipo de pezas públicas ou comunais foi de grande importancia nun tempo no que a roupa se lavaba a man. Ademais da función citada servía de punto de encontro social e transmisión de novas entre as mulleres dos barrios próximos; elas eran as que se encargaban desa tarefa, e doutras moitas. Algúns protexíanse dos axentes atmosféricos mediante cuberta de tella curva asentada sobre estrutura de madeira e esta, á súa vez, apoiada en piares ou columnas de pedra. A partir dos anos cincuenta do século pasado estas cubertas, para evitar mantemento, substituíronse por discutibles estruturas porticadas de formigón armado. O mesmo sistema se utilizou para os que estaban sen cubrir, como este situado no cruzamento do camiño a Tomada. Hoxe practicamente están todos sen uso.
fuente

Fonte de Gai-Gai

Antiga e humilde fonte contigua a unha presa de regadío. Actualmente está reconstruída, algo desprazada camiño abaixo, sen interese arquitectónico ningún.
Waypoint

Restos dunha carballeira

Antes de entrar en Miranda encontramos esta mínima pero evocadora carballeira nun territorio, o Val de Miñor, que se viu esquilmado delas debido, entre outras cuestións, ás dirixidas políticas de repoboación forestal. Non obstante, algún dos exemplares conservados nesta mostra unha respectable presenza. O carballo é a árbore de maior carga mítica dentro do ideario campesiño en Galicia. Unha árbore que ademais de subministrar madeira, leña, follaxe e castañas funcionaba como suxeito principal de moitos ritos e lendas.
Waypoint

Núcleo de Miranda.

Reducido grupo de casas tradicionais e as súas correspondentes edificacións adxectivas organizadas arredor dun camiño no lugar de Miranda. Algunhas casas móstranse intervidas de xeito discutible e outras en mal estado de conservación pero o conxunto, véndoo con ollos de pintor, aínda conserva parte do sabor tradicional. Sen decatarnos xa estamos na parroquia de Donas.
Waypoint

O cruceiro de Donas

Este monumento, de igual xeito a como sucede outras veces, converteu a súa presenza no topónimo do barrio: O Cruceiro. É un notable exemplar da arquitectura vernácula utilizada polo campesiñado galego para atopar algunha resposta ás súas necesidades emocionais. Presenta todos os compoñentes aos que aspiran as pezas máis completas, isto é, plataforma, pedestal, fuste, capitel e cruz. O pedestal asenta sobre unha plataforma composta por tres bancadas circulares e é de planta cuadrangular, coas arestas superiores redondeadas, aparecendo talladas nas verticais caveiras moi erosionadas con tibias colocadas en forma de V invertida baixo elas. Nas caras conserva unha inscrición moi difícil de transcribir dado o desgaste que presenta. O varal é cilíndrico liso, e a cruz, de sección cadrada e figurada en anverso e reverso, destaca pola inclinación que posúe cara ao anverso para intentar compensar a gran masa da imaxe da Virxe, representada aquí baixo a advocación da Dolorosa. Esta imaxe presenta, moi fóra de proporción, os seos nus baixo os brazos sen que se saiba cal foi a simboloxía que con iso quixo transmitir o mestre canteiro. Tampouco nada se sabe da súa fundación pero atendendo á simboloxía do pedestal e a que non é moi usual a presenza de plataformas circulares antes de 1700, podería proceder de finais do XVII ou de pleno XVIII. Entre os costumes máis comentados citar o que dende antigo tiñan as mulleres do lugar ata a súa desaparición a principio deste milenio. Consistía na celebración ritual de rezos ao atardecer mentres camiñaban en círculo arredor del. Algunhas levaban flores que unha vez rematada a cerimonia depositaban sobre a plataforma, xa de noite, pasando a recollelas ao día seguinte. Os cruceiros, petos de ánimas e hórreos construídos con anterioridade a 1901 foron declarados xenericamente Ben de Interese Cultural (BIC) polo seu excepcional significado dentro da etnografía de Galicia.
Waypoint

Etnografía. Hórreos nas Barreiras.

Para contemplar estes hórreos, chamados no concello de Gondomar canizos, é necesario desviarse minimamente da ruta por un momento e subir ao pequeno promontorio das Barreiras. Entre eles, na baixada do lateral sur, hai un de tipo Mañufe. Os hórreos tipo Mañufe en realidade integran a tipoloxía Pontevedra, da que son unha variante. Esta vén dada polo telladiño central ou archete dunha das caras longas ou costais baixo o que se atopa a porta de acceso e no vértice do cal xeralmente aparece unha cruz. O hórreo tipo Pontevedra é aquel cuxa estrutura está formada a base de granito, a cuberta de tella e os "claros" ou "vans" para ventilación en madeira ou ladrillo. Estes, sempre de planta rectangular, van rematados por un pináculo, espiga ou lampión nun dos pinchos e unha cruz no outro, que se colocaba con intención de protexer os produtos almacenados, principalmente millo, e crese viu cristianizar a vella deidade fálica de fertilidade representada polo pináculo. A cámara de almacenamento no Val de Miñor elévase do chan, para evitar a humidade, mediante pequenas columnas chamadas pés e sobre elas, antepoñéndose á estrutura horizontal da cámara, colócanse uns perpiaños máis ou menos traballados, denominados tornarratos ou “mos”, para evitar que os roedores poidan alcanzar os produtos almacenados. O hórreo é unha das edificacións adxectivas da casa vernácula de Galicia máis particular e característica. Todos os construídos con anterioridade a 1901 están declarados xenericamente Ben de Interese Cultural (BIC).
Waypoint

O Telleiro

Evocador topónimo que recorda a existencia no lugar de fornos nos que se cocían tellas. A mínima distancia, como acabamos de ver, existe outro barrio con topónimo que podemos entender como vinculado: As Barreiras. Este notable conxunto etnográfico, hoxe penosamente deteriorado, está atravesado pola xa citada calzada real de Tui a Baiona e no cruzamento que con esta forma o camiño que sobe ao Mosteiro existiu un antigo cruceiro desaparecido hai moitas décadas. En tempos, quizais durante o Antigo Réxime, o lugar necesariamente tivo a súa importancia segundo dá a entender a cantidade, calidade e tipoloxía das casas que o conforman. Neste lugar existe unha alta porcentaxe de casas que poderiamos encadrar no tipo "con fronte a espazo público", o que dá idea dun asentamento cuxa arquitectura atende á cousa pública de igual xeito a como sucede nas vilas. De aí a insistencia en dúas solucións arquitectónicas: a fachada a vía pública presenta varanda ou balcón na planta primeira e as plantas baixas dispoñen dalgún local que puidese acoller comercio ou obradoiro. A maioría de edificacións presentan cantería de calidade.
Waypoint

Torre do Telleiro ou pazo de Gabiño

Segundo Rodríguez Fdez-Broullón a primitiva orixe desta casa procede do terzo final do século XVI. Os seus primeiros propietarios foron o matrimonio de enriquecidos campesiños da parroquia formado por D. Amaro González e D.ª María Afonso de Borreiros. O fillo natural recoñecido dela, D. Gregorio Pérez Bugarín, ao non ter o matrimonio lexítimos, sucederaos, e a filla deste mercador da vila de Baiona, D.ª Juana Pérez de Bugarín, casada con D. Domingo Gabiño Pérez, será a que funde o morgado e amplíe o patrimonio. Entre 1665 e 1667, durante o conflito da Guerra de Restauración, as tropas portuguesas entran no Val de Miñor varias veces saqueando e queimando o que atopan ao seu paso, entre outras esta casa. Foi reedificada pouco despois polo fidalgo e rexedor perpetuo de Baiona D. Juan Antonio Gabiño Bugarín, que a ennobrece, dota de torre e, ademais, recupera cultivos e viñas. A torre aínda se conservaba en 1796, segundo apunta Broullón. Dos dous matrimonios contraídos por D. Juan Antonio xurdirán as ramas dos Gabiño estendidas por Perú e Chile, diáspora que levará a que o morgado recaia na descendencia dunha das fillas, D.ª Juana Liberata Gabiño, casada con D. Manuel Antonio de Ocampo e Coronel, señor da casa e morgado da Cruz, en Mañufe, e descendente dos patróns do desaparecido mosteiro beneditino de Donas. O herdeiro foi D. Juan Antonio de Ocampo, avogado da Real Audiencia de Galicia, que alternou a residencia entre os pazos da Cruz e O Telleiro. A casa seguiu en mans da familia, que ao paso do tempo emparentou co morgado do Avelar, en Gondomar, e a casa de Cernadas, en Chaín, ata que a súa última propietaria, a fundadora da Congregación de Misioneiras de María Mediadora, Reverenda Nai Sor Rosario Fernández Pereira, bautizada como Dolores, a converte en sede da Congregación, onde morre en 1992. O antigo pazo, que actualmente segue como sede da citada Congregación, ten planta en forma de L e foi sometido a moi desacertadas reformas ao longo do século XX. Entre as máis desafortunadas cóntanse as transformacións do antigo patín de acceso e a ampliación parcial dunha planta sobre cuberta. Tamén é de resaltar, ademais das transformacións interiores, a desaparición de dúas pedras armeiras coas insignias dos Bugarín e doutras familias vinculadas á casa, situadas no antigo patín. Hoxe no lugar só quedan as insignias da inquisición gravadas na pedra.

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta