Tempo  55 minutos

Coordenadas 166

Fecha de subida 22 de noviembre de 2018

Fecha de realización noviembre 2018

-
-
438 m
166 m
0
2,9
5,8
11,66 km

Vista 161 veces, descargada 13 veces

preto de Mañufe, Galicia (España)

As abas da Serra da Groba funcionan como fío condutor deste percorrido; concretamente, a riqueza patrimonial do Monte do Cereixo e contorna, coa chá que o coroa como eixe central.
O arqueólogo Lois Ladra refírese á estación arqueolóxica da Chan do Cereixo nos seguintes termos: "A estación paleolítica descuberta por Jaime Garrido pasaría a ser, tres anos máis tarde e en palabras do arqueólogo Julio Vidal, un documento de primeira orde para o coñecemento das primeiras manifestacións da actividade humana no N.O. peninsular. Cando se cumpría exactamente un cuarto de século do descubrimento deste depósito, Rosa Villar interpretaba Chan do Cereixo como un dos xacementos máis antigos do paleolítico galego, que se insire nun territorio frecuentado por poboacións de Homo erectus, nun momento que se pode establecer ao redor de 350.000 anos B.P ".
A ruta ten como principal obxectivo as chairas deste importante xacemento que, como máis adiante veremos, tamén achega datos sobre a prehistoria máis recente. Pero tamén estarán presentes os poboados fortificados ou castros da Idade do Ferro, a arte rupestre prehistórica e histórica, a antropoloxía, a natureza,… Todo concentrado na parte máis alta das parroquias de Mañufe e Donas.
Waypoint

Castro de Pedra Moura

Segundo din os arqueólogos, este castro do século II antes de Cristo é o de máis entidade dos que poboan o Val de Miñor debido á especial importancia e monumentalidade do sistema defensivo a base de murallas, fosos e parapetos. Ten unha elevación sobre o nivel do mar duns 250 m. e emprázase nas Pinceiras. Parece ser que na parte máis alta, ao sur, existiu unha torre de defensa e que a totalidade do asentamento, de planta oval, esta rodeado de muralla, sen escavar pero sondada, que segundo Anta da Moura nalgún tramo alcanza os 10 m. de altura, precedida de complexos e profundos fosos. Recentemente, tras as primeiras sondaxes de 1985, leváronse a cabo tarefas de escavación e posta en valor parcial do conxunto e se musealizaron algúns dos restos atopados; principalmente clásicas vivendas de planta circular, algunhas das cales se viron seriamente afectadas, de igual xeito que parte do recinto fortificado, pola apertura dunha pista forestal que o cruza pola vertente norte. A situación xeográfica ocupada é de autentico privilexio visual e estratéxico e no recinto, ademais dalgún petróglifo, emprázase un marco territorial entre as parroquias de Donas e Borreiros.
Waypoint

Campo de bolos de San Cibrán.

Este xogo-deporte tradicional, protexido pola lei galega de Patrimonio, ten o seu máximo arraigamento e presenza dentro de Galicia no Val de Miñor e terras de Tomiño. Aínda así, non coñecemos ningún recinto de xogo resolto con gusto e esmero; case sempre ao longo do tempo se aproveitou algún espazo residual de terra comunal para instalar a boleira sen máis pretensións. É a partir dos anos setenta do XX que se empezan a levantar edificacións complementarias sen ningún tipo de control, en moitos casos eternamente inacabadas, cos conseguintes prexuízos de seguridade-estabilidade e estético-paisaxísticos que iso supón. Este de San Cibrán trasladouse á localización actual das Cancelas a principios dos anos oitenta do século pasado; segue activo. Nel, como en todos os demais, competiuse por bos galos, carneiros, viños do país e o orgullo de cada quen. Tamén en torneos oficiais. É lamentable a súa aparencia. O antigo emprazábase diante da fachada principal da capela ocupando parte do camiño, agora asfaltado, que sobe á Chan do Cereixo. Dende este punto camiñamos unhas decenas de metros en dirección nacente ata chegar a unha encrucillada de tres camiños que se suman ao noso: tomamos o central. Ao empezar a subir vólvese separar: eliximos o da esquerda e tras deixar á nosa dereita unha torre de cableado de alta tensión volverá dividirse e volveremos elixir o da esquerda que nos levará directos ao seguinte punto.
Waypoint

Castro do Coto da Cividá

Atravesado o río Teixugueiras, se continuamos polo camiño en dirección nacente, internarémonos nunha zona de monte que non hai moitos anos aínda eran leiras cultivadas, circunstancia determinante para a toponimia do lugar: Os Campos; levamos un treito na parroquia de Mañufe. Aí atoparemos á nosa dereita un outeiro redondeado sobre o que hai dúas ou tres décadas aínda se mantiña parte dunha antiga cruz de mala morte, a da “Maioraga”, agora derrubada ao seu pé. Ao lado contrario do camiño, ao norte, e practicamente tanxente a el, emprázanse os primeiros vestixios do antecastro. Inmediatamente un pronunciado noiro que protexe unha primeira terraza e a seguir a acrópole. Logo, máis ao norte, outra terraza polo menos. Polo leste aprécianse parapetos de defensa. Este recinto fortificado foi descuberto en 2017 por membros do departamento de arqueoloxía do IEM, con Xosé Lois Vilar á cabeza, e aínda non foi publicado nin moito menos sometido a estudos e prospeccións. Presenta como orientación principal a norte-sur, a súa configuración morfolóxica e topográfica dan a entender unha notable potencia que dalgún xeito remite ao veciño de Pedra Moura e o dominio visual e a xerarquía sobre o territorio circundante é excepcional. Só os axeitados traballos de arqueoloxía e escavación poderían sacar á luz as murallas do sistema defensivo, os restos das vivendas, e as trazas do urbanismo que o configurou. Tamén sería desexable unha monda controlada e seleccionada da vexetación que realzase a importancia do asentamento poboacional e á vez o altísimo valor natural do lugar. Un espazo belísimo no que abundan exemplares de gran porte de especies tales que carballos, espiño albar ou escambrón, salgueiros e abeleiras. Estas teñen tal presenza pola parte baixa que non é casual o nome da zona: As Abelosas.
Waypoint

Fervenza no Río Teixugueiras

Cando o camiño se aproxima ás Abelosas a paisaxe natural do ámbito transfórmase. A vexetación autóctona empeza a ter un vigor que se consolida definitivamente poucos centos de metros máis alá. Unha marabilla natural que quizais ten o seu esplendor a mediados de outono. Esta paraxe é atravesada polo Río Teixugueiras, Río Pequeno na cartografía oficial, cando aínda pola súa escasa entidade non alcanza sequera ese apelativo. Vén de poucos hectómetros máis arriba onde nace en catro fontes ou olleiros (Fonte dos Vilarinos, Fonte das Bicadas, Fonte da Rodela e Fonte das Salinas) e xusto neste lugar a morfoloxía territorial obrígao a un salto que sen ser superlativo é de innegable beleza; pouco resta, aínda que innegablemente faino, o corte recente de extracción de pedra para construción. Unhas poucas decenas de metros despois da fervenza, río abaixo, o arquitecto anónimo, o protagonista da arquitectura vernácula, construíu un peirao para desvío de augas de regadío e sobre o leito do propio río o máis importante dos lastrados conservados no Val de Miñor. Uns pasos para carruaxes e bestas que rematan historicamente por fixar ao territorio o topónimo Porto se ben aquí o lugar se coñece como A Tol das Teixugueiras. Un sitio dunha beleza que só pode ser aprehendida "in situ". Río abaixo, o muíño do Campiño.
Waypoint

Camiño da Portavedra

Se continuamos andando en dirección nacente polo camiño que nos achegou ao castro, a uns 150 m. atoparemos outro empedrado que se cruza perpendicularmente co noso. É a vía que dende Pinzás e outros lugares do Val de Tebra e as terras de Riba de Miño baixaba ao Miñor a través da Portavedra, un paso natural que pon en comunicación os tramos finais de Miñor e Miño cunha redución quilométrica de moita consideración respecto do mesmo percorrido pola costa. Dende A Chan do Cereixo, pasando polo recinto do curro de San Cibrán continúa polo Padronciño ata O Crego e logo segue baixando tanxente ao Muíño do Río, que foi de herdeiros e deu servizo ás casas do citado núcleo, para monte a través e encaixado entre muretes de cachotaría alcanzar Nande polo sur da capela de Santo André.
Waypoint

O Crego

É este un dos dous lugares con histórica agrupación de casas en que se divide A Portavedra. Parece ser que o nome lle vén da presenza no lugar dun cura. Entre as construcións que o constitúen existe unha composta por varios volumes de carácter tradicional, valada por muro de granito coa cal forma patio a ceo aberto ao que se accede por un portalón alintelado, coñecida como A Casa do Crego. Bordeándoa pola cara poñente discorre o camiño parcialmente empedrado do Padronciño a enlazar co recinto do Curro e alí con camiños que seguen a Pinzás e outras direccións. Non obstante, nós deixaremos a casa á nosa dereita e camiñaremos aldea abaixo para a través do Camiño das Besadas, onde se acumulan vistosos outeiros redondeados baixo vellos carballos, ir ata A Rega.
Waypoint

Cruz do Sanicho

Apenas quedan os restos do que foi unha cruz de mala morte. Emprázase nos Penedos, polas Besadas, e recorda a morte desgraciada de Manuel Benítez acaecida nese lugar en 1924, segundo indica a inscrición conservada.
Waypoint

A Rega.

Seguindo o camiño das Besadas accedemos ao núcleo da Rega polos Eidos. Xusto a primeira edificación que atopamos a nosa dereita é a coñecida dende mediados do XIX como Casa dos Loureiros, hoxe totalmente arruinada pero aínda en pé na década dos noventa, unha casa tradicional de planta baixa, morfoloxía lineal e paredes de cachotaría rematadas nunha humilde cornixa. A uns 60 cm. da fachada occidental, case na metade do edificio, emprazouse un prisma de granito de sección rectangular que emerxía da terra 1,70 m. aproximadamente. Esta peza, que dende hai tres lustros máis ou menos descansa sobre o muro arruinado da casa porque lle dificultaba o paso de vehículos a un veciño, foi o marco xurisdicional que xunto ao de Outeiro das Mos e o Marco de Cereixo definiu eventual liña divisoria entre os concellos de Tomiño e Gondomar en 1851. Esta mesma pedra é a referida no Catastro de Ensenada como o marco da casa de Juan da Misa. Este núcleo aglutina máis hórreos, actualmente en desuso, que O Crego e en torno a el aínda se ven destacados rabaños de cabras e ovellas pastando polos montes. Tamén cabalos salvaxes vivindo en liberdade
Waypoint

A Bouciña.

A pouco de saír da Rega atopámonos con este lugar que ofrece a posibilidade de contemplar un solitario e vertical exemplar de eucalipto. A Bouciña forma parte dunha extensión maior de terras planas coñecida como A Chan das Mos. Para ir ao noso próximo obxectivo, o Outeiro das Mos, haberemos de rodear o eucalipto polo sur e pasar moi preto dunha das fontes onde nace o Río Loureiro: A Fonte Danta. Este, monte abaixo, remata por unirse ao Río da Costa e logo, xa como Folón, enlazar co Teixugueiras (Pequeno na cartografía oficial) para converterse no Río Torno, afluente do Miñor.
Waypoint

Outeiros de Gondomar.

Aínda que están algo desviados da ruta dáse noticia deles por se alguén estivese interesado en visitalos. Son uns afloramentos graníticos culminados no punto de maior altura por unha caseta xa sen uso e esperando demolición. É posible que nalgún tempo servisen de marco xurisdicional. Distribuídas pola superficie dos diferentes outeiros hai gravadas diversas cruces de moi distinta antigüidade e o que parece un P. Con moita antelación a esta posible función de marco territorial o lugar xa reclamou o interese do ser humano. Ao pé da caseta polo lateral sur, a poucos metros e nun plano máis baixo, nunha pedra envorcada do seu inmediato lugar de asento sobre outra rocha aínda conservada, existen tres notables dormentes de muíños naviculares colocados en paralelo. Estes, agora en posición case vertical debido ao xiro a que foi sometida a rocha, terían unha orientación sur-norte. O de maior tamaño, incluíndo todos os fragmentos, mide en planta 70 por 28 cm.
Waypoint

Outeiro das Mos.

Este afloramento rochoso xa se recolle no Catastro do Marqués da Ensenada (1753) como un dos marcos xurisdicionais entre as parroquias de Mañufe e Tebra. Un século despois, en 1851, é rotulado por decisión do Gobernador Civil da provincia de Pontevedra como límite parroquial entre Mañufe e Tebra ao tempo que municipal entre os por aquela recentemente creados concellos constitucionais de Gondomar e Tomiño. A consecuencia destes acontecementos o outeiro presenta distintas cruces de termo, posiblemente de diferentes épocas, distintas letras con diferente orientación, entre as que se atopan un A, un P e un R, e a rotulación de dous nomes de parroquias: a sur, Mañufe; ao norte, Tebra enriba da data 1851. A este tamén lle din Outeiro da Vaca. Pero tamén aquí o interese humano polo lugar precedera en moitos séculos a estes acontecementos. Demóstrao o muíño navicular conservado a uns metros. Mide 53 cm. de longo por 22 de ancho
Waypoint

Camiño a Tui

Chegamos a el camiñando a través da Chan das Purreiras. Ao chegar á encrucillada en vez de seguir ao Outeiro da Purreira (marco xurisdicional) xiramos á dereita pola actual pista. Esta pista que na Chan do Cereixo enlaza con outros camiños procedentes de distintos lugares (Baiona por Belesar e San Cibrán, Santo André, Portavedra, Pinzás...) baixa a través dos Camiños Vellos ata A Chan do Outeiro e logo segue polo Alto do Padrón e Malvas a Tui utilizando tramos de orixe medieval ou quizais máis antigos (Xilberte Manso, investigador e membro do IEM, localizou abundantes restos de tégula romana no tramo que une A Chan do Outeiro co Alto do Padrón; tamén en 2006 se localizaron restos de tégula a nacente da Chan do Cereixo). Ocasionalmente aínda é moi transitado; acontece con ocasión do curro de San Cibrán, sendo o que utilizan as xentes do municipio de Tui cando se achegan a el a cabalo.
Waypoint

Ruínas da capela do Aguzo.

A día de hoxe non foron localizados documentos que referenden e complementen as únicas evidencias da súa posible existencia: uns poucos vestixios da construción e o topónimo vivo entre a veciñanza. Aínda que a toponimia se refire a unha capela entendemos que polo emprazamento a gran altura, notable illamento e medida proximidade ao camiño descrito no punto anterior, debería tratarse dunha ermida. Mellor aínda, dadas as súas reducidas medidas, un pequeno oratorio. Os vestixios construídos redúcense a pouco máis que os arranques do muro exterior, que en puntos está desaparecido. É de dobre folla de granito, alcanza un espesor de 0,55 m. e a altura máxima conservada é de 65 cm. sobre terra máis outros 15 baixo rasante. Arredor da preexistencia existe abundante cantidade de cachotes que en tempos formaron parte dos muros. A planta foi rectangular cunhas dimensións exteriores de 4,65 m. de longo por 3,50 de ancho. A orientación do posible pequeno templo é a tradicional nacente-poñente. A poucos metros da fachada occidental existe un afloramento granítico gravado no que se distinguen con facilidade catro cruces e un P.
Waypoint

Túmulo dos Cotareles

Indo en dirección norte, emprázase a uns escasos cen metros da encrucillada á marxe esquerda do camiño, actualmente ao bordo dun ámbito valado con tea metálica. O túmulo está parcialmente seccionado polo camiño e excesivamente cuberto por vexetación. Ten un diámetro aproximado de 17 metros e unha altura total de 1,50 m. Presenta como tantas veces cráter de violación a través do cal se poden ver restos dos ortostatos do dolmen existente baixo a coiraza.
Waypoint

Os Fiales

Neste lugar plano e húmido emprázase a Fonte Salgueira a cal dá pé ao Arroio Fial, fío de auga que atravesa o ámbito ata chegar á pequena ponte de lousas de pedra que posibilita continuidade ao camiño. A partir da ponte o fío pasa a chamarse Río Salgueiro e este, co andar dos quilómetros en dirección ao Miño, coñecerase como Río Cereixo. Esta chaira foi un depósito en superficie de material de industrias líticas (principalmente bifaces e fendedores) procedente do Paleolítico Inferior, a dicir de Rosa Villar do Pleistoceno Medio, integrado na gran estación arqueolóxica coñecida xenericamente como A Chan do Cereixo, cuxa área abarca terras de Donas e Pinzás, descuberta polo arquitecto Jaime Garrido a principio da década dos setenta do século pasado. Durante sete anos Garrido recolleu máis de duascentas ferramentas líticas talladas desenterradas a consecuencia dos traballos de repoboación forestal que se estaban a efectuar. A maior parte deste material o arquitecto depositouno no Museo de Pontevedra. Traballos de investigación levados a cabo tras proposta do IEM en 2004-2006 conclúen que A Chan do Cereixo "mostrábase como un xacemento arqueolóxico de extraordinaria riqueza que fora ocupado temporalmente e en diversas ocasións por diferentes comunidades humanas ao longo de varios centos de miles de anos" (Lois Ladra).
Waypoint

Marco xurisdicional

É unha peza de planta elíptica irregular de 2,60 m. sobre o eixe maior e unha altura de 0,90 m., de morfoloxía redondeada e textura desgastada polo tempo, que emprazada moi próxima, pola marxe sur, ao camiño que cruzando A Chan do Cereixo diríxese a Tui, parece ser un marco xurisdicional da Idade Moderna. A día de hoxe aínda non conseguimos dar coa súa nomenclatura xa que o “Mojón del Río Salgueiro”, co que inicialmente o confundimos, parece estivo moito máis preto da pequena ponte existente sobre a devandita canle conservándose memoria no lugar da súa destrución. Pero aínda con nome escurecido, esta pedra debeu ser na Idade Moderna marco límite do territorio xurisdicional do reguengo de Baiona, pois na cara norte aínda conserva gravado un B a carón dunha cruz.
Waypoint

As Campurras

Forma parte do xacemento paleolítico da Chan do Cereixo; é outro lugar dos considerados como de concentración de industrias líticas. Nos traballos de escavación-investigación realizados en 2006 foron localizados, ente outros, un pequeno petróglifo a base de coviñas e un conxunto simbólico-artístico que as probas do carbono 14 dataron no IV milenio antes de Cristo. Consistiu nunha estela con algún gravado lineal colocada verticalmente ante o petróglifo sobre un pavimento de lousas de pedra que se estendía ata a vertical do petróglifo de coviñas. Arredor deste conxunto apareceu un muro de granito sobre base de terra do que unha cata achegou a altura de 2,40 m. Como conclusión os arqueólogos determinaron que o conxunto artístico-simbólico e o petróglifo eran contemporáneos circunstancia que equivale a unha datación para a arte rupestre galega dous mil anos anterior á que ata ese momento se viña considerando
Waypoint

O Curro

En pleno xacemento arqueolóxico, por debaixo do Padronciño, construíuse o recinto ou curro no que se recollen, separan, desparasitan, comercializan e marcan as bestas cada cuarto domingo de xuño. Un ancestral acontecemento de cargado carácter ritual no cal os protagonistas son os équidos salvaxes (parece ser que non está definitivamente clara a súa condición de cabalos) destes montes emprazados ao pé da Serra da Groba, coñecidos na zona como burras. Algunha vez tamén se reuniron no recinto as vacas que pastan en liberdade no citado ámbito.
Waypoint

Camiño de Pinzás

No século XIX a este camiño asignábaselle como destino principal Goián, polo menos así o recolle o plano topográfico da zona levantado polo xeógrafo José Portal en 1851, repetindo outro seu de 1845, por causa dun conflito de lindes entre a parroquia de Mañufe, municipio de Gondomar, coas de Tebra e Pinzás, municipio de Tomiño. Mañufe deixaría de ter contacto físico coas citadas parroquias ao interpoñerse entre elas unha franxa de Santa Baia das Donas, que aínda persiste. Pinzás foi primeiro un simple lugar e logo, dende 1761, anexo de Tebra se ben a súa igrexa parroquial xa estaba construída en 1742; sobre o lintel da porta principal conserva o escudo de armas do señorío de Tebra. No XIX convértese na actual parroquia independente.
Waypoint

Outeiro Grande.

Preside a encrucillada formada pola pista asfaltada que sae en dirección ao Crego e a que baixa a San Cibrán. Esta substituíu a un camiño parcialmente conservado, se ben en regular estado e con tramos modificados, sempre sucede, que partindo de Baiona e pasando por Belesar, San Cibrán e A Chan do Cereixo, pola Portavedra, unha depresión natural do sistema montañoso, seguía a Loureza e A Guarda. Un camiño, segundo deixou escrito Espinosa Rodríguez, de época romana se ben sobre este particular non se pronuncia Ferreira Priegue.
Waypoint

Monte do Castro

Este poboado fortificado prerromano puido ser o motivo de que a pouca distancia se venere a San Cibrán, unha das advocacións do santoral cristián primitivo. Segundo Goberna e Cuñarro, sitúase a unha altura de 322 m. sobre o nivel do mar e está constituído por unha acrópole e unha terraza. Oriéntase a poñente e mide 60 e 65 m. respectivamente para os eixes norte-sur e leste-oeste. En superficie ata agora apareceu escasa cerámica. Actualmente está invadido pola vexetación.

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta