Tempo  unha hora 4 minutos

Coordenadas 222

Fecha de subida 26 de noviembre de 2018

Fecha de realización noviembre 2018

-
-
680 m
331 m
0
3,3
6,6
13,18 km

Vista 117 veces, descargada 10 veces

preto de Vincios, Galicia (España)

Coa chegada do Neolítico a sociedade cazadora e recolledora do Paleolítico que habitaba o que hoxe coñecemos como Europa introduce a agricultura e a gandaría na súa forma de vida establecendo desta maneira as primeiras condicións que posibilitasen o cambio do nomadismo ao sedentarismo, modo de vida asumido definitivamente en época castrexa. Co asentamento poboacional xorde a necesidade de organización social e a idea de territorio. A súa defensa dá pé á aparición do concepto de guerra que á súa vez xera o nacemento dunha casta de gran importancia social, posiblemente a máis importante: os guerreiros. Con eles chegan as armas.
A Serra do Galiñeiro, concretamente a meseta intermedia da cara occidental situada no extremo norte, un lugar cun dominio visual case total sobre o Val de Miñor, é o único punto da bisbarra onde aparecen representacións de armas que a maioría de investigadores e arqueólogos coinciden en asignarlles nalgún caso unha clara intención ritual polo xeito en como están dispostas e por non se ver mesturadas con outras pezas metálicas non relacionadas directamente coa guerra. Deste gran campo de gravados rupestres prehistóricos imos elixir só seis estacións, delas catro con representación de armas aínda que poida haber máis cousas. Son: Santa Lucía, Os Bromús, Auga da Laxe e Seixiños Brancos, as cales atendendo a máis posibles indicios de vinculación ritual diremos situadas de norte a sur á marxe dun camiño, hoxe en desuso, que milenios despois de ser executados os gravados comunicaba a base do Galiñeiro co Aloia. En todo caso estes comentarios non pasan de ser unha mera especulación das varias manexadas por espertos na materia para dar sentido a unha pequena parte da arte rupestre, un mundo aínda por descifrar que xunto ao propio monte tomamos como causa principal deste percorrido. É sabido que os petróglifos deben ser visitados nas primeiras ou últimas horas de días soleados. Tamén se pode facer de noite con provisión de lámpadas de man.
Pero o mito no Galiñeiro non remata nos petróglifos. O costume, as crenzas, a antropoloxía, remataron por concentrar neste lugar escarpado e xusto de vexetación unha cantidade de lendas e referencias míticas pouco común. Nesta ruta, sen lugares para abastecerse, teremos ocasión de constatar o comentado e acrecentalo con achados históricos, naturais e paisaxísticos ao máis alto nivel.
Waypoint

Gravados rupestres de Santa Lucía

Ata 1828 asentouse neste sitio unha pequena ermida. Conta a lenda que no lugar inmediato á que foi calzada real Baiona-Val da Louriña, un dos puntos máis altos de todo o seu percorrido, coñecido aínda como Santa Lucía, apareceuse un día a santa polo que pouco despois, con intención de honrala, rematou por levantarse un minúsculo oratorio. Co paso do tempo ese oratorio sería trasladado ao lugar da Serra, o actual, e despois varias veces ampliado. Monte abaixo da paraxe de Santa Lucía camiño da Fraga, no lugar da Rega, erixiuse un cruceiro vinculado á citada ermida. Tamén tivo vinculación coa auga que ata alí baixaba e coa mencionada estrada real ao Porriño. O lugar aínda se coñece como O Cruceiro pero o monumento foi trasladado para o actual recinto de festas da capela a mediados do XIX. No ámbito da "aparición" existen varios petróglifos, que dalgunha maneira poderían estar detrás do suceso coa idea de cristianizar o lugar. Algún destes foi destruído paralelamente á construción dunhas obras próximas. Existían catro, todos á marxe dereita, segundo subida, do camiño: o primeiro, situado nun afloramento rochoso de 3 x 2 m. aproximadamente, está composto por dúas circunferencias, con inscrición de gran cantidade de coviñas, unidas por sucos curvilíneos e rodeadas doutros sucos e diversas cazoletas ou coviñas de maior tamaño; o segundo son dous muíños naviculares de 50 cm. de lonxitude, 18 cm. de ancho e unha profundidade máxima de 3 cm.; o terceiro, sobre un afloramento intervido, é figurativo e presenta o tema máis característico dos gravados rupestres do Galiñeiro: as armas. Son varias alabardas con medidas entre os 0,85 m. e os 0,50 m. O cuarto, sobre unha rocha duns seis metros de lonxitude, está constituído por dous grupos separados de círculos concéntricos con coviñas no núcleo e sucos de saída en ambos os dous casos enfrontados pero en sentido contrario.
Waypoint

Os Pereirais

Este lugar sitúase dentro do parque forestal do Galiñeiro rodeado de bosque de piñeiros, eucaliptos, carballos e outras especies, aos pés dos Cornos do Demo e O Pico da Lúa Chea. Nun lugar onde o penúltimo domingo de agosto durante anos se celebrou unha romaxe de carácter cívivo-gastronómica e reivindicativa organizada pola Comunidade de Montes de Vincios, substituída hoxe por outra con distintos organizadores, data e lugar de celebración. Este é o punto de arranque da subida ao alto do Galiñeiro, ao pico As Gallas, a través de Fonte Cuberta. Ata aquí chegou un camiño parcialmente empedrado que se iniciaba na calzada real de Baiona a Porriño no lugar do Eido Vello, en Piñeiro. Respecto da vexetación, un comentario. O lugar, polo que é e polo que representa, merecería unha moi seleccionada vexetación arbórea, arbustiva e herbácea. En tan emblemático lugar onde, como máis adiante veremos, entre moitas outras razóns míticas e antropolóxicas, se empraza dende hai miles de anos o petróglifo máis importante de Europa na súa tipoloxía non parece o máis axeitado para a contextualización ambiental a presenza de especies vexetais que non alcanzan os cento cincuenta anos no país; isto sen entrar a valorar outro tipo de características moi cuestionadas da citada vexetación. O bosque e a esquilmada auga do lugar son elementos indispensables para entender o sitio. A auga emanada e as grandes árbores, entre as que ocupa un lugar específico o carballo, foron, xunto con outros referentes, punto focal nas crenzas intanxibles dos ocupantes do lugar durante milenios.
Waypoint

Fortaleza do Galiñeiro.

Aínda que as consideracións non son totalmente concluíntes por falta de documentación histórica e de estudos arqueolóxicos, a maioría de autores coincide en datar esta fortaleza como pertencente á alta idade media, quizais séculos V a VIII. Algún relaciónaa coa existente no outro extremo da Serra: a do Aloia. Sitúase na parte máis alta do Monte aproveitando os cumios de rocha natural como paredes defensivas entre as que se construíron muros de cachotaría case ciclópea que alcanzan os 2,50 m. de espesor. Ten orientación norte-sur e alcanza unha lonxitude duns 250 m. Este recinto, de terreo irregular e moi accidentado, a dicir de Garrido encerra unha superficie aproximada de 20.000 m2, sendo o lateral nacente o máis accesible e, en consecuencia, o que presenta máis muros e construcións defensivas entre as cales se atopa o tramo mellor conservado aínda admitindo o esquilmado de pezas a que foi sometido durante séculos para con elas construír outras obras. Dentro do recinto quedan vestixios de dúas edificacións de planta rectangular: unha duns 8,50 m. por 5,50 m. e a outra duns 6,50 m. por 2,50 m., en ambos os dous casos, medidas interiores. Os muros terían un espesor aproximado dun metro. Non se coñece o seu uso. Tamén no interior da área fortificada se atopa a rocha coñecida como os Cornos do Demo pola semellanza cunha figura antropomórfica cornuda. Ao pé desta emprázase a cavidade O Forno. O coto veciño, de 661 m. sobre o nivel do mar, recibe o nome de Coto do Demo, no que Jaime Garrido aventura a posible localización dunha torre ou atalaia de vixilancia da fortaleza. Nin que dicir ten as inmellorables vistas que o lugar ofrece sobre o Val de Miñor, o Val do Fragoso e a Ría de Vigo por causa da altura alcanzada e do dominio que exerce sobre a contorna. Uns 800 m. ao sur da Fortaleza emprázase o punto de máxima altitude do Val de Miñor con 707,68 m. (vértice xeodésico) sobre o nivel do mar.
Waypoint

A Cova da Becha

Aínda que xeralmente modestas en dimensións, como case todas as graníticas, son numerosas as covas, tanto de orixe natural como artificial, que poboan o municipio e especialmente A Serra do Galiñeiro ofrecendo distinto grao de interese espeleolóxico para os iniciados nesta disciplina. Pero ademais do valor espeleolóxico, estas covas, particularmente as do Galiñeiro, acumulan varios outros valores sobresaíndo quizais o antropolóxico, un universo de ideas que a implantación do cristianismo foi borrando. Son moitas as referencias a deidades míticas, episodios de maxia e animais fabulosos no folclore da zona e na propia toponimia. Existen covas con nomes como: A Touba do Brión (nome que recibe no Galiñeiro un mítico e vello bufo xigante), A Cova do Demo, A Cova da Vella (representación da Deusa total, deusa das profundidades da terra e das alturas do ceo, que se mostra no arco iris ou "arco da vella"), A Lapa da Moura (ser encantado, mítico e esquivo a “moura”), ou A Cova da Becha, tamén coñecida como Igrexa da Becha (ofidiolatría, recinto sagrado onde vive o mal en forma de vella serpe). A Becha é coñecida noutros lugares como A Coca (Redondela, Monçao, etc.) e O Dragón.
Waypoint

Túmulos dos Bromús

Son tres unidades situadas a pouca distancia entre si en ángulos contrarios do cruzamento de catro camiños algo esvaecidos. A situación é próxima aos petróglifos dos Bromús e de Auga da Laxe. A máis importante destas mámoas ten un diámetro de 20 m. aproximadamente e un metro de altura máis ou menos. Como consecuencia de violacións da cámara funeraria e de escavacións furtivas quedan á vista a través do cráter de violación tres ortostatos do dolmen. Os outros dous, a pouca distancia, teñen diámetros de 15 e 13 m. e unhas alturas que non superan os 50 cm. O de 15 m. polas mesmas razóns anunciadas para o caso anterior deixa á vista dous pequenos ortostatos. O de 13 m., emprazado algo máis a nacente, volve a deixar visible parte das pezas do dolmen polas mesmas razóns enunciadas.
Waypoint

Petróglifos dos Bromús.

Algúns autores cítanos integrados no xacemento de Auga da Laxe pola temática, proximidade e data do descubrimento. Destacan dous paneis, ambos os dous de armas, principal motivo tratado nos gravados rupestres do Galiñeiro como vimos dicindo. O primeiro deles emprázase sobre un pequeno afloramento inclinado a sur, de 5 m. por 1,5 m., e consiste na representación de un puñal e nove alabardas, isto é, a representación de armas de folla metálica con longa empuñadura. Todas están en posición vertical. O segundo, a uns 50 m. do anterior, na cara sur e inclinada doutro considerable afloramento rochoso, compendia a representación de polo menos catro alabardas, unha ducia de puñais e outras representacións dificilmente identificables polo alto grao de erosión. Todas están outra vez en posición vertical cara ao espectador. Ao pé deste batolito, noutra rocha máis plana unida a el, aparecen dous rebaixes entre tres filas de coviñas.
Waypoint

Estación da Auga da Laxe.

A datación dos gravados parece que se corresponde co Bronce Inicial, entre o III e o II milenio a.C. e case a totalidade de autores coincide en citar o panel como un dos máis importantes da súa categoría en Europa. Hai quen o cataloga como o de maior importancia. Moitos veciños da parroquia din “Agua da Laxe”. Está gravado sobre un gran batolito, con varias pías naturais na parte alta, asentado nun lugar onde o nivel freático está practicamente en superficie, o que garantía presenza case constante de auga. Na cara de forte inclinación orientada a sueste, dunhas dimensións totais aproximadas de 24 por 6 metros, localizáronse ata a data a representación de 40 armas colocadas todas en posición vertical e en formación tal que provocou no acervo popular o topónimo de “A Pedra das Procesións”. Entre as armas distínguense puñais, espadas, alabardas e escutiformes (figuras trapezoidais que varios autores asimilan a escudos; outros falan de carros en planta). Todas, agás os escutiformes dos que aínda non se atoparon restos arqueolóxicos que puidesen servir de modelo, son representacións de armas metálicas (cobre ou bronce) da época citada aparecidas en distintos xacementos. Como deixa entrever o topónimo referido, o panel ten un marcado carácter simbólico-ritual; quizais unha representación con sentido transcendental. Todos os estudos coinciden en afirmar a súa unidade temporal con excepción da grande espada de 2,40 m. de lonxitude. Mentres algúns a entenden coetánea ao resto outros fana corresponder co Bronce Final o que, de ser certo, significaría confirmar ao redor dun milenio de atención guerreira e concentración ritual arredor do batolito. Neste panel e na contorna está a facer traballos de prospección e análise a sección de arqueoloxía do IEM (Instituto de Estudos Miñoráns) encabezada polo arqueólogo Xosé Lois Vilar.
Waypoint

Pías naviformes do Monte dos Arruídos.

Nos Arruídos de Arriba, situados na parte baixa do Penedo das Pías, na marxe dereita do camiño que dende Vincios chegaba a Prado e ao Aloia, emprázanse un grupo de catro muíños rupestres, tamén chamados naviculares ou de soporte fixo. O lugar, segundo recollen Marcos Vaqueiro e Xavier Groba, tamén se coñece como Abrigueiro do Monte dos Arruídos. A pouca distancia, nun afloramento a rentes do chan, existe outro muíño cuxos fragmentos (proximal, central e distal) alcanzan un longo total de 41 cm. Estas pías son bases de muíños de man que polo regular se sitúan en lugares máis ou menos abrigados e, sen sabelo con certeza, barállanse como hipóteses posibles de uso: a moenda de minerais, a de ocre para colorante ou a dalgún tipo de semente vexetal.
Waypoint

O Curro

Neste lugar cargado de mitos e simbolismo, emprazado ao pé das Gallas e rodeado de achados prehistóricos celébrase o Curro do Galiñeiro, o curro que tanto defendeu e sobre o que máis dunha vez escribiu Méndez Ferrín; a data é o primeiro domingo do mes de xullo de cada ano. Este recinto, construído en madeira, viuse afectado polos desbastadores incendios de 2017 e tras ser recomposto acolleu a edición de 2018. Nel reúnense as "burras" ou "garranos", équidos salvaxes, que viven na Serra do Galiñeiro, poboación alarmantemente diminuída nestes últimos anos por distintas razóns.
Waypoint

Estación de Fonte da Prata.

Emprázase na parroquia de Morgadáns. A estación está formada cando menos por cinco rochas fragmentadas, todas con representacións abstractas compostas a base de círculos concéntricos, sucos curvilíneos, cazoletas e coviñas. Dos cinco o de maior superficie e complexidade gráfica é o emprazado nun afloramento de 5 por 3,5 metros en planta e unha elevación de aproximadamente 30 cm. Repite similares motivos aos recollidos nos outros catro, erosionado e incompleto, presentando a nacente unha pequena pero clara composición formada por tres círculos concéntricos con cazoleta central e suco de saída en dirección ao nacemento do sol.
Waypoint

Estación de Seixiños Brancos.

Este xacemento da Idade de Bronce tamén se coñece como A Tomada de Xacobe e emprázase a pouca distancia do de Fonte da Prata, ao lado contrario do camiño que une Os Pereirais con Prado. Destacan dous paneis. O primeiro, sobre un afloramento rochoso de mínima elevación e unhas dimensións aproximadas en planta de 10 por 6,5 m., ten unhas medidas de 5,30 m. por 3,50 m. É un magnífico gravado composto por varios grupos de círculos concéntricos unidos mediante sucos curvilíneos que á súa vez se mesturan e rodean con gran cantidade de coviñas e cazoletas. O segundo emprázase a sueste do anterior sobre un notable afloramento de 12 por 5,5 m. en planta e sensible altura. É unha composición a base de sucos e cazoletas, todo moi erosionado e intervido. Ademais existe unha alabarda en posición horizontal e varios gravados cruciformes, estes seguramente posteriores.
Waypoint

A Chan das Moutas

Estación situada en Prado, parroquia de Morgadáns. Descritivo topónimo que utilizamos xenericamente, e polo tanto con pouca corrección, para referirnos á maior parte desta chaira. Esta planicie, situada a uns 454 m. sobre o nivel do mar, é un gran xacemento arqueolóxico de enterramentos megalíticos; o maior campo de enterramentos rituais prehistóricos do Val de Miñor. Inicialmente foron nove túmulos pero no 2001 Anta da Moura xa só contabilizou sete mámoas que segundo Cuñarro e Goberna teñen medidas variables entre os 8 e os 26 m. de diámetro con alturas de 0,50 m., a menor, e 1,50 m. a máis alta. Todas as mámoas están violadas e, a dicir dos arqueólogos, algunhas posúen ortostatos que en casos foron utilizados para o muro de peche do adro da inmediata capela. Os túmulos están parcialmente cubertos por vexetación. Estímase que estes enterramentos megalíticos en Galicia proceden do arco temporal que vai de finais do V ou principios do IV milenio a.C. ao II milenio a.C. Dous dos túmulos citados do grupo de sete consérvanse moi preto do Portelo do Cura, ao solpor da capela, ante o que debía ser a súa fachada principal e non obstante é a cabeceira, fóra do recinto murado e algo máis ao sur que aquela; un está moi transformado. Outro grupo, este asociado a material campaniforme, consérvase ao lado da granxa de vacas que se sitúa en Estourás, ao norte, ao outro lado da estrada e a non moita distancia da moi recente cruz de mala morte que aí existiu en conmemoración da morte dun feirante, "o Prin", asasinado nese punto por uns asaltantes co obxecto de roubalo cando, camiñando dende O Porriño, se dirixía á feira de Gondomar. Practicamente neste mesmo lugar, no recinto da granxa, atópase o actualmente chamado Outeiro da Cruz do Morto, con presenza de sete ou oito prehistóricos muíños naviculares. O resto dos túmulos sitúanse na parte central da chá.
Waypoint

A Sepultura

Trátase dun sarcófago medieval escavado na rocha natural na súa localización orixinaria. Está situado inmediato ao lugar da Brulla. As medidas do sarcófago son: 1,70 m. de lonxitude; 0,50 m. de ancho, con redución a 0,45 nun dos extremos; e 0,30 m. de profundidade. Presenta a seguinte decoración: un suco curvilíneo unindo polo exterior os dous ángulos do extremo máis estreito e, dentro do sarcófago, no mesmo extremo, unha cazoleta duns 20 cm. de diámetro da cal parte un suco centrado, duns 70 cm. de lonxitude, que se cruza perpendicularmente con outro máis curto.

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta