Tempo  51 minutos

Coordenadas 156

Fecha de subida 27 de noviembre de 2018

Fecha de realización noviembre 2018

-
-
406 m
6 m
0
2,4
4,7
9,4 km

Vista 129 veces, descargada 5 veces

preto de Couso, Galicia (España)

Todo camiño é elemento básico na ordenación do territorio, podendo presentarse con diferentes rangos e categorías. Nesta ocasión imos centrarnos nun dos de xerarquía superior para o contexto que atravesa dende o medievo. Este camiño basicamente comercial que a través do paso natural da Portela comunicaba as terras de Riba de Miño e o Val de Tebra coas do Val de Miñor formou parte historicamente doutro que ademais do carácter comercial ten asociada unha acepción ritual. O Camiño da Nosa Señora do Norte, nome asignado por Manuel Inácio Fernandes da Rocha, un dos seus máximos estudosos portugueses, sepárase do central de peregrinación en Barcelos -Portugal- e logo de pasar polos municipios de Viana do Castelo, Camiña e Vila Nova de Cerveira entra en Galicia por Goián. A primitiva barca tiña desembarcadoiro ao pé da Fortaleza de San Lourenzo e tras bordear o Pazo-Torre dos Correa a vía pasa a Estás e logo ao Mosteiro e O Seixo, en Tomiño, para continuar por Pousadela e Hospital, onde o topónimo fai referencia ao que existiu para peregrinos dende 1295, segundo referiu Hipólito de Sa. A continuación tira cara a Tebra e logo sobe por Cima de Vila para entrar no municipio de Gondomar pola Portela de Couso. Pasa pola capela dos Remedios e dende aí segue baixando ao pé da Forca de Lobos ata A Feira da Doce, na Estrada. Bordeando o Pazo do Conde de Gondomar continúa por Pousada ata aproximarse á parroquial de Mañufe e logo vai ao barrio da Ponte para atravesar o Río Miñor. Segue polo Cruceiro do Acordo, pasa pola Pousa de Fontán e xa entra na parroquia de Vilaza polo Cruceiro do Portelo. Continúa por diante do Pazo de Pampillón e chega á Areiña, lugar a partir do cal coincide coa estrada real de Baiona ao Porriño ata O Tumbio, en Vincios. A continuación polo barrio da Rocha chega ao Muíño Gaiteiro e dende alí, por detrás da Pasaxe, entra no actual concello de Vigo por Valadares. O camiño continúa polas Furnas e a zona alta da igrexa de Castrelos para cruzar a Gran Vía e por Romil, a Falperra e Afonso XII, chegar á Colexiata. Dende aquí segue polo Areal ata a vila de Redondela onde volve enlazar co camiño central a Compostela.
A profesora Torres Luna incorpora unha variante ao tramo citado. Dende preto da Areiña faino descender ata a parroquial de Parada de Miñor e continuar ata as proximidades de Ceán, en Nigrán, onde se une ao que vindo por Oia e Baiona en dirección a Vigo e Redondela entraba en Galicia pola barca de Camposancos, a terceira do Baixo Miño con Goián e Tui. Río arriba existiron outras.
A ruta que propoñemos coincide co trazado completo da vía ao paso polo municipio. Atoparemos varios puntos de abastecemento.
Waypoint

Alto de San Antoniño.

O lugar, límite entre os concellos de Gondomar e Tui e punto no que no Catastro de Ensenada (1753) xa se sitúa o marco límite coa parroquia de Peitieiros, tomou o nome da desaparecida ermida que en honra a San Antonio existiu nas proximidades. Esta, segundo Xullo M. Sigüenza, emprazábase no terreo chamado Fonte da Arca, na parroquia de Couso, e xa existía en 1529. Tamén se emprazou aquí para dar servizo a quen transitase pola estrada real unha “venta” que polo seu total illamento foi foco de conflitos a teor da documentación localizada por Anxo Rodríguez Lemos, historiador e membro do IEM, no Arquivo histórico do concello de Baiona. En 1748 Juan Pérez, do Regueiro, xuíz pedáneo de Peitieiros, Morgadáns e Chaín presenta solicitude, con testemuñas, ante o Correxidor de Baiona de peche e demolición dunha casiña terreña e venda de viños que se acababa de construír en Couso a carón da ermida de San Antonio emprazada á marxe da calzada real. Peitieiros, parroquia limítrofe coa capela, era xurisdición de Baiona; sobre Couso exercía xurisdición Pexegueiro. O temor das xentes de Peitieiros viña de tempos atrás. Segundo declararon varias testemuñas, no mesmo lugar xa existira outra casa e “venta” que desaparecera había dezaoito anos. Sucedera que despois de altercados varios e roubos de gando rematara por desaparecer tras dous asasinatos. O primeiro morto fora Tomás Fernández, de Couso, que aparecera sen vida na Presa de Pesqueiras, próxima á “venta” e capela. A segunda foi Ángela Pérez, caseira e taberneira que foi atopada degolada no propio local. Vindo da Estrada, en Malvas, e tras bordear polo sueste o castro Outeiro do Xudeu, chegaba a calzada a este lugar alto e despoboado. Dende aquí baixaba pola cara nacente do Viso e da desaparecida Fonte de San Antonio, pasaba preto da Cruz de Pau e seguía pola Estrada (o topónimo repítese varias veces) e a parte baixa do Sobral, xusto ao pé do Atallo, lugar no que aínda desemboca o camiño que chega das Terras do Rei e As Bandeiriñas e en tempos arrancou un carreiro monte arriba; consérvase algún vestixio. Dende aquí continúa cara á Bastida.
Waypoint

Petróglifos de San Antoniño

Sitúanse na parroquia de Peitieiros, nun promontorio rochoso situado á marxe esquerda do camiño de orixe medieval que dende este punto sobe ao Aloia. Son varios gravados, que algúns arqueólogos datan na Idade de Bronce, executados sobre un afloramento rochoso no que en tempos se extraeu pedra coa conseguinte destrución parcial do mural. Os paneis son de carácter abstracto e están compostos a base de coviñas combinadas con diferentes sucos de directrices curva e recta; tamén aparecen algúns círculos e, cando menos, un muíño navicular.
Waypoint

Petróglifos do Sobral.

Para poder contemplalos é necesario saírse minimamente do camiño en dirección oeste. Tamén, como sempre nos gravados rupestres, que o sol estea baixo. Trátase dunha importante estación arqueolóxica pertencente á Idade de Bronce na que se concentran varios gravados, algúns abstractos e outros figurativos, estes os de máis interese. Consisten na representación esquemática de varios équidos, algún dos cales alcanza os 53 cm. É dos poucos petróglifos desta tipoloxía de trazo existentes no municipio.
Waypoint

Lugar da Feira

Neste lugar, na encrucillada e alargo que forma o camiño que dende a calzada real, no lugar coñecido como O Calvario, na Retorta, sobe en dirección á Fraga co que das Vacarías pasa á Torre, celebrouse a feira de gando de Couso. Esta, existente no XVIII, deixa de celebrarse na década dos setenta do XIX. O lugar conserva o topónimo.
Waypoint

Peto de ánimas da Bastida

Sitúase na encrucillada formada pola calzada real e o camiño que comunica As Vacarias coa Feira. O corpo máis importante, dende as ópticas artística e simbólica, deste monumento construído en 1822 é o segundo, o retablo, cuxo sólido capaz, incluíndo o remate, mide 0,57x0,43 m. en planta e 1,10 m. de altura. A representación do purgatorio consiste en só tres almiñas comúns entre lapas. É un traballo ben executado, en alto relevo e con restos visibles de policromía. A composición ten forma triangular pola parte superior acompañando dalgún modo ao falso tellado pétreo de dobre pendente que pecha o conxunto. Ao pé das lapas, sobre a segunda meseta do pedestal, sitúase o peto para as esmolas. Diante delas, rodeando a meseta, aparece unha minúscula reixa de fundición de ferro que parece ser posterior. Tamén é posterior, esta con toda seguridade, a peza de ferro forxado ancorada ao muro, á esquerda do monumento segundo se ve, ideada para colocar candeas. O peto aínda ten culto.
Waypoint

Parroquial de San Cristovo e cemiterio

Igrexa. Segundo Ávila y La Cueva a primeira noticia desta igrexa data de 1156. A actual, atendendo á inscrición da ábsida (1731) foi construída, polo menos parcialmente, no primeiro terzo do XVIII. Máis tarde, como sempre sucede, veríase sometida a múltiples reformas e ampliacións. Entre as últimas han de citarse a sancristía e o baptisterio da fachada norte unidos por un pórtico cuberto que apoia nunha columna central oitavada. Tanto a nave como a ábsida son de planta rectangular. Entre as reformas deben citarse o tapiado da porta da fachada setentrional, as de restauración de 1906 citadas na inscrición do muro sur e a substitución da antiga espadana, de dobre van, pola torre-campanario cadrada actual. É unha edificación sinxela, sen apenas adornos, na que destaca a porta en arco de medio punto. Entre a imaxinaría sobresaen dúas pezas barrocas: San Xoaquín e Santa Ana. Cemiterio. De todos os existentes no municipio, é o que menos se adapta, xunto co de Borreiros, ao concepto de cemiterio hixienista como nova tipoloxía para lugar de enterramentos imposta definitivamente a partir da chegada do Réxime Liberal. Existe un recinto valado ao sur da igrexa que convive cunha serie de nichos e panteóns situados arredor desta polos ventos norte e nacente. Entre os panteóns, de finísima cantería e variada arquitectura ecléctica, atópanse algúns promovidos por indianos da parroquia. Os mesmos indianos que sufragaron maioritariamente a actual torre campanario e levaron a termo outras accións filantrópicas.
Waypoint

A Ponte de Couso

Esta ponte non ten especiais valores arquitectónicos e foi reconstruída parcialmente (peitorís e consolidación puntual da fábrica desestabilizada por unha enchente do río Rasas ou de Couso) arredor do cambio de milenio. Algúns anos despois pavimentouse con asfalto o tramo de vía que dende As Laxes chega a el. A súa fábrica está executada en cachotaría ruda de gran tamaño na que incorpora un único ollo rectangular de desenvolvemento vertical pechado superiormente por 10 lousas de grande espesor. Non se coñece a súa orixe que á forza ha de estar vinculada ao da vía servida se ben esta, o camiño, aquí parece tivo anteriormente distinto trazado. Aínda existen vestixios topográficos que dan a entender que á altura do actual tanque de auga, segundo baixada de As Laxes, o camiño xiraba levemente á esquerda para baixar en dirección ao río e cruzalo, sen saber como, non hai evidencias, facer o propio coa Levada do Conde e volver á traza actual antes de atoparse coa PO-340. Esta tese parece queda referendada polos lindeiros recollidos nalgunha escritura de propiedade de terreos confinantes. Documentos do arquivo histórico de Baiona recollen os moitos problemas que presentaban calzadas e pontes no século XVI. É coñecida a ameaza de derruba por rotura do único arco da ponte de Veiga a principio do citado século, no camiño de Tui, o que obrigaba dende cinco anos atrás a cruzar polo río, pero aínda non fomos quen de situala no territorio. Apenas cruzada en dirección poñente atopámonos coa Levada do Conde abastecida polo tamén Peirao do Conde situado uns cen metros río arriba.
Waypoint

O Cruceiro Mono

Despois de atravesar a PO-340 o camiño, moi ensanchado, ten un tramo de sensible pendente que remata nun remanso practicamente horizontal situado nos Covales. En canto este se inicia acomete pola esquerda, segundo imos, un camiño de servizo do monte que inmediatamente se bifurca. Xusto nese punto, a menos dunha decena de metros da estrada real, emprazouse unha cruz alta que todos coñeceron como Cruceiro Mono. Presidía a encrucillada dende a marxe esquerda do camiño sinistro. O seu nome debía vir da falta dalgún dos brazos.
Waypoint

Presas do Regueiro.

Son dúas, unha a cada lado do camiño. Coa auga destas presas regábanse as leiras de Antime, as terras por enriba da Levada do Conde, e os sobrantes recollíanse na presa da Marquina.
Waypoint

New waypoint

Waypoint

Feira da Doce na Estrada

Os primeiros datos da celebración desta feira danos os historiadores Carmen Pallares e Ermelindo Portela, os cales a sitúan na segunda metade do século XIII. O topónimo conservado, Feira da Doce, indícanos o día de celebración mensual, polo menos na súa última etapa. Hoxe o antigo recinto preséntase borroso e perdeu case todos os trazos identificativos. Só unha cruz sobre os muros do que a tradición popular di foi unha das casas das que en tempos deu fronte ao recinto e os restos dun peto de ánimas diante dunha edificación á que os veciños atribúen funcións públicas durante un tempo son vestixios da axuda e protección que como tantas veces os feirantes crentes buscaban no máis alá. A tradición memorística das xentes do lugar estende o recinto da feira ata un primeiro socalco de terreo emprazado a poñente, ocupado na actualidade por unha indescritible edificación. Esta feira a partir do XIX pasa á praza da Paradela, na vila, e posteriormente ao recinto de Secas ata que desaparece. Neste lugar é onde se funde este camiño real co comercial que chegaba dende Tebra e as antigas terras de Riba de Miño, fragmento do medieval que proveniente de Portugal se coñece hoxe como da Nosa Señora do Norte; uns centos de metros despois os devanditos camiños vólvense separar na máis recente interpretación destes. A historiadora Elisa Ferreira fainos coincidir ata A Ponte de Mañufe.
Waypoint

A Muralla. Pazo do Conde de Gondomar.

Non hai certeza sobre a súa orixe aínda que o máis probable é que proceda da segunda metade do século XVI, cando García Sarmiento de Soutomaior constrúe a parte central porticada. Non obstante, no terreo xa lle antecedera outra edificación segundo Lázaro de Losada lle fai saber por carta, en 1605, a Diego Sarmiento de Acuña cando na parte máis alta daquel construían o torreón central de vixilancia, tras decidir o futuro conde aumentar, mellorar e fortificar o pazo unha vez morta a nai no ano 1600. O construtor de todas estas melloras foi o mestre canteiro do Val de Miñor Juan Coello. O conxunto conservado, a cabalo entre unha edificación señorial e unha fortificación militar, ten tres alturas na parte principal e unha configuración en planta en forma de U que coa colaboración dun muro de contención coroado de ameas forma un patio de armas na cara sur. Ante a norte, sometida a notables reformas no XIX, en tempos do X Conde, entre as que se debe citar a gran escaleira pétrea, o corredor sobre columnata, a apertura de portas-ventá con balcón e as galerías porticadas ao patio, situadas a cada lado do corpo central, esténdese un xardín de notable interese. Estas melloras correron a cargo dunha nutrida cuadrilla de canteiros encabezada polo mestre Ventura Cabanelas. A gran masa construída das distintas dependencias do pazo está unida a un muro granítico de dous quilómetros de lonxitude, actualmente en moi mal estado, que, incluíndo diversas portas fortificadas, escudos e garitas de vixilancia, todo construído polo mestre Coello, encerra en dirección sur parte da que foi extensa finca matriz. A Muralla. Este é o topónimo polo que se coñece a parte máis ao sur do recinto valado, mediante muros de cachotaría, do pazo. A parte onde o I Conde mandou levantar unha torre exenta de vixilancia, lugar no que como dixemos máis arriba Lázaro de Losada fai saber que atoparan antigas cimentacións dunha edificación por entón xa desaparecida. Non hai certeza sobre a súa orixe aínda que o máis probable é que proceda da segunda metade do século XVI, cando García Sarmiento de Soutomaior constrúe a parte central porticada. Non obstante, no terreo xa lle antecedera outra edificación segundo Lázaro de Losada lle fai saber por carta, en 1605, a Diego Sarmiento de Acuña cando na parte máis alta daquel construían o torreón central de vixilancia, tras decidir o futuro conde aumentar, mellorar e fortificar o pazo unha vez morta a nai no ano 1600. O construtor de todas estas melloras foi o mestre canteiro do Val de Miñor Juan Coello. O conxunto conservado, a cabalo entre unha edificación señorial e unha fortificación militar, ten tres alturas na parte principal e unha configuración en planta en forma de U que coa colaboración dun muro de contención coroado de ameas forma un patio de armas na cara sur. Ante a norte, sometida a notables reformas no XIX, en tempos do X Conde, entre as que se debe citar a gran escaleira pétrea, o corredor sobre columnata, a apertura de portas-ventá con balcón e as galerías porticadas ao patio, situadas a cada lado do corpo central, esténdese un xardín de notable interese. Estas melloras correron a cargo dunha nutrida cuadrilla de canteiros encabezada polo mestre Ventura Cabanelas. A gran masa construída das distintas dependencias do pazo está unida a un muro granítico de dous quilómetros de lonxitude, actualmente en moi mal estado, que, incluíndo diversas portas fortificadas, escudos e garitas de vixilancia, todo construído polo mestre Coello, encerra en dirección sur parte da que foi extensa finca matriz. A Muralla. Este é o topónimo polo que se coñece a parte máis ao sur do recinto valado, mediante muros de cachotaría, do pazo. A parte onde o I Conde mandou levantar unha torre exenta de vixilancia, lugar no que como dixemos máis arriba Lázaro de Losada fai saber que atoparan antigas cimentacións dunha edificación por entón xa desaparecida.
Waypoint

Cruceiro de Piquetes

Está situado na encrucillada que forma a antiga calzada real co camiño de Cristillón. Nada se sabe da súa fundación pero se nos atemos á tipoloxía das figuracións da cruz, moi pegadas aos paus e sen perspectiva, ás dimensións dos citados paus e ao tipo de capitel, podería datarse como de principios do XVII. É unha moi notable peza dotada das características que definen as máis xenuínas manifestacións da cultura popular do campesiñado galego. Ata este cruceiro, que na actualidade non ten culto, chegaban as procesións da festividade de San Brais celebradas na capela da Pousa de Moldes antes de que pasasen a celebrarse na parroquial. Como en tantos casos, o ámbito está totalmente contaminado por postes das compañías de electricidade e telefonía e os correspondentes cables, algo que por si mesmo fala da falta de sensibilidade e respecto ao patrimonio de tales empresas. Ao lado do cruceiro quedan os restos dunha antiga taberna, coñecida como “A do tío José de Matilda”, emprazada fronte á Casa do Carrexón, onde a vida se gañaba transportando mercadorías en carros de bois. Cando A. Carrera a fixo construír a mediados do XIX xa era experimentado transportista; quizais lle viñera de familia. No lintel da porta da planta baixa remata unha tradicional lenda fundacional cun dato inesperado: ALqILADOR.
Waypoint

Casa forte de Moldes

A súa antigüidade remóntase ao século XIV, conservando numerosas "marcas de canteiro" na fábrica. Foi fundada polos Suárez de Deza, segundo testemuña o escudo de armas da fachada norte. Este brasón só se diferenza do da Torre de Tebra, no municipio de Tomiño, en que unha das flores de lis está substituída por unha cruz de Calatrava, quizais por pertencer a esa Orde o fundador. Álvaro Suárez de Deza, instaurador do morgado de Tebra, fixo constar no seu testamento, en 1566, que era propietario do couto de Moldes. Esta casa xa tiña convertida en leñeiro a antiga capela de san Brais no ano 1951. A tradición popular di que a devandita capela en tempos foi sede dunha antiga romaxe parroquial en conmemoración do mencionado santo cuxa procesión conmemorativa baixaba ata o cruceiro de Piquetes. Nas décadas finais do XX devolvéuselle o uso ao recinto, aínda ben só sexa como lugar de recollemento e meditación familiar. Un recinto que aínda conserva secuelas dos cambios a que foi sometido ao longo do tempo nos ocos de iluminación. A edificación principal, de planta rectangular, dúas alturas e localización dominante sobre o val, na segunda metade do século XX, foi baleirada e adecuada aos usos e necesidades do momento, para o cal a súa fábrica viuse sometida a modificacións hoxe dificilmente entendibles como pode ser a reconstrución case integral da fachada sur.
Waypoint

Antiga “Venta” da Cruz

Aínda se conserva a totalidade da fábrica exterior, en pedra de granito, desta “venta-taberna” na marxe esquerda, dirección a Baiona, da calzada real, xusto na encrucillada que forma co camiño asfaltado que vén da Ponte e O Lameiro de Mañufe. A “venta” xa se recolle no Catastro do marqués de la Ensenada (1753) como referencia dun marco xurisdicional entre as parroquias de Mañufe e Donas. Na cara exterior do lintel da porta de entrada dende o que foi patio e logo quizais ampliación cuberta existe unha inscrición baixo a data 1790, posiblemente a correspondente a obras de ampliación e mellora, con cuxa aplicación o pousadeiro sempre saía gañando; di: "OI NO SE FIA A MANA SI" (HOY NO SE FIA, MAÑANA SI)
Waypoint

A Barga e A Estrada.

Barrios de Donas onde a linealidade da calzada se deixa sentir na tipoloxía arquitectónica das edificacións, principalmente casas, que lle dan fronte e aliñan: son edificacións da tipoloxía “con fachada a fronte pública” procedentes, a maioría, do XVIII e XIX.
Waypoint

O Telleiro

Evocador topónimo que recorda a existencia no lugar de fornos nos que se cocían tellas. A mínima distancia, como acabamos de ver, existe outro barrio con topónimo que podemos entender como vinculado: As Barreiras. Este notable conxunto etnográfico, hoxe penosamente deteriorado, está atravesado pola xa citada calzada real de Tui a Baiona e no cruzamento que con esta forma o camiño que sobe ao Mosteiro existiu un antigo cruceiro desaparecido hai moitas décadas. En tempos, quizais durante o Antigo Réxime, o lugar necesariamente tivo a súa importancia segundo dá a entender a cantidade, calidade e tipoloxía das casas que o conforman. Neste lugar existe unha alta porcentaxe de casas que poderiamos encadrar no tipo "con fronte a espazo público", o que dá idea dun asentamento cuxa arquitectura atende á cousa pública de igual xeito a como sucede nas vilas. De aí a insistencia en dúas solucións arquitectónicas: a fachada a vía pública presenta varanda ou balcón na planta primeira e as plantas baixas dispoñen dalgún local que puidese acoller comercio ou obradoiro. A maioría de edificacións presentan cantería de calidade.
Waypoint

Torre do Telleiro.

Segundo Rodríguez Fdez-Broullón a primitiva orixe desta casa procede do terzo final do século XVI. Os seus primeiros propietarios foron o matrimonio de enriquecidos campesiños da parroquia formado por D. Amaro González e D.ª María Afonso de Borreiros. O fillo natural recoñecido dela, D. Gregorio Pérez Bugarín, ao non ter o matrimonio lexítimos, sucederaos, e a filla deste mercador da vila de Baiona, D.ª Juana Pérez de Bugarín, casada con D. Domingo Gabiño Pérez, será a que funde o morgado e amplíe o patrimonio. Entre 1665 e 1667, durante o conflito da Guerra de Restauración, as tropas portuguesas entran no Val de Miñor varias veces saqueando e queimando o que atopan ao seu paso, entre outras esta casa. Foi reedificada pouco despois polo fidalgo e rexedor perpetuo de Baiona D. Juan Antonio Gabiño Bugarín, que a ennobrece, dota de torre e, ademais, recupera cultivos e viñas. A torre aínda se conservaba en 1796, segundo apunta Broullón. Dos dous matrimonios contraídos por D. Juan Antonio xurdirán as ramas dos Gabiño estendidas por Perú e Chile, diáspora que levará a que o morgado recaia na descendencia dunha das fillas, D.ª Juana Liberata Gabiño, casada con D. Manuel Antonio de Ocampo e Coronel, señor da casa e morgado da Cruz, en Mañufe, e descendente dos patróns do desaparecido mosteiro beneditino de Donas. O herdeiro foi D. Juan Antonio de Ocampo, avogado da Real Audiencia de Galicia, que alternou a residencia entre os pazos da Cruz e O Telleiro. A casa seguiu en mans da familia, que ao paso do tempo emparentou co morgado do Avelar, en Gondomar, e a casa de Cernadas, en Chaín, ata que a súa última propietaria, a fundadora da Congregación de Misioneiras de María Mediadora, Reverenda Nai Sor Rosario Fernández Pereira, bautizada como Dolores, a converte en sede da Congregación, onde morre en 1992. O antigo pazo, que actualmente segue como sede da citada Congregación, ten planta en forma de L e foi sometido a moi desacertadas reformas ao longo do século XX. Entre as máis desafortunadas cóntanse as transformacións do antigo patín de acceso e a ampliación parcial dunha planta sobre cuberta. Tamén é de resaltar, ademais das transformacións interiores, a desaparición de dúas pedras armeiras coas insignias dos Bugarín e doutras familias vinculadas á casa, situadas no antigo patín. Hoxe no lugar só quedan as insignias da inquisición gravadas na pedra.
Waypoint

O Cruceiro

O topónimo desta encrucillada situada ao pé de Viso de Calvos procede do antigo monumento que a presidiu antes de ser trasladado en 1850 ao Monteiro, a un lugar destacado do recinto da feira de gando, e posteriormente, unha vez desaparecida a feira, a San Martiño onde aínda se conserva se ben algo desprazado respecto da primeira situación. Este cruceiro, no lugar orixinal, debe ser o referido no Catastro de Ensenada (1753) como un dos marcos territoriais entre Borreiros e Santa Cristina da Ramallosa.
Waypoint

Ruínas da casa de Mayres en Viso de Calvos.

A imaxe mutilada de San Domingos de Guzmán e os restos das paredes pétreas sobre as que se asenta é o único que queda da antiga casa grande e capela de Mayres. A capela baixo esa advocación foi unha fundación testamentaria de 1719 feita por dona Marquesa Coma, viúva do capitán don Domingo de Mayres, e construiríase anexa á casa xa existente naquel tempo neste lugar de Viso de Calvos. Segundo o historiador Ávila y La Cueva, a mediados do XIX a capela estaba activa. No XX, cando se construíu a fábrica de gasosas, inda quedaban as volumetrías pétreas da casa e a capela. A Esta chegábase subindo uns chanzos escavados na rocha natural que aflora no lugar. Neste punto a calzada baixaba en dirección a Sabarís, xa no actual termo municipal de Baiona, e cruzando a ponte sobre o Río da Groba encamiñábase á vila. Outra variante dirixíase ao norte a través da ponte da Ramallosa para logo xirar a nacente e por Vincios ir ao Val da Louriña ou seguindo recto continuar a Vigo.

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta