Coordenadas 99

Fecha de subida 21 de septiembre de 2018

Fecha de realización septiembre 2018

-
-
281 m
128 m
0
1,7
3,5
6,92 km

Vista 44 veces, descargada 4 veces

preto de Mañufe, Galicia (España)

Como tantas veces sucederá nestas propostas, a visita e camiñada discorre por lugares pertencentes a dúas parroquias, neste caso farémolo rodeados de natureza e situados nunha das zonas de maior altura do municipio. Ao longo do trazado atoparémonos con algún depósito arqueolóxico, abundante etnografía, continua presenza da auga, belas vistas, bosques nos que domina a presenza do piñeiro e tamén, é inevitable, veremos algunha intervención pouco afortunada. Durante todo o percorrido soamente daremos cunha tenda-tasca, emprazada no lugar da Rúa, na que poder comer ou beber algunha cousa.
Arquitectura religiosa

Capela e cruceiro de San Cibrán

Capela. Non se sabe con certeza a súa orixe, se ben podería proceder dunha fundación ou capelanía dalgunha familia podente da parroquia, costume que tivo o seu apoxeo entre os séculos XVI e XVIII. En todo caso quizais conveña non esquecer a proximidade respecto dela do asentamento precristián descuberto no Monte do Castro, o que puido ser motivo para o establecemento dalgún oratorio coa idea de cristianizar o lugar ao que esta rematou por substituír. Segundo datos conservados no Arquivo Diocesano de Tui, xa existía en 1806. Como toda obra, sufriu diversas reformas e modificacións ao longo do tempo executándose unha delas en 1940, quizais a actual espadana, segundo recolle a inscrición en alto relevo que esta presenta. Máis tarde, na década dos noventa do século pasado, é sometida a outra de consideración que lle achega a imaxe actual. A capela ten planta rectangular con ábsida de igual altura e ancho que a nave separándose desta mediante arco de medio punto, a xeito de triunfal, que, sumado a outro de igual trazada emprazado na metade da citada nave, suxeitan a bóveda de canón. Esta arranca dunha moldura pétrea que funciona como liña de impostas. A capela, orientada estrañamente segundo o eixe sur-norte, ten pegada polo lateral de nacente a sancristía. Os seus muros están constituídos a base de cachotaría de granito con contrafortes exteriores. A fachada de acceso é lisa e simétrica segundo eixe vertical sobre o que se sitúa a porta de entrada rematada en arco de tres doelas a xeito de lintel. Sobre ela un pequeno rosetón circular pétreo con seis orificios en forma de aspa. Remata o lenzo unha dobre moldura cóncava que, iniciándose en ambos os dous aleiros en posición horizontal, sobe para rematar en correspondentes volutas centradas baixo unha peaña de asento da espadana de dobre van rematada en frontón semicircular coroado por unha cruz entre dous pináculos. Tanto a cuberta da nave como da sancristía están resoltas a dúas augas e rematadas en tella curva que forma beiril sinxelo sobre cornixa de granito. Os muros do cabeceiro da capela e da sancristía rematan en pincho con capeado de pedra. Cruceiro de San Cibrán. Emprázase a unhas decenas de metros, en dirección norte, da capela. Entre ambos os dous, o pequeno palco da música no antigo recinto da festa, hoxe asfaltado, baixo un notable carballo. O cruceiro é moi similar ao existente na parte baixa da parroquia, no barrio do Cruceiro. Tamén ten a plataforma circular, neste caso con catro bancadas, o pedestal prismático, coas arestas moi redondeadas, o varal cilíndrico e liso e a cruz con figuración en anverso e reverso. Pero a diferenza daquel todo parece máis depurado, coma se fose levantado seguindo a pauta marcada polo outro se ben executado con máis pericia, o que nos leva a pensar que é posterior no tempo e traballado por distinta man. Como variantes máis notables deben destacarse a falta de simboloxía e de inscrición no pedestal e o coidado nos traballos da cruz. Esta mostra os brazos e cabeceiro con remates lobulados e no anverso un Cristo bastante expresivo baixo lenda do INRI, con tres cravos e as pernas dobradas e separadas da cruz. No reverso aparece unha representación da Virxe, tamén baixo a advocación da Dolorosa, en posición orante e de pé sobre un querubín.
Waypoint

Presa de regadío da Pradela

Tanque de notables dimensións para almacenamento das augas necesarias a utilizar en tempo de regadío. Está construída en granito e dotada de vertedoiros, boca para baleirado, canles e demais elementos necesarios para un correcto funcionamento. Coñécese co nome de presa da Pradela ou da Paradela e seguindo o percorrido da auga antecédelle un lavadoiro. Ultimamente está necesitada de mantemento e limpeza. Durante parte do traxecto que segue á presa obtéñense amplas e abertas vistas sobre a Serra da Groba, en dirección sueste, o promontorio e monte do Castro, a pouca distancia, e a ría de Baiona pechada por Monterreal, as illas Estelas e Monteferro. Algo máis alá, en pleno Atlántico, as Illas Cíes.
fuente

Fonte dos Campaíños

Forma parte das tipoloxicamente coñecidas como de biqueira, abrollando a auga a través dunha barbacá pétrea para caer nun tanque monolítico executado no mesmo material. Emprázase á marxe do camiño que, continuando en dirección norte, baixa ao Mosteiro, xusto ao pé duns carballos que se mesturan coa gran masa arbórea de piñeiros e eucaliptos que defendida por equivocadas políticas de repoboación forestal invaden o municipio. É este un lugar no que abundan os corvos, as pegas e outras aves.
Waypoint

Hórreo con eira de pedra.

Forman grupo con outras edificacións adxectivas ou complementarias da casa do Cordas. O hórreo é da tipoloxía Pontevedra, onde a pedra da estrutura se mestura co ladrillo para a ventilación nos claros. A variante é Mañufe, polo telladiño central ou archete baixo o que se sitúa a porta principal. Sobre ela aparece a inscrición: ANO/Ð/1923/JAM. Ten unha segunda porta no penal máis protexido dos ventos. A data da inscrición é a que xustifica que os claros non estean resoltos en madeira e que a tella sexa plana, algo nada usual. É de resaltar que cada mó ou tornarratos cubra dous pés, isto é bastante habitual no Val de Miñor. Por último chamar a atención sobre a alta calidade da eira empedrada e murada que aparece ante el. Nela realizábanse distintas tarefas agrícolas. No municipio hai poucas tan notables; só unha máis importante: a do pazo Mendoza en Mañufe.
Waypoint

Monte do Castro

Topónimo que sinala a localización dun asentamento precristián. Segundo os arqueólogos Hidalgo Cuñarro e Costas Goberna, consta de acrópole e terraza orientada a poñente. Non foi escavado e en superficie ata agora apareceu escasa cerámica. Hoxe o recinto está invadido por vexetación incontrolada, principalmente piñeiros.
Waypoint

Conxunto hídrico do Castro.

Todo o conxunto xira arredor da fonte do mesmo nome. A auga mana por unha biqueira pétrea encaixada baixo os perpiaños que pechan a boca da mina que a alimenta encaixada no muro de contención de terras do campo posterior. A auga manada recondúcese en dúas direccións a través de canles de pedra. Á esquerda, abastece un curioso e ben construído lavadoiro de granito. De fronte alimenta unha notable presa de regadío de 25,00 m. de longo, compartimentada en dúas partes. Todo o conxunto ten un interese etnográfico que só pode apreciarse se temos a fortuna de achegarnos cando o recinto está coa vexetación cortada en data recente. Bordeando a presa baixaremos cara ás antigas escolas para continuar a ruta.
Waypoint

Prados rodeados de carballos por Sermán

Polos barrios do Estripeiro e da Sermán é habitual atoparse con prados rodeados de carballos, froiteiras e loureiros de notable dimensión. Mesmo pasaremos tanxencialmente a unha carballeira de considerables dimensións na que non é estraño ver algunha pequena ave rapaz. A nota negativa pona a constante presenza de piñeiros e eucaliptos.
Waypoint

Núcleo das Regadas

Antigo núcleo tradicional con varias casas rehabilitadas e reformadas, unhas con máis criterio que outras. Aséntase na parte baixa, preto do río, seguindo o criterio lineal que lle impón o camiño. O material predominante de construción é o granito e algunha carpintaría de ventás e portas exteriores presenta cor, tal e como é costume na arquitectura tradicional do municipio.
Waypoint

A Oliveira. Conxunto etnográfico-paisaxístico

A pouco de chegar a este outro grupo de edificacións tradicionais, mesturadas con algunha nova, veremos á nosa dereita entre árbores doutras especies unha extraordinaria sobreira á que paga a pena dedicarlle un tempo.
Waypoint

Río Groba. A Fraga de Oliveira

Para contemplar o ámbito inmediato e a canle ocasionalmente pétrea do Río Groba, que durante gran parte do percorrido separa os municipios de Gondomar e Baiona, habemos de desviarnos momentaneamente da ruta. Nalgúns tramos deste consérvanse agradables fragas de vexetación autóctona propia destas zonas húmidas nas que vive e aniña fauna avícola. A máis importante e coñecida é a Fraga de Oliveira, ou sexa, a deste barrio.
Waypoint

Etnografía. Hórreos e casas en Abrollido

Este apartado e tradicional barrio é hoxe un lugar desolador por culpa do mal gusto imperante. As edificacións adxectivas están arruinadas na súa maioría e as únicas casas que se salvan esteticamente falando son aquelas que aínda non foron intervidas. Varias posúen patín e os eidos-horta estaban ateigados de árbores froiteiras e outras ornamentais, como camelias. Hoxe esta presenza vexetal só se conserva con toda a súa romántica beleza nas abandonadas. Tamén é de subliñar un dos hórreos do lugar, actualmente constrinxido tras un novo, inadecuado e moi próximo muro de peche.
Waypoint

Cemiterio de San Cibrán

Logo dun bo treito camiñando a través dun bosque no que domina o piñeiro e o eucalipto chegamos a un cruzamento cercado por casas, cuxo topónimo é A Rúa, dende o cal se localiza o cemiterio a pouca distancia. Este cemiterio hixienista foi construído e valado no ano 1931, tal como indica a inscrición existente no lintel do portalón de acceso, a xeito de complemento do outro da parroquia existente no Mosteiro. A xustificación foi a mesma que a da capela: a gran distancia existente entre esta aldea e Abrollido coa parroquial. No ano 2016 o Concello en calidade de propietario recibiu as obras de ampliación e urbanización intramuros executadas en granito país e mármore Macael branco seguindo a pauta establecida nos anos trinta polos mestres canteiros no lugar. Aquelas primeiras columnas de nichos mostran unha arquitectura ecléctica; os actuais pretenden atender os ditados contemporáneos. No seu interior consérvase o único cruceiro policromado de todo o municipio e Val executado completamente en morteiro de cemento.
Waypoint

Casas e hórreos no barrio da Rúa

Interesante grupo de casas, algunhas deficientemente intervidas, asentadas no territorio seguindo as directrices marcadas polo camiño pero resoltas sen fachada urbana, é dicir, voltas cara ao interior dos terreos privados ou resoltas directamente separadas del por medio dun muro de pedra. Algunha delas presenta edificacións auxiliares de consideración destacando entre elas algún hórreo tipo Pontevedra, abundando particularmente os da variedade Mañufe. Todos neste caso insisten na resolución da ventilación nos claros a base de ladrillo cerámico colocado con clara intencionalidade estética ademais de funcional. Anexo a este grupo de casas, xusto no cruzamento de camiños asfaltados, atópase a única tenda-bar de todo o percorrido. O núcleo construído, que empeza na Rúa, remata camiño arriba, en dirección á capela, coa casa e presa do Piollo.

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta