Tempo  unha hora 52 minutos

Coordenadas 86

Fecha de subida 22 de septiembre de 2018

Fecha de realización enero 2018

-
-
132 m
57 m
0
1,0
2,1
4,19 km

Vista 95 veces, descargada 6 veces

preto de Mañufe, Galicia (España)

Comunica a igrexa do antigo mosteiro beneditino de Donas co barrio máis afastado da parroquia de Mañufe, constituído por unha pequena agrupación de vellas casas e as correspondentes edificacións secundarias baixo dominio topográfico da vella capela de Santo André. A comunicación faise de poñente a nacente a través dun camiño, hoxe asfaltado, que foi límite entre as terras de cultivo e o territorio dedicado a monte, xa na parte baixa da Serra da Groba, algo disto aínda queda, e o regreso de levante a solpor utilizando unha senda que atravesa campos de labranza. En todo o percorrido só existe un bar no Mosteiro.
Arquitectura religiosa

Igrexa románica, adro e recinto de festas.

Igrexa románica. É o único que se conserva do mosteiro fundado a mediados do século XII e abandonado a finais do XV, cando as monxas da orde beneditina se concentran en San Paio de Antealtares, en Compostela. Este mosteiro foi o que deu topónimo ao barrio e a súa condición feminina á parroquia. A primitiva igrexa foi de planta rectangular, dunha nave, con ábsida tamén rectangular. Logo, co paso do tempo, sufriría adicións. A nave en orixe tiña tres accesos: o principal e dous secundarios máis sinxelos e pequenos, actualmente tapiados, de probable comunicación co resto de dependencias do mosteiro na fachada meridional. Así mesmo, posuía seis ventás tipo seteira das que só se conservan cinco. Todas presentan derramo ao interior e rematan en arco de medio punto en aresta viva que apoia en dúas columnas cilíndricas monolíticas e lisas. Estas posúen bases de perfil ático, con poutas, e capiteis decorados con vexetación diversa agás tres historiados. Tamén a ábsida está dotada de iluminación natural a través doutras dúas seteiras en orixe similares ás anteriores, que non manteñen a proposta inicial. Ambas as dúas están entre senllas columnas entregas sobre as que descargan dous arcos faixóns ou perpiaños. Os capiteis correspondentes ao par occidental están barbaramente rasurados en tanto os dous orientais manteñen escultura historiada. No do norte aprécianse catro figuras que de esquerda a dereita poden describirse do xeito seguinte: un personaxe sentado cun libro aberto, outros dos personaxes, quizais tamén sentados, agarrando algo conxuntamente ou agarrándose entre si e, o último, un anxo coas ás abertas ao tempo que fai unha xenuflexión. O do sur presenta outras catro figuras: no centro aparece a Virxe co Neno no brazo esquerdo en tanto co dereito efectúa acción de bendicir, xesto que repite o neno; a ambos os lados cadansúa figura de longas vestimentas sosteñen a túnica da Virxe. Esta escultura dátase como do terceiro cuarto do século XII. Para finalizar a descrición da ábsida, mencionar que o teito foi resolto mediante bóveda granítica de canón, algo peraltada, sobre os arcos faixóns xa citados. Exteriormente a fábrica pétrea preséntase lisa sendo o punto de máximo interese a portada occidental. Compóñena tres arquivoltas en arco semicircular decorado, sobre dous pares de columnas as exteriores e sobre xambas a interior. O tímpano, formado por cinco doelas, presenta chafrán con bólas e carga sobre lintel liso. As columnas, todas cilíndricas lisas e monolíticas, son acaroadas con capiteis e bases entregas, estas de perfil ático e plinto decorado e aqueles con escultura vexetal (tres) ou historiada (un). Interiormente a portada mostra dúas arquivoltas. Toda a escultura aplicada esta moi erosionada. Os canzorros e cornixa románica, tanto da nave coma da ábsida, desapareceron con motivo das varias reformas ás que foi sometida a igrexa. Parte dos canzorros orixinais, tras unha casual localización de 24 unidades no Museo Diocesano de Tui, están instalados a xeito de testemuño nun muro lateral da nave. Como xa se dixo, a igrexa sufriu diversas modificacións ao longo do tempo, algo bastante habitual, sendo as de maior calado as efectuadas a partir do XVIII, despois de desvincularse do mosteiro. Entre elas cabe destacar a ampliación que sufriu na fachada norte a finais do XVIII ou inicios do XIX co fin de emprazar a sancristía e, seguramente en paralelo, unha nova capela, a do Cristo. A execución destas obras levou aparellada a apertura dunha porta no muro lateral do presbiterio, o tapiado dunha das ventás da ábsida e a apertura dun gran van baixo arco semicircular na parede da nave coa conseguinte mutilación da liña de impostas e a desaparición dunha seteira. A sancristía e a capela están teitadas con bóveda de canón en pedra e na primeira consérvase unha curiosa almofía granítica. De finais do XVIII tamén deben proceder o muro piñón de remate da fachada occidental e a torre-campanario levantada sobre a aresta noroeste. Adro e recinto de festas. O adro está valado nos seus catro ventos por muretes de granito de distintas características e dimensións. Este lugar estivo ocupado polo antigo cemiterio, ao que unha reixa metálica colocada sobre foso a todo o ancho da cancela impedía o acceso de cans e gatos, ata que na terceira década do século XX se constrúe o actual hixienista. Nel existiu un viacrucis que remataba no calvario aínda conservado, do que se conservan algunhas estacións recentemente restauradas. Por último citar o reloxo de sol de 1813 sobre pilastra exenta. Do recinto de festas ou torreiro pouco queda. Consérvase o espazo pero tan transformado a nivel ambiental que apenas se recoñece. Cortáronse case todas as árbores, pavimentouse con asfalto e cambiouse a fonte monacal de sitio perdendo nese intre a antiga traza. Só un descomposto palco de música anuncia o que o lugar foi ata que nas décadas finais do XX se traslada de sitio en paralelo á construción da Casa Social.
Waypoint

Casa da Inquisición

O nome arrímaselle á casa por culpa da profesión do seu fundador: D. Francisco Antonio Lorenzo de Guntín foi inquisidor do Santo Oficio. A teor da inscrición gravada no lintel da porta que dá paso ao corredor da fachada norte habemos de pensar que, á espera do que poida proporcionar unha lectura completa da erosionada citada lenda, fundaríase no Pereiro en 1777. Trátase dunha edificación de dúas alturas e planta en forma de L coa á de maior dimensión no eixe leste-oeste. Tivo unha superficie de ocupación de aproximadamente 280 m2 e fachadas exentas ao interior do eido nos ventos levante, sur e norte mentres a de poñente foi, e ségueo a ser, límite co camiño que lle dá acceso. Dende o punto de vista morfolóxico e funcional, o primeiro andar acolleu as dependencias da vivenda mentres a planta rasante asumiu papeis complementarios como cortes e adega. A fachada arquitectonicamente máis rica é a norte. Ante ela ábrese un patio que funciona a xeito de eirado ao que se chega dende o camiño público exterior atravesando un portalón con lintel ameado. Dende este patio, pegada ao brazo leste da edificación, arranca unha rexa escaleira de granito con varanda maciza que desembarca nun corredor, con peto cego de pedra, cuberto por telladiño apoiado en tempos en esveltas columnas de granito con posible desenvolvemento ao longo de toda a fachada. Sobre o arranque da escaleira, no muro da casa, un escudo de armas coas insignias da Inquisición e unha inscrición: EXVRGE/DOMINE/ET IVDICA/CAVSAM/TVAM. Ao remate da mesma a datación 1777, xa citada. O devandito corredor descansa sobre un soportal de dobre arcada en perfil mixto e mínima decoración. Na fachada sur, a xulgar polos vestixios existentes, debeu existir unha solaina. Tampouco nada se pode comentar respecto da distribución orixinal interior debido ás múltiples reformas, adicións, divisións e mutilacións que sufriu o inmoble co fin de adaptarse ás necesidades dos varios propietarios actuais. Só comentar que no folclore da zona sobrevive a lembranza dun calabozo inquisitorial na planta baixa.
Waypoint

Camiño empedrado

Este histórico camiño, que arranca ao pé dun humilde hórreo aínda en servizo, coñécese co nome de Os Riales. Presenta unha notable pendente e parte do leito pavimentado en pedra do país. Tras pasar polas presas de regadío de igual nome o camiño enlaza co que sobe pola Costa do Chosco.
Waypoint

Vistas Panorámicas

A abundancia de piñeiros e eucaliptos obriga a buscar fendas que permitan contemplar o ámbito da Casa da Inquisición e unha boa parte da parroquia de Donas. Ao fondo o Monte Castelo e parte do Maúxo.
Waypoint

A Carballeira.

O topónimo deste lugar de Mañufe é recente. Apareceu á vez que o sitio, en tempos dedicado ao cultivo da vide en lata e de millo, se transformaba nun bosque de castiñeiros, loureiros e sobre todo carballos. En realidade, a finca forma parte da Vergunta do Muíño. A topografía inicial en aba foi retocada pola man do home mediante unha serie de bancais denominados socalcos coa idea de mellorar a rendibilidade da explotación. Parte deses muros de cachotaría de granito aínda se conservan e, agás intervencións recentes pouco afortunadas, o lugar segue a transmitir esa atmosfera característica e única desta especie arbórea tan ligada historicamente ao campesiñado en Galicia. Polo leste e o sur circunvala a citada extensión de terras un camiño que cruzando a estrada asfaltada sobe á Portavedra pasando pola Pedreira, moi preto da Tol da Teixugueira e o Coto da Cividá. Un pouco antes, á metade da Carballeira, arranca un segundo camiño que desemboca nas Cancelas, onda o xogo de birlos de San Cibrán. Baixando polo primeiro camiño citado chegaremos aos muíños hidráulicos de Villamarín na Vergunta, xa sen uso, que forman parte do mesmo ámbito. Son dúas unidades. O primeiro e máis importante é unha edificación de boa cantería composto por “inferno", "tremiñado e "andar". Conserva dous espléndidos "cubos" e un bo tramo de canle empedrada que vai buscar a levada que chega do próximo río Teixugueiras. Foi de dúas "moegas" e no andar emprazouse a vivenda do muiñeiro baixo unha cuberta a dúas augas resolta con bos capeados de pedra nos muros pincho. No andar aínda se conserva a pequena lareira da vivenda. O segundo é máis pequeno, sitúase nun socalco superior, é dunha moega e ten cuberta a unha soa pendente. Do lugar foron retirados os postes de granito das antigas viñas por desexo do actual propietario pero inda así a vexetación autóctona, a auga, os muíños, os muros, as escaleiras, os pasais,… conforman unha illa de bucólica beleza na paisaxe.
Waypoint

Muíños hidráulicos do Martiño.

Emprázanse un a cada lado do camiño asfaltado aproveitando as poucas augas do Río Teixugueiras (Río Pequeno na cartografía oficial). O da dereita, aínda con falta de corrección, rehabilitado. O da esquerda, arruinado; ambos os dous son moi sinxelos. Atendendo a como recibe o pulo da auga no rodicio o da dereita pode citarse como de cubo, inda ben este teña aparencia de gran canle inclinada. Presentan cuberta a dúas pendentes e teñen unha moega por unidade.
Waypoint

Nande. Conxunto etnográfico.

Dobre grupo de edificacións tradicionais con uso a vivenda rodeadas de diversas outras complementarias entre as que destacan os hórreos, tanto pola cantidade que aínda se conservan como pola calidade que mostran moitos deles. Tamén hai portalóns alintelados, cortes, fontes, adegas, viñas en lata e outros moitos elementos necesarios para a vida campesiña. Entre as vivendas tradicionais existen algunhas de certo valor arquitectónico-etnográfico se ben as máis habituais son as humildes. Como nota negativa citar as equivocadas intervencións efectuadas sobre algunha delas. Pola contra ha de citarse como algo positivo a conservación de numerosas cerdeiras na zona, circunstancia que en tempo foi unha das características, hoxe perdida, da veciña parroquia de Donas. No grupo emprazado máis a norte, o máis próximo á ermida, desemboca á altura do Outeiro da Bucina o camiño principal que dende O Crego baixa da Portavedra, unha das entradas naturais o Val de Miñor dende as antigas terras de Riba de Miño. Preto do citado Outeiro dividíase en dous: un bordeaba a ermida e baixaba en dirección ao lugar da Costa; o segundo polo medio da aldea e por diante da Casa Villamarín chegaba o lugar da Costiña para continuar en dirección ao primeiro núcleo: Santarandel.
Arquitectura religiosa

Ermida e cruceiros de Santo André.

Segundo Ávila y La Cueva esta ermida podería ser consecuencia e reconstrución dalgún outro templo anterior correspondente á extinta parroquia de Santo André de Saraes, citada no século XII e máis tarde seguramente anexada á actual de Mañufe. É un pequeno templo de planta rectangular, sen apenas ocos e sen contrafortes, no que destaca a porta de entrada baixo arco rebaixado colocada entre dous pequenos ocos cadrados de ventilación. Rematando a fachada principal, sobre o cumio da cuberta unha espadana dun só van para a campá. Enfrontados á ábsida e a porta de acceso atópanse senllos cruceiros sen figuración. O máis sinxelo e seguramente máis antigo antecede á ermida que como tantas veces ocupa un lugar de dominio sobre o territorio.
Waypoint

Souto do barco

O Barco é un lugar do barrio de Nande. Trátase dunha antiga masa forestal de castiñeiros actualmente moi esquilmada. Aínda así o camiño ao seu paso polo souto adquire unha atmosfera particular que non debería perder, para o cal sería necesario controlar o pulo dos piñeiros e eucaliptos que o rodean e, quizais, a dos seus propietarios. Dende este punto podemos seguir cara á Costa ou polo contrario á Sequiña.
Waypoint

Antiga escola de Nande.

Edificio da que fora antiga escola unitaria desta parte da parroquia de Mañufe; a localización exacta é por debaixo de O Cutiño no lugar da Sequiña, a escasa distancia do río Folón que pasa pola cara norte. A obra incorpora a vivenda do profesor ou profesora e a xulgar pola tipoloxía formal e xeito de utilizar os materiais é moi probable que fose proxectada polo arquitecto Desiderio Pernas Martínez nos anos sesenta do XX. O edificio leva anos sen ser utilizado.
Waypoint

Hórreo tipo Mañufe de alto interese

Fermoso exemplar tipo Mañufe de catro claros mais porta central no costal principal. A súa estrutura, como todos os de tipo Pontevedra, esta executada en granito país, material que tamén se emprega para resolver as doelas dos claros dos penais e os remates ou lampións. Perdeu a cruz sobre a porta. Outra vez han de citarse as abundantes cerdeiras conservadas na zona.
Waypoint

Cultivos.

Todo o camiño ao seu paso por estes barrios da Sequiña e O Pereiro ata alcanzar O Mosteiro atravesa un territorio que non hai moito tempo estaba dedicado na súa totalidade a cultivo agrícola, especialmente patacas e millo, se ben actualmente esta actividade perdeu moita intensidade e con iso sufriu un gran cambio a paisaxe. Hoxe non é estraño atopar a máis variada vexetación exótica mesturada con outra tradicional como acontece cun espléndido exemplar de chumbeira entre coloridos xeranios e hortensias, en primavera, formando parte do eido dunha casa de factura recente asentada a carón do camiño. Pouco máis alá, en pleno camiño, a fonte do Pereiro.
Waypoint

Hórreo del XIX

Pequeno exemplar de hórreo tipo Pontevedra, variedade Mañufe sen remates, do século XIX. A data 1890 é certa, segundo conta o actual propietario, se ben foi el quen a gravou, hai apenas unha década, para testemuñar o ano en que o construíu un antepasado seu. Lembremos que todos estes pequenos almacéns agrícolas de antigüidade superior a 1901 están declarados xenericamente Ben de Interese Cultural. Camiñando entre campos e árbores regresamos ao Mosteiro.

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta