Tempo  unha hora 51 minutos

Coordenadas 82

Fecha de subida 11 de octubre de 2018

Fecha de realización enero 2018

  • Valoración

     
  • Información

     
  • Fácil de seguir

     
  • Entorno

     
-
-
123 m
10 m
0
1,5
3,0
5,94 km

Vista 198 veces, descargada 8 veces

preto de Gondomar, Galicia (España)

Atravesa algúns dos lugares historicamente máis importantes da vila e parroquia, internándose tamén parcialmente na de Mañufe. Unha área, na parte baixa do Val, que anos atrás se presentaba como unha sucesión de casas tradicionais entre campos de millo, patacas, centeo e viña e agora, tras o abandono da agricultura, vese invadida de xeito indiscriminado por árbores e maleza.
Ao longo do percorrido atoparémonos repetidamente con manifestacións da arquitectura tradicional e da etnografía que nos porán de relevo o valor que o campesiñado sempre deu á auga. Tamén teremos ocasión de enfrontarnos a curiosidades da arquitectura anónima tradicional e a algún dos pazos e espazos públicos máis importantes do municipio. Tanto ao principio como a metade de percorrido, en Moreira, existen lugares para o abastecemento.
Waypoint

Praza da Paradela.

A súa localización correspóndese co encontro de catro camiños, algún deles quizais procedente da Idade Media, que atravesaban o río Miñor e o seu principal afluente a través de tres pontes de granito dos cales se conservan dúas. Ao recinto pode asignárselle como orixe as primeiras décadas do XVII, cando o condado, ademais de porta e muralla, tiña seis casas nas inmediacións dese lugar. No último cuarto do XIX cruza por ese punto a actual estrada a Guillarei transformando a súa morfoloxía. Antes, en 1840, inaugurárase a primeira consistorial constitucional tras uns anos de provisionalidade. Tamén no XIX se traslada para aquí a feira que se viña celebrando na Estrada, a cal tempo despois, en 1883, pasará ao recinto de Secas, hoxe convertido en parque público. Non obstante nela seguirá celebrándose o mercado de froita e peixe ata que en 1939 se constrúe a primeira praza de abastos cuberta. Actualmente coñécese como Praza de Urzáiz e tanto a xeometría como as dimensións que presenta son consecuencia da adaptación do seu perímetro ao Plan de Ensanche de 1900, para o cal se expropiaron e derrubaron varias edificacións en 1906. Tamén ao longo do tempo foron substituídas todas as do perímetro agás unha do vento norte, transformada nas décadas finais do XX.
Waypoint

Ponte Alta da Paradela.

O trazado peraltado e as marcas de canteiro que aínda conserva poderían indicar unha orixe baixo medieval, algo que non obstante parece querer desmentir a presenza e estereotomía da fábrica pétrea, aínda que isto tamén pode ser consecuencia dalgunha reconstrución. A día de hoxe non existen datos definitivos. Está constatada a súa existencia no XVII, cabendo a posibilidade, pode que remota, de que fose construída na primeira década do século cando Diego Sarmiento de Acuña constrúe a Porta do Sol e os tramos de vía necesarios para conectala cos camiños existentes. Tamén se coñece como a Ponte das Ánimas debido ao monumento de exaltación do purgatorio instalado sobre ela posiblemente a finais do XVIII ou principios do XIX, antes da apertura da PO-340 cando loxicamente empeza a perder uso. É de moito interese etnográfico o paso de pedra elevado sobre a zona inundable da beira norte do río para o paso de persoas.
Waypoint

Conxunto etnográfico.

Antiga fonte, pequeno lavadoiro cuberto e notable presa de regadío coñecidos como da Carballa. É unha das varias manifestacións do aproveitamento tradicional da auga para labores domésticos e agrícolas que hai pola zona. As tres pezas, incluído o lavadoiro por estraño que poida parecer, están aínda en uso. Nunhas obras de reforma que os veciños realizaron en 2014 rotularon erroneamente a fonte como "de Martín" por ser o barrio de asentamento. Este barrio é a terra que cita Afonso IX en 1228 como situada ao pé do castelo de Morgadáns nun diploma de ratificación da doazón que dela fixera ao Bispo de Tui o seu pai Fernando II en 1170.
Waypoint

4444

fuente

Fonte das Meáns

Fonte tradicional, de cano pétreo, resolta con boca de mina a base de perpiaños de granito e pía para gando do mesmo material. Ofrece unha atractiva imaxe e coñécese polo topónimo do lugar de localización. O ámbito someteuse a obras de dubidosa necesidade e gusto non hai moitos anos.
fuente

Fonte de Vitela.

Dende antigo existiu aquí unha fonte con este nome. Consistía nunha barbacá de pedra colocada a uns setenta centímetros do chan que a metade de percorrido ampliaba o suco da canle para posibilitar a bebida. No chan, á súa esquerda segundo se ve, situábase un tanque de pedra que recollía os excedentes da fonte e servía para saciar a sede dos animais. Foi reformada no ano 2000, data na que adquiriu o aspecto actual.
Waypoint

Casa do Arco.

Casa probablemente de finais do XIX construída respectando o trazado do antigo camiño a Caxide mediante unha estrutura pétrea en arco que rematou por darlle nome. A casa, con presenza de innegable peso económico, foi intervida con desacerto no último cuarto do XX. En todo caso, o valor máis diferencial que posúe é un hórreo con estrutura de granito e planta en forma de T, único en Galicia. A casa tamén se coñece como "A do Roque".
Waypoint

Camiño de Feira da Doce

Antigo camiño que circulando ao pé da muralla do lateral nacente do Pazo do Conde e pasando ante a Porta do Sol de acceso ao seu terreo unía a Ponte de Ánimas coa Feira da Doce, na Estrada, e outros lugares. Tamén se coñece como Camiño de Bade. Hoxe presenta un precario estado de conservación. Parte deste camiño foi aberto na primeira década de 1600 polo que logo será primeiro conde de Gondomar.
Waypoint

Ruínas de muíños hidráulicos.

Estes dous muíños son coñecidos como os da Veigadraga e tomaban a forza motora das augas que ata eles chegaban pola Levada do Conde, que recolléndoas no río de Couso ou das Rasas abastecía, a maiores doutras, as terras e xardíns do pazo. Xa existían a mediados do XVIII, e seguramente antes, sendo citados co mesmo nome no Catastro do Marqués de la Ensenada. Formaron parte dos denominados "de canle" polo modo en como facían chegar ao "rodicio" a auga que xera a forza motora. Ambos os dous foron dos chamados de “herdeiros” de familias emprazadas principalmente na Estrada e Antime.
Waypoint

Recinto da feira medieval.

Os primeiros datos da celebración desta feira danos os historiadores Carmen Pallares e Ermelindo Portela, os cales a sitúan na segunda metade do século XIII. O topónimo conservado, Feira da Doce, indícanos o día de celebración mensual, polo menos na súa última etapa. Hoxe o antigo recinto preséntase borroso e perdeu case todos os trazos identificativos. Só unha cruz sobre os muros do que a tradición popular di foi unha das casas das que en tempos deu fronte ao recinto e os restos dun peto de ánimas diante dunha edificación á que os veciños atribúen funcións públicas durante un tempo son vestixios da axuda e protección que como tantas veces os feirantes crentes buscaban no máis alá. A tradición memorística das xentes do lugar estende o recinto da feira ata un primeiro socalco de terreo emprazado a poñente, ocupado na actualidade por unha indescritible edificación. Esta feira a partir do XIX pasa á praza da Paradela, na vila, e posteriormente ao recinto de Secas ata que desaparece. Neste lugar é onde se funden o camiño real de Tui a Baiona co comercial que chegaba dende Tebra e as antigas terras de Riba de Miño, fragmento do medieval que proveniente de Portugal se coñece hoxe como da Nosa Señora do Norte.
Waypoint

Camiño Real.

Tramo dun dos camiños máis importantes da antiga provincia de Tui durante o Antigo Réxime; aínda en distintos lugares se mantén o topónimo A Estrada. O seu acomodo ao transito actual e as descoidadas intervencións ao longo do tempo fixeron que perdese moito do orixinal carácter. Neste traballo dedícaselle unha ruta monográfica.
Waypoint

Garita de vixilancia do Pazo de Gondomar.

Forma parte das obras de fortificación e vixilancia que Diego Sarmiento de Acuña decidiu acometer na primeira década de 1600, tras a morte da nai no Pazo. Ata finais do anterior milenio posuíu un brasón sobre a seteira que, ante os repetidos roubos de pedras armeiras, cruces e outras, nesa data foi trasladado para a fachada norte do edificio. Quizais tamén tivo que ver no traslado a venda desta parte do predio.
Waypoint

Antiga taberna e cruceiro de Piquetes.

Está situado na encrucillada que forma a antiga calzada real co camiño de Cristillón. Nada se sabe da súa fundación pero se nos atemos á tipoloxía das figuracións da cruz, moi pegadas aos paus e sen perspectiva, ás dimensións dos citados paus e ao tipo de capitel, podería datarse como de principios do XVII. É unha moi notable peza dotada das características que definen as máis xenuínas manifestacións da cultura popular do campesiñado galego. Ata este cruceiro, que na actualidade non ten culto, chegaban as procesións da festividade de San Brais celebradas na capela da Pousa de Moldes antes de que pasasen a celebrarse na parroquial. Como en tantos casos, o ámbito está totalmente contaminado por postes das compañías de electricidade e telefonía e os correspondentes cables, algo que por si mesmo fala da falta de sensibilidade e respecto ao patrimonio de tales empresas. Ao lado do cruceiro quedan os restos dunha antiga taberna, coñecida como A do tío José de Matilda, emprazada fronte á Casa do Carrexón, onde a vida se gañaba transportando mercadorías en carros de bois.
Waypoint

Casa de dona María.

Casa fundada posiblemente na primeira metade do século XVII, sobre a que se instituíu un morgado. A finais dese século era propietario o capitán Jerónimo de Seya y Mariño, de San Pedro de Filgueiras, que a vende con todo o morgado a Pedro de Puga y Novoa, de Bembrive. No século XVIII xa era o seu propietario un "de la Sierpe", Manuel Antonio de la Sierpe Troncoso y Lira. A súa herdeira María Jesús de la Sierpe foi quen deu nome popular á casa. A familia "de la Serpe" tivo outra casa en Mañufe, aos pés da ermida de San Sebastian, aínda parcialmente conservada. Esta casa foi residencia dun inquisidor do Santo Oficio cuxas armas se mostran sobre o brasón pétreo que coroa o lintel do portalón de entrada ao patio aberto ante a casa. Hoxe a edificación presenta planta en forma de T como consecuencia da ampliación dun corpo, no vento nacente, á inicial tipoloxía rectangular. Toda a obra está moi transformada. Ao outro lado do camiño mantense, aínda modificada, a Fonte do Romaio.
Waypoint

Cristillón, conxunto etnográfico.

Ao seu paso por Cristillón o camiño circunvala un grupo de casas dos séculos XVIII e XIX, de clara presenza vernácula, construídas en granito e dotadas de forte cromatismo en portas e ventás de madeira, acompañadas de diversas edificacións complementarias e correspondentes leiras cultivadas.
Waypoint

Cemiterio hixienista de Mañufe.

É un dos máis recentes cemiterios hixienistas do municipio; constrúese en 1929 con grande achega do indiano e filántropo da parroquia Leopoldo Pérez Alonso. En 1931, xa constituída a República, remátase a capela que o preside. No seu momento foi o máis monumental do municipio, característica minguada nas últimas décadas do século XX como consecuencia de ter enchido os sectores centrais, inicialmente previstos para sepulturas en terra, con propostas de moi baixa calidade arquitectónica que, ademais, impiden aceptables perspectivas sobre o conxunto. Posúe bos traballos de cantería en panteóns que, non obstante, mostran sempre formas e estilos eclécticos. Algúns presentan esculturas de certa calidade se ben, en xeral, de carácter decimonónico; só o mural rectangular dun frontón dunha edificación central escapa a esta máxima. A obra arquitectónica e escultórica está sen catalogar. Tamén presenta traballos de forxa de interese.
Waypoint

Centro socio-cultural.

Edificación construída no bienio 2004-2005 con vocación socio-cultural. Funciona como punto de encontro para moitos paisanos e nela celébranse diversas actividades ao longo do ano. Na planta baixa emprázase unha cafetaría-bar de libre acceso.
Waypoint

Pazo de Mendoza.

Foi fundado na segunda metade do século XVIII por Policarpo de Mendoza, deán da catedral de Santiago dende 1751, onde está enterrado, e cabaleiro da Orde de Carlos III. A súa nai, María del Espíritu Santo Rodrigo segundo datos erróneos da partida de bautismo, en realidade María Rodríguez Mendoza, era da casa de Moreira, en Mañufe, quizais situada neste mesmo terreo. O nome actual, "Pazo da Escola", é consecuencia do uso ao que estivo sometida unha das súas partes a principios do XX, que mantido no tempo agora designa o conxunto dedicado a hospedaxe e hostalaría. É un edificio en forma de U, cunha á pouco desenvolvida, de traza barroca, que posúe ampla solaina porticada sobre soportal pétreo e gran lareira con forno e cambota rematada nunha das chemineas máis monumentais do Val de Miñor. Na fachada leste conserva un brasón coas armas do fundador. Co obxecto de adecualo aos usos citados, foi sometido a obras de rehabilitación a finais do XX baixo supervisión do Servizo Provincial de Patrimonio. Teñen interese as edificacións adxectivas e o xardín tradicional de froiteiras.
Arquitectura religiosa

Parroquial de San Vicente.

A primeira noticia desta igrexa procede de mediados do século XII, se ben, posiblemente, os restos máis antigos do templo sexan unha parte do muro sur da nave principal que en todo caso son moi posteriores, seguramente da Idade Moderna. É probable que inicialmente a igrexa tivese planta lineal, rematada nunha capela maior ou ábsida. Foi a consecuencia das profundas obras de reforma e mellora efectuadas en 1722 que probablemente se introduce o cruceiro, coa incorporación das naves laterais, e, algo despois, constrúese a actual capela maior ao tempo que se dota a obra do unitario estilo barroco que actualmente a caracteriza, converténdose no principal exemplo relixioso deste movemento arquitectónico no municipio. Algo máis tarde introdúcese no cuadrante sueste outro cubículo para localización da sancristía. Exteriormente a ábsida presenta maior altura que o resto das naves e gran traballo de cantería, sobre todo nos capiteis compostos das pilastras de esquina e nunha curiosa ventá do vento norte. Similar pericia presentan os traballos da fachada occidental rematada en torre-campanario pechada por cupulín. Conta a tradición que, de tan satisfeito tras ver o seu traballo, o mestre canteiro desta, de orixe portuguesa para máis sinais, quixo deixar constancia de si e autorretratouse coroando o citado cupulín mentres sostén unha cruz que serviu de base a un cataventos. Interiormente, os teitos están resoltos a base de bóvedas, de distinta tipoloxía formal, e materializados en ladrillo cerámico e madeira, en ambos os dous casos rematadas con revocadura e pintura. Baixo o arco triunfal conserva dous púlpitos, un a cada lado, coroados por respectivos tornavoces decorados. Ademais, o templo acubilla excelente imaxinaría do XVII ou XVIII como, por exemplo, un Cristo Resucitado e un san Vicente. Actualmente a igrexa, seguindo unha inculta moda, foi desposuída dos encalados exteriores e interiores tan propios do barroco galego e, ademais, substituíuselle a tradicional porta de madeira por unha reixa metálica.
Waypoint

Fonte do Outeiral.

Practicamente emprazada aos pés da parroquial de Mañufe, con acceso dende o camiño medieval da Nosa Señora do Norte ao paso polo Campo das Bestas. É das denominadas de cano e está construída nun nicho pétreo totalmente embutido no muro que dá amparo ao socalco posterior formado polo Igrexario. Cando aínda as augas non se comercializaban en botella, o seu caudal era moi apreciado.
Waypoint

Ribeiras de San Bieito.

Só a gran repercusión da advocación do santuario da vila se nos ocorre para xustificar este topónimo nas ribeiras do Miñor; unhas terras que en tempos de chuvia se ven repetidamente inundadas. Di a tradición agraria local que para que sexa bo ano de colleitas o río ha de saír do leito sete veces.
Waypoint

Eido da antiga Pousa de Marquina.

Nada se conserva da Pousa de Marquina, tamén coñecida como de Meneses, agás un pequeno brasón encaixado no reconstruído muro, xusto á beira do portal de entrada ao terreo. As armas parecen aludir aos Aldao, posibles fundadores. As "pousas" foron unha das distintas variedades de Casa Grande do rural galego.
Waypoint

Pazo de Gondomar.

Non hai certeza sobre a súa orixe aínda que o máis probable é que proceda da segunda metade do século XVI, cando García Sarmiento de Soutomaior constrúe a parte central porticada. Non obstante, no terreo xa lle antecedera outra edificación segundo Lázaro de Losada lle fai saber por carta, en 1605, a Diego Sarmiento de Acuña cando na parte máis alta daquel construían o torreón central de vixilancia, tras decidir o futuro conde aumentar, mellorar e fortificar o pazo unha vez morta a nai no ano 1600. O construtor de todas estas melloras foi o mestre canteiro do Val de Miñor Juan Coello. O conxunto conservado, a cabalo entre unha edificación señorial e unha fortificación militar, ten tres alturas na parte principal e unha configuración en planta en forma de U que coa colaboración dun muro de contención coroado de ameas forma un patio de armas na cara sur. Ante a norte, sometida a notables reformas no XIX, en tempos do X Conde, entre as que se debe citar a gran escaleira pétrea, o corredor sobre columnata, a apertura de portas-ventá con balcón e as galerías porticadas ao patio, situadas a cada lado do corpo central, esténdese un xardín de notable interese. Estas melloras correron a cargo dunha nutrida cuadrilla de canteiros encabezada polo mestre Ventura Cabanelas. A gran masa construída das distintas dependencias do pazo está unida a un muro granítico de dous quilómetros de lonxitude, actualmente en moi mal estado, que, incluíndo diversas portas fortificadas, escudos e garitas de vixilancia, todo construído polo mestre Coello, encerra en dirección sur parte da que foi extensa finca matriz.
Waypoint

Fonte de Santa Ana.

A orixinal desapareceu coa construción da actual urbanización. Emprazábase nas Cercas, terreos propiedade do condado, e foi unha das dúas fontes milagreiras que tivo a vila; a outra é a de San Bieito. A actual non garda a localización orixinal nin formalmente ten nada que ver con aquela. Tampouco a auga é de manancial
Waypoint

Parque da Coelleira.

Área de esparexemento público construída na antiga Cerca da Coelleira, unha das catro que en tempos posuíu o condado nesta zona inmediata ao río que baixando de Morgadáns cruza a Paradela de Gondomar. As outras, á beira contraria da canle, foron: A Cerca Grande, A Cerca Pequena e A Cerca da Viña. As terras do condado remataban a norte nun antigo camiño, o actual Paseo Casares, que despois de cruzar a ponte de Entrerríos chegaba á praza da Paradela para continuar en dirección á ponte de Ánimas e retornar ao pazo pola Porta do Sol. O parque únese coa ribeira sur do río mediante dous pasais de madeira que se suman á pétrea Ponte de Entrerríos.

1 comentario

  • corbelo 10-oct-2019

    He realizado esta ruta  verificado  ver detalle

    Ruta sencilla que transcurre una buena parte por pistas asfaltadas

Si quieres, puedes o esta ruta