Tempo  42 minutos

Coordenadas 232

Fecha de subida 17 de marzo de 2017

Fecha de realización marzo 2017

-
-
511 m
472 m
0
0,7
1,4
2,77 km

Vista 588 veces, descargada 0 veces

preto de Quiroganes, Galicia (España)

Vilamaior é unha das poucas parroquias que ten varias aldeas no seu territorio. Pode non parecer tan importante este dato, pero dá a chave para entender o seu nome e a súa orixe: unha vila romana. Como aldea rural garda varios segredos que iremos desveando, ademais de que os restos doutras épocas anteriores afloran a cada paso. En case todas as construccións da aldea aparecen sillares reutilizados da época romana e, se botamos un ollo arredor veremos que a terra é moi fértil, ademais de que por altura domina case todo o val dende o norte ata Cabreiroá. Pero a ruta comezarémola con algo aínda máis chamativo: a Ermida da Nosa Señora dos Remedios. A festa desta ermida faise o 8 de setembro e, ainda que tivo tempos millores, segue a ser un dos atractivos máis importantes do verán nesta comarca e fóra dela. Antigamente, ademais, facíase en maio a Feira dos Burros, famosa polo seu gran movemento de gando, ademais dunha carreira de burros que hoxe xa se perdeu.
A historia desta ermida pérdese no tempo, pois a súa fundación actual é da época do condado, ben refrexado nas labras heráldicas que hai no seu interior. Tamén dentro hai un retablo moi interesante onde aparece tallado un gaiteiro cun traxe que adoptou a banda de gaitas da vila para os seus actos. Pero, como diciamos, a súa orixe é moito máis vella. Conta a xente maior que este era o chamado Campo da Parafita (pedrafita, un posible menhir da época neolítica) e xa existía un templo que posiblemente cristianizaba un culto moi anterior. O caso, conta a lenda, é que cando se quixo erguer o actual templo (fermosísimo exemplo de arquitectura relixiosa renacentista), non se comezou no actual lugar, senón máis arriba, onde está un dos tres cruceiros desta zona. Dícen que quixeron construílo primeiro alí, pero que todas as mañáns, cando ían a reanudar as labouras, aparecían as pedras colocadas cheas de sangue. A xente comezou a ter medo e se negaba a ir traballar, así que se trasladaron as obras ao lugar que ocupa actualmente, onde xa non aparecían as pedras cheas de sangue. Parece ser que era un aviso da virxe para que puxeran o templo no lugar adecuado. Non acaban aí as sinais divinas. Cando xa estaban as obras avanzadas, a carón da ermida apareceu unha fonte milagreira, de súpeto, e non só eso: quen bebía desa fonte íanselle os males... Así que o templo que naceu como a Nosa Señora da Parafita transformouse, por obra e gracia da fonte milagreira, na Nosa Señora dos Remedios. Pódese ver a fonte ao norte do templo, e a carón do que era a vella casa do frade que o atendía. E de feito, un pouco máis adiante da fonte, está o cruceiro máis vello dos tres, o propio cruceiro da Parafita, que delata a súa cristianización, pois posiblemente substitúe á pedrafita pagana que alí había. Igualmente, diante do templo hai outro cruceiro, do século XIX, que coroa o adro da Ermida. Un paseo arredor da mesma tamén nos sorprenderá cos detalles construtivos daquela época, como grabar os planos da construcción nos lenzos sur e norte (animo a buscalos), as gárgolas con motivos grotescos, as xanelas case góticas...
Cando esteamos satisfeitos de ver a Ermida e os arredores nos dirixiremos cara Vilamaior, nun paseo corto e agradable, co val aos nosos pes. Veremos que hai servizo de golf e incluso para montar a cabalo, ademais de poder tomar algo con tranquilidade nas instalacións a carón da Ermida. Xa no camiño, en canto cheguemos á aldea, veremos que non é compacta, senón que se distribúe por barrios. Colleremos á dereita e iremos dar a unha praciña moi bonita, con pozo e bancos onde sentarse a carón do centro social, onde poderemos conversar ao noso gusto coa xente do lugar, sempre atenta aos visitantes. Seguindo o camiño marcado pola ruta, os exemplos de boa arquitectura rural, cos corredores de madeira, irán desfilando diante nosa ao longo da campiña alta do val. Imos vendo como hai moitas hortas e terra traballada entre os barrios ou conxuntos de casas e que non contan mentira: estamos nunha terra boa e fértil, que non se desaproveita. Ata o punto no que incluso a historia da aldea se completa con construccións vilegas que delatan a existencia de fidalgos, con labras heráldicas da súa familia.
Pero como diciamos, a historia desta Vilamaior é longa e rica. Un pouco máis adiante da labra heráldica citada, atoparemos, empotrada nunha parede dunha casa moi vella, o fóculus (a parte alta dunha ara, que se usa para poñer a lámpara en honor á deidade) dunha gran ara romana. Subindo en dirección sur, e a moi pouca distancia, hai unha casa grande, con aspecto de pazo, que nos sorprenderá coa labra heráldica da Santa Inquisición, da que as persoas maiores aínda gardan memoria e un respeto temeroso. A carón do pazo da Inquisición tamén está o Pazo Reitoral, con grandes corredores de pedra, un patio porticado (hoxe desaparecido) e un pombal de boa feitura. Como antigamente as rendas da parroquia ían de maneira efectiva para o párroco, pódese observar a riqueza de tal parroquia vendo a casa onde vivía o párroco... A igrexa, sen embargo, é menos espectacular que o pazo: sencilla, rústica aínda que ben feita, pequena e humilde, de estilo barroco galego, con espadana no canto de campanario. Diante do pazo hai un cruceiro moi grande e, aínda que tivo épocas millores, denota igualmente a riqueza da parroquia.
Dende aquí podemos completar o percorrido circular arredor da aldea vendo aínda varios exemplos fermosos de arquitectura rural, antes de voltar ao mesmo camiño, xa trillado, por onde viñemos dende a Ermida dos Remedios, xa paseando sen presa, desfrutando da paisaxe das montañas de Pena Boeira, Penanofre e o Sextil, para rematar de novo onde comezamos, diante da Ermida.
Cruceiro dos Remedios
Ermida dos Remedios
Porta norte ermida
Fonte dos Remedios
Cruceiro da Parafita
Fonte e praza de Vilamaior do Val
Arquitectura tradicional
Labra heráldica
Ara romana
Casa da Inquisición
Igrexa parroquial de Vilamaior do Val
Pombal da rectoral
Rectoral de Vilamaior do Val
Cruceiro de Vilamaior do Val
Arquitectura tradicional
Vista xeral Os Remedios

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta