Tempo  unha hora 11 minutos

Coordenadas 346

Fecha de subida 20 de marzo de 2017

Fecha de realización marzo 2017

-
-
505 m
453 m
0
0,9
1,9
3,76 km

Vista 227 veces, descargada 0 veces

preto de Abedes, Galicia (España)

Rodeado dunha paisaxe espectacular, dende onde se ve todo Verín, o castelo de Monterrei, o monte Larouco, o Pozo do Demo, a Fraga dos Lobos..., está o outeiro onde se asenta o Santo Antón, posiblemente o lugar co culto máis antigo e máis seguido aínda hoxe polos habitantes do val, na romaría que se fai a tal efecto o día 17 de xaneiro, todos os anos, e que representa o comezo do entroido.
A romaría precisa unha pequena explicación. Aínda que se celebra a onomástica dun santo cristiano, as costumes delatan raíces moito máis profundas que ese culto. Só vou comentar un pequeno dato: a romaría é igual que na maioría dos lugares, salvo que non precisa ningún tipo de organización. A xente disponse de maneira natural nas faldras de arredor da ermida, en grupos familiares ou de amigos, onde a tradición consiste na asadura de chourizos, case recén sacados do fumeiro (a mantanza faise dous meses antes...), e na inxesta do viño novo. Isto, antropoloxicamente falando, xa representa unha especie de acción de gracias polos alimentos temporeiros que nos dá a natureza. Pero máis chamativa é a costume que, ao final do día, cando xa a xente comeza a recoller para seguir a festa na vila (saían por primeira vez os cigarróns e o entroido desátase...), e antes de que as brasas das fogueiras se apagasen, acostumamos a cortar xesta verde, canta máis millor, para botala enriba das fogueiras... Evidentemente, non se produce lume de maneira inmediata, senón unha cantidade moi importante de fume. Todos os grupos compiten amigablemente en facer máis fume que o veciño... Ata que xa non se ve nada, se fai de noite, e xa todo o mundo deixa o Santo Antón. Pode non entenderse esta costume pero ten explicación: nesta época, polo xeral, o clima é seco e moi frío, con alta presión atmosférica, que dan como resultado xeadas e néboas. Pois ben, ademais coincide coa sementeira de varias especies agrícolas..., pero coas xeadas, o terreo está duro, e a sementeira pode non dar froito se sae a prantiña temperán e a queima co frío. Sen embargo, o fume producido pola xesta verde sube ata certa altura, e cando a presión atmosférica é moi grande, deixa de subir e esténdese por todo o val, facendo que as xeadas non sexan tan duras e atenuando durante uns día o frío. Estamos, polo tanto, ante unha costume agrícola de favorecer mediante ritos esotéricos (o fume como canal de comunicación cos deuses) as labouras do campo. Aínda hai moito que estudar sobre o asunto, pero ata agora é a millor explicación que temos.
A Ermida é un templo románico, con moita probabilidade, polo tipo de porta lateral que ten na parede norte, ademais dunha xanela saeteira na parte do altar, moi típica desa arte. Fóra desta información, é un templo humilde, sinxelo e bonito, cun entorno moi fermoso. Diante da porta ten un cruceiro novo, pois o vello tivo un accidente cando se reformou a capela, e quedou destrozado. Debaixo do empedrado novo, ao sur da capela, hai un penedo cun petróglifo; e ao norte, facendo esquina nun peche vello dunha finca, unha pedra que sería un fragmento dun petróglifo desaparecido, e que aínda conserva unha ferradura e un círculo rebaixado. Para rematar o conxunto, detrás da capela hai un lagar rupestre e, a pesares da información do cartel, e baseándonos nas informacións dos veciños, posiblemente fose para facer aceite.
Dende a ermida, costa abaixo dende o lado norte, comeza un camiño en terra, de moi fermoso percorrido que nos levará en moi pouco tempo ata as primeiras casas da aldea de Ábedes. Todo acompaña para ben: as árbores, os muros e unha cantidade enorme de microfauna que fará a delicias dos buscadores de paxaros. Chegaremos ata unha estrada máis ampla, e ao cruzala, atoparémonos, á esquerda, unha fonte de auga boa cun portalón e unha reixa que non nos impedirán beber. Despois de beber, con máis enerxía, subiremos costa arriba e, entre hortas e prados, chegaremos ao barrio de abaixo da aldea, dando un rodeo ata chegar ata a ponte do río, pero no canto de cruzala, iremos cara arriba, por mor de non perdernos moi bos exemplos de arquitectura rural, unha aira vella que aínda conserva o seu aire antigo... Pasando a aira pasaremos, por fin, o río, para meternos no alto da aldea. Seguindo o percorrido, e dada a densidade de boas casas, tamén hai unha rúa moi interesante onde se concentran as adegas tradicionais do lugar. Incluso nunha delas poderemos observar ao mesmo tempo o vello lagar a carón de aínda máis vellas cubas, xa xubiladas, que nos falan de moitas xeracións traballando o viño. Inmediatamente despois desta adega atoparemos un magnífico exemplo de alpendre ao modo antigo, feita só a estrutura e “paredes” feitas con táboas irregulares para permitir que a herba e a leña amoreada dentro non collan humidade nin apodrezan. Ben merece a foto...
Seguimos subindo un rato, e chegaremos a outra aira onde quedan os restos dun vello calvario, dun Vía Crucis do que só queda un cruceiro e o fuste de outro, no máis alto da aldea, xusto onde Contador de Argote sitúa a casa onde apareceu unha especie de ninfeo, no século XVI, e no medio da piscina ritual unha columna de mármore cun touriño de bronce no alto. Este touriño foi a mans do conde e éste levouno ao seu Pazo de Monterrei, en Salamanca, onde se lle perde a vista. Cando menos, indica que a riqueza do lugar xa era explotada ná época de Roma (e antes, como veremos).
Baixando xa dende o Calvario, iremos parar directamente xunto a igrexa parroquial, pero antes está a capela de San Xosé, ou capela dos Tresguerras, templo privado, dunha das familias históricas de Verín, que aínda non hai medio século se usaba para as celebracións familiares, como bodas, bautizos... Ten, como maior curiosidade, pináculos piramidais ocos, unha obra mestra do traballo de canteiría tradicional; e un rosetón pequeno feito de maneira hexagonal, un capricho de fidalgos. De seguido, a igrexa, non é tan impresionante, salvo o detalle da porta principal, posiblemente o último resto de arte románica do templo.
Deixando a igrexa atrás cruzaremos de novo a estrada para seguir rectos polo camiño que segue a rúa da igrexa. Dende aquí poderíamos observar, de non ser pola construcción da autovía, un poboado neolítico enorme do que só nos quedan fotos e un petróglifo impresionante do outro lado da vía de comunicación. Xa do outro lado, no último barrio da aldea, deixándoo xa atrás, atoparemos un pozo tradicional de rega. Estes eran pozos anchos e grandes, moitas veces reforzados con cachotería e incluso unha escaleira sinxela para baixar nas épocas de seca. Se temos sorte poderemos ver ras e e algunha cobra como a bastarda, e incluso, co sol do mediodía, vense algúns tritóns, especie case extinguida. Por este camiño podémonos decatar da vexetación tan diferente que temos no val do Támega respecto do resto de Galicia: unha mistura de bosque atlántico con devesas mediterráneas, onde poderemos ver carballos misturados con sobreiras, oliveiras e toxo arnal, morogueiras co chan inzado de musgo..., un pracer para os sentidos.
Vai ser doado orientarnos, posto que seguindo o camiño chegaremos a unha bifurcación onde xa teremos unha panorámica fermosa da ermida do Santo Antón e un fondo verde onde só destaca o castelo de Monterrei. Pero antes de rematar, aínda teremos unha pequena aventura, cruzando o regato por unhas poldras moi estragadas, para saír na base do outeiro de Santo Antón. Ao chegar, ademais de todo o citado, aconsello sentarse un ratiño á sombra da sobreira centenaria da ermida, dende onde, se miramos cara o Leste, poderemos desfrutar da panorámica do Pozo do Demo e a Fraga dos Lobos.
Ermida de San Antón
Lagar rupestre San Antón
Paisaxe Fraga dos Lobos a Pozo do Demo
Traseira San Antón
Petróglifo do San Antón
Camiño tradicional
Prados de Ábedes
Fonte do fondo de Ábedes
Arquitectura tradicional
Aira (lugar comunitario de traballo)
Río Ábedes
Arquitectura tradicional
Arquitectura tradicional
Adegas
Adega tradicional
Barricas en adega vella
Alpendre tradicional
Cruceiro de Ábedes (calvario)
Capela de Tresguerras
Igrexa parroquial de Ábedes
Pozo de rega tradicional
Paisaxe mixta atlántica e mediterránea
Panorámica San Antón e Monterrei
Poldras vellas de San Antón
Sobreira centenaria de San Antón

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta