Tempo  5 horas 34 minutos

Coordenadas 2530

Fecha de subida 1 de noviembre de 2018

Fecha de realización noviembre 2018

-
-
655 m
26 m
0
4,3
8,7
17,35 km

Vista 118 veces, descargada 0 veces

preto de Belesar, Galicia (España)

Camiñada realizada o 28 de outubro de 2018 con mozas, mozos e persoal da Residencia Xuvenil Altamar.

Un autobús (que temos que agradecer ao Servizo de Deportes da Xunta de Galicia) deixounos no alto da Groba, polo que a meirande parte do percorrido foi en sentido descendente. Contabamos cunha mañá algo fresca e malia estar ben advertidos sobre a persistencia do vento nesta zona, a “nortada” deixou frío nos primeiros quilómetros a máis dun camiñante pouco abrigado para a ocasión.
Dende o alto da Groba, na propia estrada, dirixímonos en primeiro lugar á que foi garita de vixilancia forestal, a uns 400 metros do punto de partida, para gozar das inmensas e impresionantes vistas, que dan para toda unha clase de xeografía: cabos, illas, penínsulas, baías, esteiros... montes que dividen provincias. As illas Cíes e Ons, a desembocadura do Miñor coa enseada da Ladeira, monte Lourido, Monteferro, os montes do Morrazo e até a Barbanza, ou mesmo o Faro de Avión cara ao interior.
Logo de refrescar a vista (e o corpo co vento que ía) retornamos ao alto da Groba para, cunha moi breve ascensión, pasara a carón do vértice xeodésico colocado no mesmo cumio do monte (Gabiñeira, 654 metros). E comeza o descenso seguindo un camiño que nos vai levando paralelos á estrada até saír ao que foi un cortalumes que nos conduce a un cruzamento coa estrada un chisco máis abaixo do miradoiro do Cortelliño (uns 2,5 km dende o inicio).
Continuamos por pistas até dar cos restos dun camiño medieval empedrado (“vía romana”, 4,5 km) para seguir descendendo na procura da estación arqueolóxica do Outeiro dos Lameiros (percorridos uns 6 km). O acceso a esta área de petróglifos non está ben sinalizado até que un se achega bastante, pero unha vez aquí atopamos varios paneis informativos que reproducen boa parte dos gravados existentes nestas pedras, con pasarelas de madeira en bo estado para facilitar a observación. Máis información sobre estes gravados: http://oestrymnio.blogspot.com/2012/10/petroglifos-de-outeiro-dos-lameiros.html/ ou https://www.galiciamaxica.eu/galicia/pontevedra/outeirolameiros/.
Logo de botar unha ollada aos petróglifos, dirixímonos ao encoro de Baíña no que se pode acceder até a mesma beira rodeando o muro lateral (camiño á nosa dereita). Retomamos o camiño para seguir cara á zona de merendeiro do Chan da Lagoa por unha pista ampla e ben monótona, bordeada case en todo momento de eucaliptos agás na zona que rodea o río que fornece de auga a presa, onde atopamos practicamente os únicos carballos da ruta e vexetación propia do que debeu constituír unha bonita fraga antes da invasión dos eucaliptos.
O Chan da Lagoa (10,5 km de ruta) atópase nunha pequena chaira, á que acode bastante xente no outono na procura de cogomelos, e aquí dispomos de fonte e de merendeiro, mesmo con algunhas frondosas que tanto dan sombra como valen para abeirarse da chuvia inesperada que nos obrigou a agardar un chisco antes de continuar a marcha. Polo menos a auga respectou o tempo de xantar... E foi debido a esta chuvia que preferimos atallar polo asfalto da estrada durante un anaco (practicamente até o colexio de Baíña), aínda que existen opcións dende o Chan da Lagoa para chegar ao mesmo colexio por camiños e evitando tanto piche.
Un chisco antes do colexio hai un desvío á man esquerda polo que se accede a unha pista de terra pola que continuamos a andaina. Ao pouco de comezar esta pista bifúrcase en dúas: nós collemos a da esquerda para aproveitar as vistas cara a Baredo e cabo Silleiro, pero chega un momento no que o camiño queda cortado cunha boa caída vertical sobre a estrada, polo que nos vimos obrigados a procurar unha pequena senda que nos devolvese á estrada. Marcamos un waypoint na ruta (“desvío”, km 13) por se quen a siga prefire coller o camiño da dereita que sae directo á estrada algo máis adiante. En todo caso, volver á estrada é inevitable para poder cruzar polo viaduto que atravesa a bastante altura a autoestrada.
A partir de aquí só queda ir procurando camiño que nos leve até a Virxe da Rocha (km 16). Nós tratamos de evitar o asfalto na medida do posible e achegarnos á costa para gozar das impresionantes vistas atlánticas e da forza do mar. Este monumento granítico é obra de Antonio Palacios e foi inaugurado en 1930. Por unha escaleira de caracol pódese acceder á barca que sostén a virxe e que se erixe como un bo miradoiro, mais cadrounos pechado.
A ameaza de chuvia fixo que apenas nos detivésemos e continuásemos para completar a ruta na fermosa vila de Baiona. Para redondear a ruta, rodear o monte do Boi (onde está o parador) sería unha estupenda opción, pero a posibilidade de chuvia dirixiu os nosos pasos cara aos cafés e as cañas de fin de ruta.
Como sempre, agradecidísimos a Maribel polas fotos...
Conxunto de petróglifos ben sinalizados, con paneis informativos

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta