Tempo  8 horas 33 minutos

Coordenadas 3683

Fecha de subida 28 de octubre de 2014

Fecha de realización octubre 2014

  • Valoración

     
  • Información

     
  • Fácil de seguir

     
  • Entorno

     
-
-
1.625 m
668 m
0
6,1
12
24,51 km

Vista 3196 veces, descargada 100 veces

preto de Moreda, Galicia (España)

Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe!
Eiquí síntese ben o pouco que é un home!

Desta vez, tivemos a sorte de visitar o Courel xusto despois duns días de chuvias moi intensas, co cal a auga tiña unha presenza importante polos montes e conferíalles unha fermosura aínda maior.

O percorrido que tiñamos proxectado era o seguinte: Aula da Natureza (Moreda) - Devesa de Rogueira - Fontes do Cervo - Boca da Rogueira - Formigueiros - Campa da Lucenza - Pía Paxaro - Campa da Lucenza - Mirador de Polín - Parada - Aula da Natureza. Por despiste e por non levar revisada a ruta nas zonas que xa percorreramos con anterioridade, ao chegar ás Fontes do Cervo en lugar de seguir cara adiante (camiño da Boca da Rogueira), volvemos cara atrás e saímos ao cruzamento co camiño que une Polín e a Campa de Lucenza, así que tivemos que dar volta posto que primeiro queriamos subir o Formigueiros. Así que ao total pódeselle restar un quilómetro e medio.

Sobre a fermosura do bosque que forma a devesa podedes fartarvos a ler, pero nada como visitala. Logo dos carballos, castiñeiros... abraia o bosque de acivros durante practicamente un quilómetro, interrompido por unha zona algo máis soleada con cerquiños. Un primeiro teixo anuncia o cambio de vexetación. Numerosos e fermosos teixos aos lados do camiño, logo novamente cerquiños e xa, finalmente, as uces son os únicos arbustos que medran na zona máis elevada.

O ascenso da devesa é esixente (4 km até as Fontes do Cervo) e se engadimos o ascenso ao Formigueiros, atopámonos cun desnivel superior aos 900 metros nuns 6 km. As vistas tamén son espectaculares durante toda a ascensión, mais no cumio do Formigueiros son impresionantes. Cadrounos unha mañá moi anubrada, mais dende aquí poden albiscarse os Ancares, Manzaneda, Trevinca...

Baixar do Formigueiros case ao momento afrontar un breve pero intenso treito de ascensión ao Teso das Papoulas e, a partir de aí, descenso até chegar á Campa da Lucenza, un lugar de descanso moi agradecido. Dende aquí pódese acceder ao lago de Lucenza (1 km con bastante desnivel), nun camiño que continúa até A Seara (4 km en total, pasando por varias fervenzas impresionantes). Nós preferimos seguir para acadar o cumio do Pía Paxaro (uns 4,5 km dende a campa), cun vento que, malia a temperatura case que de verán, obriga a cubrir a cabeza.

Tal como deixou dito o poeta do Courel “Hein d'ir ó Pía Paxaro i [...] deitarme na Campa da Lucenza nun claro”. Iso fixemos. O día abriu e as vistas dende o Pía Paxaro puidemos disfrutalas en todo o seu esplendor. A ascensión ao Pía Paxaro é moi levadeira, aínda que no último treito o vento frontal obrigaba a un último esforzo.

Á volta, deitámonos un tempiño na Campa de Lucenza antes de afrontar o descenso definitivo cara a Parada e Moreda, coa parada obrigada no mirador de Polín, cun panorama estupendo sobre a devesa e o Formigueiros (aquí faste unha idea moi real de todo o que ascendiches previamente), sobre Moreda e Parada... Mágoa que a intervención humana no mirador fose desafortunada e supoñemos que totalmente innecesaria. De camiño da campa a Polín está o desvío para a devesa, o alto do Couto e as Fontes do Cervo.

Se queredes rematar a ruta como fixemos nós, retornando á aula da natureza, cómpre estar moi atentos para non pasar de longo o desvío cara a Parada (non hai indicación). Uns metros máis adiante de se xuntaren o camiño que baixa de Polín e a pista que vén dende a Campa de Lucenza, nun treito totalmente chan, collemos o camiño que sae á man dereita.

Antes de chegar a Parada, castiñeiros centenarios cuns troncos de diámetro considerábel. Facíase tarde e non visitamos a casa que foi de Novoneyra en Parada. A partir de Parada, inevitábel un treito duns 2,5 km de asfalto, mais que transcorre entre un mesto arboredo. E por fin na Aula da Natureza. Día redondo.

Unha ruta máis que recomendábel. A cualificación como "difícil" débese unicamente ao desnivel acumulado (máis de 1.50 m), mais dispondo do día completo para tomala con vagar é unha ruta asequíbel para camiñantes non moi avezados.
Aula da natureza
Ponte e caída de auga
Cruzamento Fontes do Cervo
Fontes do Cervo
Boca da Rogueira
Formigueiros
Teso das Papoulas
Campa da Lucenza
Pía Paxaro
Desvío cara á Devesa de Rogueira, Fontes do Cervo e alto do Couto
Miradoiro de Polín
Desvío cara á aldea de Parada
Aldea de Parada

4 comentarios

  • Foto de furancho

    furancho 29-oct-2014

    ¿¿¿Qué máis podo engadir o todo ó anteriormente dito...????

  • Foto de ciriIII

    ciriIII 30-oct-2014

    A tope

  • Foto de jaimucho

    jaimucho 02-nov-2014

    Magnífica ruta para fortalecer cuerpo y espíritu. La belleza del entorno casi hace olvidar el cansancio físico.

  • Foto de ciriIII

    ciriIII 22-ene-2015

    .

Si quieres, puedes o esta ruta