• Foto de Da Laxe das Rodas ás Pedragueiras
  • Foto de Da Laxe das Rodas ás Pedragueiras
  • Foto de Da Laxe das Rodas ás Pedragueiras
  • Foto de Da Laxe das Rodas ás Pedragueiras
  • Foto de Da Laxe das Rodas ás Pedragueiras
  • Foto de Da Laxe das Rodas ás Pedragueiras

Tempo  6 minutos

Coordenadas 184

Fecha de subida 11 de noviembre de 2013

Fecha de realización abril 2013

-
-
174 m
112 m
0
0,7
1,4
2,74 km

Vista 1774 veces, descargada 43 veces

preto de Gándara, Galicia (España)

Este pequeno percorrido permite achegarse a dúas das estacións de petróglifos máis importantes do Concello de Muros. Un itinerario circular que parte e remata na estación da Laxe das Rodas, o petróglifo máis coñecido e estudado de Muros, e diríxese ó petróglifo do Outeiro das Pedragueiras na zona do Areal, o último dos xacementos localizados neste concello. Unha estación que atesoura, a súa vez, varios paneis de gravados prehistóricos que podemos datar dende finais do Neolítico ata a Idade do Bronce.

Ó saír da Laxe das Rodas un estreito sendeiro de monte achéganos ata a pista que parte da aldea de Taxes. Seguindo uns metros por ela accedemos ata unha finca que cruza un pequeno regato que teremos que atravesar para achegarnos ata o outeiro granítico onde se atopa o petróglifo das Pedragueiras. Un piñeiro seco situado o carón do afloramento granítico pódenos servir de referencia para acceder ós gravados.

Este novo xacemento, que deu a coñecer o noso colectivo na pasada primavera, consta de polo menos cinco paneis con motivos de carácter xeométrico. Na zona oeste do Outeiro figura unha gran rocha dividida en dous grandes chanzos, paneis 1 e 2 (segundo a nosa descrición), que presentan o maior número de gravados, destacando polo seu gran número as coviñas e cazoletas (máis de trinta) de diferentes dimensións que conforman interesantes aliñamentos e agrupacións. Moitas delas teñen un rebaixe exterior e sucos de saída que relacionan os diferentes motivos. No panel número 2, nun plano superior volven a repetirse as covas e cazoletas e nunha esquina da laxe aprécianse tamén un grupo de ata cinco combinacións de círculos concéntricos de pequenas dimensións.

Cómpre salientar a curiosa disposición dos gravados en diferentes alturas e os sucos e liñas de saída que unen os diferentes motivos. De igual xeito podemos destacar os gravados que se adaptan á propia morfoloxía da laxe. No sector central deste panel atópase unha inscrición de época histórica onde se observan varias letras de difícil interpretación pola gran erosión que sofren. En resumo, todo un amplo abano de gravados de diferentes formas e tamaños que constitúen un conxunto de gran plasticidade.

O carón destes paneis figuran outras rochas con novas coviñas e cazoletas (paneis 3 e 4) e a uns 10 metros o norte do afloramento atópase unha pequena laxe (panel 5) que apenas sobresae do terreo que posúe no zona central dúas combinacións de 3 círculos concéntricos con coviña central e sucos de saída que unen os dous motivos.

Estamos diante dun xacemento que ficou oculto entre a vexetación, feito que permite arestora contemplar un dos petróglifos que mellor conservan o seu estado orixinal.

O camiño de regreso farémolo pola pista de concentración parcelaria xa mencionada e aproveitaremos para realizar unha pequena parada para contemplar unha nova laxe con gravados, neste caso de época histórica, que se atopan preto do camiño. Nesta rocha, que tampouco figura no actual PXOM de Muros, obsérvanse varios cruciformes que podemos relacionar cos chamados petróglifos de termo (Ferro Couselo, 1952) que establecían antigas delimitacións territoriais, lembremos que esta pista fica preto do linde entre as parroquias de Muros e Louro.

O colectivo a Rula quere agradecer de novo ós veciños de Muros (Domingo, Toñito e outros) que no seu día amosáronos esta excepcional mostra da arte primixenia do noso país. Destacar finalmente que o petróglifo das Pedragueiras non se atopa en condicións axeitadas para a súa visita (urxe a súa limpeza, estudo, catalogación e posta en valor). Agardemos que esta pequena ruta contribúa a concienciar ás autoridades competentes para que acometan axiña estas tarefas que eviten calquera agresión ó xacemento.

Ver más external

CRUCIFORMES HISTÓRICOS (MEDIEVAIS OU MODERNOS) NON CATALOGADOS
ATRAVESAR FINCA PARA ACCEDER Ó OUTEIRO DAS PEDRAGUEIRAS
ESTACIONAR COCHE
Panel 1
PANEL 2
PANEL 5

1 comentario

  • dieste meis 29-abr-2014

    Emcantame que se suban rutas para atopar petroglifos.seguide asi.

Si quieres, puedes o esta ruta