Piolla

Coordenadas 173

Fecha de subida 25 de junio de 2012

-
-
682 m
464 m
0
4,7
9,3
18,63 km

Vista 1358 veces, descargada 17 veces

preto de Ribeira, Galicia (España)

Paseo polas aldeas do Concellos de Baños de Molgas visitando os seus Bens Patrimoniais.
Entre Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía sitúase esta ponte do século XIV, sobre o río Arnoia. Dende os anos 90 está en desuso, pois fíxose outro en paralelo, polo gran tráfico que soportaba. A mediados do século pasado derrubouse parte do lado norte, quedando solo o arco en pé. Foi reconstruída polos veciños da zona. O parecer por esta zona pasou a Auriensis-Aquis Flaviis vía romana que cruzaba tanto o Arnoia como o Tamega, que logo se chamaría «Vereda vella de Ourense» Segun o Catastro de Ensenada, a condesa de Baños recaudaba 70 reais polo dereito de pontazgo tanto de Ponteambia como de Ambia, nese ano de 1752.
Tanto Pepe como Pepita, non se imaxinaban que o seu alcume “Piepitos” chegara tan lonxe no tempo. A invención das maquinarias para a moenda de cereais foi unha das conquistas tecnolóxicas máis significativas na historia do ser humano. Inicialmente comezouse con máquinas movidas a man, logo aproveitouse o traballo físico dos animais, e posteriormente foi substituído pola enerxía da auga ou do vento. A nosa zona xeográfica, aproveitando o paso do Arnoia e os diversos regueiros que a el van a dar, era bastante rica neste tipo de industria transformadora, e practicamente un dos únicos negocios existentes, aparte dos arrieiros, carreteiros e pouco mais. Os descendentes dos “Piepitos”, que xa tiñan algún negocio, ávidos de amplialos, fixáronse neste muíño, que estaba medio estragado. Finalmente mércano, e o dia 1 de abril de 1939 entréganlles as chaves, comezando un arduo traballo de restauración, póndolle trabes novas e tendo que facer as rodas pois as anteriores estragáranse. As pedras do pé do millo trouxéronas do monte Cubreiro. As do pan ou centeo, mais finas, viñeron da zona de Vilar de Barrio, en carros de bois. As moas superiores de pedra branca foron mercadas en Francia. Como na familia non se tiña a experiencia necesaria, botouse mao de algún profesional da época, como o señor Domingos do Pazo e o señor Matulete da Esperela. O bisavó Antonio foi deixando as cousas en maos dos seus fillos, sendo Xosé o novo «Piepito», o que se foi quedando con el comprando a parte dos irmaos. Pero a seguinte xeración viña puxando con forza e Manolo, que era moi emprendedor e decidido, dedicouse de pleno a este cometido, e aínda sendo moi novo, conseguiu afianzarse a fronte do muíño, conseguindo unha gran clientela e chegando a moer dia e noite. Despois da mili, tiña xa novos horizontes, polo que foi pondo ao tanto a súa irmá Benita e a o seu irmao Gerardo, sendo este quen, pola marcha dos seus irmaos Manolo e Arturo, pasaría a herdar o sobrenome da familia. O muíño por herdanza, pasaría a maos de Benita á quen mais tarde llo compraría Manolo, que xa andaba polo Brasil, sendo Gerardo quen o atendería finalmente ata o peche definitivo cando deixou de ser xa un negocio rendible, pondo sempre en practica a súa habilidade para mellorar os diversos mecanismos. Buscouse unha solución alternativa para evitar o seu deterioro, xa que cada dia que pasaba mais precisaba un mantemento para que non se caera. Nesta época, anos 90, era xa o seu irmao Arturo o que se afanaba en buscar unha saída digna para este muíño, que tanto traballo dera aos seus devanceiros para polo a funcionar. Despois de petar nas portas de políticos e institucións, incluso coa finalidade de cedelo ao concello para a súa restauración e aproveitamento, e dadas tantas negativas como intentos, para non sufrir mais vendo que se podía vir abaixo, decidiuse a vendelo ou case regalalo, xa que os herdeiros de Manolo non podían facerse cargo. O destino fixo que este pasase as maos de alguén, que ao non ser da familia, non lle ten o cariño necesario nen o respeto polo traballo dos nosos antepasados(Foto-2), destruíndo totalmente a alma de este ben ao que todos deberamos honrar, en lembranza ao traballiño e sufrimento que outros pasaron pra mantelo en pé, este símbolo da bisbarra, o chamado Muíño da Ponte da Pedra, o muíño do «Piepito». Este muíño tiña 4 rodas para a moenda, 2 para o millo e outras 2 para o “pan” centeo, trigo ou cebada. Ademáis tamén dispoñía dunha peneira mecánica para separar a fariña dos farelos que podía ser accionada mecánica ou manualmente.
Capela no pobo de O Pazo (Ponteambia) adicada a San Bieito Abade, anque o parecer anteriormente fora o San André o seo santoral. Planta rectangular con muros de cachotería de 6,00 x 10,00 m, con cuberta de tella a dúas augas. Fronte con pequena espadana dun van cun pequeno campanil, con remate en cruz de pedra e remates de pináculos rematados en bolas de pedra. A nave que está separada por un arco do presbiterio, mais estreito e pequeno. Sempre se mantivo en bo estado grazas os veciños, que de vez en cando fan algun apaño.
A Igrexa parroquial de Santa María de Ponte Ambía posúe planta rectangular con muros de sillaría, presbiterio algo máis elevado que a nave con remates de pináculos nas esquinas e cruz na cumbreira. Fronte sinxelo con porta de acceso e sobre ela pequena ventá circular, con cornixa en ángulo rematada con grandes pináculos nas esquinas, e sobre ela espadana dun corpo, con remate con pirámide coroada con cruz.
A Igrexa parroquial de San Pedro de Ribeira posúe planta rectangular e muros de sillaría. O presbiterio está algo máis elevado que a nave, con remates de pináculos no exterior, nas esquinas, e cruz de ferro no cumio. O fronte é sinxelo, con cornixa en arco e sobre ela espadana de dous corpos, e remate con cruz de pedra.
Igrexa parroquial de San Martiño de Betán, situada no pobo de San Martiño, de estilo románico, probablemente de principios do século XIII, reformada no XVIII en estilo barroco. De planta rectangular con muros de sillaría e contrafortes nos laterais, presbiterio algo mais elevado que a nave con canzorros na cornixa. Nave con fronte con cornixa en arco e remate con pináculos nas esquinas, sobre ela está a espadana dun corpo con remate en pirámide coroada con cruz de pedra. Porta de acceso con arco de medio punto e fronte con lintel románico, pedra labrada con cruz. Nos laterais cornixa con canzorros e contrafortes nos muros. Na refeita, con bo gusto,conservaron elementos románicos coma o lintel da entrada e 15 canícelos do aleiro e tamén o que se ve na ventá do remate da espadana. Interesante lintel, no que vemos cruz paté que divide o espazo en catro partes destinando cada unha a un animal. No ano 2008 a casa da moeda e timbre sacou un selo ca imaxe de esta igrexa.
As aforas do pobo de Guede, enriba dun outeiro, sitúase esta capela dedicada a Santo Antón. Posúe planta rectangular con muros de sillaría de 5,00 x 8,00 metros e cuberta de tella a dúas augas. Capela lateral máis baixa que a nave. Fronte con porta de acceso e sobre ela a imaxe da Virxe nunha pequena fornela, ventá na parte superior e cornixa en arco con remates en pedra, espadana dun van coa campá, e remate en cruz de ferro. Nun penedo próximo atópase unha imaxe da virxe.
Ao carón da capela do Carmen en Nogueira de Arriba, atópase este cruceiro. Posúe unha plataforma de tres gradas, pedestal cuadrangular e varal prismático coas esquinas biseladas. Enriba, un pequeno capitel recto dá paso á sinxela cruz.
Pequena capela de planta rectangular con muros de sillaría de 5,00 x 10,00 metros e cuberta de tella a dúas augas. Fronte con porta de acceso flanqueada por ventás laterais e enriba pequena ventá circular. Sobre ela cornixa rematada con pináculos de pedra rematados en bolas, e pequena espadana dun van co campanil, con remate en cruz de pedra adornada con grandes pináculos rematados en bolas. Nos laterais pequena ventá. Ao seu carón pódese ver un cruceiro.
Pequena capela de planta rectangular con muros de sillaría de 6,00 x 12,00 metros e cuberta de tella a dúas augas. Fronte con porta de acceso e ventás sobre ela. Pequena espadana dun van co campanil, con remate en cruz de pedra.
Pequena capela de planta rectangular con muros de cachotería de 7,00 x 5,00 metros, con cuberta de tella a dúas augas. Fronte con pequena espadana cun van onde se atopa a campá, apoiada sobre cornixa, e remate en cruz de pedra adornada con pináculos rematados en bolas. Escalinata en pedra de acceso o interior.
A Capela de Santa Marta de Alvite posúe planta rectangular con muros de cachotería de 7,00 x 6,00 metros, con cuberta de tella a dúas augas. No fronte, enriba da porta de entrada, érguese unha pequena espadana cun van onde se atopa a campá, e remate en cruz de pedra. No interior, a ábsida está presidida por un pequeno retablo de tres rúas, flanqueado por dúas imaxes exentas.
A igrexa parroquial de Santa María de Almoite é unha pequena construción barroca na que o presbiterio está máis elevado que a nave. O fronte con remate de cornixa en arco e remates de pináculos nas esquinas e espadana de dous corpos que realza o conxunto, coroado por cruz de ferro. O máis destacado é o Vía Crucis que circunda a igrexa, especialmente o cruceiro principal, situado ao pe da escalinata de acceso á fachada principal. O ano de construción da actual é 1832. Almoite pertence ó Concello de Baños de Molgas, limítrofe co de Maceda. Unhos 400 mts. arriba do lugar, nun alto, hai unhas poulas que levan o nome de a Eirexa Vella, por certo con algún enterramento antropoide rupestre; alí estivo sen dúbida a primitiva igrexa, hoxe no medio do lugar. O nome non ten res de árabe; do ano 1650 hai unhacita nos Libros parroquiais, onde se lle di Sª Mª ad Montem, que parece ser o étimo de Almoite, vocalizando o –n implosivo. Tiña aquí herdades tamén o mosteiro de Sº Estevo de Ribas de Sil, azoroñadas polo señor de Ambía, e que entran na confirmación pro mosteiro na escritura de Alfonso IX no ano 121(Ribas,255): …inquiri mandavi….super hereditate de Sancta Maria de don Franquia et de Casasoaa et de Almouti…..et.inveni… quod ipse hereditates spectabant ad ipsum monasterium. Pero no ano 1233 (Ribas, 273-274) polo pauto entre o abade de Sº Estevo e o señor de Ambía, xa o Abbas et conuentus concedunt… domno Pelagio Arie et domne Marie Roderici, medietatem… in Almouti. Tamén o mosteiro de S.Pº de Rocas (Rocas, 156) tiña aquí herdades: …et detis de bouza de Almoyti quartam partem panis… Na Visita Pastoral do ano 1487 (BCMO, núm.107, p.44) aparece Almoyte con só 10 veciños, padroeiros da eirexa eles mesmos: “Comen un jantar os freigueses padroyros, que comen na dita iglesia. El merino de Allariz le lleva por forza diez fanegas de pan”. Beatriz Salgado e Lopo Salgado teñen aquí unhas casas, cortiña e horta neste tempo. O apelido Salgado está presente na Casa de Maceda. Lembremos a Francisco de Nóvoa Salgado, Comendador do Sº Oficio no sartego de Zorelle. Xa dixemos que Don Benito (de) Novoa Salgado, nado en Ourense no 1610, foi catedrático e rector de Fonseca (1650); logo fiscal en México e oidor en Guatemala. Nunha casa arredor da eirexa hai un escudo de factura pouco ortodoxa. Con casco empenachado ollando a sinestre, en campo sen división, vese á esquerda un centinela con lanza, á dereita un castelo. Debaixo: ANO (corazón) DE 1694. (Nº 17). Noutra casa de certo carácter, vese na lumieira dunha porta que pon: 1759 A CUENTA DE JOSE ALONSO, de que é herdeira polos anos de 1930-1940, Dona Ninfa Alonso.
lmoite ten unha pequena igrexa barroca rodeada por un viacrucis onde destaca o cruceiro de pedra que se ergue ao pé das escaleiras de entrada. Levántase sobre unha plataforma dunha grada e un gran pedestal cuadrangular. No varal, de forma cilíndrica, dispóñense as imaxes de Adán e Eva, mentres a serpe descende polo fuste, rematado por un capitel. Sobre este levántase a cruz bifronte coas figura de Cristo e Virxe.
Nunha casa arredor da igrexa de Almoite hai un escudo de factura pouco ortodoxa. Coroado por celada con casco empenachado ollando á sinistra, rodeado de decoración formada por lambrequines. En campo sen división, vese á esquerda un centinela con lanza, á dereita un castelo. Debaixo: ANO (corazón) DE 1694.
Preto do pobo de Almoite (Baños de Molgas) atópase esta necrópole na que se poden apreciar claramente 3 tumbas antropomorfas feitas na peneda, non descartando a posibilidade de que existan mais. Faría falta unha limpeza no entorno. A zona onde se sitúan ten en vision directa o castelo de Maceda. Estes sartegos, segundo os veciños da zona, estarían vinculados a unha igrexa hoxe desaparecida, situada a uns 30 m. ao S das sepulturas. Os veciños de Almoite teñen unha pequena trifulca cos donos do eido no que se atopan, xa que o parecer as tumbas estaban situadas nuha zona comunal,(usada como aira) e este veciño desplazou a parede que o limitaba, apropiandose das tumbas
A Ponte Vella de Molgas é, posiblemente, unha construción romana do século II que daba paso a vía militar do Itinerario XVIII de Caracalla, atravesando o rio Arnoia. Conta cun único arco con 10,76 metros de luz con tendencia circular e bóveda abucinada. No século XIV sufriu unha reforma, pero aínda se pode apreciar na parte baixa do arco o almofadado de época romana. Porén, os peitorís e o lousado son froito dunha reforma máis recente, do século XX.

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta