Tempo  4 horas 47 minutos

Coordenadas 2003

Fecha de subida 27 de febrero de 2018

Fecha de realización febrero 2018

-
-
165 m
3 m
0
3,1
6,2
12,4 km

Vista 222 veces, descargada 12 veces

preto de Donòn, Galicia (España)

Ruta realizada con estudantes e persoal da Residencia Xuvenil Altamar que nos permitiu gozar dun día espléndido nunha contorna realmente fermosa. Malia a brétema que soamente permitía enxergar os perfís no horizonte, o ceo azul e o mar algo batido regaláronnos unhas vistas preciosas desta parte do litoral do Morrazo.
Deixamos os coches no aparcadoiro de Donón, onda a famosa buguina de aceiro (o noso agradecemento á Residencia Asistida de Vigo, CRAPD, que nos cedeu amablemente unha furgoneta para desprazármonos ata aquí). Dende aquí dirixímonos cara á paia de Barra polo interior (hai camiño sinalizado parcialmente) deixando a pista en canto puidemos para acceder ao areal dende a fermosa zona de dunas e piñeiral.
A pesar de estarmos en febreiro, xa houbo quen quixo catar a auga, aínda que ía ser na próxima praia de Melide onde uns cantos e unhas cantas valentes aproveitarían para darse un bo baño.
Cruzamos o rego que desauga no final da praia de Barra e collemos o camiño que se dirixe cara á punta Subrido, gozando dunha femosa panorámica sobre a praia e sobre a ría, albiscando o perfil do Galiñeiro, cumio da nosa anterior excursión. Nunha pequena costa hai un desvío á esquerda que morre nunha fábrica de salgadura. Nós continuamos de fronte, ascendendo e logo seguindo a pista, ata chegarmos ao faro de punta Subrido.
Nesta ruta temos tres faros, todos eles cunhas vistas espectaculares, mais neste podemos acceder doadamente ata a punta rochosa. Paga a pena achegarse á punta e descansar un anaco aquí sentado, contemplando a ría de Vigo...
Continúa o camiño pasando pola praia de Melide, a última desta beira da península do Morrazo. Como xa dixen, os e as valentes deron a primeira mergullada do ano. Aproveitamos para xantar no piñeiral, última zona con boa sombra en toda esta ruta.
Continuamos a marcha e axiña chegamos á punta Robaleira, co seu faro pintado de vermello, baixo e ancho, edificación que contrasta co branco espigado dos seus parentes próximos. É o punto en terra máis próximo ás illas Cíes: a vista sobre as illas é completa e detallada, ou seríao sen a brétema que cubría os seus perfís. Aquí unha cruz lembra a Pepe Ruiz, mariñeiro da zona que quedou á deriva por un fallo do motor e rematou estrelándose contra as rochas. Tivemos a sorte de presenciar un auténtico espectáculo: non dous ou tres arroaces, senón quince ou máis pasando aos nosos pés, saíndo da ría de Vigo rodeando esta punta.
A moi pouca distancia chegamos á punta que dá nome a toda esta zona, cabo Home, co faro máis alto dos tres. En lugar de seguir a pista, algúns optamos por crestear polas rochas para gozar dunha vista máis ampla. Se punta Subrido ollaba cara a Monteferro, punta Robaleira apunta cara ás Cíes e cabo Home contempla a illa de Ons. Paisaxe fermosa: as Cíes, Ons, a beira norte da ría de Pontevedra, a península do Grove, o Barbanza ao lonxe e xa moi próximo o monte do Facho e as rochas cortadas da costa da Vela ou Soavela.
A partir de aquí seguimos a pista que nos leva directamente ao aparcadoiro onde comezamos a camiñada, para continuar logo ata o monte do Facho, a pouco máis dun quilómetro do mencionado aparcadoiro.
No alto do monte do Facho atópanse as escavacións de Beróbriga, seica un dos lugares máis antigos de peregrinación de Europa. Estivo habitado quizais xa dende o século X a. C. e como poboado castrexo dende o século IV a. C. A conquista romana non impediu que persistise a adoración ao deus Berobreo e parece ser que foi un centro relevante de peregrinacións entre os séculos II e IV. Ata aquí chegaban daquela as xentes para ofreceren as súas aras ao deus Berobreo, a quen maiormente lle pedían saúde.
Neste alto atópase tamén unha caseta de vixilancia do século XVII ben conservada (a súa base formaba parte dun antigo faro romano ou mesmo anterior). Non nos cadrou o día ideal para gozar co inmenso panorama que se abre ante nós neste lugar, máis as vistas son únicas, dende cabo Silleiro polo sur ata o Barbanza polo norte.
Como colofón, o agradecemento a todos e todas as residentes de Altamar que participaron, ao persoal da residencia que quixo acompañarnos e, especialmente, a Maribel polas súas fermosísimas fotos, a meirande parte das que figuran nesta pequena galería.

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta