Tempo  50 minutos

Coordenadas 350

Fecha de subida 15 de marzo de 2017

Fecha de realización marzo 2017

-
-
475 m
431 m
0
1,1
2,2
4,36 km

Vista 478 veces, descargada 6 veces

preto de Cabreiroá, Galicia (España)

Esta é unha ruta fermosa e agradable que pode facer toda a familia. O lugar de comezo é doado, á entrada do Balneario, que sexa inverno ou verán ou calquera outra estación, nos ofrece a millor cara para dar un bo paseo. Á entrada do Balneario temos un cartel onde nos explica a ruta a seguir dentro do recinto do mesmo. Non inventamos nada, o Balneario está alí dende 1906, e cada día está máis bonito (salvo a fábrica, que sen ser molesta, desentona). As diferentes especies de árbores do proxecto do fundador do Balneario, José García Barbón, para facer un xardín botánico, e os propios edificios modernistas de todo o conxunto convirteno nun museo ao aire libre. O primeiro é, por suposto, ir probar a auga mediciñal de Cabreiroá, nun quiosco octogonal, con moitos deixes masónicos, que sempre nos recibe cun silencio case sagrado e o burbullear da auga nos depósitos do manancial. Saíndo do quiosco, temos xusto enfronte o Gran Hotel de Cabreiroá, deseñado polo insigne arquitecto Gulías, e cun aire decimonónico e modernista que nos leva á Belle Epoque, co tranvía tirado por burros, unindo Verín co balneario, e que paraba xusto enfronte da porta do Hotel. Á dereita, no que eran as antiguas cocheiras, hoxe oficinas da empresa embotelladora, hai unha estatua de bronce dun dos máximos valedores do Balneario e amigo persoal de García Barbón, o premio Nobel de Mediciña, Santiago Ramón y Cajal. Dende aquí subiremos un pouco para ver o bonito bosque de piñeiros piñoneiros que eran as delicias dos cativos cando maduraban e caían ao chan. Rodeando todo o Hotel, as diferentes especies arbóreas e a arquitectura modernista nos levan de novo a imaxinar á xente vestida de branco paseando polos mesmos prados que pisamos hoxe.
Ao dar a volta completa ao Balneario e ao Hotel, colleremos pola estradiña paralela ao río ata o Cruceiro do Lavadoiro, entrada natural á aldea. Á esquerda, no alto, hai un outeiro cheo de misterio do que descoñecemos todo salvo que as lendas nos contan que os mouros teñen un pazo soterrado debaixo (ademais dun petróglifo espectacular). Subindo cara a aldea pola parte do outeiro, entramos na parte máis senlleira da mesma, onde temos moitos e bos exemplos de arquitectura popular do val do Támega, que destaca polos seus corredores de madeira que cumpren as funcións que noutros lugares cumpren os hórreos ou cabaceiros. Ademais, podemos ver un muro con moldura, típico de construccións pacegas, aínda que non se vexa un pazo… Baixando, chegaremos á praza da igrexa, onde se fai a festa da aldea. Nesa praza, na ladeira que queda detrás da parada de bus, hai un bo exemplo de escaleiras talladas na propia fraga, a carón duns pendellos vellos que aínda non caíron.
Do outro lado da praciña, máis exemplos moi bos de arquitectura popular, xusto por debaixo do altiño onde está a igrexa parroquial. Este templo, da época barroca, como a maioría da comarca, non é tan impresionante como o é o Pazo Reitoral, hoxe en ruínas. Feito a finais do século XVIII, aínda conserva as grandes columnas do corredor interior e un patio que debía ser a envexa da aldea. Un pouco máis arriba da igrexa, hai varias fontes naturais que surxen en forma de mina. Aínda que queda fora do percorrido da ruta, aconsello perder cinco minutos en velas e buscar formas de fauna pequena que non se ven en moitos lugares.
Baixando xa, no centro da aldea, podemos ver máis exemplos case paradigmáticos da arquitectura popular, ata chegar a unha “mazá” de casas que se asentan no que tradicionalmente se considerou o lugar onde estaba a Torre de Cabreiroá... Só temos novas desta torre de maneira indirecta, e posiblemente hai moitos séculos que desapareceu e esas vivendas ocuparon o seu lugar. Por debaixo da torre hai outra praciña de novo deseño, onde se asenta o local social da aldea, destacando unha construcción vilega, no fondo, moi restaurada nos últimos anos.
Saíndo da praciña e voltando á estrada, un dos elementos que chaman a atención é o cruceiro posto encima da fonte da aldea. É case un icono desta aldea, posto que non hai outro exemplo nin parecido en toda a comarca. Dende alí, baixaremos á Ponte do Lavadoiro, chamada así, evidentemente, porque era o lugar escollido para lavar e raiar a roupa, polos prados que antes a circundaban. A Ponte conserva os dous extremos e dá o ancho perfecto para os carros do país. Conservouse gracias a que a nova ponte retirou o tráfico encima dela, e faltáballe unha remoción para ser un lugar realmente atractivo e non abandonado, como hoxe está. Este paso, esta ponte, é máis importante do que parece, porque é o paso natural (canto máis abaixo, máis lamaguento era o terreo) dos camiños que veñen polo sur do val. Polo tanto, é un candidato perfecto para rastrexar a liña da Via XIV, a Vía romana do Támega, cara a Infestela, o outro lugar onde apareceu, ademais, un miliario, que denota a existencia desta Vía por estes paraxes.
Dende a ponte, voltaremos ao balneario seguindo a liña do río, nun paseo ben agradable que se pode coroar refrescándose de novo no nacente de Cabreiroá, antes de recoller e voltar a casa.
Percorrido dentro do balneario de Cabreiroá
Balneario de Cabreiroá
Gran Hotel de Cabreiroá
Santiago Ramón y Cajal
Xardíns de Cabreiroá
Primavera en Cabreiroá
Cruceiro do Lavadoiro
Casa grande
Casa pacega
Casas tradicionais
Escaleiras escavadas en penedo
Casa Rectoral
Parroquia de Cabreiroá
Escaleiras da igrexa
Rectoral traseira
Casa tradicional
Casa tradicional
Restos torre vella Cabreiroá
Xardíns
Fonte con cruceiro
Ponte do Lavadoiro

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta