Tempo  7 horas 16 minutos

Coordenadas 2955

Fecha de subida 17 de febrero de 2017

Fecha de realización enero 2017

-
-
153 m
-1 m
0
5,3
11
21,16 km

Vista 1253 veces, descargada 40 veces

preto de Valea, Galicia (España)

A ruta transcorre pola parroquia de san Vicente do Grove (o Concello do Grove soamente ten dúas parroquias, esta e mais san Martiño, onde está a capital do concello e que ocupa a parte máis oriental da península).

Deixamos o coche na zona de aparcadoiro que hai fronte ao campamento da Deputación Provincial e dirixímonos cara ao monte Siradella. Camiñamos entre piñeiros esculpidos polo vento que medran neste chan areoso. Ao pouco comeza a ascensión, ben levadeira, e antes de dirixirnos ao cumio desviámonos cara a un dos moitos miradoiros que hai pola zona. A seguir imos directos até a parte máis elevada da penísula do Grove: o monte Siradella, cos seus 167 metros sobre o mar, permite contemplar dende o istmo da Lanzada e a illa de Ons (ao lonxe as Cíes) até os montes do Barbanza, a punta de Aguiño e a illa de Sálvora. Impresiona especialmente contemplar o istmo, duns 2 km de lonxitude e uns 500 m de anchura no centro e case 1 km na parte máis ancha, ó norte, formado como depósito de area procedente do río Umia, por un lado, e da corrente mariña predominante do sur, por outro. Así e todo este istmo non existiu de sempre, é ben recente: O Grove está documentado como illa aínda nun mapa de 1632; en 1784 aparece xa noutro como península.

No cumio do Siradella hai un vértice xeodésico no centro dun miradoiro limitado por varandas de madeira e un chisco embaixo deste atópase a curiosa e recorrentemente fotografada pedra Cabaleira. Para quen guste de ler algo máis sobre este lugar, déixovos dúas ligazóns:
- Sobre o propio Siradella, na web de Galicia Máxica: https://www.galiciamaxica.eu/galicia/pontevedra/comarca-do-salnes/o-grove/siradella/.
- Sobre as lendas relacionadas co monte Siradella: http://www.aculturadegalicia.com/2015/09/leyenda-monte-siradella.html.

Como curiosidade, engadir que o topónimo Siradella é máis transparente do que pode aparentar: ten a mesma orixe que cidadela (*civitaticula), con toda probabilidade pola súa situación estratéxica para exercer como vixía e baluarte defensivo.

Malia que na mañá en que fixemos a ruta o horizonte permanecía difuminado pola brétema, non deixamos de asomarnos tamén ao miradoiro do Con da Edra (4 km do inicio), con panorámicas tamén ben fermosas. Información sobre estes miradoiros tédela na web do Concello do Grove: http://www.turismogrove.es/ga/natureza/miradoiros/#sit.

A partir de aquí xa nos diriximos ao litoral para ir percorrendo o perímetro de costa da parroquia de san Vicente. Tras dous quilómetros pouco agradábeis de asfalto e nos que atravesamos o lugar de Reboredo onde dispondes dun lavadoiro con fonte, pisamos por fin a Área de Reboredo. De collermos en dirección contraria ao noso sentido da marcha, poderiamos asomarnos á Area das Pipas, ao camping Moreiras e ao acuario, moi próximo este último do Museo da Salgadeira de Moreiras. Pero o noso obxectivo era avanzar cara ao leste e, pisando area e rochas, imos atravesando unha paisaxe e un contorno espectaculares, sobre todo en días invernais pero soleados: praias sen xente, coa súa natureza plena para o camiñante, Mexilloeira, cons da Patarroxa, Área Grande, punta Barcela coa súa salgadeira, a praia de Barreiriño, a praia do Carreiro co xacemento arqueolóxico do Adro Vello... até aquí chegamos sen nos separar da costa en ningún momento, tendo ao norte a Curota pechando a ría de Arousa, a illa de Sálvora ao noroeste, etc.

O xacemento arqueolóxico do Adro Vello está valado en todo o seu perímetro e inclúe vestixios de diversas épocas superpostos: o nome de Adro Vello vén dunha igrexa, posta baixo o padroado do San Vicenzo (estamos en san Vicente...) que funcionou no lugar até o seu traslado no século VIII. Apareceu unha ara romana aos Lares Viais reutilizada como material de construción (tomado de http://onosopatrimonio.blogspot.com.es/2011/07/cando-as-aras-dixeron-amen.html). Ademais contén restos dunha torre defensiva, de muros e estruturas tardorromanas, de factoría de salgadura e de tumbas de distintas épocas (isto cóntanolo o propio panel informativo do lugar). Estivo habitado de xeito continuado dende o século I até o XIX.

Tratamos de continuar a camiñada á beira do mar, pero coa marea alta foinos imposíbel (coa marea alta e coas edificacións particulares que teñen invadida a liña litoral). Probabelmente co mar devalado se dea pasado polas rochas, pero nós tivemos que desviarnos e percorrer un quilómetro até chegar de novo ao pé do mar nos fermosísimos cons de punta Pateiro. Aquí cómpre deterse e descansar un anaco nun dos recunchos máis espectaculares do percorrido.

Continuamos durante un quilómetro entre rochas e penedos até a praia de Castiñeira, a cala de Barreiro e por fin o gran Con Negro (km 13 da ruta), outro lugar no que facer unha boa parada e admirar as caprichosas formacións graníticas, algunhas delas dunhas proporcións considerábeis. Novamente costa rochosa durante 1,5 km (zona de batería militar) e chegamos á fermosa enseada que forma a praia de Canelas.

Ao comezo da praia de Canelas nace unha pasarela de madeira que vai serpeando entre os penedos até a punta Abelleiro. Aquí remata a parte da ruta con máis encanto, en tanto que percorre as zonas menos construídas e menos habitadas desta península. A seguir algunhas pequenas praias, como a de Pedras Negras, en zonas de veraneo, o porto deportivo de san Vicente do Mar e as praias do Espiño, do Portiño e da Area da Cruz, no lugar coñecido como Balea Marítima.

Aproveitamos que xa eran horas e que a distancia acumulada era importante para comer algo no camping O Curro, talvez o único establecemento que dea comidas e que abra todo o ano nesta parte do Grove, e rematamos a xornada atravesando o areal de Paxareiros que nos foi achegando até A Lanzada. No penedo que conforma un magnífico promontorio ao norte deste vasto areal, despedímonos desta ruta ante unha panorámica fermosísima.

Mapa de praias da península do Grove: https://saltyapron.files.wordpress.com/2012/08/map-of-o-grove.jpg.

Información sobre espazos protexidos, como a zona do Con Negro ou as dunas de Área Grande, tédela ao voso dispor tamén na web do concello: http://www.turismogrove.es/ga/natureza/espazos_protexidos/#sit.

Na páxina web do Concello do Grove tedes información (e mesmo un tríptico coas rutas). http://www.turismogrove.es/ga/natureza/rutas_de_sendeirismo/#sit:
- PR-G 115 (ruta do Adro Vello) percorre a praia do Carreiro (onde está o Adro Vello), a praia de Barcela (co salgadeiro) e a praia de Area Grande, e logo continúa polo interior da península até o lugar de Rodeiras, dende onde é posíbel enlazar co PR-G 115 ao atoparse moi perto dos Coupríns e da praia da Castiñeira.
- PR-G 116 (ruta do Con Negro. Arte ao natural) percorre dende a praia da Castiñeira até a batería militar, pasando polo Con Negro.
- Sendas peonís de madeira.
- Ruta dos Lagarteiros polo monte Siradella.
Inicio
Miradoiro
Monte Siradella. Maior altitude da península do Grove
Miradoiro Con da Edra
Area de Reboredo
Praia Mexilloeira
Cons de Patarroxa
Area Grande
Punta Barcela, entre as praias de Barcela e de Barreiriño. Salgadeira de Barcela
Praia do Carreiro e xacemento arqueolóxico do Adro Vello
Cons de punta Pateiro
Praia Castiñeira
O Con Negro
Praia de Canelas
Paseo de madeira. Cala e punta Abelleiro
Porto de san Vicente
Camping con restaurante aberto todo o ano
Praia da Lanzada

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta