Interesante ruta entre as parroquias viguesas de Oia, Coruxo e Valadares, que penetra tamén na de Chandebrito, no Concello de Nigrán. Todo o percorrido, agás a zona inicial, quedou moi afectado polos incendios de outubro de 2017.
A ruta comeza nos muíños de Gontade (Oia), mesmo á beira da coñecida como estrada vella de Baiona, pouco despois de pasar (en dirección Baiona) o lugar das Roteas (Coruxo). Mesmo ao pé destes muíños hai bo espazo para deixar o coche, aínda que esta ruta foi pensada para podermos realizala combinando dúas liñas de transporte público. Dende Vigo, o Vitrasa de Saiáns ou algún da liña ATSA déixanos perto do punto de partida e ao completar o percorrido podemos regresar a Vigo na liña que vén da Garrida ou de Zamáns.
Tres dos muíños (o da Ponte, o do Medio e o da Fernancha), do século XVIII, foron obxecto de rehabilitación en 1997 e atópanse nunha pequena fraga, cun pequeno bosque con carballos que sorprende polo seu bo estado malia estar mesmo á beira da estrada xeral. Pouco máis arriba un cuarto muíño segue en ruínas. Hai un panel informativo sobre estes muíños mesmo no inicio da ruta. O rego que os move é coñecido como da Carballosa. Os cinco primeiros quilómetros van en ascenso, case sempre suave e levadeiro, que nos levan de pouco máis de 50 metros sobre o nivel do mar a unha altitude superior aos 450 m no Outeiro Grande, con varios puntos do percorrido que se asoman sobre Vigo e a ría conformando estupendos miradoiros: o Carballoso (1,7 km do inicio, cun coñecido petróglifo), o outeiro da Raposa (km 2,5) e antes de chegar ao cumio do Maúxo, o parque forestal de Coruxo (km 3,5), no lugar de Chan de Lagoas e onde dispomos de fonte na que nos refrescar. O Maúxo Grande (km 4,6), punto máis elevado dos montes de Fragoselo, convídanos a ollar, ademais de cara á ría, cara ao interior da bisbarra de Vigo: dende aquí apréciase como estes montes separan o Val do Fragoso do Val Miñor.
Descendemos do cumio e encamiñámonos cara ao Outeiro Grande (km 5,5), xa no Concello de Nigrán (supoño que na parroquia de Chandebrito), onde se mantén en pé unha vella garita forestal ou de cazadores. Moi próximo a esta construción, un vértice xeodésico colocado en 1982 márcanos os 455 metros de altitude destas rochas. A panorámica é completísima: dende a garita cara ao sur todo o Val Miñor, coas súas praias, o Monte Castelo, o Galiñeiro e o Aloia... e dende o vértice xeodésico cara a Vigo e a ría.
A seguir unha baixada vertixinosa, na que co chan mollado hai que andarse con bastante ollo. Descendemos uns 100 metros de desnivel en pouco máis de 500 metros de percorrido. Non hai nin 20 anos esta baixada era un cortalumes moi ancho, no que practicamente se enterraban os pés. Agora está cheo de vexetación e nalgún paso é pura rocha, pero hai xestas ás que ir agarrándose se fai falta. En pouco máis dun quilómetro dende o cumio pasamos onda o colexio Estudio e chegamos á fonte do Rapadouro, cun bo lavadoiro (km 6,7), xa entrando no núcleo de Chandebrito
Polo Outeiro Grande tamén nos asomamos hai uns anos na ruta circular de Priegue (
https://gl.wikiloc.com/rutas-sendeirismo/circular-de-priegue-7999005) e gozamos tamén das súas vistas e mais do castro de Chandebrito na ruta entre o Cepudo e os Outeiros (
https://gl.wikiloc.com/rutas-sendeirismo/cepudo-chandebrito-outeiro-grande-alba-cepudo-8238939).
Saíndo de Chandebrito sorprende, a quen non o coñeza, o muíño pola fermosa construción que transporta a auga para mover a súa moa. Pouco despois está o desvío ao castro, ao que non nos desviamos nesta ocasión (desvío no km 8 da ruta). Temos dous quilómetros de pista até procurar sendas máis vistosas que nos levan ao monte Cepudo: no km 10 hai que estar atentos para saír da pista e dirixirse por sendas ao Cepudo (km 11,5), que cos seus 520 metros ofrece moi boas panorámicas, tanto da ría como do Galiñeiro. Quen queira tomar algo antes de completar a ruta, ten aquí unha boa terraza para facelo.
A partir de aquí, procurar camiño para ir descendendo cara a Valadares, onde rematamos a nosa ruta.
m.carral 22 may 2020
Ten boa pinta, haberá que probar o recorrido!
Xoanzinho 22 may 2020
Eu a ti coñézote de algo... Saúdos, Moisés!! Agora vai recuperando verde, vai estando mellor. As vistas, fabulosas!