Tempo  un dí 5 minutos

Coordenadas 591

Fecha de subida 29 de marzo de 2017

Fecha de realización marzo 2017

-
-
550 m
445 m
0
1,6
3,2
6,48 km

Vista 455 veces, descargada 0 veces

preto de Castrelo del Valle, Galicia (España)

Castrelo do Val, cabeceira do concello homónimo, é unha aldea descoñecida pero con moitos encantos agachados. O nome de Curral de Castrelo é o nome máis arcaico que coñecemos do lugar, nomeado nos apeos altomedievais do século X. É moi accesible por estrada e o paseo que propoño vólvese, durante todas as épocas do ano, moi agradable e pracenteiro. Chegamos ao bar do Lito, ben acondicionado e cun bo lugar onde deixar o coche, e dende alí collemos cara o norte para ver a primeira sorpresa: o forno comunal. Non é o único da aldea, pero este pódese ver case sempre aberto. Como podemos observar, a arquitectura tradicional está condicionada polo tipo de materiais accesibles no entorno, e polo tanto, a maioría serán xistos, lousas e moi poucos porpiaños. É máis, a maioría dos porpiaños son pedras reutilizadas posiblemente dende a súa época gloriosa da dominación de Roma e un dos nomes máis coñecidos da comarca, Julio Caro Tamagano, que deixou constancia da súa existencia nunha bonita ara, atopada no campo de San Martiño (polo que pasaremos máis tarde), debaixo do castro da Cabanca.
Deixando atrás o barrio baixo da aldea, con bonitos exemplos de corredores e arquitectura tradicional, chegaremos ao cemiterio. A porta do mesmo era a porta da antiga igrexa parroquial de Castrelo, vendida por un párroco nos anos 50, coa escusa de que xa estaba en ruínas e era moi pequena. A porta delata un estilo renacentista, de principios do século XVI, aínda que ten algunhas pedras que son moi anteriores, destacando unha que ten un texto difícil, con caracteres medievais. Un pouco máis arriba do cemiterio hai unha fonte nova da que nos abasteceremos de auga para a subida que nos agarda.
Este pequeno paseo de subida polo monte levaranos ao lugar denominado o Casteliño... Non quedan restos arquitectónicos que testemuñen unha presencia dun castelo neste lugar, pero unha vez no alto, e cunha preciosa panorámica de todo o val, comprenderemos que unha simple torre de madeira cumpriría unha función vixiante desta parte do Támega, o que nos leva a pensar que non é tan audaz imaxinar un Casteliño alí. Subimos alí, non tanto pola vista panorámica, que ben merece a pena, senón tamén porque por alí pasa a chamada Verea Vella, que nos levaría ata Laza pola media ladeira deses montes, sen chegar a baixar ata o val. Ademais, dende aquí iremos directamente cara o castro da Cabanca, estudado nos anos sesenta por Taboada Chivite e rica en achádegos. Só teremos que baixar dende o Casteliño ata a estrada que leva a Nocedo do Val, e no máis alto desa estrada xa teremos paso aberto para meternos no interior do castro. Aínda que hoxe está cuberto de vexetación, seguindo a ruta marcada veremos o xigantescos foxos que circundan o castro, e tamén un enorme toco de teixugo que leva vivindo alí máis de vinte anos. O lugar tórnase agradable en canto que estamos á sombra dos carballos e resulta moi doado ir saltando as terrazas do castro para chegar outra vez ao val, a unha estrada asfaltada que leva en liña recta dende Verín ata Nocedo e Arcucelos, que se solapa de maneira integral no que era o paso da Vía do Támega, a Vía XIV, por estas alturas do val. Tamén na ladeira baixa da Cabanca está o citado Campo de San Martiño, onde apareceu a citada ara de Julio Caro Tamagano, no lugar onde tamén estaba a desaparecida capela de San Martiño, e onde tamén apareceron, nos anos 50, uns enterramentos identificados como tardoantigos ou altomedievais, tamén trasladados no seu momento ao Museo Arqueolóxico de Ourense.
Seguindo a estrada da Vía XIV, xa pola chaira, entre campos cultivados, iremos dar á área recreativa das Batocas, lugar agradable e ben coidado, onde poderemos facer un alto para refrescarnos e desfrutar do río Támega, plácido e tranquilo nesta parte do val. Xa máis adiante na ruta, chegaremos ao lugar da Pedralta. Alí, un veciño da aldea, atopou hai xa case dez anos unha pedra fantástica: a Estela de Guerreira da Pedralta, hoxe no Museo Arqueolóxico de Ourense. Esta pedra é unha rareza, cun estilo artístico identificado principalmente nas terras da Estremadura, e que é a representación máis norteña desta arte, descoñecida en Galicia ata o seu descubrimento.
Dende aquí, o paseo entre campos, xa dando a volta ao lugar de orixe da ruta, vólvese interesante cando chegamos a altura do regato que ven dende a aldea, pois a carón aínda se conservan varias xoias etnográficas, como un muíño e varios pozos alongados que servían para regar eses campos coa tecnoloxía árabe das norias. Non quedan exemplos desas norias, pero si quedan as testemuñas nestes pozos fermosos que son hoxe refuxio de batracios e reptiles. E deixando atrás a noria e os pozos, volvemos a meternos na vella aldea, onde poderemos desfrutar aínda de varios exemplos de arquitectura tradicional, nun paseo ao fresco e a carón do regato devandito. Dende este lugar, estaremos a tiro de pedra do bar do Lito, que nos dará a despedida apacible da súa terraza.
Forno comunal
Arquitectura tradicional
Área recreativa
Portada da vella igrexa parroquial de Castrelo
Fonte da igrexa
Castrelo do Val
Castro da Cabanca
Carballeira da Cabanca
Foxo da Cabanca
Via XIV
Campo de San Martiño
Área recreativa das Batocas
Pedraalta
Noria do castro
Pozo da Noria
Arquitectura tradicional
Arquitectura tradicional
Arquitectura tradicional
Fonte

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta