Coordenadas 2868

Fecha de subida 4 de julio de 2018

Fecha de realización julio 2018

-
-
251 m
206 m
0
4,0
8,1
16,15 km

Vista 232 veces, descargada 22 veces

preto de César, Galicia (España)

O río Tambre, no treito medio da súa bacía, conserva interesantes valores ambientais que o fixeron mercerecedor de ser incluído na Rede Natura 2000, unha rede europea de espazos naturais que deben ser preservados pola súa contribución á biodiversidade comunitaria, tanto de hábitats naturais como de especies de flora e fauna. O treito incluído na zona protexida, definido como Lugar de Interese Comunitario (LIC), discorre entre a confluencia do río Maruzo, en Frades e o río Sionlla, xa en Santiago de Compostela; ademais, outros afluentes como o Sanmo, o Lengüelle e varios perquenos tributarios destes. No treito protexido, o río Tambre discorre por unha zona relativamente chaira, con escasa pendente.

Polo leito do río Tambre esténdese o bosque de ribeira, onde dominan os ameneiros, salgueiros e freixos. Estes bosques forman unha galería que serve de comunicación entre o medio acuático e o medio terrestre próximo, de elevada importancia ecolóxica.

No río, onde as augas son moderadamente fondas, viven algúns vexetais enraizados no fondo. As súas follas e talos a mercé da corrente, forman pradarías acuáticas en que destacan plantas como as espigas de auga ou a herba lameira. Nas augas rápidas afloran á superficie as flores brancas das oucas. As súas beiras acollen unha pequena planta, os marteliños (Narcissus cyclamieus), que só vive no noroeste ibérico e da que a súa conservación é prioritaria.

Nalgúns lugares algo máis elevados, o bosque de ribeira déixalle paso ás fragas de carballos, acompañados de sanguiños, acivros ou castiñeiros, nunha ampla diversidade de árbores e arboriñas.

Máis lonxe do río esténdense os campos e pradarías, testemuñas dunha cultura agrícola e gandeira que aínda perdura.

Na augas do Tambre viven moitos invertebrados acuáticos. A maior parte son insectos como as libélulas, os cabaliños do demo ou os zapateiros, que son a base alimentaria de peixes, aves, anfibios, réptiles e mamíferos.

Ademais da troita e do escalo, viven dous peixes propios do noroeste peninsular: a boga do Douro e a boga común. Non obstante, antes da construción do encoro Barrié de la Maza, era lugar de remonte de especies migratorias como o reo, o salmón, a anguía e a lamprea, que se pescaban río abaixo en antigas pesqueiras.

Un paseo polo río tamén nos permite observar a garza real que agarda expectante algún peixe; ou o merlo acuático, que desde algunha pedra se mergulla até o fondo do río para capturar pequenos invertebrados. Máis contra o inverno visita estas augas o corvo mariño grande, que se alimenta de peixes que captura mergullándose, e tamén o lavanco real, que axuda a dispensar as sementes de moitas plantas acuáticas.

Entre a follaxe das beiras húmidas vive unha xoia da biodiversidade galega, a píntega rabilonga, un pequeno anfibio de longa cola que só vive en Galicia, no norte de Portugal e en Asturias.

Nas súas augas nadan dous mamíferos adaptados á vida acuática que requiren de cursos de auga ben conservados: o augador, unha pequena toupa cun longo fociño co que levanta as pedras do fondo na procura de invertebrados e a lontra común, unha nadadora excelente que se alimenta basicamente de peixes.

A forza da auga, tanto do Tambre como dos seus afluentes, aproveitábase para facer funcionar diversos muíños. Na Ponte de Breixo ou no Naseiro podemos ver os restos dalgúns muíños construídos con muros de grande espesor e potencia para soportar a forza da auga do río, especialmente nas enchentes.

Unha das formas máis sinxelas de cruzar o Tambre era a través dos vaos, tramos do río con pouca profundidade, como o vao de Ponte Breixo. Porén, a navegación en barca polo río, foi sen dúbida un dos medios máis empregados durante anos como ben acreditan os topónimos como Barcavella, Barco, Barqueiros ou Barca. As barcas transportaban a xente, mais tamén carros con leña, herba ou toxo e todo aquilo que precisaba ir dunha beira á outra do río. Houbo varias barcas no Tambre e a última, a de Chaián traballou até 1972, polo que se pode dicir que foi unha das derradeiras de Galicia.

O Tambre tamén é o un río de grande importancia para Santiago de Compostela por abastecer de auga potable ao concello. As súas augas, unha vez usadas e despois de depuralas, volven ao aoutro río, o Sar, que xa pertence á bacía do Ulla.

Ver más external

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta