Tempo  unha hora 44 minutos

Coordenadas 928

Fecha de subida 20 de marzo de 2017

Fecha de realización marzo 2017

-
-
630 m
482 m
0
3,3
6,5
13,08 km

Vista 575 veces, descargada 7 veces

preto de Infesta, Galicia (España)

Como chegar a Infesta é moi doado, deixaremos o choche aí e, antes de visitar a aldea faremos o camiño longo ata a aldea abandoada de Paradiña. Está a uns seis kilómetros de Infesta, nun camiño que non é nada difícil, moi agradecido tanto para a bicicleta como para ir a pe. Iremos paralelamente ao río Rubín, que nace nos altos de Baldriz, nas mesmas faldras do monte Meda, por onde discurre a nosa ruta. Salvo ao principio, cunha petadiña duns douscentos metros, o resto do camiño é moderadamente doado. Estamos nas faldras de Meda, un monte dominante de todo o val do Támega e boa parte da Limia, e cada certo tempo iremos cruzando unha serie de regatiños dos que poderemos coller auga sen problema para o noso estómago, Recomendo, iso si, levar algo de almorzo.
O camiño é agradable e con moi bonitas vistas e, ainda que a maioría das árbores que veremos son piñeiros de repoboación, nos fondos do val abundan os carballos, amieiros e castiñeiras bravas, ademais de castiñeiros que nun tempo foron cultivados e hoxe adoecen de coidados. Non vai ser nada raro atoparse ou, cando menos, escoitar aos corzos mentres camiñamos, Se temos sorte, tamén poderemos ver unha cantidade enorme de paxaros de diferentes especies. E se aínda temos máis sorte, e camiñamos á tardiña, poderemos ver ao gato de Algalia e teixugos, se queren deixarse notar. Esta riqueza de fauna está xustificada polo abandono da zona, moi apartada hoxe das rutas modernas, pero antigamente a Vía romana que ía dende Aquae Flaviae ata o Forum Limicorum, a Vía XIII, pasaba por aquí, e ao chegar a Paradiña, subía ata as Farrapas, en Guimarei para seguir pola Vrea, ou Verea, onde aínda quedan, descontextualizados, varios miliarios (algúns están no Museo Arqueolóxico de Ourense).
Despois de seis agradables kilómetros, sempre a carón do río, aparece, integrada na paisaxe e case confundida con ela, a aldea de Paradiña. Esta aldea quedou abandonada arredor do ano 1990, cando a derradeira veciña deixouna para ir vivir coa familia a Verín. Tan apartada quedaba que nin seguera nesa época ninguén se prantexou levar ata alí a luz eléctrica e, polo tanto, a aldea quedou ancorada no tempo vello, no que todo se facía aínda coas luces dun candil ou dun facho. Hoxe non conserva moitas vivendas en pe, pero si que se ve nalgunhas que, aínda que outras modernidades non chegaran, si que chegou o feísmo urbanístico, con ladrillos á vista e paredes sen enlucir. Pero polo resto, conserva un aire arcaico e romántico que fai que mereza moito a pena ir ata alí.
Baixando pola rúa principal aínda veremos varias vivendas relativamente ben conservadas, e ao fondo de todo, do outro lado do estragado canal dun muíño, que atravesa a aldea alta, a casa do Arangaño, unha vivenda onde vivía unha curandeira especializada en curar aos nenos desa enfermidade (raquitismo) tan habitual no pasado, pola deficiente alimentación...
Deste lado, á esquerda máis cerca do río, hai unha construcción cadrada, á que xa se lle está caíndo a cuberta, cunha porta arcada moi interesante. É a capela de San Amaro, patrón da aldea. Aínda se pode ver dentro os restos do vello altar e a súa arquitectura, aínda que sinxela e rural, ten un aire case prerrománico que lle dá moito interese.
Despois da capela, veremos a ponte, nova de cemento, que cruza o río para subir ás Farrapas. Á dereita da ponte, se nos fixamos ben, hai unha fonte de auga fría e moi rica que podemos aproveitar para aprovisionarnos para a volta. Podemos aínda perder algo de tempo se temos coraxe para pelexarnos cunhas cantas carqueixas e silva se aínda queremos ver as casas máis altas, as máis bonitas da aldea, onde aínda se ven varios cortizos de castiñeiro onde antigamente había abellas e un mel de categoría.
Despois de almorzar ou merendar algo, e coa cantimplora chea de auga fresca, daremos a volta polo mesmo camiño. A pesares de ser o mesmo, como imos noutra dirección, poderemos ver as mesmas paisaxes dende outro punto de vista e a impactante panorámica de como se vai abrindo o val segundo nos achegamos á aldea de Infesta. Unha vez que cheguemos, os exemplos de solucións arquitectónicas populares para adaptarse ao terreo nos sorprenderán, como a pendello cunha soa viga de xisto negro, as casas máis vellas con datas do século XVIII, a escaleira a ningún sitio (restos dunha casa xa desaparecida...). Pero o máis interesante da aldea é o que está no máis alto. Según imos subindo, atoparemos un bonito cruceiro que está na entrada das ruínas da vella casa reitoral, testemuño de tempos máis ricos que hoxe. A carón do cruceiro hai unha pía bautismal que hoxe só usan as pitas soltas que por alí andan, alleas aos problemas do mundo. Dende o cruceiro ábresenos unha perspectiva nova da aldea que nos vai gustar máis que as outras, pero non paramos aquí e seguimos subindo ata a igrexa parroquial, queimada nun dos innumerables incendios forestais que agotan a nosa terra, e restaurada hai xa unha década. É unha igrexa moi “galega”, con varios estilos arquitectónicos diferentes superpostos e cunhas vistas do val espectaculares. O que máis chama a atención son os lenzos sur e norte, que áinda conservan a maioría dos canzorros románicos, ademais da marabilla da porta de arcos lobulados que é máis propia da arte gótica. Dentro da igrexa, se temos a sorte de vela aberta, contemplaremos as pinturas renacentistas e moitos restos descontextualizados de templos anteriores, tirados no fondo do templo. A fachada é barroca e moi alta, onde destaca principalmente o oculus, ou lucerna que facilita a entrada da luz pola parte occidental, a máis sombría e húmida, por estar pegada á ladeira do mesmo lado.
Despois de dar a volta á igrexa, baixaremos pola mesma e nos desviaremos un chisco para ver o resto da aldea que queda máis ao sur, onde seguiremos vendo boas construccións rurais e seguro que algún veciño nos convidará a un bo viño se lle damos conversa e nos interesamos pola vida da aldea. Despois deso, só queda achegarse ata o coche, beber un último grolo de rica auga e dar volta coas bonitas imaxes do Monte Meda e Paradiña.
Campos de Paradiña
Aldea abandonada de Paradiña
Capela de San Amaro
Paradiña
Río Rubín
Paradiña
Fonte do río
Aldea de Infesta
Arquitectura tradicional
Starway to...
Parreira
Data vella
Arquitectura tradicional
Cruceiro
Igrexa parroquial de Infesta
Curiosa porta
Balcón
Xanela

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta