Tempo  19 horas 46 minutos

Coordenadas 2959

Fecha de subida 30 de septiembre de 2015

Fecha de realización septiembre 2015

  • Valoración

     
  • Información

     
  • Fácil de seguir

     
  • Entorno

     
-
-
959 m
536 m
0
5,5
11
21,91 km

Vista 1419 veces, descargada 41 veces

preto de Millerada, Galicia (España)

Ao total da ruta debemos restarlle pouco máis de dous quilómetros por un desvío mal collido, tal como explico na descrición da ruta, co cal quedaría en algo menos de 20 km.

Desta volta afrontamos unha ruta na que, aínda que se pode facer perfectamente nunha soa xornada, xa tiñamos previsto facer noite acampando no camiño. Así que dividimos o traxecto entre o sábado pola tarde e o domingo pola mañá. Tiñamos pensado pasar a noite na aldea de Grobas pero a luz comezou a escasear (tamén axudou a leve confusión de camiños que logo comento) e acordamos montar nun prado estupendo na intersección da ruta co desvío para a aldea de Bustelos. Resultou ser unha magnífica decisión, porque malia haber bo sitio para montar en Grobas, nesta época a humidade alí abaixo é terríbel. Tamén descubrimos que a recuperación dunha casa en Grobas e a súa habilitación como refuxio de uso libre sería unha opción moi interesante (malia estar ocupada cando pasamos por alí o domingo).

Iniciamos a camiñada no lugar de Fixó, parroquia de Millarada, Concello de Forcarei, de onde parte unha pista que se dirixe cara aos muíños do parque eólico de Masgalán. Así que ao comezo un par de quilómetros de ascensión até chegar a un cruzamento cun depósito de auga onde collemos a segunda das pistas á nosa dereita (de fronte iriamos cara ao miradoiro e á aldea de Grobas, que foi por onde voltamos). Ao pouco xa atopamos sinalizado o desvío para as neveiras: soamente queda o oco que ocupaban no chan como testemuño, pero seica entre o século XVI e mediados do XX foron explotadas polos monxes do mosteiro de Aciveiro, para os cales constituíu un negocio lucrativo.

Entre as fotografías da ruta inclúo un debuxo no que se reconstrúe unha destas neveiras: desaugue na parte inferior, cuberta de bóveda de pedra e logo tapada con terra, zona de acceso, o deseño estaba ben traballado para un bo rendemento. O debuxo está collido dun artigo de Constancio Veiga publicado na revista Cumes (boletín da Federación Galega de Montañismo, n.º 27, novembro de 1996 - maio de 1997, páx. 25 e ss.). Un dos compañeiros de ruta lembraba ter lido en algures que no traslado dos bloques de xeo chegaba a perderse entre un 60% e un 70% do volume, cousa que agradecerían as bestas de carga, pero que tamén obrigaría a transportar bloques dun tamaño considerábel.

A ruta continúa e collemos á dereita por un amplo cortalumes até conectar coa pista do parque eólico, que temos que seguir costa abaixo até rematar a baixada. Cando comeza a ascender suavemente, aínda que podemos continuar por ela resulta bastante máis agradábel atravesar os prados que transcorren paralelos até chegarmos a unha encrucillada na que xa temos o alto do Coco á vista. Aquí collemos á esquerda (dirección leste) e sen abandonarmos xa a pista imos achegándonos ao alto do Coco (970 m), claramente visíbel. Accedemos ao cumio por un desvío á man dereita polo que temos que retornar de novo ao noso camiño.

Dende o alto do Coco o panorama é bastante espectacular: todo o Candán, os próximos montes do Testeiro ao sur, cara ao leste a provincia de Ourense (na que xa nos atopamos, de feito este cumio está no Concello de Beariz).

Descendemos e retomamos a pista. Durante o tramo que nos conduce á aldea de Ameixedo coincide cunha ruta sinalizada. Tras un breve zigzag atopamos un bo miradoiro á esquerda do camiño. En Ameixedo atopamos un panel informativo da ruta coa que estamos a coincidir nese treito, pero pouco máis adiante temos que abandonala seguindo á esquerda (a ruta sinalizada vaise cara á dereita) e o descenso cara ao río vaise facendo máis pronunciado, por un camiño con tramos empedrados que poden ser complicados se a pedra está mollada. Bastantes acivros e logo a vexetación cada vez máis propia da fraga, carballos e moita carriza nas pedras e nas propias árbores, até chegarmos ao río Grobas xustamente á altura dun muíño e un pontillón.

Cruzamos o río e o camiño pasa a ser de subida, ben empinada nalgúns treitos de zigzag, que remata na intersección onde está o desvío para a aldea de Bustelos (aquí foi onde decidimos plantar as tendas, nun amplo prado cerrado).

Nesta parte da ruta hai que fixarse ben no camiño, posto que hai varias pistas e non debemos coller ningunha delas. Debemos seguir unha senda estreita que comeza a carón dun muro de pedra en dirección oeste, xustamente no sentido oposto ao camiño de Bustelos. Na nosa ruta pode verse que avanzamos algo máis dun quilómetro por unha pista que resultou ir arredándose cada vez máis do camiño (a luz comezaba a escasear, a senda pola mañá resultou perfectamente visíbel), co cal demos volta e montamos as tendas.De seguirmos por esta pista, teriamos chegado ao cumio do Candán (San Bieito, 1.015 m, punto no que conflúen os concellos de Forcarei, Lalín e Silleda).

Tras gozar dunha fermosa noite estrelada, erguémonos cunha mañá de sol preciosa. Dende este cruzamento albíscase perfectamente cara ao sur toda a baixada percorrida dende o alto do Coco até o río. E continuamos camiño cara á aldea de Grobas, primeiramente pola senda estreita e, tras cruzar o rego dos Temos por un camiño de lousa que pode resultar moi perigosa en caso de estar mollada. Ao cabo duns 2,5 km enxergamos a aldea abandonada de Grobas, na que paga a pena parar a apreciar o estado das construcións do que fora aldea e sobre todo a gozar cun recanto fermosísimo no río, con varias pozas e pequenos saltos de auga. Nesta aldea foi recuperada unha das casas e convertida en refuxio de uso libre, con leña e con algunhas olas e aparellos de cociña (mesmo normalmente con aceite, café... que obviamente debemos repor se chegamos a usalo).

Saímos da aldea seguindo a marxe esquerda do río (no sentido da marcha, marxe dereita no sentido do río) e imos entrando nunha fermosa carballeira, cunha ascensión cada vez máis forte até chegarmos á pista na que atopamos o desvío para o espectacular miradoiro de Grobas. Logo dun descanso no miradoiro, continuamos a pista para volver cara a Fixó.

Non podemos concluír sen mandar un saúdo á boa xente do bar Praza de Cerdedo, que boas tapas de callos nos puxeron coas Estrelas que mataron a sede logo desta camiñada.
Aldea de Fixó (parroquia de Millarada, Forcarei)
Depósito de auga
Neveira 1
Alto do Coco 970 m (Concello de Beariz)
Aldeíña de Ameixedo
Aceval no descenso cara ao río Grobas
Rego das Grobas. Muíño
Gran lousa plana empregada para facer unha ponte no rego das Grobas
Desvío a Bustelos
Rego dos Temos. Afluente do rego das Grobas
Camiño enlousado
Aldea abandonada de Grobas
Refuxio de uso libre na aldea de Grobas
Poza
Río Grobas. Pozas e pequenos saltos
Carballeira
Miradoiro de Grobas

2 comentarios

  • Foto de EntreToxos

    EntreToxos 05-may-2017

    He realizado esta ruta  ver detalle

    A información é completísima, e o track e os waypoints están fenomenal.

    En canto a ruta en si, hai que distinguir duas partes: os primeiros 5 ou 6 kilómetros, ata o Alto do Coco son un fastidio, transitando por pistas dos parques eólicos. Pero debemos pensar neste anaco como unha peaxe a pagar, pois logo do Coco comézase a baixar e a paisaxe cambia radicalmente, adentrándonse nas carballeiras e bosques de árbores autóctonas do val, que son unha maravilla. Incluso a única aldea do interior do val, Ameixedo, é chula.

    Moitas gracias por compartir!

  • Foto de Xoanzinho

    Xoanzinho 05-may-2017

    Moitas grazas pola túa opinión e pola valoración, vivaomonte. Efectivamente, a partir do alto do Coco e no descenso cara ao río a ruta é fermosa, pero no arranque da ruta e antes da parte máis sosa, as neveiras, para min, son algo excepcional. Aínda sen ser visualmente un elemento espectacular, como patrimonio e testemuño do noso pasado constitúen toda unha curiosidade e dan fe dunha actividade relevante na historia do lugar. Tes toda a razón de que logo veñen algúns quilómetros non só pouco interesantes senón moi marcados polos horríbeis muíños...
    Moitas grazas e un saúdo!

Si quieres, puedes o esta ruta