Tempo  2 horas 38 minutos

Coordenadas 1691

Fecha de subida 30 de noviembre de 2018

Fecha de realización junio 2018

-
-
767 m
596 m
0
2,1
4,3
8,56 km

Vista 183 veces, descargada 15 veces

preto de Vilarinho das Furnas, Braga (Portugal)

Fermosa ruta que parte de Portela do Home e que segue na parte inicial do percorrido un treito da Vía Nova romana, ou vía XVIII do itinerario de Antonino, que unía Braga e Astorga. En Portela do Home, no punto de partida e onda o panel indicador, atópanse os restos dos miliarios que marcaban a milla XXXIV. A ruta coincide con esta vía, coñecida neste tramo como “A Geira”, até pouco despois da milla XXXII. Sobre esta vía pódese consultar http://www.viatorimperi.com/vianova/.

Saímos nunha mañá chuviosa de Portela do Home por unha senda rodeada dunha exuberante vexetación e pola que xa corría algún rego pola abundante chuvia deses días. Aproximadamente nun quilómetro xa estabamos á beira do río Homem e atravesando a primeira das sete pontes que imos cruzar hoxe (cinco no propio río Homem, unha no río de Maceira, afluente do anterior, e unha última ponte sobre outro rego que deita a súa auga xa case directamente no encoro de Vilarinho das Furnas).

Practicamente no segundo quilómetro da ruta cruzamos catro pontes (a última deste grupo sobre o río Maceira, que verte a auga no Homem dende o leste). A case 1,5 km do inicio atopamos os miliarios que indican a milla XXXIII, no lugar chamado Ponte Feia. As caídas de auga na seguinte ponte son realmente espectaculares (ademais das fotos, tedes un vídeo gravado co móbil sobre a marcha en: https://www.youtube.com/watch?v=2WODJWXw4mE/).

Aproximadamente no quilómetro 3,5 da ruta están os miliarios da milla XXXII, na Volta do Covo. Douscentos metros máis adiante deixamos a Vía Nova e desviámonos á dereita para achegarnos a última das pontes sobre o río Homem, pouco antes de que o río deixe de correr e descanse no encoro de Vilarinho das Furnas. As formas en que a auga esculpiu a pedra nas proximidades desta ponte son dignas de ver.

Case un quilómetro despois desta última ponte damos cunha pontella sobre un rego e o camiño vai ascendendo amodo, entre bosque frondoso, até levarnos a unha pedra que ben fai funcións de miradoiro sobre o río Homem e sobre o encoro de Vilarinho das Furnas (km 5,5). Neste último treito e mais nos seguintes 1,3 km a vexetación, os arbustos pechan bastante o camiño. Non o fan incómodo, hai bo sitio para avanzar sen problemas, pero co mollado que estaba todo pola chuvia a auga escorregábanos polos pantalóns cara abaixo até entrar nas botas pola parte superior dos calcetíns (de sermos previsores teriamos levado perneiras, pero non foi o caso, queda o consello para quen faga a ruta en días chuviosos). O camiño lévanos de volta á terceira das pontes (a das caídas de auga espectaculares): un chisco antes de chegarmos á ponte hai un desvío á esquerda que permite pasar por unha garita de vixilancia e evitar completar o retorno polo mesmo camiño, pero a nosa molladura era de tal entidade que preferimos volver “pola vía rápida”. Algún comentario que teño lido sobre o treito que non fixemos tampouco non convida demasiado a realizalo.

E de aí ao punto de partida, a mudar a roupa e a tomar un bo chuletón en Lobios...
Milla XXXII Vía Nova
Lugar: Ponte Feia
Lugar: Volta do Covo
Ponte de madeira sobre un rego que deita a auga directamente no encoro de Vilarinho das Furnas

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta