Coordenadas 263

Fecha de subida 7 de junio de 2016

  • Valoración

     
  • Información

     
  • Fácil de seguir

     
  • Entorno

     
-
-
771 m
612 m
0
2,4
4,9
9,79 km

Vista 1087 veces, descargada 22 veces

preto de Güin, Galicia (España)

O roteiro da Via Nova entre Ponte Liñares e Congostro, é un espléndido percorrido pola paisaxe do Val do Limia, dotada dunha ampla biodiversidade e atesourando un riquísimo legado histórico e patrimonial. Neste tramo circular de 9'5 quilómetros, partimos do conxunto etnográfico da Ascensión en Ponte Liñares, zona ZEPA e LIC polas súas veigas e aves. Seguimos pola vía romana pasando ao pé dos miliarios do Padrón, internándonos nunha frondosa fraga con carballos centenarios delimitando o camiño. De seguido unha profunda congostra guiaranos ata Penelas, onde se van expoñendo todo tipo de mostras da cultura popular: petos, cruceiros, fornos, muíños, capelas, fontes, corredoiras; dende este punto, ascenderemos por camiños tradicionais ata o castro de San Miguel, contemplando unha espectacular vista da paisaxe limiá. Cotinuaremos o camiño para visitar a aldea de Congostro, marabillosa mostra de aldea comunitaria moi ben conservada; e continuar baixo dominio do castelo medieval de Celme ate o punto de chegada.
O conxunto relixioso da Ascensión, ubícase ao pé do paso da Vía Nova, á altura de Ponte Liñares. Este lugar de culto, albergou durante moitos anos unha importante feira de gando, dahí que o lugar tamén se coñeza como A Feira Nova; moi congregada, pois ademáis do camiño vello que viña do Alto do Iermes, unha ponte medieval facilitaba o tránsito á outra beira do Limia. O día da patrona, unha afluída procesión de Danzas Brancas, acompañaba á virxe, dende Güín ata a capela. Os elementos etnográficos e relixiosos que forman este conxunto son: A capela da Ascensión, típica ermita de época moderna, cun pórtico adosado na entrada; un cruceiro ao pé da ermita colocado sobre un penedo; outro cruceiro máis alonxado de fábrica rústica; e por último, un peto de ánimas situado ao pé do río, nunha zona próxima a onde de localizaba o paso da ponte medieval.
Polas súas características construtivas a Via Nova foi concibida coma unha obra imperial feita para ser eterna; ao longo do seu percorrido, intercaláronse postos de fiscalización (portagem) para facilitar a recadación imperial e dispuxéronse múltiples servizos: mansios (pousadas distanciadas en xeiras de viaxe), mutatios (pequenos establecementos con taberna para relevo dos animais de tiro), centros de culto (altares adicados aos lares viales) e unha axeitada sinaléctica (os miliarios). Precisamente no punto coñecido coma O Padrón, descubríronse dous miliarios nunha intervención arqueolóxica levada a cabo. Ambos estaban enterrados no substrato e foron recolocados ao pé da Via Nova, marcando a milla LX dende Braga, neste punto onde se poden apreciar restos da plataforma e muro de contención da vía. A Gallaecia é a zona do extinto Imperio Romano onde máis miliarios se conservan; situábanse ao pé de cada milla, a xeito de punto quilométrico, sinalando a distancia ata o destino e, as veces, epigrafiábanse con extensas adicatorias ao emperador. A pedra era extraída das canteiras locais, introducindo cuñas de madeira e inchándoas con auga, para logo romper con mazas os bloques aos que os canteiros daban forma.
O territorio rural galego está texido por unha intensa rede de corredoiras, congostras, canellas, sendeiros e outros camiños tradicionais. A maioría deles foron feitos á par da mutación que sufríu a paisaxe galega no século XVII, coa reestruturación do territorio por mor da introdución do millo e da pataca. Sobre todo co cultivo en socalcos ou terrazas para economizar a auga, cos camiños intercalados entre as leiras e protexidos por muros lindeiros. A súa pegada na paisaxe foi profunda, pois ata que chegaron as estradas cara a mediados do século XX, formaban parte da rede principal de comunicación, cun constante tránsito de persoas, animais e mercadorías. Hoxe, coa existencia de estradas principais e secundarias, os camiños tradicionais, pasaron á rede terciaria de comunicación nuns casos, e noutros vanse perdendo por mor do abandono que sofre o medio rural galego. Ao logo do percurso pola Vía Nova, pódese disfrutar destes camiños históricos que se desenvolven entre muros lindeiros, en profundas congostras, atravesando carballeiras ou conservando restos do seu pavemento de lousas. Precisamente o trazado deste itinerario aproveitou moitos destes camiños tradicionais que, recuperados, incrementan o patrimonio etnográfico e cultural do noso país.
Ao longo deste magnífico percorrido, consérvase un frondoso bosque de ribeira, que pouco a pouco lle vai gañando terreo ás leiras agrícolas e lameiros debido á despoboación do rural e ao descenso das actividades agropecuarias tradicionais. Neste precioso bosque teñen cabida carballos, cerquiños, freixos, amieiros, salgueiros, bidueiros, castiñeiros, acivros e unha ampla gama de arbustos, liques e plantas rastreiras. As dúas espécies máis representativas de carballo ao longo deste traxecto son: o querqus robur ou carballo viriño, de gran porte e robustez; e o querqus pyrenaica, tamén chamado cerquiño ou rebolo, máis miúdo e anárquico no crecemento. Ambos producen landras para alimentar os porcos e diferéncianse polo porte e pola folla, lisa no caso do primeiro e con pelos no envés no caso do cerquiño.
Neste castro de aproximadamente 2'5 ha, habitou unha poboación de galaicos pertencente á civitas limicorum, asentada na comarca da Limia. O poboado ubícase nun outeiro cun gran dominio visual sobre a Limia e protexido cunha potente muralla que circunvala todo o recinto habitacional. No seu interior agocharíanse as cabanas de pedra miúda teitadas con colmo ou tegulae, integradas nos barrios e artelladas por diferentes rúas. O castro forma parte da Cultura Castrexa galaica, que nace a finais da Idade do Bronce e colle gran auxe nos últimos séculos antes do cambio de era, con multitude de castros dominando a paisaxe galega. Polas súas características, recinto ovalado tipo plato, parece máis ben un castro tardío, seguramente con boa actividade na fase Galaico-Romana do país (Sec. I-II-III-IV), mais faltan escavacións arqueolóxicas que verifiquen a hipótese. Os limicos que habitaron San Miguel, cultivaron as terras circundantes, pastorearon gando, cazaron nas veigas da Limia e pescaron no río e na lagoa de Antela que asolagaba gran parte da chaira. Seguramente poideron comarcializar a súa produción artesanal, oleira, téxtil, agrícola... con outros castos do entorno coma o San Vitoiro ou cos romanos instalados en Forum Limicorum (Xinzo da Limia). Ademais, sitúanse no límite natural de dúas comarcas castrexas, o territorio dos limicos e o dos quaquernos, polo que xogarían un papel estratéxico nas posibles disputas territoriais.
A fermosa aldea de Congostro, coa súa espectacular riqueza etnográfica, intégrase xunto coa Via Nova, na candidatura a Patrimonio da Humanidade. No seu interior descubriremos as singularidades que fan deste entorno un exemplo da conservación e do respeto polo patrimonio.

1 comentario

  • Tío_Pepe 11-feb-2018

    He realizado esta ruta  verificado  ver detalle

    A información é moi completa. Porén o track presenta moita discrepancia coa realidade.
    Grazas por compartir

Si quieres, puedes o esta ruta