Coordenadas 279

Fecha de subida 2 de agosto de 2012

-
-
544 m
223 m
0
3,4
6,8
13,65 km

Vista 4316 veces, descargada 44 veces

preto de Escudeiros, Galicia (España)

O Roteiro da Canle de Escudeiros ou do Río Arnoia, enclávase no tramo final do canón do río Arnoia, cuxa forza e caudal erosionaron de tal xeito a súa bacia, configurándolle á paisaxe unha característica xeomorfoloxía de escarpes e fortes caídas. No interior dun espeso bosque de ribeira de exuberante frondosidade, agóchanse multitude de camiños, carreiros e congostras, confecionados polos devanceiros destas indómitas terras para as seu desenvolvemento económico: gandeiros, agricultores, mineiros, muiñeiros, viticultores, pescadores…
Ao longo do percorrido, iremos descubrindo os tesouros e lendas que enriquecen o Patrimonio Material e Inmaterial do noso país. Cruceiros, mámoas, castros, minería histórica, arqueoloxía industrial e etnografía están sobradamente representados no patrimonio cultural dos concellos de Ramirás e Gomesende.
É digno de agradecer á asociación cultural Santa Barbara de Escudeiros a recuperación deste magnífico roteiro do río Arnoia clasificado como PR-G 143, que axuda a coñecer o Patrimonio Cultural de Galicia e a protexer a súa paisaxe.


O ROTEIRO
Partiremos do rústico cruceiro de Escudeiros, situado por debaixo da igrexa parroquial de San Xoán, fronte a un peto de ánimas de moi boa factura.
O inicio do percurso, desenvólvese polo Camiño Real Vigo-Madrid, tamén chamado A Verea. No fondo da aldea deseviarémonos á esquerda polo Camiño dos Muiñeiros, que pasa á beira da Mina do Rei, entre unha frondosa vexetación autóctona que colonizou o terreo antigamente empregado para viñedos e barbeitos. Así descenderemos ata visualizar o canón do río Arnoia, cuxo esporón do Santo, situado xusto enfronte, albergou un poboado castrexo ao que na Idade Moderna se lle engadíu a pequena ermita do Santo.
Desde este punto onde comeza a forte caída cara ao Arnoia, decenderemos zigue-zagueando, absorbidos polo tupida fraga que forma o pulmón do Arnoia ata a corga de Filgueiró, que cruzaremos nun pontillón de madeira situado preto da mina de estaño da Central.
Seguindo pola marxe esquerda do Arnoia, pasaremos á beira do muíño do Lois para chegar á presa do Cachón, onde comeza unha canle de tres quilómetros, construída para levar a auga a unha central e producir electricidade. Esta canle serve de formidable balcón sobre a Gorxa do Arnoia que, con pequenos saltiños e remansos, vai seguindo o seu percurso ata o Miño. A metade de camiño da Canle, estréitase a gorxa de tal xeito que un forte escarpe queda colgado sobre o río. O precipicio, chamado Foxo do Muro, foi empregado como trampa de lobos natural ao longo da Idade Media e Moderna. No final da Canle, tamén se atopan as ruínas da central e da Bomba, empregada para bombear a auga desde o río ata as minas de estaño.
Desde o final da canle, márcase un pronunciado ascenso ata o Coto de Seoane, situado sobre un esporón rochoso que forma un meandro, desde o que se contemplan os impresionantes cortados do río Arnoia que lle serviron de defensa natural ao poboado Castrexo de Seoane.
Desde Seoane, novamente teremos que voltar a descender ata o río, zigue-zagueando e sen abandoar o bosque de ribeira que nos produce constantemente unha gran sensación de frescor e unha ampla gama aromática. Na beira dereita do Arnoia, sitúanse as ruínas dos muíños de A Chancela, anigo centro económico de gran actividade, con muíños de 4 moas para producir fariña. Preto dos muíños situábase a ponte de Chancela, onde o roteiro do río Arnoia coincide coa ruta do Afranio, un deputado do Partido Galeguista, que tivo que escapar dos fascistas disfrazado de esmoeiro por Galicia adiante.

Desde Chancela, preséntansenos dúas opcións para ascender deica a aldea de O Viso; a primeira delas, de escaso interese, sobe pola pista de terra por onde está marcado o roteiro; a segunda delas, moito máis fermosa, ascende polo Camiño da Costa, unha ancestral corredoira que daba cobertura ás parcelas de cultivo de veciñas e veciños de O Viso. Neste lugar, unha tradicional fonte de auga fresca, permitiranos refrescarnos e coller forzas para desenvolver o último tramo da aventura, a ascensión ata o Santuario de O Val polo Camiño dos Defuntos. 150 metros ao sur do Santuario, poderemos ver un potente túmulo funeraio, vestixio da cultura Neolítica que se desenvolveu no país entre o V e o II milenio antes da nosa era.
Desde o santuario, proseguiremos pola divisoria de augas entre o Deva e o Arnoia coroada cun rústico cruceiro, ata chegar á Chaira de Poulo, onde avanceremos entre as cárcavas das antigas explotacións de estaño e wolfram, ata chegar de novo ao punto de partida.
Os Petos de ánimas, aparecen moi vencellados á paisaxe rural galega como construción típica de culto popular, situados fundamentalmente nas entradas ou saídas das aldeas, sobre todo se por estas atravesa un camiño de tránsito antigo. Forman parte da introdución do culto cristiano, en lugares onde frecuentemente se realizaban cultos relixiosos galaicos coexistentes co cristianismo que tardaron en erradicarse na cultura popular, coma neste caso as ofrendas aos lares viales. Trátase dun peto monumentalizado polo seu ensalzamento en forma de capela. A portada, con dous peldanos de acceso, ábrese en arco corvado apoiado en impostas e tranqueiros labrados con acanaladuras e placas a xeito de piastras. Posúe un frontal con vertente a dúas augas de extremos flexionados coroado cun pedestal de cruz, que cubre unha base plana adornada con pináculos piramidais. A tala escultórica, practicada en altorrelevo de madeira policromada, recrea un grupo de refinadas actitudes, combinando nos rostros idealizados expresións de devoción nas ánimas que tentan recoller os escapularios tendidos pola Virxe do Carme e o Neno. Un relóxio de parede gardado no interior do monumento, serve ás veciñas e veciños para cumplir os seu turno nas tarefas de regadío.
Os cruceiros preséntanse como elementos de culto típicos na paisaxe galega, situados fundamentalmente ao pé ou preto das ermitas, nas encrucilladas de camiños e nos outeiros cristianizados. Forman parte da introdución do culto cristiano, en lugares onde frecuentemente se realizaban cultos e rituais precristiáns ou coexistentes co cristianismo que tardaron en erradicarse na cultura popular, pervivindo aínda hoxe, nalgún caso, ambos cultos. Trátase dun cruceiro da Idade Moderna (XVI-XVIII) composto por unha plataforma de dúas gradas, onde apoia un pedestal cúbico. Sobre o pedestal insértase un varal liso lixeiramente abombado, onde se amarra a escultura dunha cobra posta en pé e co rabo enrrabichado. O fuste está coroado cun capitel corintio que o separa da cruz, na cal amosa un crucificado por un lado e polo outro á virxe dolorosa que aínda conserva a policromía vermella do seu manto.
Esporón rochoso sobre o río Arnoia, coroado cun castro Galaico da Cultura Castrexa e cristianizado cun Capela moderna.
A presa artificial do Cachón, foi construída na década dos 50 do século XX por un tal Peña de Ribadavia, un fascista que se beneficiou de favores de Franco para amarrar as concesións hidroeléctricas. A presa, acompáñase dunha canle de 3 quilómetros escavada na rocha e construída con cachotería e pedra miúda. No final da canle, situábase a caída final ata a casa de máquinas, onde se producía electricidade aproveitando a forza da auga. Esta explotación eléctrica durou pouco maís dunha década, tempo ínfimo para a potente envergadura da obra realizada.
Ao longo da Idade Media e Moderna, realizáronse no Noroeste Peninsular multitude de batidas para exterminar ao lobo. Estas monterías, que eran obligatorias, percorrían os montes para facer saír aos lobos e conducíanos cara a unha gran trampa, construída no monte con paredes de pedra infranquexables para o cánido que se ían estreitando, para rematar nun pasadizo estreito que daba paso a un buraco onde caía o lobo. Nalgúns casos, no canto de construír as trampas, empregaron accidentes naturais do terreo para conducir ata eles a corrida do lobo e inducilos á precipitarse ao vacío, como neste caso do espectacular escarpe do Foxo do Muro. Esta escondida zona, tamén foi empregada para refuxio dos veciños e veciñas de Escudeiros durante o paso das tropas do Xeral Soult, na invasión francesa da Península Iberica. Tamén se coñece como a Peneda de Moisés, en referencia a un veciño da zona que durante o levantamento franquista, escapando dos fascistas, tirouse ao río para non ir á guerra. Parece que Moisés, logrou o seu obxetivo e vivíu una comarca ata a fin dos seus días.
A cultura castrexa formouse gradualmente entre os inicios do I milenio e o século VI a.n.e, coincidindo cun forte avance da horticultura e a creación de grandes poboados situados en outeiros fortificados, concordando co avance da Idade de Ferro en Europa e desenvolvéndose no noroeste peninsular ao longo dun milleiro de anos. O fin dos castros non foi simultáneo nin de súpeto, senón que se foron abandoando pouco a pouco, a partir do S. IV da nosa era. Os límites desta gran cultura abranguían Galicia, o norte de Portugal delimitado polos ríos Mondego e Dâo, e a zona máis ocidental de Asturias; territorio que logo da conquista romana converteuse na provincia da Gallaecia e a posteriori no Reino de Galicia. Seoane emprega como defensas naturais os fortes escarpes do canón do Arnaio, practicamente infranquexables. No lado sur, o máis vulnerabel, compleméntase o sistema defensivo con parapetos e foxos. O recinto castrexo non está moi ben definido debido ao seu abandoo, e non se fixeron investigacións arqueolóxicas que poidan precisar as súas características, pero seguramente sexa un castro asociado á explotación mineira de estaño. Na actualidade vense en superficie restos de construcións relacionadas coa actividade mineira contemporánea, e según a lenda oral Seoane é a orixe e primeiro lugar de emprazamento da actual aldea de Escudeiros, cuxo patrón e San Xoán, que deriva de San Iovani e deu Seoane.
Afranio de Amaral ou o Siñor Afranio, foi a identidade que adoptou o mestre de Tomiño Antón Alonso Ríos, deputado do Partido Galeguista en Madrid, Republicano, líder do Movemento Agrarista e impulsor do Estatuto Galego, antes do golpe de estado de Franco. A súa actividade política e ideais, convertérono nunha das pezas máis codizadas para os asasinos fascistas. En previsión dos acontecementos, para escapar dos carniceiros franquistas, disfrazouse de frade, criado de labranza, esmoeiro portugués…, tomando a identidade dun naturalista brasileiro, e andou perseguido deste Tomiño, polo Baixo Miño ata a súa Silleda natal, fuxindo logo cara a Caballiño e O Ribeiro para cruzar o río Arnoia na ponte de Chancela. Así, deambulou dous anos e medio pola nación galega ata que logrou fuxir a Portugal por Castro Leboreiro; e logo, desde Casablanca, embarca para Buenos Aires, lugar de acollida de moitos galeguistas que lograron escapar do exterminio franquista.
Último tramo de ascenso ao Santurario de O Val por unha canella pavementada
Enclávase nun emplazamento espectacular na divisoria de augas entre o Deva e O Arnoia. O templo é de estilo Barroco con doble cimborrio octogonal, chamando a atención os restos renacentistas sen rematar que hoxe forman o patio onde se asenta o Camposanto. No seu interior é reseñable un retablo labrado en pedra e a imaxe da “Nosa Señora do Val de Poulo”. Nos arredores destaca un rústico cruceiro de finais do XVIII e diversos restos dunha fonte termal e dunha capela. Ao pé da estrada de entrada ao Santuario atópase unha casa cunha inscrición de 1710, identificada coma un albergue de peregrinos que se dirixían a Compostela.
As explotacións mineiras localizanse nas estrivacións finais das Serras de Silvaescura ou da Moura, cuxo Monte do Val forma o derradeiro cúmio da rotura de pendentes que se precipita vertixinosamente cara ao río Arnoia, e está ateigado de minería histórica primaria e secundaria asociada á casiterita e ao tungsteno. En toda a vertente sur do monte hai varias bocas de mina cegadas de pequenas dimensions e destacan sobre o resto grandes cárcavas que seguen a aliñación dos nacentes. Tamén hai abundantes perforacións que semellan ser exploracións superficiais seguindo o filón. Durante os anos 40 houbo aquí unha gran explotación de estaño e de wolfram, das que aínda se conservan restos das edificacións. A antigüedade da explotacións ven dada polas referencias orais que falan de que “ven de moi atrás...”, sendo posible que xa fosen aproveitadas na Idade do Ferro. Nas proximidades das explotacións lolalízase un castro, o Coto de Seoane, nun prominente espolón sobre o río Arnoia, que pode estar relacionado coa minería castrexa. Nos anos 40 do século XX deuse na zon unha esporádica proliferación de “novos ricos”, dado que os alemáns, que compraban o wolframio para blindar os seus tanques, pagábano ao precio do ouro; e por outra banda os ingleses, pagában para que non se lle vendese aos alemáns. Este “maná” , afortunadamente durou poucos anos, ata que rematou o sinsentido da 2ª guerra mundial.

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta