Coordenadas 291

Fecha de subida 28 de abril de 2020

-
-
538 m
383 m
0
1,8
3,7
7,36 km

Vista 14 veces, descargada 3 veces

preto de Galgao, Galicia (España)

Roteiro que transcorre entre os concellos de Abadín e Mondoñedo polo cal transcorre parte do Camiño Norte (BIC) e que nos permite coñecer parte da historia desta zona a nivel industrial coa fábrica de mármore, a caleira etc así como fermosos recursos naturais como a pouco coñecida Fervenza do Santo onde tamén podemos practicar o barranquismo,algunhas fermosas covas como a Cova dos Santos ou a Furada da Pena Paleira para rematar na pequeña aldea de Samordás desfrutando das fermosas vistas da contorna.
Arquitectura religiosa

Ermida de San Cosme de Galgao

Este santuario foi aberto ó culto un 25 de Setembro de 1925, como xa explicamos foi trasladada da súa segunda ubicación (próxima a Samordás na ladeira da montaña) créese que polo seu difícil acceso e porque se quedaba pequeno, conta a lenda que o santo desaparecía do antigo santuario e voltaba aparecer onde se atopa hoxe en día por “desexo divino” de trasladarse a esa zona, existe tamen outra versión que di que este desexo non era tan “divino” senon que era cousa de xente influínte da parroquia que costeara o novo templo pero agora o santo desaparecía deste novo templo e aparecía na antiga capela como se non lle gustase o sitio e se opuxera o cambio..co tempo descubríuse que era un veciño de Samordás o que realizaba tales transportes dunha capela para a outra porque non estaba dacordo coa nova ubicación do santuario. Aquí celébrase tódolos 27 de Setembro unha romaría que atrae xente de todos os pobos da contorna, Mondoñedo, Abadín, A Pastoriza, Lourenzá… desplázanse ata alí para pedir pola curación de xente enferma, pola curación e o bo estado dos animais sustento da economía familiar naquela época, polas embarazadas etc
Cova

Furada da Pena Paleira

Esta cova atópase moi próxima a Lousada, unha vez pasado o pobo seguimos polo Camiño de Santiago en dirección a ermida de Galgao e desde que xa pasamos a caleira e a canteira atopámonos cunha curva bastante pechada a man dereita na que hai un indicador do Camiño de Santiago, alí abandoamos a pista principal e collemos outra a man dereita, andamos uns 25 metros e descendemos 10 m pola ladeira ata atoparnos cun abrigo natural bastante grande a man dereita, á esquerda atoparemos a boca de entrada a esta cova. A boca de entrada para a cova é duns 60 x 40 cm, temos que pasar por unha gateira estreita ata chegar a un rellano,salvamos un caos de bloques e a man esquerda accedemos por un oco a unha pequena sala que contén formacións litoxénicas; esta cova ten un desenrolo duns 30 metros.
Mina

Canteiras de mármore de Sasdónigas-Galgao

Situada na marxe esquerda do camiño antes de chegar a caleira atopamos os restos do que fora a canteira de mármore de Sasdónigas, actualmente cuberta pola maleza, de aquí sacábanse a maioría dos mármores que abastecían as edificacións das zonas de Mondoñedo e a meirande parte da provincia de Lugo na primeira metade do S. XX para logo derivar noutros usos como cales, terrazos e áridos para a construcción, deixando de explotarse no ano 1978. É un dos poucos lugares dos que se ten constancia da extracción de mármores para os edificios nobles civís e relixiosos da zona de Mondoñedo.
Edificio de interés

Fornos de cal industriais. Caleira de Lousada

Esta caleira é unha copia duns fornos que xa estaban a funcionar no Barco de Valdeorras ata onde se desplazaron dous veciños, Bernardino González “O Chapurro” e Ramiro González “O Penasco”,para velo funcionamento in situ dos fornos e copialo sistema para a caleira de Lousada. O material da canteira era transportado nunhas vagonetas metálicas a través dunha ponte construída para tal fin (e da que hoxe en día só quedan en pé os piares) pola parte superior da caleira, xa que estas cargábanse de material pola parte de arriba e na parte inferior colocábase o carbón mineral para cocelo. As instalacións teñen catro unidades diferenciadas, na parte superior a plataforma de carga; unha parte central co corpo e dous fornos con forma de botella, na inferior as galerías de descarga onde unhas reixas sostiñan a carga do forno e facilitaban a evacuación do cal que se producía mediante unha manivela que facía xirar unhas pezas metálicas dentadas, e por último próximas a caleira atopábanse as oficinas, o taller e os almacéns para o carbón e o cal. Os fornos están recubertos de ladrillo refractario para protexer o resto da estructura dos efectos do calor, o cal resultante deste proceso utilizouse como o “cemento” dos nosos tempos, para a construcción de casas, muros, blanqueamento de fachadas e como desinfectante nas terras ou nas cuadras dos animais; ao mezclar diferentes tipos de pedra (xa que o material utilizado eran restos que non valían para serrar na fábrica de mármore) era de pouca calidade ,cunha tonalidade escura e difícil de manexar polo que non tivo moito éxito e acabou pechando aos poucos anos.
Edificio de interés

Fábrica de mármore

Esta fábrica propiedade da familia Rego de Mondoñedo, foi feita no ano 1920 por Germán Rego González, pai de Luis Rego Valcarce que foi alcalde de Mondoñedo entre os anos 1999 a 2007, nesta fábrica serrábase mármore gris azulado ,e a raíz do mármore que non valía para serrar e como aproveitamento dese material sobrante surxíu a idea da construcción da caleira que se atopa na outra marxe do río. Consta dunha edificación principal de planta rectangular de muros de bloque e cuberta a tres augas de planchas de fibrocemento e varias construccións auxiliares sobre a marxe do río, actualmente atópase en moi mal estado de conservación e sería necesaria unha intervención para evitar o seu derrubamento.
Fervenza

Fervenza do Santo. Barranquismo.

Unha das xoias do noso roteiro é esta fervenza situada na fraga que recibe o mesmo nome, o Rego de Muras ten a súa orixe nas proximidades do Cristo de Lanzós na parroquia de S. Martín de Galgao (Abadín) e transcorre pola planicie de Muras ata precipitarse neste lugar dando lugar á fervenza que hoxe podemos visitar para logo rematar desembocando no río Valiñadares. Outro importante recurso do roteiro neste lugar é a práctica do barranquismo, é un sitio ideal para iniciarse no barranquismo debido a súa baixa dificultade,con rappeles sinxelos e que se pode practicar durante todo o ano, para chegar ó punto de partida do descenso debemos continuar 1,2 km pola carretera asfaltada logo de pasar a ermida de Galgao e xirar á esquerda por unha pista de zahorra ata encontrar o Rego de Muras onde iniciaremos o descenso, este descenso xa se atopa equipado e preparado para a práctica do barranquismo cos anclaxes, parabolts e algúns spits necesarios, no seu inicio conta con dous destrepes algo complexos e unha pequena camiñata por pozos e bloques para continuar cunha serie de rappeles contínuos ata a saída do barranco no punto onde se atopa a fervenza, para voltar ó punto de inicio seguiremos polo roteiro ata a carretera asfaltada (chegando xa a Samordás) e xiraremos á dereita, uns 30 minutos a pé aproximadamente ata o punto de inicio.
Ruinas

1º Santuario de S. Cosme.

Actualmente cubertas pola maleza e en estado de abandono podemos atopar algún resto en forma de pedras do que no seu tempo foi o primeiro santuario de San Cosme da Montaña, atópanse moi próximas á fervenza do Santo logo de superar o zig zag co que nos atopamos pasando a fervenza; existen textos do S. X que falan da presenza deste santuario e créese que a súa ubicación estaba asociada ó carácter purificador da auga naqueles tempos.
Ruinas

Ruínas 2º santuario de S. Cosme.

Data do S. XVIII este santuario que atopamos próximo ao núcleo de Samordás, din as crónicas da época que se abandoou esta ubicación pola súa dificultade para acceder a ela xa que se atopa situada na ladeira da montaña e os camiños para chegar ata ela son moi empinados, a iso habería que sumarlle que se quedaba pequena para os oficios relixiosos. Actualmente atópase en estado ruinoso pero aínda se pode apreciar a estructura principal e o muro que a rodea onde podemos observar unha especie de bancos feitos no propio muro e que servían para as xuntanzas dos veciños logo das misas ou para celebrar reunións de veciños daquela época,unha especie de “centro social” do S. XVIII.
Cova

Cova dos Santos ou da Meiga.Pena dos Vertedeiros.

Situada case no final do roteiro atopamos a Cova dos Santos ou da Meiga,”bautizada” co nome actual (polo que aínda se coñece hoxe en día) polo grupo de espeleoloxía “Los Topos” alá polo ano 1868, unha vez pasadas as ruínas do segundo santuario de San Cosme da Montaña seguimos o sendeiro ata case chegar á carretera asfaltada e xiramos á esquerda paralelo a un prado,desde que remata o prado seguimos un pouco máis ata que fai curva a esquerda e ahí xa temos a entrada da cova, entramos por unha gateira curta (uns 5 metros) e accedemos á primeira sala onde hai abundantes estaláctitas, estalagmitas e coladas, esta galería principal ten unha lonxitude aproximada de 15 metros por 20 de alto, seguimos descendendo ata unha sala máis grande con bloques no chan e ó final desta sala á dereita ainda nos atoparemos con outra sala máis de pequeño tamaño.Ten un percorrido duns 170 m e unha profundidade de 16 m. Esta cova ten abundantes formacions litóxenas. Destaca na sala máis grande unha parte do teito que semella un rosetón; e na entrada, a man esquerda, dúas columnas sobre unha colada que semellan dous santos sobre un altar. De ahí o seu nome. Pena dos Vertedeiros : Neste lugar moi próximo a Cova dos Santos e o barrio de Samordás atópase a “Pena dos Vertedeiros”, unha gran mole caliza que recibe este nome porque dous veciños da zona, Ricardo González “Culas” veciño de Samordás e Manuel Pico Folgueira das Sasdónigas, arrancaban cachotes de pedra caliza para fabricar vertedeiros para uso doméstico, moitos seguen a conservarse hoxe en día nas casas de Galgao, Sasdónigas, Abadín, Gontán etc

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta