Coordenadas 1320

Fecha de subida 17 de julio de 2019

Fecha de realización julio 2019

-
-
339 m
35 m
0
5,9
12
23,7 km

Vista 158 veces, descargada 4 veces

preto de Xanza, Galicia (España)

O obxectivo principal, ademais de camiñar e desfrutar da contorna natural e cultural, é ir recollendo o lixo que nos atopemos ao longo do camiño. Esta iniciativa terá lugar o 21 de xullo, sendo unha maneira diferente de aproveitar o domingo, e á vez coñecer parte do territorio e paisaxes de Valga, sen esquecer a importancia da sustentabilidade.

O punto de encontro será na Casa da Cultura de Ponte Valga pola fresca, ás 9:00 da mañá. A partir de aí comezaremos a nosa andaina pasando por Fontenlo, Cedelo, o miradoiro natural dos Penoucos, os petróglifos dos Penoucos de Campo Redondo, As Laceiras, Os Vilares, o Castro dos Vilares, a necrópole e capela dos Martores, os muíños e Fervenzas de Raxoi, e novamente volta a Ponte Valga.

Recomendacións: imprescindible un saco para recoller o lixo, auga, roupa cómoda, calzado axeitado, bañador, comida, froita, froitos secos...

Duración: aproximadamente 5 horas

Itinerario:
- Casa da Cultura de Ponte Valga (punto de encontro)
- Fontenlo
- Cedelo
- Miradoiro natural dos Penoucos
- Petróglifos dos Penoucos do Campo Redondo
- As Laceiras
- Os Vilares
- Castro dos Vilares
- Necrópole e capela dos Martores
- Muíños e fervenzas de Raxoi
- Casa da Cultura de Ponte Valga (volta ao punto de encontro)

Ver más external

Situado á beira do Camiño de Santiago, no treito que discorre entre o Pino e a Medela. Recolle a auga dun manancial situado a unha cota inmediatamente superior. Está pechado polo leste por un muro de cachotería granítica asentada en seco, de 6,8 metros de longo por 1,3 metros de ancho.
Na ribeira oeste do río Valga, trátase dun muíño de planta cuadrangular con muros de cachotería. Cuberta a dúas augas de placas de fibrocemento.
Na ribeira do rego das Castañeiras, trátase dun muíño de planta cuadrangular construído en cachotería granítica, coas xuntas unidas con cemento. Cuberta a unha auga rematada en tella do país.
Na ribeira leste do río Valga, trátase dun muíño de planta rectangular construído en cachotería granítica asentada en seco. Presenta tellado a dúas augas, do a cuberta orixinal de tella foi substituída por unha nova de uralita, conservando os tornachuvias laterais en granito e beirais nos lados anterior e posterior da edificación. Na parede interior amosa un fachinelo orientado á canella. Gravuras ilexibles na padieira dereita e cruces gravadas no canto interior desta mesma padieira. Está situado ao carón do Camiño de Santiago.
Na ribeira oeste do río Valga, ao seu paso pola vertente leste do Alto do Outeiro, trátase dun muíño de planta rectangular, construído con cachotería granítica asentada en seco, aínda que presenta un parcial revoco de cemento. Tellado a dúas augas cuberto con uralita. Na zona sur aparece a canle de pedra que fornecía de auga ao muíño. Está situado ao carón do Camiño de Santiago.
Na ribeira oeste do río Valga, ao seu paso pola vertente leste do Alto do Outeiro, trátase dun muíño de planta rectangular, construído con cachotería granítica asentada en seco. Presenta tellado a unha auga, aínda que non conserva teitume. Está situado ao carón do Camiño de Santiago.
Na ribeira oeste do río Valga, ao seu paso pola vertente leste do Alto do Outeiro, trátase dun muíño de planta rectangular, construído con cachotería granítica asentada en seco, onde aparecen pequenas pedras a xeito de cuñas. Presenta tellado a unha auga, mais non conserva a teitume, só restos de tella do país. Ten porta alintelada e conserva a roda de moer no seu interior. Ao oeste do muíño aparece a canle de pedra que discorre en dirección leste-oeste e que fornecía de auga ao muíño. Está situado ao carón do Camiño de Santiago.
Na ribeira norte do río Valga, ao leste da ponte que comunica os lugares da Cruz do Valado e O Cachón, trátase dun muíño de planta rectangular, construído en cachotería granítica. Tellado a unha auga da que só conserva cuberta con tella do país nos laterais.
Cruceiro do tipo de crucifixo con baseamento de planta cadrada e dous chanzos. Pedestal cúbico, cun rebaixe graduado no lado norte. Varal monolítico, aínda que partido, foi pegado novamente. Capitel que remarca o seu arranque por medio dun colariño. Presenta un corpo troncopiramidal invertido esculpido con anxos, volutas e follas. Cruz latina de sección cilíndrica. No anverso presenta unha Crucifixión e o reverso unha Virxe de pé.
Cruz sobre pedestal cubicoide. Cruz de tipo latino estruturada en dous módulos. O primeiro a modo de varal e o segundo a modo de brazo menos e cabeceira. Base cuadrangular e desenrolo oitavado polo rebaixe das arestas.
Cruz latina de granito de brazos desiguais e rematados con estremos pontenzados. Conformada dunha soa peza, sen baseamento. O pedestal é un bloque granítico irregular. A sección é cuadrangular con catro acanaladuras que percorren as arestas. Formaba parte dun camiño sacramental montesío que atravesaba os núcleos de Martores, Vilares e Laceiras. Hoxe en día só se conserva esta e a Cruz do Verde, tamén nas Laceiras.
Ponte construída en pedra que salva o curso dun regato afluente do río Valga.
Ponte construída en pedra que salva o curso do río Valga.
A igrexa parroquial de Valga (1750), de estilo neoclásico con Vía Crucis, atópase emprazada nunha parcela anexa ao camposanto. Planta de cruz latina. Muros de perpiaños. Torre-campanario nos pés formando unha composición asimétrica, ao que se accede por unha escaleira de caracol. Na cabeceira presenta unha ábsida cuadrangular.
CAPELA DOS MARTORES Templo construído sobre outro orixinal anterior á cristianización. O edificio actual, do século XVII, consta de planta rectangular e muros de cachotería, agás o da portada, que é de perpiaños e posúe un campanario. Segundo a teoría do bispo Don José Guerra Campos, natural de Ames, no seu traballo Exploraciones arqueológicas en torno al sepulcro del Apóstol Santiago de 1982, sinala o lugar dos Martores, como a localización máis posible para o enterramento de Prisciliano. A existencia duns sarcófagos antropomorfos que poden datar do século IV, e a toponimia do lugar, Os Martores, que pode ser unha reminiscencia da toponimia de Os Mártires, co que se coñecía aos mortos en Tréveris. En apoio de esta teoría engádese un aporte documental: na sentencia definitiva do concilio de Toledo celebrado no ano 400 dise: “Na cidade de Toledo pertencente á provincia Carthaginensis, os bispos reúnense en Sínodo: segundo as actas, Simposio e Dictinio xunto a outros bispos galegos, seguidores de Prisciliano, asinaron unha declaración na que condenaban a súa nefasta herexía, así coma ao seu autor. Ademais tomáronse diversas medidas que concernían á disciplina eclesiástica. Neste mesmo concilio participou o bispo Ortigio, que fora ordenado en Celenis, sendo exiliado a causa da súa fe católica, baixo a presión dos priscilianistas.” Estas actas son interesantes xa que lembran a importancia do priscilianismo durante os séculos IV e V en Aquis Celenis, a actual Caldas de Reis, da que seguramente dependía a Valga naquel tempo. Guerra Campos menciona o lugar dos Martores como unha posibilidade que debe ser investigada, posiblemente para afastar a teoría de que os restos que se atopan na Catedral de Santiago sexan os do propio Prisciliano, mais non deixa de lembrar que non existe un topónimo como Martores en toda Galicia, aínda que si existe presenza similar como Os Martices en varios concellos. Sulpicio Severo, na súa crónica Chronicorum Libri Duo que é unha fonte de información moi importante para entender a controversia prisciliana na Galia, di que cando os corpos dos mártires foron traídos ás Hispanias, eran cinco os executados en Tréveris: Prisciliano, Felicísimo, Armenio, Latroniano e Eucrocia. Estes foron traídos entre os anos 385 d.C. e o 400 d.C., celebrándose as exequias con grande esplendor, e incluso comezaron a venerarse como mártires, considerándose relixioso en extremo xurar no nome de Prisciliano. Segundo o bispo Hidacio (c. 400 – c. 469) despois da execución do mártir “a herexía priscinialista invadiu Galicia”. Na última restauración da Capela dos Martores atopouse unha ara romana dedicada ao deus Mercurio (século I d.C.). Descuberta en 1950 no pavimento da propia Capela dos Martores, a ara, colocada coa inscrición cara abaixo, estaba aproveitada como chanzo ante o altar. Actualmente consérvase aínda no interior da capela, deitada ao lado do muro sur. Trátase dunha inscrición votiva dedicada ao deus Mercurio, realizada nun bloque de granito de forma rectangular, coa parte superior un tanto máis estreita que a inferior. A súa transcrición, segundo o C.I.R.G., II: Mer/curio / Seve/rus / pro / vo/to. Esta dedicación que Severo fai ao deus Mercurio está realizada sobre unha ara das clasificadas no terceiro grupo, ao que pertencen aquelas que manteñen un gusto indíxena e unha técnica pouco elaborada. Esta categoría de aras votivas non soen estar traballadas pola parte traseira, sendo concibidas para estar pegadas a unha parede ou cravadas no chan. Neste caso, fíxose aproveitando a forma da propia pedra, que presenta unha superficie irregular. Aínda que descuberta fóra de contexto, é moi probable que esta inscrición proveña da mesma zona na que se atopou, e poida estar en certa relación cos restos romanos recuperados na contorna da Capela dos Martores. NECRÓPOLE DOS MARTORES No lateral sur da Capela dos Martores, e case pegados ao muro da mesma, aparecen dous sartegos, a ras de chan e semisoterrados, que semellan na súa posición orixinal. Ambos están realizados en granito, sendo a súa orientación leste-oeste, coa cabeza cara o oeste. O sartego máis próximo ao muro da capela só é visible actualmente nunha pequena parte, correspondente á zona superior, presentado este un remate redondeado, estreitándose lixeiramente a medida que descende cara os pés. O segundo dos sartegos pode verse de maneira máis completa, sendo o oco interior antropomorfo, con cabeza de remate lineal e ombreiros ben marcados, estreitándose paulatinamente até a zona interior. As medidas máximas (ou visibles, no caso do sartego 1) son as seguintes: - Sartego 1: cunhas medidas exteriores de 90 centímetros de longo por 61 centímetros (cabeza) e 53 centímetros (centro) de ancho. - Sartego 2: cunhas medidas exteriores de 215 centímetros de longo por unha anchura de 67 centímetros (cabeza), 65 centímetros (ombreiros) e 45 centímetros (pés). As medidas interiores son 197 centímetros de longo por un ancho de 20 centímetros (cabeza), 46 centímetros (ombreiros) e 21 centímetros (pés). Con respecto a estes dous sartegos, aparece igualmente unha tapa de dobre estola, apoiada contra o mesmo muro sur da capela, e que corresponde igualmente á necrópole medieval. Este xacemento foi explorado superficialmente por M. Chamoso Lamas (1956, p. 441), quen menciona, ademais dos sartegos e tapas, que as fiadas baixas dos muros da capela presentan “despiezos de claro tipo prerrománico”. Este mesmo autor fai referencia á aparición xunto cos sartegos medievais, de soterramento de tégulas, que pertencerían a unha necrópole da época baixo-romana, a cal enlazaría coa posterior necrópole sueva ou alto medieval. En relación cos achados da época romana, cabe destacar que no interior da capela consérvanse aínda varios fragmentos de tégulas, provenientes dos soterramentos devanditos, xunto cunha ara votiva dedicada ao deus Mercurio. Debe considerarse, por tanto, que no espazo ocupado pola Capela dos Martores e a súa contorna, existe unha necrópole e outros posibles restos correspondentes a un momento situado entre o período baixo romano (ara e tumbas de tégulas) e a alto medieval (sartegos antropomorfos e tapa de estola), o cal podería datarse, de modo xenérico entre os séculos III-IV até o VII-VIII d.C. Directamente relacionada cos sartegos localizados no exterior da Capela dos Martores, e apoiada sobre o mesmo muro sur da ermida, atópase unha tapa dun sartego. Segundo as referencias de M. Chamoso Lamas (1965 e 1967), tanto os sartegos como a tapa (o autor fala de varias), foran localizados nunha data imprecisa, cara a mediados dos anos 50 do século XX. O elemento en si está realizado en granito, presentando unha forma alongada, cos extremos superior e inferior redondeados, sendo máis ancha a parte superior, correspondente á zona da cabeza. A peza presenta na cara vista unha decoración en relevo, en forma da chamada dobre estola, sen observarse outros signos ou gravados. As dimensións totais da tapa do sartego son de 218 centímetros de longo por unha anchura que vai entre os 46 centímetros da parte superior (cabeza) até os 33 centímetros da inferior (pés), cun grosor aproximado duns 14 centímetros. A decoración de dobre estola ten un eixo lonxitudinal que mide uns 142 centímetros e uns 10 centímetro de ancho, mentres que os brazos da estola superior teñen uns 30 centímetros de longo por uns 7 centímetros de ancho, e os da parte inferior ofrecen unha lonxitude en torno aos 28 centímetros e 6-7 centímetros de ancho. Este elemento correspondería á necrópole alto-medieval localizada nesta zona, sendo probable a pertenza a algún dos dous sartegos que poden verse actualmente no exterior da Capela dos Martores, ao lado dos cales se sitúa aínda dita tapa. http://www.crtvg.es/informativos/os-penoucos-e-os-martores-xoias-de-valga-4083978
Emprazada nunha finca próxima á igrexa parroquial de San Miguel. Ocupa un lugar dominante do val do río Valga á beira da estrada que vai de Ponte Valga a Raxoi. A casa reitoral é un edificio de tipoloxía pacega con planta en forma de U. Os cerramentos son en fábrica de pedra e cuberta en tella do país. A finca presenta tamén outras edificacións como son alpendres, hórreo e pombal.
Coñecida popularmente como a Casa da Palma, denominación que ven pola existencia no pasado dunha palmeira nos seus predios. Trátase dunha edificación composta por tres partes diferenciadas: a entrada onde se atopa un escudo heráldico, as cortes onde se acomodaba o gando e a casa principal empregada como vivenda. No lintel de pedra da porta de entrada á cociña, aínda se pode observar o debuxo dun escudo e na parte inferior diferentes letras.
O río Valga, ao que xa se incorporou o caudal do rego do Ferreño, forma un estreito val encaixado en penedos graníticos. Neste punto fórmase un salto de auga situado entre Parafita e Raxoi, cunha altura de caída da auga duns 10 metros. http://www.crtvg.es/informativos/a-infancia-aventureira-de-marcos-na-fervenza-de-raxoi-e-parafita-4108707
O túmulo, alterado polas actividades forestais, presenta un pequeno afundimento na parte central, que podería corresponder a un buraco de violación colmatado. Por toda a súa superficie poden observarse pedras de seixo branco, de tamaño medio, e que poderían formar parte da coiraza pétrea. O elemento atópase lixeiramente alterado na súa forma (algo alongado e rebaixado), debido á que se sitúa nunha zona dedicada á repoboación de piñeiros. A pista que conduce a Martores discorre a uns 20 metros ao norte do túmulo.
Situada a uns 80 metros ao norte do Túmulo Nº 1 da Pedra do Viño. Neste caso non se observan restos de compoñentes pétreos que poidan asociarse (cámara, coiraza...). Si pode observarse un certo afundimento central, que podería ter correspondido a un buraco de violación, xa colmatado. Aparece alterado na súa contorna xeral, debido ás actividades forestais. Obsérvanse certas modificacións na forma orixinal do túmulo (rebaixe da masa tumular e certo espallamento da mesma), provocadas polas plantacións de piñeiros existentes na zona.
Na a elaboración do catálogo do PXOM do Concello de Valga, non se documentaron vestixios algúns de estruturas que permitisen definir o tipo de xacemento concreto, aínda que na revisión da toponimia catastral, todas as fincas desta zona levan a denominación de Castelo. Segundo García Alén, nuns apuntes gardados no Museo de Pontevedra, “Es un castro. X-1971 comprobamos existencia de restos de ánforas, ímbrices y algo de cerámica castreña sin decoración en la zanja hecha para la traída de agua al grupo escolar”. Recolle este autor tamén algunha tradición oral relacionada co xacemento, no que se dicía que habitaran os mouros e do que “A unos cien metros hay un sitio del que sacaron piedra de un agujero en el que, según la leyenda bailaba una moura”. Ten ampla visión cara o val no que se atopa a igrexa parroquial de San Miguel, por onde transcorre o Camiño de Santiago. Posúe dous marcados foxos circulares que rodean ao recinto, agás pola banda leste de acusadas pendentes cara o río Valga. A cimeira é chan, medindo uns 15 metros de diámetro. Na actualidade toda esta zona atópase moi modificada, debido á execución de pistas, liñas de alta tensión, explotación forestal ou extracción de pedra, polo que non é posible observar indicios claros do mesmo. Posiblemente anterior ao que semellan que son os restos dun pequeno castelo de control do territorio, houbera un castro do que se aproveitou algunhas estruturas. Afectado pola apertura de pistas e camiños, transcurso dunha liña de alta tensión, buracos producidos por extraccións de pedra e modificación do espazo pola explotación forestal.
Situado a unha altitude de 275 metros, dominando unha valgada atravesada polo río Valga e rodeada polo Monte Lagoa ao norte, Outeiro da Trigueira ao sur e o Monte Outeiro da Carballeira ao leste. O xacemento, bastante alterado nos sectores oeste e sur, está composto por un recinto central, bordeado por parapeto e terraplén, ao que seguen unha primeira liña de foxo, potente contrafoxo, e rematando cun segundo foxo, moito máis profundo que o primeiro. O sistema defensivo consérvase sobre todo na metade norte do castro, desaparecendo na metade meridional, debido ás construcións do núcleo rural de Os Vilares. O recinto central presenta unha forma aproximadamente elíptica, co eixo maior en sentido leste-oeste, estando pechado, cara o interior, por un parapeto, o cal conserva unha altura de entre 1 e 2 metros, cunha maior altitude no sector leste-noroeste. Cara a parte externa, este parapeto deriva nun pronunciado terraplén, que chega até os 4 metros de altura no sector norte e noroeste. Todo este conxunto está rodeado por un primeiro foxo, bastante colmatado ou de escasa profundidade, e que se conserva en toda a metade norte. Esta primeira liña defensiva ven seguida por un contundente contrafoxo, a modo de muralla térrea, o cal bordea todo o castro na zona menos alterada (nordeste, norte e oeste-noroeste), observándose a continuación unha segunda liña de foxo, profunda e encaixada (aproximadamente uns 4 metros de altura e uns 3 metros de anchura na parte inferior), a cal mantén a mesma liña e conservación que o contrafoxo. Este sistema defensivo vai seguindo a liña marcada pola forma do recinto central, agás na parte nordeste, onde se abre e ensancha, creando un espazo que podería corresponder á entrada orixinal ao recinto. O recinto principal e toda a metade norte do xacemento atópase en condicións de conservación aceptables, mentres que a parte sur aparece moi alterada. Así, as vivendas de Os Vilares, xunto cos viais de acceso, supuxeron a destrución de todo o sistema defensivo (o terraplén que bordea ao recinto principal aparece rebaixado en anchura), xunto coas posibles terrazas anexas ao xacemento. Na zona leste aparece un depósito de auga incrustado no terraplén, mentres que no oeste unha edificación aparece emprazada na liña do contrafoxo. Un camiño que entra até o recinto principal pola parte leste-nordeste, corta toda a liña defensiva. No suroeste, a pista que dende Os Vilares leva ao Monte da Lagoa, corta e destrúe a liña de foxo e contrafoxo. Un estreito camiño, xa case abandonado, que entra até o recinto central dende o oeste, cega unha parte puntual do segundo foxo.
PETRÓGLIFO Nº 1 DOS PENOUCOS DO CAMPO REDONDO (PEDRA DA SERPE) Na paraxe coñecida como Campo Redondo emprázase a rocha que contén os gravados, e que xa fora descrita por X. Ferro Couselo (1952, p. 94) e por F. Bouza Brey-R. Sobrino (1948, p. 333-343). Nos dous casos, reproducen os motivos observados. Da rocha principal, a representación máis fiel e exacta é a realizada por F. Bouza Brey-R. Sobrino. Así, esta rocha principal presenta unha forma alongada, en sentido nordeste-suroeste, séndolle esnaquizada a parte dereita centro-inferior da mesma, debido a labores extractivas realizadas hai anos, e que os propios veciños paralizaron. Os motivos existentes están compostos por unha combinación de varios grupos de círculos concéntricos (entre catro e seis círculos), con cazoleta central, e dos que parten sucos a modo de radios. Dos catro grupos concéntricos observados, tres deles conteñen un único radio, mentres que o grupo de maiores dimensións, e situado ademais nunha posición central respecto á rocha, contén 5 radios, todos eles partindo da cazoleta central e excedendo os límites do motivo concéntrico. Así, o radio que parte cara a parte inferior da rocha (suroeste) continúa até acadar os dous grupos situados na zona inferior, cun desenrolo último sinuoso, que case podería verse como un serpentiforme. Xunto a estes grandes grupos concéntricos, aparecen formas circulares illadas, polo xeral asociadas tamén a sucos que parten do seu perímetro. Ademais das formas circulares, o outro gran grupo de motivos presente nesta rocha son os sucos, en varios casos convertidos en serpentiformes, destacando os dous motivos situados na parte esquerda da rocha, e case sempre de amplas lonxitudes, cunha orientación principal no sentido do eixo da rocha (nordeste-suroeste). Pequenas cazoletas, bastante erosionadas, completan os motivos observados. Unha prolongación desta rocha principal cara o lado inferior esquerdo (oeste-noroeste), xa moi deteriorada, ofrece algúns novos motivos: dous círculos concéntricos con cazoleta central, acompañado por tres pequenas cazoletas e un suco en forma de arco, pola zona superior, mentres que cara a parte baixa aparecen catro novas cazoletas, tres delas dispostas en ringleira e con lixeira forma de arco. Segundo imaxe e texto de José Pñeiro Ares (Pontecesures 1927-2001), publicado no Faro de Vigo en 1967: “en plena selva virgen, sugieron dos niños pastores, María Mosteiro Bodaño y Enrique Magán Bodaño de siete y ocho años respectivamente. Los dos niños, que tienen a sus hermanos mayores en Holanda, vigilaban el pastoreo de unas reses. Coñecedes unha pedra con debuxos? Le preguntamos. Enriba do monte hai unhas pedras, que nós chamamos das culebras, respondieron”. Parte da rocha principal, a zona central dereita, foi destruída hai anos polos canteiros, até que foron avisados polos veciños. A prolongación esquerda da rocha aparece moi deteriorada, até case diluír o motivo de círculos concéntricos existente. O desgaste da rocha, provocado polas inclemencias metereolóxicas ou maleza, leva a diluír parte dos motivos gravados nela. PETRÓGLIFO Nº 2 DOS PENOUCOS DO CAMPO REDONDO Na zona máis alta do Outeiro dos Penoucos de Campo Redondo, xa no límite con Pontecesures, localízase unha rocha de considerables dimensións, na que se atopa unha concentración de cazoletas (20 coviñas) e un posible círculo simple. A rocha ten unha forma tirando a rectangular, coa superficie chaira e con lixeira inclinación cara o sur-suroeste. Na parte superior aparecen as cazoletas, que non semellan formar motivo definido algún. A poucos metros ao norte da rocha existe unha devasa, sendo depositada terra producida pola súa apertura sobre os afloramentos próximos ao petróglifo. Toda a superficie do monte aparece espallada con pedras miúdas, restos da intensa actividade extractiva que sufriu esta zona e que puido provocar a desaparición doutros posibles gravados.
O Camiño Portugués a Santiago discorre polas parroquias de Setecoros (Cernadas, Casal do Eirigo, O Pino), Xanza e Valga (Chenlo, San Miguel, A Pedreira, Cimadevila, Fontenlo e Cedelo). A autoestrada AP-9 desvirtuou o seu trazado orixinal e hoxe en día discorre en paralelo á mesma, sendo atravesado atravesado por esta en Casal de Eirigo. Os fitos deste treito serían o núcleo de Casal de Eirigo, o río Valga cos muíños asociados, e o conxunto de igrexa parroquial e casa reitoral de San Miguel.
Un afloramento rochoso no Monte dos Penoucos, que se atopa a uns 250 metros de altura sobre o nivel do mar, permite unha panorámica completa dos vales dos ríos Valga, Louro e Ulla. http://www.crtvg.es/informativos/os-penoucos-e-os-martores-xoias-de-valga-4083978

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta