-
-
141 m
31 m
0
1,5
3,0
5,98 km
Vista 233 veces, descargada 6 veces
preto de Dodro, Galicia (España)
Roteiro da Granxa a Fonte Primeiral
Canle labrada en pedra para suministro de auga ó Pazo de Bendaña.
Antes chamábanlle A Torre ou A Casa do Marqués, pero como o ditador viñera
en ocasións a ela pasou a ser A Horta de Franco. No Pinal do Marqués
facían noite os pascueiros que levaban os cabalos á feira de Padrón. Onde
antes había piñeiros mansos xigantescos medrou despois un bosque de acacias
negras. Nos primeiros anos da posguerra A Torre de Vigo foi desmantelada
pedra a pedra e trasladada a Meirás para compracencia
daquela corte das marabillas. A balaustrada do Pazo de Dodro dispúxose
sobre o muro de contención da explanada que está diante do edificio co
que “la vista del Pazo de Meirás quedó así muy mejorada” (Franco visto
por sus ministros, Ángel Bayod). Sánchez Cantón dinos que había en
Dodro unha importante biblioteca que debeu marchar coas pedras. Os
canteiros que participaron na demolición lembraban a fermosa fonte e os
canzorros cos mastíns labrados no granito. Acaso soñen, alá desde as Mariñas,
con volver algún día á pedra matricial dos montes de Dodro de onde
foron arrancados. Ángel del Castillo (Inventario de la riqueza
monumental y artística de Galicia ) chámalle Torre e Pazo de Dodro e di
que, aínda que xa existía a principios do século XVI, o edificio fíxose despois
en estilo barroco compostelano, dos séculos XVII e XVIII. O Couto
Redondo de Dodro e Lestrobe foi da xurisdición do Marqués de Bendaña.
Martínez Barbeito desenreda a súa xenealoxía que se remonta a don
Marcos Fandiño, proxenitor tamén dos señores da Torre de Goiáns en Boiro. Na segunda metade do século XVII, don Carlos de la Torre Romay
e Soutomaior, xentilhome de boca do rei enfeitizado Carlos II, herdou a
casa e torre de Dodro e a Torre do Monte en Padrón. A súa filla Xoana
casará co segundo marqués de Bendaña, don Xoán Benito Piñeyro e Ulloa.
A partir de aí pertenceu a esta familia. Nos cuarteis das cinco pedras armeiras
que ostentaba pódese reconstruír a historia do Pazo de Vigo e a de
todas as liñaxes que con el emparentan: a flor de lis dos Florín, o enreixado
dos Valadares, a torre dos La Torre, o piñeiro dos Camaño, as faixas
dos Ribera e a serea nadando sobre as ondas dos Mariño. Xa se sabe que o
primeiro da estirpe naceu na illa de Sálvora, da unión carnal dun fidalgo
deste reino cunha serea de fermoso rostro. Relátao o licenciado Molina,
no século XVI, na súa Descripción del Reino de Galicia . Cando Sarmiento
chegou aquí polo enlousado Camiño Real, deixou escrita a data que veu
na entrada: 1643. Resta agora un escudo daqueles cinco inaugurais e os
muros da que foi Capela de San Xosé coa bóveda de pedra de cantaría, as
cornixas traballadas así coma algunhas ménsulas no interior e unha imaxe
moi fermosa do santo co neno Xesús que precisaría restauración. Consérvase
a canle de pedra que traía a auga para o pazo desde preto da Pedra
Redonda.
Toponimia de Dodro e de Laíño.
Os nomes na auga
Manolo Lorenzo Baleirón.
Pedra Redonda
Dinnos que o lugar no que se atopa chámase A Alla, supoñemos que pola
abundancia de allos bravos (Allium sp.). Gonzalo Navaza, na Fitotoponimia
comenta esa posibilidade para topónimos semellantes. Ovo abisal
froito do parto dos montes, A Pedra Redonda que está arriba de Vigo,
no camiño que vai á Mina, é un outeiro ciclópeo, un petón xigantesco
puído cara o nacente coma unha esfera celeste. Poñémola á parte porque o
merece. Nas proximidades dela atopouse unha cabeza toscamente labrada
nun bloque granítico que se conserva no Museo Arqueolóxico de A Coruña,
probablemente do período castrexo. A Pedra Redonda ten na súa
superficie, coma os penedos do Santiaguiño do Monte e coma moitos outros,
covas ou cazoletas formadas pola erosión das augas, que a tradición popular quere que sexan as pegadas do cabalo do Apóstolo e noutros lugares
de Galicia as marcas que deixou a burra da Sagrada Familia na fuxida
a Exipto. O que está claro para as nosas xentes é que as pedras
colosais que polos montes paran só puideron quedar varadas neles despois
da chuvieira bíblica do Diluvio Universal. Terra de xigantes. Ó pé da
Pedra Redonda os xeólogos non dubidan.
Si quieres, puedes dejar un comentario o valorar esta ruta
Comentarios