Tempo  17 horas 53 minutos

Coordenadas 280

Fecha de subida 15 de marzo de 2017

Fecha de realización marzo 2017

-
-
621 m
447 m
0
0,8
1,5
3,01 km

Vista 583 veces, descargada 0 veces

preto de Cabreiroá, Galicia (España)

RUTA DO BUFO DO POZO DO DEMO
Arredor do Pozo do Demo, nome con que se coñece esta gran falla tectónica por onde baixa o torrente do mesmo nome ata que se converte no regato de Cabreiroá, corren moitas rutas de sendeirismo, polo que quixen aportar unha nova ruta con certa dificultade para desfrutar das millores paisaxes e un monte de patrimonio esquecido.
Saímos do fondo da torrenteira, dende onde xa podemos asombrarnos cos riscos máis verticais de todo o val, comezando o camiño a carón de vellos muíños esquecidos hai moito tempo xa. Ao principio non é nada difícil avanzar, pois os carrouchos están feitos e non hai maneira de perderse, pero pouco a pouco, vaise complicando o terreo, disposto e sucesivas terrazas graníticas. En moi pouco tempo verémonos case a media altura da montaña paralela ao torrente, co que as vistas da grieta por onde corre a auga, o canto dos mil paxaros do lugar, o rumor potente das cachoeiras de auga do fondo, e a visión aberta do val coroado co castelo farán que xa mereza a pena aínda que só sexa chegar ata aquí. Pero convídovos a seguir, hai un monte de sorpresas. Subindo un pouco máis, rodeados de sobreiras centenarias e aciñeiras bravas, temos do outro lado dos riscos o castro das Quintas, un dos nosos obxectivos da nosa ruta.
A partires de aquí todo se complica pola verticalidade da ruta. Hai lugares onde vos aconsello mirar ben onde se pon o pé, porque as caídas por aquí son moi perigosas. Nas terrazas verticais dos riscos teremos moitos lugares onde parar e deleitarnos coas vistas, tanto cara o val, como cara o propio torrente, que xa ofrece imaxes de natureza salvaxe nun mundo dominado polo granito e a súa erosión. Aparte dun par de pasos moi complicados, aos que sempre lle podedes buscar unha alternativa, chegaremos á parte máis complicada, a carón dunha carballeira natural, lugar de aniñamento dunha cantidade inxente de paxaros. Nesta parte imos ter que salvar un desnivel dun 80% e que nos levará case ata o alto de todo do torrente, xusto encima do lugar chamado como tal Pozo do Demo. Unha vez na sobreira do alto, deslizarémonos penedo abaixo, con moito coidado, en dirección ao río, e alí, entre as sombras dos penedos e o rumor das augas, chegaremos ao tal Pozo, que non é máis que unha fermosa cova onde desauga o regato que ven da chaira da Veiga das Meás, onde forma unha poza na que non se vé o fondo. Din os vellos do lugar que, botando unha pedra atada a unha corda longa no Pozo, vaise afondando e semella que non ten final e que, cando recolles a corda, ésta sae queimada e negra, como se pasase polo inferno mesmo.
Pasado o regato, subiremos en dirección ao castro das Quintas, coa ruta moi ben marcada por aquí. Salvo algunhas silvas e outros toxos, non teremos tanta dificultade como na primeira parte da ruta. A metade da subida que estamos facendo, atoparemos un fermoso refuxio rupestre, posiblemente de pastores, que ten o misterio dunha cantidade inxente de cerámica castrexa provinte do castro aledaño. Ademais, arredor poderemos observar, unha vez máis, a espectacular paisaxe granítica de toda esta zona. Tanto é así que moitos penedos, ata doce, están gravados con petróglifos prehistóricos, destacando principalmente o chamado As Quintas 7, que ademais dun petróglifo semella un gnomon, un reloxo solar que marca estacións e meses luares, unha especie de calendario que aínda está por estudar pero que promete grandes coñecementos. Un pouco máis ao norte temos a porta monumental, de xigantes, do citado castro de As Quintas, onde nos poderemos deter, se quixeramos, para perdernos un pouco nas súas pedras, tendo o mirador do alto como contrapunto para ver todo o camiñado ata agora dende o outro lado dos riscos.
Deixando atrás o castro e os petróglifos, o noso camiño será todo de baixada, e a metade da ladeira temos outro espléndido mirador dende onde poderemos ver toda a panorámica do val, con Verín e Monterrei, San Mamede ao norte, Larouco ao oeste, Portugal ao sur... As rodeiras dos miles de carros que durante séculos pasaron por aquí nos guiarán sen dúbida por onde debemos baixar. E xa case no fondo de todo do camiño, atoparémonos cun dos xacementos máis estranos de toda a comarca do Támega: O Bouzadoiro ou Igrexiña dos Mouros. As lendas contan que aquí facían os Mouros as súas misas, e que gostaba vestirse de vermello, os panos vermellos... É curioso, porque antigamente había aquí un naciente coa mesma auga que a do balneario de Cabreiróa, e aínda hoxe unha das tomas de auga da embotelladora do mesmo nome está a uns cen metros do xacemento. É un recinto cadrado duns corenta metros, cos restos dun edificio pequeno, rectangular no centro, orientado de norte a sur (o que o inhabilita como templo cristiano), e segundo cualificados investigadores da universidade de Compostela, é moi posible que sexa un FANUM, un templo indíxena adicado ás augas curativas, o que lle daría sentido a un achádego dun vidro de altisima calidade no interior de dito templo. A pesares do que diga o cartel “oficial”, prefiro a opinión dos investigadores que a dunha empresa interesada ou un concello.
Dende o Bouzadoiro temos moi pouco camiño ata o noso destiño. Só temos que seguir en dirección norte, a través dun carroucho estreito ata chegar ao mesmo regato do Pozo do Demo, xa mansiño e a carón do paso da autovía. Alí pasaremos por riba do río por unha especie de poldras que non deixarán que nos mollemos os pes, e, un pouco máis adiante, veremos un cartel onde nos explica que unhas penedas servían para prensar a uva e fabricar o viño... Esto segundo os carteis oficiais..., pero os vellos das aldeas insisten en que non eran de viño, senón de aceite, o que tería moito máis sentido, pois os lugares onde millor se daba o aceite eran os case os mesmos que os do viño, pero o seu prensado precisaba moita máis forza e máis espazo para moer a oliva.
Finalmente, o prado que deixamos á dereita nos ofrece un penedo quentiño, con boa vista e moita paz, onde remataremos a nosa ruta coa mesma visión do Pozo do Demo que tivemos ao comezar.
Fondo do Pozo do Demo
Muiño abandonado
Riscos e torrente do Pozo do Demo
Vista do Castro das Quintas
Sobreira, paisaxe mediterránea
Carballeira
Sobreira do Outeiro
Pozo do Demo (cova do río)
Pozo do Demo 2
Refuxio de pastor
Paisaxe granítica
Petróglifo As Quintas 7
Castro das Quintas (porta ciclópea)
Verín e Monterrei
Rodeiras camiño vello da Baixada de San Xosé
Bouzadoiro ou Igrexiña dos Mouros
Poldras "modernas"
Lagar de aceite (e viño?)
O penedo da Xiana

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta