Tempo  5 horas 34 minutos

Coordenadas 1565

Fecha de subida 21 de febrero de 2016

Fecha de realización febrero 2016

-
-
699 m
374 m
0
4,3
8,5
17,09 km

Vista 1250 veces, descargada 55 veces

preto de Paraños, Galicia (España)

PR-G 119. Ruta do Xabriña. Perfectamente sinalizada.

Un fermoso día de inverno cun sol radiante e cos montes cheos de auga ideal para gozar dunha ruta única no interior de Pontevedra. Oito días antes as arroiadas fixeron que todo desbordase e os ríos aínda baixan cunha forza tremenda.

Arquitectura tradicional, muíños, levadas e pontellas, bosques e fragas en estado puro, contraste de verdes que asolaga todo, coas carrizas a cubrir as árbores case até a copa, mesmo algún muíño totalmente reintegrado na paisaxe e que en lugar de pedra semella feito de vexetación, tal é a capa de musgo que o cobre por completo.

A ruta comeza en Paraños, na praza do Cotarel, e aos poucos metros xa damos cunha ceraría restaurada con paneis explicativos dos traballos que alí se realizaban. Non é a única presente neste percorrido, nunha zona na que a apicultura sempre tivo unha grande importancia, nomeadamente a manufactura de candeas para o alumado (podedes ver o proceso completo do traballo dos cereiros: https://www.youtube.com/watch?v=n6sM0NOKTec). A seguir, no barrio da Margarida, pasamos ao pé dun fermoso cruceiro e logo ao lado da igrexa de santa María. Abandonamos Paraños para descender cara ao río Xabriña, afluente do Tea.

Un quilómetro escaso percorrido e xa estamos no río. Entre os numerosos muíños que imos contemplar neste paseo, o de Fundego é o primeiro que atopamos. A ruta vai pasando por:

- Ponte da Lagoa. Ponte de madeira. Seguimos a indicación "Fonte de Picoto. 150 metros", pero non demos coa fonte. Recuamos, atravesamos a ponte e pasamos unha ampla presa.

- Fonte da Fame: tras subir unha escaleira de madeira atopamos a indicación. Seica beber dela abre o apetito e de aí o nome.

- Muíño do Recoucón. Os restos deste muíño abraian por como a fraga "reintegra" na paisaxe a pedra, totalmente cuberta dunha grosa capa de musgo, tanto no interior como no exterior, mesmo cubrindo a roda.

- Muíño das Medelas, con dúas rodas.

- Muíño de Paquito, rehabilitado e en funcionamento.

- Pontella e muíños do Outeiro. A presa, a pontella e o conxunto de muíños conforman un dos recantos máis fermosos da ruta (muíño das Brasileiras, muíño de Rita...)

- Área recreativa do Roupeiro. Ponte, muíño moi amplo, fonte e levada. Dispón de mesas e bancos de pedra. Dende aquí a estrada levaríanos á praza de Cotarel.

- A Feixa. Dende o camiño vemos na beira oposta os muíños de Peso, dos Durán e de Xirondo.

- Poza de Brea

- Muíños das Tapadas. Conxunto de tres muíños e, a seguir, unha ponte de lousas.

- Pozo do Demo. A uns tres quilómetros do inicio chegamos ao treito máis espectacular da ruta, cun breve canón estreito polo que a auga se precipita a gran velocidade entre fervenzas e pozos.

Algo máis adiante, por medio dunha pendente curta ascendemos até cruzar a estrada (que se dirixe á Franqueira) e baixamos de novo ao río.

- Ponte de Portaseixas. Dende aquí podemos regresar ao inicio pola outra beira do río.

- Río Azal. No lugar en que verte as súas augas este río no Xabriña comezamos a seguir o seu curso até a Fraga das Millariñas, fermoso bosque cunha bonita fervenza. Atravesamos un par de pontellas e ascendemos para retomar o curso do Xabriña

- Carballeira das Chozas. Vexetación de ribeira cuberta en boa parte pola carriza (carballos, abeleiras, loureiros, mesmo acivros...). Chama a atención, aquí e noutros lugares da ruta, a abundancia de xibardas ou xilbarbeiras, que aínda conservan bastantes froitos vermellos nesta época do ano (son propios do outono). Estes arbustos reciben en Galiza numerosos nomes que dan boa fe do aspecto da planta, como azoutacristos, picanceira, e rascacú, entre outros.

- Muíños de Prado da Canda e dos Toubedos

- Muíño da Veiga

- Muíños da Costa

- Ponte Folón. Punto central entre os dous aneis do percorrido.

- Peto de ánimas na parroquia de Prado da Canda, no lugar de Arigua.

- Fonte dos Loureiros

- Outro peto de ánimas: intersección na que podemos desviarnos para ver o conxunto etnográfico do Campado, á beira do río Azal.

- Cotos da Bouza. Camiñados oito quilómetros, se nos desviamos á dereita, cara ao cumio do monte (688 m), teremos unha boa panorámica sobre o Suído e sobre o val do Xabriña. Logo a ruta descende e avanza xunto ás casas de Prado da Canda.

O camiño agora vai paralelo a estrada durante un treito, até que atravesamos a aldea de Corzós, á entrada da cal vemos unha poza para a rega e un lavadoiro cunha fonte. Superada a aldea, dirixímonos de novo cara ao río Xabriña, que atravesamos por unha ponte de formigón. Dende aquí podemos acceder, seguindo a indicación do desvío, aos muíños da Cartella e dos Pretos (xa na parroquia da Lamosa), en estado ruinoso.

- Muíño de Codesal.

- Muíño das Veigas

- Pontella e muíño das Ovellas. Fermoso muíño ao pé dun camiño de subida que vai en dirección á Lamosa. A canalización pola que a auga entra no muíño dende a tomada está feita con varias rodas de muíño superpostas. O camiño sobe en costa pronunciada e con abundante auga nesta época.

Chegamos ao barrio do Regueiro, onda unha nova fonte. Nesta parte do percorrido pasamos fronte á eira da cera da casa das Brasileiras.

- A Lamosa. Atravesamos a estrada (N-120) e entramos na aldea da Lamosa. Pasamos polo torreiro e ao lado da igrexa de san Bartolomé para continuar pola parte máis elevada da aldea, con casas totalmente abandonadas. Atravesamos novamente a N-120 e enlazamos cunha forte baixada co piso de formigón.

Xa de novo no camiño, poderiamos continuar até a ponte do Folón, pola que xa pasamos, pero a nosa ruta prosegue collendo á dereita e logo, seguindo unha levada, chegamos de novo ao río. Estamos de novo na beira do Xabriña, que baixa con forza entre as penas.

- Ponte das Chozas.

O camiño continúa pegado á levada máis longa de todo o percorrido, a levada do Lugar. Máis adiante podemos achegarnos novamente ao pozo do Demo, agora na beira contraria deste fermosísimo recanto. Desta banda do río hai un valado de protección que nos permite asomarnos con menos risco, malia que debemos manter certa precaución.

Deica o final da ruta, atravesamos o barrio de Moeiros e chegamos ao punto de partida, na praciña do Cotarel.

Unha estimación de seis horas para a ruta semella adecuada: as paradas son continuas e o ritmo non pode ser forte se queremos gozar dos atractivos deste percorrido. Ao estar estruturada en dous aneis, é sinxelo organizar a ruta para dúas excursións máis breves.
Lagar da cera
Cruceiro con peto de ánimas
Igrexa de santa María de Paraños
Muíños do Outeiro: muíño de Rita, muíño das Brasileiras, ponte do Outeiro
Muíño do Fundego
Ponte da Lagoa
Muíño do Recoucón
Fonte da Fame
Muíño das Medelas
Muíño de Paquito
Área recreativa do Roupeiro (ponte, muíño, fonte e merendeiro).
Muíño de Feixa
Muíño da Fraga do Rei
Muíño das Tapadas
Pozo do Demo
Panel info
Fraga das Millariñas
Fraga das Chozas
Muíño
Muíño da Costa
Ponte Folón
Peto de ánimas. Desvío ao Campado, conxunto etnográfico
Muíño do Codesal
Ponte de madeira
Ponte e muíño das Ovellas
Aldea de Currelos. Eira de cera das Brasileiras
Bar Cuartel
Muíño da Grifa

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta