Coordenadas 414

Fecha de subida 28 de enero de 2016

Fecha de realización enero 2016

-
-
197 m
59 m
0
1,8
3,7
7,31 km

Vista 788 veces, descargada 26 veces

preto de Lantaño, Galicia (España)

ROTEIRO PROMOVIDO POLA COMUNIDADE DE MONTES DE LANTAÑO
Este roteiro percorre a estrema e antigos camiños do monte común. No camiño atópanse puntos de interese como a primeira lagareta rupestre localizada dentro da subzona Val do Salnés da D.O. Rías Baixas, un antigo pozo de rego cheo de vida e varios miradoiros cunha ampla panorámica.

O acceso realízase tamén dende a EP-8004 collendo o desvío sinalizado de Romai, no lugar de Almirante. Atopará o inicio despois de 600 m, á altura da ponte que cruza a AP-9.

Ver más external

Este roteiro percorre a estrema e antigos camiños do monte común de Lantaño. No percorrido atópanse puntos de interese como a primeira lagareta rupestre localizada dentro da subzona Val do Salnés da D.O. Rías Baixas, un antigo pozo de rego cheo de vida e varios miradoiros cunha ampla panorámica. Neste percorrido descubrirá que o monte é máis ca plantacións de árbores, máis ca fábricas de papel. Se o sabemos coidar o monte é unha fonte inesgotable de materias primas, alimento, medicinas, lecer, cultura e natureza. O monte é unha parte fundamental do noso patrimonio. No camiño atopará os marcos do Monte Veciñal en Man Común de Lantaño pois, en parte, segue a estrema que separa o monte comunal das parcelas particulares. Estes marcos levan habitualmente o debuxo da liña na parte superior indicando a forma da estrema, recta ou en esquina, e a inscrición MP seguida do número de marco. A inscrición MP deriva de “monte público” pois, aínda que os montes comunais non o son, cando se deslindaron en 1967 dependían dos concellos e o ICONA polo que se consideraban públicos. Non foi ata o ano 1982 cando os veciños de Lantaño recuperaron o control do seu monte previamente usurpado pola Administración. Os Montes Veciñais en Man Común Os Montes Veciñais en Man Común, Montes Comunais ou Montes Veciñais son titularidades privadas colectivas que pertencen aos veciños dun lugar ou parroquia na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas e que se veñen aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros. Considéranse veciños os que teñan casa aberta e con fume, é dicir, quen realmente viva no lugar independentemente se é propietario ou non da casa. Os veciños organízanse en comunidade e toman as decisións a través da Asemblea de Comuneiros que elixe a correspondente Xunta Directiva. O 30% da superficie forestal galega, máis de 600.000 hectáreas, corresponde a monte veciñal en man común, xestionado por 2835 comunidades de montes. O que da unha idea da importancia de esta propiedade para a xestión forestal e a conservación da natureza e da cultura galega. Os Montes Veciñais son unha institución tipicamente galega, aínda que tamén existen no norte de Portugal coa denominación de Baldios, en menor medida en Castela e León, Asturias e Cantabria, así como algún exemplo espallado polo resto da península (Lleida e Granada). Este tipo de propiedade é considerada de orixe sueva e funcionou durante séculos sen intervención da administración ata que nos tempos da ditadura do Xeneral Franco foron usurpados pasando a depender da administración. Non foi ata a chegada da democracia cando se puido recuperar o control dos mesmos polos veciños. Os usos tradicionais do monte común eran varios, dende o cultivo de cereais, a obtención de estrume para o gando, leña, madeira, pasteiros para o gando, subministro de auga, canteiras… Moitos destes usos perduran hoxe en día e outros fóronse cambiando por outros novos como poden ser os parques eólicos ou os roteiros de sendeirismo. O monte veciñal pode ser un dos principais motores de emprego local de conseguirse mellorar a explotación forestal e facela compatible con outros importantes usos do monte coma a produción de cogomelos, froitos, espazo de lecer etc. A importancia das áreas de xestión comunal para a conservación da biodiversidade é enorme. Recentemente a Convenio sobre a Diversidade Biolóxica, auspiciado polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), ven de publicar un estudo sobre a importancia das áreas xestionadas non por gobernos se non por comunidades locais. O estudo realizouse en 18 países de todo o mundo e demostra que España é un dos países máis ricos de Europa en canto a usos comunais e xeitos de gobernanza e xestión local do medio natural: montes en man común/de socios/ o comunais, confrarías, “juntas de pastos”, “juntas de valle”, “facerías” etc. Moitas destas zonas polo seu bo facer cara a sustentabilidade considéranse ICCA ou Áreas de Conservación Comunal. Estas áreas son consideradas vitais para a conservación da biodiversidade e tamén para a conservación da diversidade cultural. http://roteiros-lantanho.blogspot.com.es/p/inicio-roteiro-2.html
Dende este miradoiro de tan só 202 m de altura pódense observar nos días máis claros, detrás do Monte da Paradanta, puntos tan afastados coma os cumios do Parque Nacional de Peneda do Gerês en Portugal, a máis de 70 km de distancia. Esta perspectiva é debido a que nos atopamos a carón da Depresión Meridiana, unha gran fractura, longa e ancha, que dende Tui chega máis alá de Santiago de Compostela. Este val foi aproveitado dende tempos antigos como ruta natural para unir o norte e o sur de Galicia e por ela descorren a autoestrada do Atlántico, o Camiño de Santiago e anteriormente a Vía XIX do Imperio Romano. A pedra sobre a que se atopa, o granito, ven acompañando ao ser humano que se moveu por estas terras dende a máis remota antigüidade. Os primeiros gandeiros e labregos, no Neolítico, construíron as súas tumbas, as mámoas, con estas pedras; na Idade do Bronce deixáronnos enigmáticos gravados sobre a pedra e, dende a Idade de Ferro ata a época actual, os nosos devanceiros souberon utilizar a dureza de esta pedra para a construción de fogares, defensas, pontes, muíños e monumentos. http://roteiros-lantanho.blogspot.com.es/p/miradoiro-do-outeiro-grande.html
Unha charca é un microcosmos, pois resulta difícil atopar maior biodiversidade en menos espazo. A pesar da súa prodixiosa capacidade de adaptación á vida nesta fronteira amable entre o medio acuático e o terrestre, os animais e plantas das zonas húmidas son moi fráxiles ante calquera alteración do seu medio. Nunha charca reprodúcese a pequena escala o proceso do nacemento e da evolución da vida. Seguramente foi unha charca o primeiro espello en que a nosa especie se descubriu a si mesma. A contaminación destes espazos non deixa de ser tamén un reflexo das nosas actuacións, do mesmo xeito que a súa recuperación ecolóxica redunda de xeito determinante na calidade da auga que consumimos, polo que conservar a limpeza destes lugares representa a mellor imaxe que podemos deixar tras a nosa visita. Lembre que en xeral moitas destas especies están actualmente protexidas, algunhas incluso en perigo de extinción, polo que debemos evitar provocarlles danos e molestias nin alterar o seu espazo vital. http://roteiros-lantanho.blogspot.com.es/p/pozo-do-sabugueiro.html
A HISTORIA CONSERVADA EN PEDRA Este lagar rupestre é o primeiro localizado en toda a comarca do Salnés e, probablemente, foi construído na Idade Media. Trátase dun lagar de pisado, é dicir, nel botábanse os acios que se viñan de vendimar para, mediante pisado, extraer o mosto. Este saía pola canle onde se poñía un bico de madeira, para que non escorregase pola pedra, e caía probablemente nun barcal de madeira. O máis habitual era que o mosto se baixase ata as adegas en pelellos que se enchían por inmersión no barcal. Actualmente pode vostede comprobar que non existen cultivos de vide na súa contorna inmediata, polo que tamén amosa os cambios no uso do solo que se produciron ao longo destes anos. A memoria destes cultivos quedou gardada nos topónimos que rodean este lugar con nomes tan suxestivos como Viña Nova ou Viña do Monte. As chairas de asolagamento dos ríos, como o Umia, reciben os nutrientes que o seu leito vai recollendo ao longo do seu percorrido, convertendo estas terras en zonas especialmente produtivas, como ben sabían e seguen sabendo os seus habitantes que as escolleron dende hai séculos para os seus cultivos. A lagareta trae ata os nosos días a testemuña desta simbiose entre a humanidade e a terra que a sustenta. http://roteiros-lantanho.blogspot.com.es/p/lagareta-rupestre.html
Co paso do tempo a humanidade foi organizando os distintos usos do solo optimizando o aproveitamento das condicións naturais de cada espazo. As zonas baixas, con terras máis produtivas polas achegas de sedimento do río, son as zonas preferentes de cultivo para consumo. As ladeiras dedícanse ao aproveitamento forestal e no centro, onde a altitude intermedia propicia que as condicións de humidade e temperatura sexan máis estables ao longo do ano, localízanse as aldeas e vilas. Como todos os elementos vivos as paisaxes tamén cambian e evolucionan co tempo. A ordenación deste territorio como o podemos ver hoxe e o resultado de séculos de interacción, non sempre amable, entre a humanidade e a natureza. http://roteiros-lantanho.blogspot.com.es/p/miradoiro-da-igrexa.html
Dende este miradoiro pode vostede contemplar unha panorámica do norte de Lantaño, que abarca desde a serra do Barbanza até Cuntis e A Estrada, ademais dos terreos dunha Bouza do Rei. O auxe do tráfico de mercadorías con América e as disputas polo control das rutas marítimas con Francia e Inglaterra motivan que a casa real española decida controlar o subministro de madeira de calidade para a construción naval. Os bosques galegos preto da costa eran o mellor e máis abundante recurso, polo que por toda a nosa xeografía delimítanse por decreto as chamadas “Bouzas do Rei”, terreos reservados para o subministro de materia prima ás carpinterías de ribeira da coroa. Desde este miradoiro pódense contemplar os terreos do que no seu día foi unha Bouza do Rei, da que aínda se conservan algúns fitos de pedra coa súa delimitación. http://roteiros-lantanho.blogspot.com.es/p/balcon-do-cachal.html

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta