Piolla

Coordenadas 183

Fecha de subida 25 de junio de 2012

-
-
712 m
519 m
0
5,0
10,0
19,91 km

Vista 1050 veces, descargada 10 veces

preto de Presqueira, Galicia (España)

Os Petróglifos de San Vitorio sitúanse a carón da capela do mesmo nome. A súa maior parte están situados na laxe que está debaixo do penedo onde posteriormente esculpiron un anxo e puxeron un cruceiro, que se supón que sería para cristianizar a zona. Na segunda foto pódese ver a sombra de ese penedo sobre un dos círculos concéntricos, a falta de un par de días para o solsticio de verán. Polo outro lado da estrada de Molgas a Presquiera, a uns 50 m. dos anteriores atopamos outros círculos (foto 1). Suponse que nesta zona podían existir máis, pero por aquí tivo lugar a extracción de pedra para facer o Santuario dos Milagres no século XVIII.
A Capela de San Vitorio é unha pequena construción prerrománica realizada en cantaría, cunha soa nave e cuberta a dúas augas. Na fachada principal disponse a porta de acceso, cuxo lintel posúe unha inscrición, flanqueada por pequenas ventás laterais. O conxunto remátese en cornixa cunha pequena espadana dun van coroada cunha cruz de pedra. No contorno da ermida atópase un cruceiro que se ergue sobre un penedo cos coñecidos petróglifos do San Vitoiro. A Capela sitúase, saíndo de Baños de Molgas cara a Presqueira, no alto do outeiro chamado «O Teso do San Vitoiro».
O Cruceiro do San Vitoiro é unha obra de pedra cuxo baseamento é un penedo no que está esculpida a figura do Anxo da Agonia. Sobre este, a cruz, coa imaxe de Cristo no anverso. E probable que se construíra para cristianizar a laxa sobre a que se apoia o conxunto, todo ao carón da capela do mesmo nome, pois nesa laxe se atopan os petróglifos do San Vitoiro. Ademais do anxo, no mesmo penedo-base, podemos ver unha cruz de termo e, posiblemente, o que puidera ser un serpentiforme, malia que moi erosionado.
A Capela de Santo Antón de Nocelo posúe planta rectangular con muros de sillaría de 6,00 x 10,00 metros e cuberta de tella a dúas augas. No fronte, sobre a porta de acceso disponse unha cornixa recta con remates de pináculos nas esquinas. Coroando todo, unha pequena espadana dun van con campanil, e remate en cruz de pedra.
No actual lugar de Sta. Eufemia está recollida a existencia dun xacemento de adscrición romana. No templo prerromanico que se atopa neste antigo asentamento romano e poboado medieval, unha ara romana sirve de soporte para o altar coa lenda AVRELIS / FLAV(U)S / TAM(ACANUS) TACAMUS / NYMPHIS / EX VOTO (a terceira liña non esta moi clara). Suponse que esta ara saliu de esta fonte que se atopa ao caron da poboación en dirección o rio Arnoia. Esta é unha poderosa razón, xunto con outros elementos que se ven nos muros, para afirmar que se trata dun antiguo lugar de culto ás aguas. A aparición de ninfas identificadas como divindades que habitan as fontes, como a personificación das forzas da natureza, interpretase como o intento por parte das autoridades romanas para adaptar progresivamente os deuses indíxenas e, así, introducir o modelo de culto romano. Os deuses indíxenas do tipo celta son substituídos por cultos coma o das ninfas, que toman o lugar das divindades nativas, producindo unha osmose entre o romano eo elemento nativo e unha sociedade mixta celta-romana. As ninfas eran as deusas mais invocadas en Balnearios, varían de unhas a outras inscricións a ortografía. Así podemos ver: Nimphis, Nymphis, Nymfis, Ninphis, Nimpis. De aquí levaría o señor de Ambía, despois do século X, a gran ara cristianada que atopamos no faiado dunha casa dependente da Torre, e que se trasladóu ò Museo de Ourense. No arco da fonte podese ver anque moi difuminada unha lenda. Na actualidade esta fonte está case esquecida, só se emprega para a rega das leiras que se atopan nas lindes, pero na súa época debeu de ser un gran complexo, polo que se intúe do que queda en pé.
Capela de estilo prerrománico do século IX, planta dunha soa nave con ábside rectangular, consérvanse tres ventás dobres con arcos de ferradura de influencia mozárabe. Estas ventás corresponden coas tres capelas interiores en que estaba dividida a primitiva nave, das que se conserva o arranque dos arcos que as formaban. Un ara romana sirve de soporte para o altar coa lenda AVRELIS / FLAV(U)S / TAM(ACANUS) TACAMUS / NYMPHIS / EX VOTO, e outra anepígrafe no parteluz da fiestra central da absida da capela. Tamén se conserva unha talla románica dun Cristo (madeira de escambrón) tocado cunha coroa e con catro cravos sobre una cruz moderna. Declarado Monumento Histórico-Artístico (Decreto 3 de xuño de 1931). No actual lugar de Sta. Eufemia está recollida a existencia dun xacemento de adscrición romana. A cantería da capela, adaptada ao edificio pero reaproveitada doutro anterior. Como a inscrición conservada como material reutilizado nunha casa próxima, coa lenda SCE EVFEMIE, e outras atopadas, unha con lenda adicada a San Salvador, e outra máis a Sta María, confirman a ocupación do lugar en época medieval.
A Igrexa parroquial de Santo Estevo de Ambía posúe planta rectangular con muros de sillaría e o presbiterio algo máis elevado que a nave. Fronte sinxelo con porta de acceso e sobre ela pequena ventá circular, con cornixa en ángulo rematada con pináculos nas esquinas, e sobre ela espadana dun corpo, con remate con pirámide coroada con cruz. Segundo reza nunha das paredes a fecha de construción da actual sería 1875. Ambía é o nome do val e parroquia que nel asenta, non un lugar preciso.Val regado polo regueiro de Ambiela, diminutivo e afluente pola esquerda da Arnoia. No mesmo val, pero xa á beira de Xunqueira, hai o Ambiado. Ambía está ao pé do enfesto Monte da Farria; na corredoira que se dirixe a este lugar, pode verse de pía dunha fonte incrustada na caracocha dun castiñeiro, un sartego antropoide(O Pilo). Hai nalgún penedo insculturas(Petroglifo do monte da Grama), resíos romanos e prerromanos, aras, algún castro(Castro da Acea). Son oito os lugares desta freguesía, veciña a Xunqueira. O castelo principal do brazo civil rosendiano estaba onde lle din A Torre sobre Suatorre, ademais doutro forte subindo o monte onde lle din As Torres. Aquí radica sen dúbida a base, o soar inicial da nobreza espallada polo Val. da Alta Arnoia. Tal foi o asento do brazo leigo rosendiano, punto de partida pra recobrar o espazo doado polos seus devanceiros, máis xenerosos, eles acuciados polo brillo da nobreza. Do primitivo castelo ou torre o que fica é o camiño de ronda, coas casas veciñas á roda; cos perpiaños desmontados no séc.XIX fixéronse casas en Vilameá, deixando os alicerces cortados na rocha viva. O nome do lugar é indicativo: Su a Torre. A referencia a Ambía segue por séculos, dando novas das orixes dos persoeiros a falta de arbores xenealóxicas. Aquí asitiaron os descendentes dos re-fundadores do mosteiro bieito de Xunqueira de Ambía que aparecen na escritura do ano 972, vista e citada por Ambrosio de Morales (Viage, 160). De Ambía parten, actuando entre Sil, Miño e Limia; de aquí salta a Maceda e en Maceda se instala Don Paio Arias de Ambía, casado con dona María Rodríguez, sen por elo deixar de ollo as Torres de Ambía, de Penafiel en Armariz e Castelo de Bara en San Xoán de Padreda. Hai un documento de Alfonso IX, anterior ò 1230 (A Limia, 440), no que está clara a interferencia deste Paio Arias nas propiedades dos mosteiros (Mº Rocas, 141) 1º Señor de Soutomaior, que está ó servizo de Alfonso VII (1109-1157), e que casa con Dona Inés Pérez de Ambía filla de Don Pedro Páez de Ambía e Dona María Fernández. Fillo de Men Páez e Inés Pérez de Ambía é Paio Méndez de Soutomaior (Pérez de Ambía) cabeza dos Soutomaior de Toledo, que loita nas Navas de Tolosa con Alfonso VIII (1158-1214). Elvira Páez de Ambía casa con Gonzalo Yáñez de Nóvoa, e ó lle dar de dote a Torre de Maceda, son os primeiros señores de Maceda. (Coello, Apuntes 52). O apelido, distintivo, de Ambía aparece na Idade Media por onde quer que vaia algún personaxe algo importante desta orixe. No século XIII temos a Fray García Fernández de Ambía,dominico. Desta castimonia, sen que poidamos segui-la liña xenealóxica, é ese Pay Rodríguez de Ambía, valente guereiro, que no ano 1340 combate contra a mouramia na batalla do Salado (Tarifa) ó lado de Alfonso XI, o mesmo que sostén liza en Valladolid con Ruy Páez de Biedma nado en Allariz polo 1300. Adiantado este de Galicia e Merino Maior, a quen Alfonso XI dá a Casa de Portela de Pena no 1336. Pay Rodríguez de Ambía é sen dúbida o que gana as 5 lúas que se ven no blasón dos Ambía, herdado polo actual escudo de Xunqueira de Ambía. No ano 1585 fai testamento dona Guiomar Méndez (Menendiz) de Ambía, fundando o albergue de S.Pedro de Allariz, dotándoo coas casas que ten na vila, “para que moren en ellas y den cama a pobres vergonzantes” (Allariz, 137, Cid Rumbao).
A Igrexa parroquial de San Martiño de Presqueira posúe planta rectangular con muros de sillaría, presbiterio algo máis elevado que a nave con remates de pináculos nas esquinas e cruz de pedra na cumbreira. Fronte sinxelo con cornixa en ángulo e sobre ela espadana dun corpo con dous vans con sendas campás, e remate con cruz de pedra e adornos nas esquinas. Destaca o reloxo de sol no seu exterior. Á beira de Guamil está San Martiño de Presqueira, daquela aínda a igrexa no lugariño de San Martiño, logo trasladada ó de Presqueira á beira en 1778. A primeira vez que se nomea este lugar é no ano 1250 (Devanceiros, 14): domnus Fernandus Garsie das Manus… cum uxore mea Maria Menendi… damus… una leira a foru in uilla qui Dicitur Pedrisqueira en Caruallas Vellas. … que dedes inde quarta de pan. Interesante nova xa que esa “leira” en Presqueira (Petriscaria, de Petra) algo ten que ver cos señores de Ambía, de cuia familia é María Menendi ou Méndez, tía do sonado Don Paio Arias de Ambía, irmá de Arias Menendi (1196,1238), Velascus Menendi (1150,1172,1194), e Petrus Menendi (1196,1250), que se cita ano 1250 (Rivas, op.cit.). Interesante por ser xa un foro típico ‘à cuarta’ en San Martiño de Presqueira, escritura en que firman Martinus Velasci, Petrus Velasci e Velascus Martini fillo do primeiro, que coma María Menendi son da familia rosendiana de Ambía. O pai, Velascus Menendi señor de Ambía vémolo no ano 1174: Velasco Menendiz tenente Penam Fidelem á dereita da Arnoia, entre San Sillau e A Pousa. De testemuñas firman nesa escritura: Pedro Roderici de Fonquberta, Fernando Uelasci de Uide, etc de lugares na veciñanza, Vide e Foncuberta. Pola Visita Pastoral do ano 1487 (BCMO, 107) vemos que era padroádego do Conde de Maceda, e incluso a miúdo os seus curas familia dos Nóvoa.
A Igrexa parroquial de Santa María de Poedo posúe planta rectangular con muros de sillaría, presbiterio algo máis elevado que a nave con remates de pináculos nas esquinas e cruz de pedra no cumio. Fronte sinxelo con cornixa en ángulo e sobre ela espadana dun corpo con dous vans, e remate con cruz de pedra e adornos nas esquinas. Á beira de S. Román de Sobradelo está Poedo, xa na Limia, enfesto monte en medio con Ambía. A súa igrexa sempre foi anexo ou sufragánea da de Sº Estevo de Ambía. O último abade propio que tivo, nativo do lugar, foi Don Indalecio a comezos do séc.XX. Aínda pervive a lembranza entre os maiores de que o señor destacado en Poedo baixaba polo camiño das Torres pra oír a misa dominical na Ambía e o señor abade, vasallo tamén e por el presentado, non daba o primeiro toque de sinos deica asomar o seu pendón señorial no alto. Non sabemos cando se fixo couto aparte de Poedo, dándollo de dote a algún herdeiro. Segundo o P. Crespo (Op. cit. XXV, 22-23), Poedo, algún lugar de Ambía, Piñeira de Arcos e outros máis, seríanlle doados polo rei Enrique II de Trastámara (1333-1379), Poedo, anexo de Sº Estevo de Ambía, tiña polo 1487 coma padroeiros (BCMO, núm.107) a dona Leonor de Nóvoa e Alonso de Nóvoa, aos que pagaban de foro os veciños 4 fanegas de pan ao ano. O Conde de Torre Penela, do cal o escudo e soar se ve en San Martiño de Alongos (Toén) coas armas dos Puga, era ò mesmo tempo señor de Poedo, Xocín, Maus e Freás de Astariz (CEG, Nº59,341). Inclusive tivo algún foro aquí o mosteiro de Sª Mª de Xunqueira de Espadanedo. No ano 1489 o prior Fr. Rodrigo de Castro outorga un foro a Álvaro García e súa muller Teresa Pérez e a 5 voces da metade do lugar de Poedo, coa metade de tódalas casas e herdades suo sino de Santiago de Poedo, con tal que o coiden ben e paguen renda anual de 5 fanegas de centeo e 2 maravedís vellos cada ano de dereitura e visitalos co que tivesen por S.Marcos, e pagar loitosa. Tamén afora a Xoán de Goamil e súa muller Aldonza Rodriguez e a 5 voces a mitade dos lugares de Poedo coa metade das casas e herdades de forma semellante (Bol. Aur.,IX, 187-8). No ano 1736 son cofrades no Santuario dos Milagres, Benito Sarmiento, Jacinta Ulloa, Joseph Sarmiento y Ulloa e Jacinto Sarmiento y Ulloa, pais e fillos, señores de Poedo. No ano 1749, os veciños do Couto de Poedo dispoñen unha demanda contra os señores (CEG, nº98, 225-6) pra se eximiren da prestación que lles tiñan que satisfacer por vasalaxe e recoñecemento do dominio directo de soar e bens debido a queima dos títulos e privilexios en tempo da invasión francesa. O último preito orixinouse por seren os veciños remisos en pagar aos cabezaleiros. A Casa grande de Poedo hai moito que desapareceu ficando a lembranza no lugar: A Casa Queimada da invasión francesa. Derradeiro sinal era o banco co seu escudo á beira do altar, no que adoitaba sentarse o señor de Poedo asistindo aos santos oficios. Con pouco respeito para arte e a historia, malvendeuse pola dieza de 1950. Soamente fica o debuxo do escudo atrás ollado. Os padroádegos sobre as igrexas e os dereitos de presentación, que estaban obsoletos, acaban desaparecendo no ano 1953.
A Igrexa parroquial de Santa María de Guamil posúe planta rectangular con muros de sillaría. O presbiterio está algo máis elevado que a nave con remates de pináculos nas esquinas. Fronte sinxelo con cornixa en ángulo e sobre ela espadana dun corpo con dous vans, e remate en pequena pirámide con cruz de pedra e adornos nas esquinas. Sª Mª de Guamil é lugar e parroquia sufragánea de S.Cibrao de Lama Má. (Rivas, 255). No 1213 Alfonso IX atendendo a queixas do Mosteiro de Sº E. de Ribas de Sil, confírmao nas súas posesións: Ego A (lfonsus)… ad querelam abbatis et conventus monasterii Sancti Stephani de Ripa Sili… inquiri mandavi… super hereditate… de Almouti et super uno casali de Guaamir, qui ad monasterium suum dicebant spectare de iure… et inveni sicut ipsi dicebant. Don Paio Arias ou Ares de Ambía tenta tamén as propiedades que o mosteiro ten en Guamil (B.de Molgas). Así, no ano 1233 citado:… dant et concedunt medietatem… in Guaamir,… in tota terra de Juncaria et de Sancto Joanne, excepto Sancto Romano et Sobradelo…, onde lle habían de conceder a mitade dun casal que tiña o mosteiro, sendo episcopo in Auria domno L (aurentio) existente. O lugar de Gahamill cítase por derradeira vez no ano 1515, cando se lle afora a Gomez de Loyntra (Mº de Ribas, 424). Este Casal en Guamil dos bieitos de Sº E. de Ribas de Sil, pasa a ser couto do Conde de Maceda. M. Coello (Apuntes, 39) di que foi señorío de dona Sancha de Ulloa, muller de Lope de Feixoo. No ano 1769 consta no anexo de Guamil, coma encargado, Don Pedro de Nóvoa, onde no 1822 está tamén un Don Nicolás de Nóvoa. Sempre a Casa de Maceda.
A Capela de Santiago de Meamán posúe planta rectangular con muros de sillaría de 6,00 x 15,00 metros, con cuberta de tella a dúas augas. No fronte ábrese a porta de acceso flanqueada por ventás laterais. Sobre ela disponse unha cornixa con remates en pináculos e unha grande espadana de dous corpos, con remate en cruz de ferro, nas esquinas pináculos de bolas. O día 24 de Agosto de 1752, segundo o catastro do Marques de Ensenada, o pobo de «Miaman» tiña 19 veciños (familias) que dispuñan de 56 casas repartidas polo pobo, estando estes baixo a protección por razón de señorío da Condesa de Monterrey, á que pagaban os tributos. En 1794 créase a capela na honra do Apóstolo Santiago, que sería ampliada no ano 1930 grazas a colaboración da veciñanza e, sobre todo, de Cecilio Blanco Otero (19/04/1881 – 4/06/1947), casado con Emilia Page. O matrimonio tivo 2 fillos: unha monxa, que colaborou moito ca capela pagando os bancos e algunhas reformas, e un mozo que emigrou a Arxentina. A reforma da capela consistiu na prolongación da parte traseira, así como na fachada o aumento do campanario con dúas campás, unha sufragada por Cecilio Blanco, poñendo o campanario anterior enriba do novo. A obra fíxose estando de cura Don Xosé María con consentimento do bispo. Destacar que o 29 de abril de 1899 houbo unha voda na capela de «Miaman» de Juan Antonio Novoa Nieto de 21 anos e Etelvina Novoa Garrido de 17 anos; e que nesta parroquia naceu o sacerdote Pai Paúl Augusto García Lamas en 1932.
A Igrexa parroquial de San Cibrao de Lama Má data do século XVIII. O edificio posúe planta rectangular con muros de sillaría, de grandes dimensións, presbiterio máis elevado que a nave con remates de pináculos nas esquinas. Fronte con cornixa en ángulo e sobre ela espadana dun corpo que alberga as campás, e remate piramidal con cruz de ferro. Porta principal de acceso con decoración xeométrica e sobre ela pedra con inscrición, pequena ventá octogonal e pequena fornela coa figura dun bispo, todo rodeado de decoración a base de lambrequíns, e acompañado de escudo e inscrición. Escudo da fachada, situado na parte superior da porta de acceso, onde se atopa unha pequena pedra labrada, con decoración vexetal. Na parte alta e central atópase unha fornecina cun pequeno altar onde se ergue unha figura, rodeado de decoración formada por lambrequíns. Acompañando un por cada lado, atópanse unha pedra con inscrición e enmarcada con decoración a base de lambrequíns e unha pedra heráldica labrada en varias pedras, cuartelada nun e coroado por abundante decoración formada por lambrequíns, rodeado tamén desta decoración. No interior destacan o artesonado no teito(foto-2), o retablo, un tríptico e o resto dunha pintura renacentista, que representa a Sta Lucia. Vilariño de Lama Má foi antes Vilariño da Torre, coa igrexa parroquial en Calvelo de Seoane ou Calvelo do Río, máis coñecido por Calvelo de Lama Má. A igrexa estaba en Lama Má, à esquerda mesmo do Río Arnoia. Case un km. abaixo do lugar, solitaria permanece a igrexa alí deica 1760, cando é trasladada a Vilariño, agora de Lama Má por esa razón esquecendo o “da Torre” que o era por referencia á casa señorial. O traslado faino o daquela abade –xa dende 1744 ó menos- Don Alonso de Mira Feixoo Enriquez de Nóvoa e Soutomaior, nativo e señor da Casa de Reza, cuio pazo patrimonial tamén ergue no 1755, igual cá reitoral de Lama Má. Consta en cartela na fachada da igrexa: HIZOSE SIENDO ABAD EL SR DN ALONSO DE MIRA Y SOTOMAIOR. ANO DE 1762. No ano 1230 o bispo de Ourense dá ós Cóengos Regulares de Santo Agostiño de Xunqueira de Ambía, esta freguesía. É a razón do padroádego en séculos vindeiros. Neste tempo, ano 1235, Don Pedro abade de Lama Má vai en compaña dunha das mesnadas que marchan á Reconquista con San Fernando, levando consigo o Santo Cristo dos Desamparados, que alá fica, morrendo ós 96 anos, fundada a gran vila de Pedro Abad en Córdoba. O Santo Cristo queimárono os progresistas do 1936. Actualmente os dous pobos están hermanados, facendo xuntanzas en varias ocasións. Vilariño da Torre foi padroádego da Casa dos Soutelo de Nóvoa (A Limia, 372). Don Alonso de Mira Feixoo Enriquez Nóvoa e Soutomaior, de Reza, ergue a igrexa, seguindo planos da igrexa de Canedo, Ourense, transferida a antiga dende o río. Cando se ergue a igrexa polo 1760, aínda fai acto de presenza na heráldica local un Soutelo de Xocín. De Don Antonio Soutelo de Nóvoa, da Casa de Xocín, Mestre de Campo e Cabaleiro de Santiago, veñen os marqueses de Villaverde de Limia, cuio escudo se pode ver na fachada da igrexa de Lama Má .(Región, 5.10.1975), que sospeitamos pouco ortodoxo. Polo 1760 o padroeiro de Lama Má era Don Manuel Soutelo de Nóvoa (o que manda poñer na igrexa de Lama Má escudo de Soutelo, 5 cipreses por castiñeiros, en sotuer), ao que segue seu fillo Benito Soutelo de Nóvoa y Niño de la Vega y Ron, Rexedor de Ourense polo 1800, 1º Marqués de Santás -> 1º de Villaverde de Limia (en que troca o de Santás polo alpurnaren con “Marqués de Satanás” polo seu malo xenio). Chama a atención a largueza que esta igrexa e freguesía ten en destros, verdadeiros foros; de seguro que veñen de fundación rosendiana, mantidos mesmo pola razón de seren os abades da familia señorial. Información: Elixio Rivas Quintas – Estudios de genealogía, heráldica y nobiliaria de Galicia.
Pequena capela de planta rectangular con muros de sillaría de 4,00 x 9,00 metros e cuberta de tella a dúas augas. Fronte con porta de acceso e ventás laterais, con pequena espadana cun van onde se atopa a campá, apoiada sobre cornixa, e remate en cruz de pedra adornada con pináculos rematados en bolas.

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta