Coordenadas 113

Fecha de subida 20 de septiembre de 2011

Fecha de realización septiembre 2011

-
-
354 m
257 m
0
0,7
1,4
2,81 km

Vista 5054 veces, descargada 83 veces

preto de Santiago de Compostela, Galicia (España)

GRANXA DO XESTO
Parece bastante evidente que toma o seu nome da familia que a posuíu durante varias xeracións, pois a finca estivo integrada nun vínculo –lote de bens e dereitos que se transmitían sen fragmentación por vía de herdanza– que fundou no século XVII Don Pedro Gesto.
Foi unha área de produción forestal na que coexistían especies autóctonas e introducidas, cultivadas para o seu aproveitamento. Nas obras de creación do parque tratouse de recuperar a fraga atlántica orixinal mantendo as especies que formaban parte dela, eliminando eucaliptos e acacias, especies de forte carácter invasor que, atendendo á normativa en materia de prevención de incendios, é obrigado substituír polo seu alto índice de piroficidade.
No parque conserváronse os carballos, bidueiros, piñeiros e castiñeiros, que foron ampliados até formar bosquetes, e plantáronse abeleiras, érbedos e estripeiros. Están acompañados por matogueiras formadas por toxo, xesta, queiroga e roseiras silvestres.

SOUTO DE CASTIÑEIROS (Castanea sativa)
Os castiñeiros, na actualidade en forte regresión en Galicia por mor de enfermidades como a tinta ou o chancro, son árbores orixinarios da Europa meridional e Asia, e a súa propagación por Galicia estivo propiciada polo Imperio Romano, que gustaban do seu froito como alimento. A castaña tamén tivo unha enorme importancia na vida diaria do rural galego ao longo de varios séculos, xa que antes da chegada da pataca procedente de América, era a principal fonte de carbohidratos da dieta galega.
Neste souto as árbores están dispostas de maneira regular, o que indica que se trata dun aproveitamento forestal. Un souto é unha agrupación de árbores na que o castiñeiro é o dominante, mentres que unha fraga é un bosque caducifolio pluriespecífico, no que hai presenza de carballos, castiñeiros, bidueiros, acivros, loureiros, etc.
Son árbores lonxevos, podendo chegar a milenarios, e en Galicia atopamos castiñeiros de mais de 500 anos en Manzaneda (Ourense) As follas serven de forraxe e a súa madeira se emprega en carpintaría e ebanistería.

MINAS DE AUGA E LAGOAS
Na parte superior do parque atopamos dúas minas de auga, que servían para nutrir de auga ás fontes da cidade.
O aproveitamento dos mananciais precisa do acondicionamento do lugar onde abrollan: buscar a corrente soterrada e o seu punto de afloramento, o saneamento da zona e, chegado o caso, a súa canalización cara a unha fonte ou condución.
Estas fendeduras no terreo responden a esta función. Na que cae máis abaixo obsérvase con claridade e conserva o acceso á galería de drenaxe. Ambas as dúas minas presentan as características típicas deste tipo de infraestruturas.
Estes medios húmidos e subterráneos son esenciais para moitas especies, entre elas a salamántiga, un anfibio ameazado que só cría neste tipo de hábitats.
Un lago grande, situado no medio do parque, e varios pequenos en forma alongada, son ecosistemas acuáticos seminaturais, están intercomunicados e recollen por gravidade a auga das minas e da ladeira do Pedroso. Estas charcas están ocupadas por espadanais, xunqueiras, lirios e nenúfares, plantas que adoitan aparecer xuntas porque comparten os mesmos requirimentos de auga. Tamén viven aquí anfibios como a ra e o pintafontes, e odonatos como as libeliñas e os cabaliños do demo.

O TOXO (Ulex europaeus)
É unha planta moi espallada en Galicia, caracterizada pola cuberta de espiñas que abrangue toda a súa superficie. As súas flores, as chorimas, son amarelas, cos pétalos dispostos en forma de bolboreta. O seu froito é unha legume de igual estrutura cas fabas. As súas sementes levan adherido un pequeno botón amarelo moi enerxético e apreciado polas formigas, que axudan a propagar a semente.
Dise que en Galicia o toxo sempre está en flor; isto é porque hai tres tipos de toxo: o gateño (Ulex nanus) que florece no outono, o femia (Ulex galli) que florece no verán, e o arnal (Ulex europeus) que o fai na primavera, polo que ao florecer en diversas épocas, sempre hai chorimas na paisaxe galega.
En ocasións sobre as espesas toxeiras podemos ver uns filamentos de cor rosácea que asentan sobre as súas espiñas. Trátase das barbas de raposo (Cuscuta sp.) unha planta parasitaria que vive roubándolle os nutrientes directamente do seu zume.
No sur de América está considerada como especie invasora.

A SELVA NEGRA
A historia deste parque comeza no século XVII cando por orde do Concello a veciñanza das parroquias de Marrozos, Aríns e o Eixo plantaron nesta zona uns carballos, xunto a unha fonte chamada de Xián e nese tempo tamén chamada do Cardeal Espínola, para adornala e dar comodidade aos visitantes, pero non foi posible establecer a localización desta fonte. A tradición oral tamén fala da existencia nas proximidades do lugar dunha capela que hoxe en día tampouco se conserva.
A comezos do século XVIII, a Selva Negra era un monte municipal pechado cun valado, onde había labradíos e aproveitamento forestal. Era un dos espazos de lecer preferidos da xente de Compostela, incluso cando pasou a mans privadas no século XIX. A mocidade facía aquí as súas xuntanzas, e había merendas e verbenas ao carón da fonte, pois os propietarios permitiron o libre acceso da veciñanza.
A finca permaneceu en mans privadas ata a súa venda á cidade en tempos recentes.

A FONTE DA SELVA NEGRA
Esta fermosa fonte monumental está moi ben combinada coa súa contorna natural, dotando ao conxunto dun suxestivo aire romántico.
Situada presidindo a campa, está feita en boa cantería e formase por un corpo de pedra coroado por unha estrutura a modo de cheminea. Ten dous canos que desembocan nunha pía, unha canle que leva a auga até o prado e desaugadoiros laterais ao carón da pía, e está rodeada por dous bancos corridos, tamén ben traballados. Nun dos lados hai a base do que puido ter sido un cruceiro, labrada nunha única peza de pedra.
A fonte está coroada por unha estrutura a modo de cheminea na que parecen adiviñarse os restos dun escudo. Na súa fronte presenta inscricións que hoxe son dificilmente lexibles.
A auga, logo de beirear o prado diríxese ao muro principal, onde conforma unha zona húmida arborada. Desde a fonte domínase toda a campa, e parte das ladeiras do monte. Tras ela sobe un sendeiro que atravesa a carballeira.

Fonte da Selva Negra

Comentarios

    Si quieres, puedes o esta ruta