Tempo  5 horas 33 minutos

Coordenadas 3020

Fecha de subida 3 de diciembre de 2014

Fecha de realización noviembre 2014

  • Valoración

     
  • Información

     
  • Fácil de seguir

     
  • Entorno

     
-
-
387 m
246 m
0
4,6
9,2
18,49 km

Vista 2102 veces, descargada 81 veces

preto de Junqueiras, Galicia (España)

Despois de ter feito a ruta en pleno inverno (http://gl.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=6049264), por fin puidemos achegarnos de novo a esta fermosísima paraxe no outono. Pero que diferente é o avance desta estación na fraga! Fóra dela aínda atopamos moitos carballos con case toda a folla verde. Nas partes máis exteriores e elevadas da fraga, as follas que quedan nos carballos varían do verde ao amarelo e van caendo, mentres que no interior da carballeira, nas zonas que están ao nivel do río, apenas quedan algunhas follas nas copas dos carballos. Haberá que vir de novo, talvez a finais de outubro, para apreciar o amarelo dos bidueiros e amieiros xunto co primeiro murchado das follas dos carballos.

Na anterior visita á fraga non chegaramos até a espectacular fervenza do Pozo Machado(ou aínda non estaba tan ben indicada ou non demos chegado polo nivel da auga, que ía bastante máis alto).

Desta vez fixemos a ruta tal como aparece recollida na páxina "oficial", feita polas comunidades de montes que prepararon e manteñen con dedicación e agarimo esta ruta (http://www.sendadobarragan.com/). Así que pegamos aquí a súa descrición da ruta (a única variación son uns metros de desvío a Moscoso para refrescarnos cunha cervexiña no bar do adro):

"Aínda que o sendeiro conta con varias posibilidades de acceder a el, nesta ocasión eliximos o torreiro de Xunqueiras como comezo e remate da andaina. Este lugar é o máis axeitado pola facilidade para acceder a el, e polo amplo aparcadoiro co que conta.
Faremos todo o percorrido en sentido contrario ás agullas do reloxo. Comezamos a camiñar cara ao sur por un camiño pavimentado e completamente plano. Deixamos atrás este tramo e seguimos nunha pista forestal en principio en terreo tamén plano, ata comezar o descenso que nos levará ás proximidades do río Barragán ou Taboada, do que pouco a pouco xa escoitamos o rumor das súas augas.
Deixamos a pista forestal, xa que utilizaremos o que foi unha levada de regadío coñecida como As de Maruxa. Discorremos 500 m completamente planos, que conforman un magnífico e cómodo balcón que discorre paralelo ao río e que nos leva á Ponte de Pau, un lugar este con moito valor sentimental para as xentes do lugar, xa que neste punto se atopou ata os anos setenta unha ponte de madeira que era vital para as comunicacións dos veciños de Freaza coas outras parroquias.
Varias décadas despois pódese cruzar o río pola nova ponte reconstruída no 2012.
Agora, a tan só douscentos metros espéranos o lugar de Freaza, despois dun pequeno tramo de subida algo esixente xa avistamos as primeiras vivendas.
Freaza, una pequena aldea de casas bastante agrupadas pola que tamén pasaremos á volta. Nesta ocasión o sendeiro discorre pola parte baixa do lugar por un camiño no que as edificacións están a ambos os dous lados. Veciños traballando en labores agrícolas, gando, un lavadoiro, canastros... Unha típica estampa do xenuíno rural galego.
Logo de deixar atrás as vivendas, o camiño discorre novamente próximo ao río, e pouco a pouco achegámonos á parte alta deste. O ascenso é moderado con moitos tramos suaves e a medida que avanzamos a paisaxe asemellas máis d montaña. Grandes pedras e o arborado na súa maioría salgueiros, bidueiros e carballos, que esta vez se atopan só á beira do río. Neste lugar, ao contrario do que acontece na fraga xa podemos avistar de lonxe o primeiro muíño que atopamos pola zona, coñecido co nome De Agosto. Continuamos ascendendo xunto as movidas augas que saltan de pedra en pedra ata atopar un fermoso e relaxante lugar. O seu conxunto forma un merendeiro con mesas, unha ponte de madeira e dous muíños, que destacan dos outros que atoparemos no río polo seu cubo, construído con aros de pedra de considerables dimensións e superpostos, sen dúbida un dos principais expoñentes dos dificultosos traballos de cantería en canto a muíños se refire.
Retomamos logo o sendeiro para percorrer os últimos centos de metros de ascenso durante os cales paga a pena deterse a divisar a longa valgada que deixamos atrás e que nos levou ao corazón do monte.
Xa rematada a subida, atopamos unha paraxe de monte moi aberto á beira dun val coñecido como As Chas de Queirón. Estamos situados no punto máis ao sur de todo o sendeiro, aquí conflúen os dous regueiros máis importantes que lle dan vida ao río, e atópanse os lindes entre os concellos de Mondaríz e Fornelos de Montes. Dende aquí comezamos o retorno á fraga, afastándonos do río durante un bo treito. Unha pista forestal conduciranos á aldea de Freaza novamente. Esta vez pasamos pola parte alta do lugar xunto á casa da cultura, que se atopa no Torreiro da festa, e na saída deste vemos unha pequena capela que honra a san Antonio. Deseguido deixamos esta poboación para comezar un suave descenso, que, pouco a pouco, nos irá levando á extensa fraga na que nos internaremos durante varios quilómetros, entre veigas, muros, e os nosos amigos inseparables, os carballos que xa comezan a aparecer.
Seguimos baixando e dentro de pouco atopamos de novo o río que xa non abandonaremos ata a súa desembocadura no encoro de Eiras. Os pasos chamados Dos Campos e Dos Barcos axudarán acruar as ugas en dúas ocasións e un pouco máis adiante unha ponte de pedra pola que pasamos á outra beira para achegarnos a un importante conxunto etnográfico pertencente a Xunqueiras, composto por tres muíños, presas e levadas ao carón das cales camiñaremos durante este tramo, atopando deseguido o Muíño Vello restaurado na súa totalidade, logo xa o de Muíño Novo e o do Abade, xunto ao que se atopan unhas mesas de pedra.
Seguimos percorrendo un suave descenso que se manterá ata que cheguemos ao encoro. Uns pasos de pedra á nosa dereita serven de enlace á derivación do sendeiro dende o lugar de Pardalongas, se o seguimos a uns trescentos metros podemos visitar a fermosa fervenza chamada do Pozo Machado, situada no río Pielas, e un pouco máis adiante o muíño de Piñeiro, restaurado na súa totalidade.
Se decidimos continuar o sendeiro circular non temos mais que seguir á beira do río, sempre rodeados por unha vexetación abraiante. Logo divisamos os restos do muíño de Perico, e pasamos a presa do Triquillón e a súa levada, pola cal circulamos ata chegar ao muíño, nada máis pasar este atopamos outro muíño, o de Herdeiros e seguiremos camiñando ao carón da presa do Carrillón, e a súa levada ata atopar o muíño e a ponte do mesmo nome.
Cruzamos o río pola ponte de pedra que une as parroquias de Moscoso e Traspielas, e seguimos camiñando entre a espesura da Carballeira, pola beira da presa de Barragán, que é a máis extensa e fonda de todo o río.
Novamente unha ponte permitiranos cruzar á outra beira. A partir de aquí o sendeiro discorre paralelo á levada que conduce a auga ao muíño de Barragan, este muíño destaca por contar con dúas moas.
Continuamos a carón do río, sempre envoltos pola espesa e frondosa vexetación de ribeira onde conviven un bo numero de especies vexetais. Máis adiante, pasado un suave desnivel descendente, descubrimos outro valioso conxunto etnográfico, esa os pasos e o muíño do Portacavada. Pasamos xunto a presa do Portarramil e chegamos á beira das tranquilas augas da presa de Eiras, que lle serve de subministro á cidade de Vigo. O camiño transcorre uns cen metros máis xunto a fermosa paisaxe do encoro, inmerso na carballeira.
Á altura dos pasos do Portaramil, no linde entre os concellos de Pazos e Fornelos, comezamos a ascender e afastámonos do río durante varios quilómetros, para visitar as poboacións de Moscoso e Xunqueiras. Unha vez máis inmersos na carballeira, descubrimos un máxico lugar, de súpeto preséntase ante nós un antigo e impoñente acueduto de pedra que aparenta unha fortaleza, onde un arco oxival nos permite a entrada aos restos dun antigo poboado que se agocha entre carballos e musgo.
Este lugar coñécese como A Cidade, un antigo castro no que posiblemente un pobo agrogandeiro aproveitou o foxo e as pedras para construír un curioso poboado formado por pequenas casiñas semisoterradas. Se camiñamos ao longo do foxo, deixamos voar a imaxinación e lle buscamos unha explicación ao que ollamos, atopámonos unha desas antigas casiñas reconstruída. Trátase da coñecida como A Casa da Raíña, que nos dá unha idea do que puido ser A Cidade tempos atrás.
Seguimos o percorrido abraiados polo encanto do fermoso lugar, e aínda podemos ver a ambos os lados do camiño máis restos de edificacións, pero agora xa máis illadas. Uns douscentos metros máis e xa nos atopamos no extremo situado máis ao norte de todo o sendeiro. Alí, nun outeiro sen vexetación de árbores chamado O Coto do Castro, gozamos dunhas magníficas vistas dos arredores.
Seguindo a ladeira Este do Monte da Cidade retornamos ao acueduto, pasamos pola súa parte superior, e temos a oportunidade, dende aquí, de despedirnos deste enigmático lugar.
Seguimos avanzando e aproveitamos a levada que conducía a auga a ese punto para andar uns catrocentos metros e atopamos o Muíño do Rabelo, totalmente restaurado e situado a carón dun pequeno regueiro do mesmo nome e rodeado de carballos e bidueiros.
Continuamos pola levada deste muíño e de seguido pasamos por varios portelos de pedra, ata atopar un camiño entre muros e cun suave ascenso que nos levará á vila de Moscoso, ao barrio do Eirado, no que aínda se manteñen xunto ao camiño mostras da arquitectura popular.
Agora o percorrido transcorre por algúns tramos pavimentados. Achegándonos ao lugar das lombas vemos unha poza de regadío e outra que se usaba como lavadoiro a carón do camiño, e logo pasamos xunto ás ultimas vivendas. Retomamos o camiño de terra en dirección á fraga do Barragán. Canles de regadío construídas en pedra, muros e varios tipos de cercados nas veigas, amósannos o duros, que ata hai poucos anos, foron os labores agrícolas nesta zona minifundista. Deixamos atrás Moscoso e continuamos descendendo achegándonos unha vez máis á exuberante e extensa carballeira.
A partir de aquí unha pista forestal que se mantén a carón da fraga, danos a oportunidade de camiñar por un tendido terreo e poder admirar o esplendor da gran carballeira. Unha moderada subida lévanos a un estreito camiño entre muros, que nos conduce á parroquia de Xunqueiras. No lugar de Cabo da Raña atopamos o adro onde horas antes comezaramos o percorrido, e dende o cal observamos a Igrexa de san Salvador, rodeada por un singular camposanto, onde algúns dos seus panteóns labrados en pedra son verdadeiras obras de arte.
Unha andaina de 17 km que non deixa indiferente ao camiñante. Historia, auga, pedras, moitas cores e unha infinidade de sensacións. VEN E SINTE!"

UNHA VEZ MÁIS, MOITAS GRAZAS ÁS COMUNIDADES DE MONTES QUE CO SEU TRABALLO NOS PERMITEN GOZAR DESTE LUGAR ÚNICO.

Ver más external

Levada de auga no río Barragán. En Freaza, Pazos de Borbén.
Ponte de madeira
Primeiro paso por Freaza
Muíño de Agosto
Muíño de Cubo
Muíño do Trigo
Novo paso por Freaza
Pasos no río Barragán (tamén chamadas poldras), entre Pazos de Borbén e Fornelos de Montes.
Pasos ou poldras no río Barragán, entre Pazos de Borbén e Fornelos de Montes.
Ponte no río Barragán, entre Fornelos de Montes e Pazos de Borbén.
Muíño no río Barragán, en Xunqueiras, Pazos de Borbén.
Muíño no río Barragán, en Xunqueiras, Pazos de Borbén.
Muíño do Abade
Poldras ou pasos no río Barragán, en Pazos de Borbén, no lugar de Pardalongas. Se cruzamos aquí o río, abandonando momentaneamente a ruta, podemos acceder á fervenza do Pozo Machado.
Fervenza do Pozo Machado, no río Pielas.
Muíño do Perico (ruínas)
Dous muíños moi próximos no río Barragán.
Ponte e muíño do Carillón
Ponte no río Barragán, entre Pazos de Borbén e Fornelos de Montes, e muíño do mesmo nome, que ten dúas moas. A presa anterior á ponte é a maior das existentes neste río.
Muíño de Porta Cavada ou Portacavada, no río Barragán.
Acueduto baixo o cal se accede ao monte da Cidade, datado no ano 1787 e usado para levar a auga da rega dos cultivos. En Calvos, Fornelos de Montes. No lugar chamado A Cidade obsérvanse restos das edificacións.
Edificación restaurada no lugar da Cidade. En Calvos, Fornelos de Montes.
Miradoiro sobre o encoro de Eiras e sobre parte da carballeira.
Muíño no rego Cambichas, afluente do Barragán.
Antigo lavadoiro en Moscoso.

4 comentarios

  • Foto de ciriIII

    ciriIII 14-ene-2015

    .

  • Foto de matapotros

    matapotros 22-ene-2015

    Estás hecho un poeta, sí señor. Se ve que te impresionó la ruta tanto como a nosotros. La hemos hecho hace un par de semanas y es muy buena.
    Gracias por tu descripción, muy ilustrativa.

  • Foto de matapotros

    matapotros 22-ene-2015

    He realizado esta ruta  ver detalle

    Preciosa ruta por un entorno al que sólo le faltó algún alma en pena para que nos acompañase. La descripción de Xoanzinho no deja lugar para más poesía.
    Bien señalizada y amena, llena de paz.

  • Foto de Xoanzinho

    Xoanzinho 22-ene-2015

    Moitas grazas polos teus comentarios, Matapotros. Eu unicamente escribín os primeros parágrafos. O resto, como xa comento no propio texto, é cita literal da web "oficial" desta ruta. E si, efectivamente, impresiona. A meu ver, a mellor ruta no interior da provincia de Pontevedra.

Si quieres, puedes o esta ruta