Combinación destas tres rutas, ben sinalizadas polo concello e mais polas comunidades de montes: sendeiros locais de Saiáns, de Oia e de Coruxo, percorréndoos os tres na súa totalidade (agás un treito curto entre o parque forestal de Coruxo e o desvío cara ao Maúxo, soamente quedamos sen ver a mámoa de Chan Grande). Se alguén quere máis quilómetros e gozar dunhas vistas espectaculares, aínda pode asomarse ao Outeiro Grande (dende o waypoint que indica o enlace co sendeiro local de Coruxo, moi perto do Maúxo). Podedes ver este acceso, por exemplo, na ruta
https://gl.wikiloc.com/rutas-sendeirismo/muinos-de-gontade-oia-a-valadares-polo-mauxo-coruxo-e-o-cepudo-valadares-49218428, entre os puntos do Maúxo e dos Outeiros.
Deixamos o coche no parque forestal de Oia, punto de inicio perfecto para combinar os tres sendeiros locais. Dende aí, o parque forestal de Saiáns queda a un tiro de pedra, de xeito que vai ser o sendeiro local de Saiáns o primeiro que percorramos (o máis breve dos tres).
Sobre os sendeiros locais de Vigo ten publicado o concello, en colaboración coas comunidades de montes, varios polípticos informativos que se poden pedir na oficina de Turismo de Vigo (no porto, onda o despacho de billetes de barco para O Morrazo e as Cíes), malia que coido que aínda non están publicados os de todos os sendeiros locais (dos tres de hoxe, falta o de Oia). Na web municipal dispondes deses folletos, dos planos das rutas e dos tracks:
https://hoxe.vigo.org/movemonos/mabiente_sendas.php?lang=gal#/.
Nesa mesma web podedes descargar a publicación Montes de Vigo. Sendeiros e áreas recreativas (ou directamente aquí:
https://hoxe.vigo.org/pdf/medioambiente/sendas/montesVigo_sendeiros_areasrecr.pdf).
Os datos que inclúo a seguir, agás loxicamente as indicacións dos puntos quilométricos e os comentarios para conectar os distintos sendeiros, están collidas da devandita web. O noso itinerario foi o que segue:
1. Parque forestal de Oia. Fonte. Moi amplo (case 40.000 m2), cunha espléndida “alfombra” verde e frondosas. Estupenda vista panorámica sobre a ría. Aquí comeza o Sendeiro Local de Oia (ten panel informativo), pero nós comezamos indo cara a Saiáns.
2. Parque forestal de Saiáns (600 m do inicio). Fonte. Máis pequeno que o anterior (23.500 m2), ten moita sombra e barbacoas preparadas para evitar posíbel risco de incendio. É o punto de inicio do Sendeiro Local de Saiáns, o primeiro que imos percorrer. Tal como recolle o folleto: comeza neste parque forestal e circula por unha combinación de espazos que expresan o mimo co que a Comunidade de Montes de Saiáns trata o monte. Dende hai máis de 30 anos lévase traballando pola implantación progresiva de frondosas, así como facendo unha recuperación do rico patrimonio existente no privilexiado lugar. Destacar a Área interpretativa dos “Piñeiros do mundo”, así como o bosque de ribeira existente na Fraga Cal de Outeiro xunto cos muíños recuperados. Imprescindíbel contemplar as vistas da Ría de Vigo dende o Castro do Alto da Medoña, onde xa no s. IX a.C había presenza humana.
Datos técnicos: Percorrido circular: 3,1km | Altura: 124-232m | Pendente media: 12,8% / -12,5% | Dicultade: baixa
3. Reforestación “Piñeiros do mundo” (km 1): área interpretativa na que se presentan piñeiros de diversos continentes: Europa do Norte, Europa Mediterránea, Centroamérica, Noteamérica e Oriente. Podemos atopar Pinus canariensis (Canarias), Pinus halepensis Mediterráneo), Pinus durangensis (México), Pinus coulteri (California)...
4.Muíños da Estea (km 1,6). Dende os primeiros asentamentos en Galiza, no Neolítico, existen muíños no rego da Estea en Saiáns: son os muíños naviculares, tanto nos poboados -en pedras móbiles- como fixos nas rochas naturais. Ademais de se empregaren para moer cereais, tamén se utilizaban en prácticas rituais ou para obter pinturas. Dende a Idade Media até mediados do século XX proliferaron os muíños de auga que coñecemos. Hai mostras tanto na Estea como, máis adiante, na Fraga de Cal de Outeiro, aproveitando as augas do rego de Saiáns. Algúns destes muíños foron recuperados pola Comunidade de Montes de Saiáns.
5.Castro do Alto da Medoña (km 2,1). Os primeiros habitantes de Saiáns están datados no século IX a.C., na Idade de Ferro. Residían no poboado localizado no Alto da Medoña, na Estea. O recinto castrexo construíuse con terrazas de 130-160 metros e un foxo de protección duns 20 m de ancho e 12 m de profundidade. Con posterioridade no tempo, ao desaparecer o castro, na contorna do foxo construíuse unha mina de auga que o deformou parcialmente. Hoxe en día quedan o recordo e as fantásticas vistas da boca da Ría de Vigo, coas Illas Cíes presidíndoas.
4.- Fraga de Cal de Outeiro (km 3). Un dos recunchos máis engaloiantes do Concello de Vigo atópase nesta fraga: semella que nos transportamos no tempo. Nela mantéñense a flora e fauna propias dunha ribeira, preservando unha gran biodiversidade. Tamén atopamos os muíños mellor conservados da zona que lembran os quefaceres dos nosos antergos e toda a tradición cultural que neles se vivía. A flora que se pode atopar vai dende árbores como amieiros, salgueiros, carballos, loureiros, abeleiras, pradairos, etc., a plantas como o fento real ou unha variedade de cogomelos propios de tempada. A fauna é moi variada, tanto en mamíferos (teixugo, esquío ou raposa), como en aves (ferreiriños, miñatos, etc.) ou anfibios (ras, píntegas, etc.) e insectos (cabalo do demo, tricópteros, vacalouras, etc.). Evidentemente, a fauna está oculta cando pasamos e hai que respectar o seu hábitat.
Ascendemos para regresar ao parque forestal e retomamos un treito do camiño cara a Oia, para desviarnos á dereita seguindo as marcas agora do Sendeiro Local de Oia (km 4). Seguindo a xa mencionada publicación Montes de Vigo. Sendeiros e áreas recreativas, circula polo tramo alto dos montes xestionados con moita dedicación por parte dos membros da Comunidade de Montes de Oia. Combina os ingredientes propios dun monte periurbano: espazos de uso social, como o parque forestal, moi concorrido, con espazos de intensa xestión forestal co propósito de acadar a sustentabilidade difícil de lograr en comunidades de reducido tamaño. No traxecto, que coincide en parte coa Senda panorámica de Vigo (GR-53), pódese acceder a miradoiros naturais que coroan a Ría de Vigo, particularmente o localizado ao carón da Antena de Salvamento Marítimo. Tamén é de salientar o punto máis alto do sendeiro, na Fonte do Sapo.
Datos técnicos: Percorrido circular: 5,0km | Altura: 218-395m | Pendente media: 8,8% / -9,3% | Dificultade: Media
5. Miradoiro dos Tres Outeiros (km 4,4)
6. Antena de Salvamento Marítimo (km 5,1), moi perto do coñecido como Alto da Bandeira. ascender até aquí doadamente monte a través, para quen prefira evitar a pista (abonda con fixarnos un pouco, posto que se ve a través do bosque de piñeiros dende a parte baixa da pista).
7. Fonte do Sapo (km 5,9). Punto de encontro coas comunidades de montes de Coruxo e de Saiáns, así como coa de Camos, en Nigrán.
Dende aquí, seguimos a pista que nos vai achegar ao Sendeiro Local de Coruxo, penetrando neste directamente cara ao cumio do Maúxo, punto máis elevado da ruta. Quen quixer engadir outro punto de observación panorámica ben fermoso, pode achegarse até o Outeiro Grande (como comentei ao comezo), xa en Nigrán, cunha caseta de cazadores que domina o Val Miñor e cun vértice xeodésico cunhas vistas fabulosas cara a Vigo e o Val do Fragoso.
8. O Maúxo Grande (km 6,5). Un dos miradoiros con mellor panorámica de Vigo e bisbarra, que permite dispor, a 454 m de altura, dunha perspectiva de case que 360º. En particular, pódese observar claramente como os montes do Maúxo separan o Val do Fragoso do Val Miñor.
No seu contorno atópase unha variedade de mato en perigo de extinción e considerado un hábitat de protección prioritaria: a carrasqueira húmida atlántica. Estes matos son comunidades vexetais que medran en chans de escasa profundidade, ácidos e pobres en nutrientes. Están poboadas con toxo arnal (Ulexeuropaeus), toxo gateño (Ulexminor), rañalobos (Genista triacanthos), carrasco macho (Callunavulgaris), carrasco femia (Ericaciliaris), etc. Acubillan especies como a papuxa do mato (Sylvia undata), o esgonzo común (Chalcides chalcides) e araña tigre (Argiopebruennichi).
9. Regueira de Laxiade (km 8,7). Un dos espazos máis coidados dos montes de Coruxo é a Regueira de Laxiade, onde se traballou intensamente dende o momento en que o monte pasou a ser veciñal en 1992. Coa recuperación da masa forestal logrouse o aumento de especies e da poboación destas, como cabaliños do demo, vacalouras, raposos, avelaionas, donicelas, petos, sapiños pintos, cobras e mesmo algunha anguía. Destaca, en todo caso, unha xoia da fauna galega, a píntega rabilonga. Precisamente neste espazo estase traballando un censo de anfibios, un importante indicador da calidade ambiental.
Tamén é onde se realizan anualmente vistas de escolares para coñecer un exemplo de biodiversidade con 21 especies arbóreas diferenciadas. Proseguindo no sendeiro atópase un dos poucos soutos de castiñeiros que pervive no Concello de Vigo.
10. Petróglifo da Pedra Moura (km 10,1). En Fragoselo atópase a Pedra Moura, o maior conxunto de gravados rupestres sobre unha rocha do Concello de Vigo (10,5 x 4,5 m). Mestura gran cantidade de combinacións circulares, cazoletas, coviñas e chéganse a interpretar oito pares de pegadas de zoomorfo. Posúe unha gran representación de círculos concéntricos de 124 cm de diámetro.
Sobre o lugar hai múltiples lendas de mouros, tesouros e serpes, que se atopan no libro Arte rupestre nos montes do Maúxo, publicado polo Museo Quiñones de León.
11. Inicio Sendeiro Local de Coruxo (km 10,5). O punto de partida “oficial” deste sendeiro, co seu panel informativo. O monte veciñal de Coruxo conta cunha superficie de 241,7 ha, do que máis do 80% é superficie arborada. Despois do incendio dos anos 70, o ICONA opta pala plantación de monocultivos de eucaliptos, piñeiros e acacia negra. No ano 1992 pasa a mans veciñais, que deciden a recuperación do bosque autóctono seguindo as trazas dos regatos.
Na actualidade cóntase cunha biodiversidade forestal que se plasma en máis de trinta especies distintas de frondosas. A comunidade de montes tamén aposta polos usos recreativos e deportivos; este é un espazo habitual para a realización de actividades de sendeirismo, BTT, descenso, mesmo con probas do circuíto galego, estatal e internacional. Fragoselo é o lugar de inicio destas actividades.
12. Criadeiro de vacalouras (km 11,7). Unha das accións divulgativas da comunidade de montes de Coruxo xunto cun grupo de colaboradores é crear un espazo de alimentación de larvas de coleópteros, sendo a vacaloura o máis destacado. A iniciativa consiste en aterrar madeira de frondosas en descomposición para proporcionar alimento ás larvas e insectos, e así contribuír no caso da vacaloura a manter unha especie en perigo de extinción.
Este tramo, localizado nun dos tramos máis transitados do sendeiro GR-53, permitirá dispor dunha aula na natureza para que centros educativos e colectivos poidan achegarse a contemplar de preto a cadea alimentaria nun contorno natural.
13. Fonte da Fontiña (km 12,2)
14. O Carballoso (km 12,4). Os montes de Coruxo, xunto cos de Saiáns e Oia, contan cunha das maiores concentracións de espazos arqueolóxicos de Galiza. Un dos exemplos é o petróglifo do Carballoso. O acceso non é apto para todas as persoas. Unha vez alí, paga a pena contemplar a beleza do petróglifo composto por círculos concéntricos, así como dous muíños naviculares, onde se moían cereais, e tamén ocre e substancias como o beleño para rituais. Outro dos atractivos é a paisaxe, podéndose contemplar a entrada da ría de Vigo e, como indica o rótulo existente, o castro de Monte Agudo, o castro do Facho de Donón, a vila romana de Sobreira (Canido) e a vila romana e Mirambel.
Uns douscentos metros máis adiante do Carballoso arrinca á nosa esquerda un cortalumes polo que podemos atallar (quen prefira esquecer a pista durante un tempiño) cunha boa subida duns 200 metros, en lugar dos aproximadamente 750 que temos pola senda sinalizada. De aí séguese cara ao outeiro da Raposa ou mesmo se pode continuar polo cortalumes e cortar directamente até o parque forestal de Coruxo. Iso si, a subida ten un desnivel considerábel.
15. Miradoiro do outeiro da Raposa (km 13,8). Unha das últimas actuacións da comunidade de montes de Coruxo tivo lugar no outeiro da Raposa. O obxectivo é eliminar o eucalipto deste espazo e, aproveitando, habilitar un miradoiro natural.
Os habitantes de Coruxo lembran a historia que conta como na época da armada invencíbel de Filipe II, os estaleiros de Bouzas se viron obrigados a esquilmar os bosques de Coruxo e bisbarra para construír algunhas das embarcacións finalmente afundidas na costa inglesa.
Neste espazo pódense contemplar a parroquia de Coruxo e as illas Cíes. Resulta curioso o feito de que a illa de Santo Estevo ou illa Norte pertenceu a Coruxo entre os séculos XII e XV.
Cómpre prestar atención ao desvío do km 14: as marcas no camiño que se desvía á nosa dereita non son ben visíbeis se non estamos pendentes e podemos seguir de fronte sen no decatarmos até chegarmos novamente á regueira de Laxiade.
16. Parque forestal de Coruxo (km 14,9). Superficie de 35.010 m2 encravada no lugar de Chan de Lagoas e destinada a espazo de lecer da cidadanía. Cedido por 30 anos ao Concello de Vigo. O parque conta cun curioso miradoiro situado sobre un penedo e cunha fonte, que o fa moi atractivo para actividades lúdicas.
Na parte superior do parque, ao pasar a fonte, atópase o enclave arqueolóxico de Chan de Lagoas, presidido polo monte de Castro Chouzo.
Saímos do parque onda a fonte e desviámonos pola pista da dereita para volver cara ao Sendeiro Local de Oia. Xustamente no cruzamento no que nos reincorporamos a este sendeiro local atópase o petróglifo de Chan Grande (km 15,5). A partir de aquí é practicamente descenso continuado até o remate da ruta.
17. Piñeiral (km 16,6)
Rematamos a ruta no punto de inicio, no parque forestal de Oia.
Comentarios