Tempo  8 horas 13 minutos

Coordenadas 3449

Fecha de subida 18 de noviembre de 2016

Fecha de realización noviembre 2016

-
-
605 m
27 m
0
5,9
12
23,68 km

Vista 2269 veces, descargada 75 veces

preto de San Andres de Teixido, Galicia (España)

Ruta non sinalizada (soamente parcialmente) entre os concellos de Cedeira e Cariño.
Deixamos o coche no lugar de Chao do Monte, nun amplo desterro onda unha antena de telecomunicacións. Aquí temos varias opcións, pero dada a distancia que temos por diante preferimos ir pola ruta máis directa a santo André, así que descendemos polo camiño que temos practicamente diante nosa cara ao nordés. En menos de 1,5 km chegamos a santo André de Teixido por unha baixada bastante cómoda e con moi boas vistas da costa.
Moito se ten escrito sobre santo André, así que me vou limitar a deixar un par de ligazóns para quen queira deterse un pouco neste asunto. A versión máis clásica da lenda, fiel reprodución da recollida por Xosé Manuel González Reboredo (Lendas galegas de tradición oral, ed. Galaxia), malia non mencionar a fonte podedes lela en http://lendas-galegas.blogspot.com.es/2009/02/35-santos-e-santuarios.html. E se alguén quere obter información sobre a igrexa, de moi escaso interese arquitectónico, pode consultar algúns datos en http://patrimoniogalego.net/index.php/7403/2011/10/igrexa-de-santo-andre-de-teixido/.
Damos un breve paseo pola aldea e, logo de baixar até a fonte dos Tres Canos, retomamos o noso camiño. Saímos pola zona reservada para aparcadoiro, onde temos que escoller ben o camiño: ao fondo da parte alta do aparcadoiro, o camiño que comeza máis á dereita e que ao pouco xa vai ascendendo. En pouco máis dun quilómetro chegamos á estrada que teremos que seguir durante uns setecentos metros, onde nos desviamos un chisco para gozar coas vistas dende o cruceiro de Teixedelo.
Forman os cantís desta zona da costa coruñesa un dos conxuntos rochosos máis elevados directamente sobre o mar que se poden atopar en toda Europa. Aquí comezaba o “mar tenebroso” para os antigos e foi punto de referencia xa nas primeiras cartas de navegación. Referíronse a eles xa Estrabón (Promontorio Nero ou Sacro) e Ptolomeo (Trilencum ou cabo dos Tres Cantís Brancos). Fenicios, gregos, cartaxineses, celtas e romanos pensaban que aquí comezaba o mundo dos mortos, cara ás néboas que viñan do norte (Constancio Veiga, revista Cumes, núm. 10, páx. 3). O culto a algunha divindade prehistórica relacionada co mundo dos mortos non se pode desligar do proceso de cristianización deste fisterre, reflectido
na construción do mito de santo André.
Saímos do cruceiro e continuamos cara á Herbeira. Procuramos camiños alternativos á estrada e atopámolos sen maior problema. Chega un momento no que xa podemos camiñar á beira dos cantís cunhas panorámicas impresionantes. Andamos así uns dous quilómetros paralelos á estrada, até chegarmos á Vixía Herbeira (613 metros), o punto máis elevado da ruta. A panorámica é indescritíbel, hai que vir até aquí para abranguela en toda a súa extensión e fermosura. Cara atrás, ao oeste, os cantís, o illlote Gabeira e a enseada de santo André e os baixos de Tarroiba. Cara ao leste, a costa do Cadro. Este é o límite entre os concellos de Cedeira e Cariño.
Vixía Herbeira en Galicia Máxica: http://www.galiciamaxica.eu/galicia/a-coruna/garita-da-herbeira/.
Cos peches de aramio impedindo o paso non temos outra opción que incorporármonos de novo á estrada durante uns 2,5 km. Pasamos un par de curros e pouco despois abandonamos a estrada, onde comeza unha curva pechada á dereita. Procuramos un paso entre os aramios que pechan estes eidos e avanzamos cara á aba noroeste do monte Limo. Non dispomos de camiño ou senda, mais a referencia do cumio vainos guiando polos camiños que deixa marcado o gando. Algún paso entre toxos sen maior dificultade e, conforme se achega o cumio, imos inventando pasos entre as pedras e asomándonos de cando en vez ao mar para gozar da vista, cara atrás, dos cantís do Cadro.
E deste xeito acadamos o alto de Limo (559 metros). Dende aquí temos novamente unha paisaxe espectacular: Cariño e a ría de Ortigueira. No cumio atópanse os restos dun fortín que servía de punto de vixía e referencia para control de navegación marítima.
Aproveitamos unha zona algo recollida do vento para xantar e retomamos a camiñada fiándonos da vista, que nos amosa un camiño a 1,5 km do alto do Limo (sinalizado nos mapas e mesmo visíbel en google maps ou no wikiloc). Iso si, no descenso vémonos obrigados de novo a improvisar os nosos pasos, entre os camiños do gando e os que vai abrindo a auga que quere baixar do monte. Nós non levabamos referencia gps para estes pasos e non tivemos problema, pero botarlle unha ollada ao gps de cando en vez pode non estar de máis. Hai que ter algo de tino coa vexetación que cobre algunhas rochas e que pode levarnos a dar un mal paso, non é un descenso para facer ao tolo, pero non presenta maiores dificultades se andamos devagar e con ollo.
Unha vez no camiño, cómpre seguilo en dirección leste pouco máis de 1,5 km até dar de novo co asfalto. Tras un quilómetro de asfalto atopamos a indicación á esquerda para dirixirnos por unha pista até a punta dos Aguillóns, onde se ergue o faro de Ortegal.
Durante o traxecto por esta pista atopamos bastantes, moitos cazadores. Dada a abundancia de eucalipto estrañounos algo que houbese tantos: un taxista da zona que antes apañaba ameixa contounos que, para dispor de caza, chegaron a ceibar nesta zona un camión de xabarís. Era tal a abundancia de porcos bravos e, xa que logo, a escaseza de alimento, que os pobres animais chegaban até a praia para alimentárense de ameixas. En fin, estes humanos...
A pista remata na estrada que descende ao faro, case enfronte do primeiro dos dous miradoiros de Malveira: albíscase perfectamente a Estaca de Bares mesmo enfronte nosa. As rochas dos montes desta zona son únicas: se aos nosos ollos son fermosas e singulares, resultan ser as rochas máis antigas da península, con máis de mil millóns de anos de idade (http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2006/07/27/4977727.shtml).
Dende a confluencia da pista e da estrada temos 1,3 km ao faro de Ortegal, cunha vista fermosísima e coa fabulosa presenza dos tres illotes que forman os Aguillóns, con altitudes que superan os sesenta metros. Estamos no punto que marca os límites entre o océano Atlántico e o mar Cantábrico. A vista cara á Estaca de Bares é fermosa, pero aínda máis espectacular o é, a meu ver, a panorámica da punta do Limo cara ao leste.
Para rematar a ruta puxemos rumbo a Cariño. Sabiamos dun camiño que podía axudarnos a evitar un novo tramo prolongado de asfalto, pero levamos unha boa sorpresa. Logo dun quilómetro e medio pola estrada, á altura do bar san Xiao, desviámonos á esquerda e, ao pouco, demos coa ruta
que utilizaban os romeiros para acudiren á ermida de san Xiao do Trebo. Máis de 1,5 km de senda ben preparada que nos achegan case que até o cemiterio de Cariño, xa na entrada da vila. Á fin da ruta, Cariño, bo lugar para tomar algo e recuperarse da andaina.
Da páxina web do Concello de Cariño collemos o texto que inserimos para rematar, coa curiosa lenda de san Xiao do Trebo: san Xiao era un humilde cazador e pescador casado cunha fermosa rapaza. Unha mañá invernal partiu de caza e na súa ausencia chegaron ao seu fogar seus pais, empapados pola choiva. A muller de Xiao foi amábel con eles e deulles acubillo no mellor cuarto da casa, a habitación matrimonial, mentres lles secaba a roupa ao lume. Partiu a muller buscar a Xiao para o advertir da visita, pero ao tempo este regresaba por un camiño oposto. Cando chegou á casa e viu unha parella no seu leito, pensou que a súa muller o estaba a enganar, polo que ferido pola carraxe disparoulles a ambos, consumando o parricidio.
Ao sentir os disparos, a muller de Xiao retornou, pero xa non había solución. Tal foi a pena, a dor e o arrepentimento que sufriu o bo de Xiao que acabou por se converter nun santo.
Sobre Ortegal e outros lugares do Concello de Cariño: http://www.concellodecarino.com/visitar/?txt=porque_cantis&lg=gal (esta última ligazón non sempre funciona correctamente).

Máis rutas: https://escapadasescarpadas.wordpress.com
Antena. Chao do Monte.
Santo André de Teixido
Fonte dos Tres Canos
Cruceiro de Teixedelo
Vixía Herbeira (garita)
Monte Limo. Vistas da ría de Ortigueira (Cariño en primeiro termo).
Faro de Ortegal. Punta dos Aguillóns

2 comentarios

  • Foto de ondouri

    ondouri 22-abr-2019

    Moi didáctica a ruta. Parabéns,

  • Foto de Xoanzinho

    Xoanzinho 22-abr-2019

    Moitas grazas, ondouri, alédome de que che gustase

Si quieres, puedes o esta ruta